Cre que o consumidor europeo confía nas institucións europeas?
Que poden facer as institucións europeas para beneficiar ao consumidor?
Está claro que precisamos unha boa lexislación e, por suposto, facer unha correcta supervisión da aplicación desas normas. E nesta liña de traballo é na que nos movemos. A lexislación europea está cada vez máis presente en todos os sectores que afectan ao consumo: “roaming”, telecomunicacións, transporte, sector enerxético… Os dereitos do consumidor cobran cada vez maior importancia, de aí que vaian estando máis presentes en todos os ámbitos. En moitas áreas, a Comisión está a ser pioneira na elaboración de normas que falen sobre os dereitos dos consumidores. Primeiro, no nivel da Unión Europea e, despois, na promoción para a súa implantación nos Estados membros.
Como se pode incrementar o nivel de confianza e de información dos consumidores?
A través dunha lexislación ben pensada e meditada. Por exemplo, en España coido que fai falta unha norma que regule o sector da multipropiedade, ámbito no que se produciron problemas nos últimos tempos. Na actualidade, un 35% das empresas que ofrecen servizos de multipropiedade en toda Europa están en España. España é un país cun turismo moi rico que non se debe ver prexudicado por este tipo de dificultades. Convén sinalar, en calquera caso, que a miúdo as empresas que ofrecen servizos de multipropiedade problemáticas son entidades estranxeiras afincadas en España. Este é un tema urxente ao que temos que enfrontarnos e que xa está incluído de modo claro na nosa axenda. Antes de finais de maio, está previsto que poidamos aprobar unha Directiva sobre a multipropiedade. Agora, cando xorden problemas, pódese recorrer aos sistemas de resarcimento colectivo, ou promover accións conxuntas, que si está previsto na lexislación española. Pero coido que sería oportuno dispoñer dunha medida similar a escala europea. A multipropiedade é, polo tanto, un bo exemplo de asunto no que trataremos de incrementar o nivel de confianza do consumidor. Non obstante, tamén nos preocupan outros temas como os servizos relacionados co uso de internet, por exemplo coas descargas de música, os servizos financeiros e, en particular, o crédito ao consumo. Este último aspecto é moi importante xa que son moi poucos os cidadáns que, na actualidade, non teñen un crédito subscrito.
Neste sentido, tamén se está a traballar na elaboración dunha Directiva do Crédito ao Consumo. Non é así?
Si. A comezos de maio un grupo de traballo aplicarase en negociar sobre este tema co obxectivo de harmonizar o sistema de créditos ao consumo. Crear unha Directiva sobre este asunto é un tema no que se vén traballando dende hai xa sete anos, o que non é bo exemplo de eficiencia. Non obstante, creo que debemos chegar a un acordo e regular este asunto, moi importante na actualidade, en especial debido ao elevado nivel de endebedamento das familias. A xente moitas veces non sabe a que se compromete e que está a facer realmente ao contratar un crédito ao consumo e iso é malo.
Como vai o papel das asociacións de consumidores na UE dos 27?
En España, en particular, creo que hai unhas organizacións moi fortes. Entrevisteime cos responsables dalgunhas delas e así mo fixeron ver. Teño que felicitalos polo bo facer das súas asociacións e, tamén, polo papel que está a xogar o Ministerio de Sanidade. Creo que van por bo camiño e ese é o mellor xeito de obter éxitos. A política de consumo non é unha “illa”, non hai que abordala illadamente. A colaboración co goberno nestes ámbitos é moi importante.
Os consumidores souberon beneficiarse das vantaxes dun mercado único?
Non creo que se poida dar un si rotundo. Temos os nosos éxitos e, tamén, os nosos fracasos. As cifras amosan que o consumidor europeo non goza duns servizos financeiros de tipo transfronteirizo. Só un 1% dos consumidores europeos teñen acceso a servizos financeiros transfronteirizos. Tamén as compras por internet están a moi baixo nivel. Estamos a desaproveitar as oportunidades que nos ofrece internet.
Malia a liberalización dos servizos de interese xeral, ao consumidor cústalle moito cambiar de empresa de bens e servizos. Os trámites son complicados e as melloras non son tan perceptibles. Ademais increméntanse as reclamacións, por exemplo, en telefonía. Que políticas prevé a súa Dirección para mellorar esta situación?
Na actualidade, xa se está a traballar duro en temas de interoperabilidade e telefonía. Estase a preparar unha nova lexislación que protexa máis aos consumidores, por exemplo en asuntos relacionados co “roaming”. Nestes momentos, hai empresas que están a obter grandes beneficios a custa das elevadas tarifas que lles cobran aos consumidores, en ocasións excesivas. Necesítase unha norma que protexa máis ao consumidor neste sentido.
A realidade da Unión Europea dista moito de ser harmónica en materia de protección ao consumidor. Que problemas representan estas diferenzas?, que pasos hai que dar para materializar unha política común de protección do consumidor?
Ben, temos grande experiencia en traballar con sistemas comunitarios de intercambio de información. Por exemplo, dende 2003 contamos co sistema Rapex, sistema comunitario de intercambio rápido de información sobre os perigos derivados da utilización de produtos de consumo. A través deste sistema avísase da existencia destes produtos nos diferentes mercados dos estados membros. O feito de que se duplicasen as comunicacións de produtos perigosos no último ano é unha boa proba que indica que o sistema funciona. O sistema amosa, por exemplo, que os máis afectados son os produtos chineses. Nestes momentos, estamos a facer todo o que podemos para chegar a acordos con China co obxecto de que apliquen unhas normas semellantes ás europeas. Cremos que non só é importante conseguir bos prezos, senón tamén defender os valores e as normas europeas.
Que se pode facer para mellorar o nivel de confianza do consumidor no comercio online?
Debemos seguir as propostas de revisión do acervo comunitario e conseguir actualizacións daquelas áreas onde hai embotellamento. Daquela conseguiremos que os consumidores europeos estean igual de protexidos en todos os estados membros. É dicir, en relación co comercio online é importante fixar medidas similares de aplicación en todos os puntos da Unión Europea. Por exemplo, en primeiro lugar é importante que os consumidores coñezan que dereitos pode exercitar cando mercan un produto ou servizo a través de internet. Deben saber se o van poder devolver, se van poder recuperar os cartos e en que prazo… É importante que o consumidor coñeza que dereitos ten cando fai uso do comercio electrónico. Precisamente, os Centros Europeos para os Consumidores están aí para iso: para asesorar os consumidores e informalos.
Que accións se aplican actualmente para un acceso a alimentos seguros?
O control dos produtos alimentarios e dos pensos para animais pertence a outra carteira, non á miña. En calquera caso, temos un sistema que compartimos para avisar sobre produtos perigosos. Existe un sistema de alerta rápida sobre produtos alimentarios. É moi importante o funcionamento deste tipo de sistemas para promover a colaboración entre estados membros. Ademais, aínda seguimos traballando en decidir como deberiamos transmitir información sobre os alimentos. Debemos decidir que tipo de datos deben aparecer nas etiquetas dos produtos: información sobre datos nutricionais, sobre xenética dos animais. Estamos a valorar, por exemplo, se deben os alimentos incluír información que indique se os animais foron clonados.
Segundo diversos expertos, a etiqueta ecolóxica europea non se asentou como sería desexable. Por que é así? Vaise facer algo para impulsala?
Existen certas reticencias. Esperamos que o problema se resolva de igual xeito en tódalas partes. Consultaremos con todos os Estados para ver se podemos atopar unha solución conxunta.
É positivo para os consumidores que se cree unha zona de pagamentos única, como se está a estudar facer na Unión Europea?
Por suposto, o sistema de pagamentos único (denominado SEPA polas súas siglas en inglés Single Euro Payments Area) é algo moi positivo en si mesmo. O SEPA é un proxecto encamiñado a crear un mercado único europeo para a realización de pagamentos en euros, que faga posible que os cidadáns e as empresas europeas poidan efectuar os seus pagamentos en euros en toda a zona dende unha única conta bancaria, utilizando un único conxunto de instrumentos de pagamento e coa mesma sinxeleza con que o fan na actualidade nos seus respectivos países. Esta iniciativa xa foi votada no Parlamento. Vai ser realmente moi positivo para os consumidores da Unión. É un proxecto moi importante.
O cambio climático aparece como o maior problema ambiental da actualidade. Que podemos facer como consumidores para combatelo?
No tocante ao cambio climático debemos ter un comportamento máis responsable e informado. Nós lanzamos moitas campañas sobre produtos. Moitas delas teñen que ver coa etiquetaxe e co aforro enerxético. A nosa idea é termos normas comúns para mellorar a eficiencia enerxética e para que non exista un distinto tratamento entre estados membros. É importante que non se distorsione a competencia e que esteamos todos en igualdade.
O consumo de produtos ecolóxicos en España descendeu no último ano, segundo o Barómetro de Consumo de Consumer Eroski. A que cre que se debe?
É unha cuestión que ten que ver cos consumidores. É importante que saiban que cousas son sas e cales non. É bo que os proxectos novos que se desenvolvan sexan cada vez máis competitivos. É positivo para a economía estimular a concorrencia dos produtos.
España foi criticada dende as institucións europeas por algúns problemas ambientais concretos, como a alta emisión de gases de efecto invernadoiro, ou a “cultura do cemento”. Nestes casos non está o consumidor indefenso?
Se hai alguén capaz de cambiar esta política son os consumidores. Deben concienciarse de que é un tema moi importante. Os consumidores deben ser os impulsores deste cambio do consenso social. Non creo que estean indefensos: creo que deberían ser máis activos.