Xeolocalización: asistente personalizado no móbil
O escritor estadounidense de ciencia ficción Phillip K. Dick amosaba na súa novela ‘Minority Report’ como ao protagonista se lle personalizaban os paneis publicitarios segundo pasaba por diante deles e estes lían no iris dun dos seus ollos datos sobre a súa identidade, os seus gustos e as súas preferencias. Como con tantas outras, con esta escena K. Dick adiantouse ao seu tempo e preconcibiu a xeolocalización, un fenómeno chamado a ser no futuro o principal modo de ofrecer publicidade. Baséase na combinación dos navegadores GPS implantados nos teléfonos móbiles coa información sobre o usuario dispoñible na Rede, aos que se suman os mapas de sitios como Google Maps, Yahoo! Maps ou Bing Maps, que conteñen á súa vez datos sobre a situación de cada restaurante, farmacia ou camisería dunha determinada área. Así, aquel usuario que activa o GPS do seu móbil e obtén a súa posición exacta pode combinala con outro programa instalado no terminal que busca na Rede datos sobre a zona. Se o usuario pide un restaurante, o programa diralle onde está o máis próximo. Se o servizo coñece, ademais, os seus gustos, suxeriralle o máis axeitado ao seu padal. E o mesmo acontece con milleiros de negocios próximos a onde se atope. No caso das farmacias, se o usuario padece algunha enfermidade, no futuro un programa poderíalle dicir que farmacias teñen en stock o medicamento que necesita.
De momento, as experiencias non chegan tan lonxe, pero algunhas apuntan nesta dirección. En Barcelona, unha empresa deseñou un programa, aínda non posto en práctica, que en función da localización do usuario o informa sobre a parada de taxis máis próxima, e mesmo sobre a súa dispoñibilidade de taxis. O obxectivo é que un día sexa posible pedir o taxi dende o teléfono con só apertar un botón e que o servizo informe da dispoñibilidade e do tempo que tardará. Sempre en función da posición do usuario.
O sistema operativo para móbiles Android, auspiciado entre outras compañías por Google, ten numerosas aplicacións descargables ao teléfono que combinan a localización por GPS coa información de Internet. Unha delas é Sherpa, que co navegador GPS activado lembra os traxectos que realiza o usuario e o tipo de locais onde entra, aínda que de momento só está dispoñible para Estados Unidos. Así, cando se consulta Sherpa, o servizo ofrece na zona negocios similares aos que se frecuentou noutras: tipos de restaurantes, tendas de roupa, etc. E faino baseándose na información sobre negocios que se aloxa nos seus servizos Google Maps, que amosa as principais cidades como un mapa, en fotografías aéreas ou a pé de rúa.
As razóns polas que se augura o éxito dos servizos xeolocalizados son varias: a primeira é que o teléfono móbil é o dispositivo tecnolóxico que máis tempo pasa co usuario. A segunda baséase en que a tendencia na informática é o acceso ubicuo á Rede, en calquera lugar e sen depender de caravillas, e sobre todo en permanente mobilidade.
Polo tanto, se un usuario pasa máis tempo en movemento ca sentado fronte ao ordenador, pero quere estar sempre conectado á Rede, proporcionarlle a información axeitada en función do punto xeográfico no que se atopa é moito máis ca un valor engadido: resulta un xeito de atender as súas necesidades ao momento, xa sexa de servizos, compra de produtos ou datos.
Non obstante, a información xeolocalizada non acaba de consolidarse entre os consumidores. Os motivos son sobre todo de índole económica. Para comezar, un móbil capaz de ofrecer información deste tipo pertence á terceira xeración de dispositivos (3G), xa que os de categorías inferiores non están preparados para incorporar un navegador GPS nin dispoñen de acceso a Internet ou á rede de datos, elementos imprescindibles para ofrecer información xeolocalizada.
Dadas as súas prestacións, os móbiles 3G, tamén coñecidos como “smartphones” ou móbiles intelixentes, teñen un prezo por riba dos 500 euros, o que os sitúa fóra do alcance da maioría dos petos. Aínda así, pódense obter a un custo razoable tras asinar un contrato cun operador de telefonía, pero en tal caso hai que loitar coas tarifas de conexión de datos.
A pesar de que estas baixaron nos últimos tempos e se volveron máis alcanzables, arrastran como contrapartida limitacións de tempo de conexión e de tráfico de datos. En ocasións gravan con dureza o seu consumo se se supera a media contratada, polo que as facturas mensuais poden resultar dolorosas.
- Sky Map: Funciona para o sistema operativo Android, e en especial co modelo de teléfono HTC Magic, pero é un programa con moito potencial para aplicar noutros modelos e sistemas operativos. Coñecendo a posición do usuario, grazas ao navegador GPS e a un compás dixital que indica o lugar cara ao que a persoa desexa observar, ofrece na pantalla os nomes das estrelas que se ven en tempo real.
- Places Directory: Este programa, tamén deseñado para Android, consiste nunha guía de locais comerciais, como restaurantes, bares ou gasolineiras, que se atopen preto da posición do usuario. A aplicación indica a dirección xeográfica e a distancia á que se atopan. A guía compleméntase con comentarios e puntuacións doutros usuarios.
- Search with my Location: Trátase dunha función que o buscador Google incorporou á súa versión para móbiles que permite determinar a posición do usuario e que lle ofrece resultados de busca relacionados con ela. Está dispoñible para teléfonos como Iphone e Blackberry.
- Google Maps: A versión para móbiles dos mapas de Google tamén permite facer buscas localizadas se antes o navegador GPS determinou a posición do usuario (máis preciso) ou segundo a antena de telefonía que lle estea a dar cobertura (moito menos preciso). Está dispoñible para a gran maioría de móbiles de terceira xeración.