As canceiras ofrecen un servizo aceptable, pero precisan melloras en información e servizos
As canceiras non gozan de boa imaxe. Asócianse a lugares insalubres nos que os animais ouvean amoreados e cotrosos mentres agardan o momento do sacrificio. Agora ben, a realidade non sustenta este prexuízo. En liñas xerais, as súas infraestruturas son amplas e as mascotas (a maioría cans, pero tamén gatos e, nalgún caso, ata cabalos ou loros) dispoñen de espazo, alimento e hixiene suficientes. O seu estado é aceptable, aínda que as deficiencias son significativas. As principais: unha información e atención ao cidadán escasa e unha dotación de servizos mellorable (unha de cada catro non conta con controis veterinarios periódicos e unha de cada tres non segue un calendario de vacinas). Así o comprobou CONSUMER EROSKI na análise dos 18 centros de referencia xestionados, contratados ou subvencionados polos concellos doutras tantas capitais. Tamén se constatou que, aínda que poida resultar paradoxal e contrario ao fomento de actitudes cívicas, deixar un can nestes centros non sae gratis. Se unha persoa decide desprenderse da súa mascota e acode a unha canceira, en seis das 18 cidades deberá desembolsar unha cantidade que vai dende os 25 euros ata os 210 euros. En dúas de cada tres das capitais tamén terá que pagar quen desexe adoptar algún dos animais depositados nestas instalacións (dende 10 euros ata 85 euros) ou aqueles propietarios que extraviaron o can, que foi recollido e coidado polos servizos municipais (o custo depende, entre outros factores, do número de días que permaneceu na canceira).
Traballo non falta nas canceiras. Segundo datos da Fundación Affinity, en España recolléronse no 2008 case 120.000 cans sen fogar e só un de cada catro foi adoptado. Estes números reforzan a conveniencia dos máis de 300 centros de protección animal en funcionamento en España. CONSUMER EROSKI visitou 18 centros xestionados, contratados ou subvencionados pola autoridade municipal na Coruña, en Alacante, Barcelona, Bilbao, Cádiz, Córdoba, Granada, Madrid, Málaga, Murcia, Oviedo, Pamplona, San Sebastián, Sevilla, Valencia, Valladolid, Vitoria e Zaragoza. Solicitóuselles información aos 18 concellos e os técnicos da revista, facéndose pasar por cidadáns interesados en adoptar un gato ou un can, visitaron as instalacións no mes de xullo. Deste xeito, púidose comprobar o seu estado, mantemento e limpeza e mais o dos animais que alí se aloxaban. Tamén se avaliou a dotación de servizos e de persoal, as rutinas de alimentación dos animais e mais a atención sanitaria que se lles brinda.
Os centros con mellor valoración (‘moi ben’) foron os de Barcelona, Madrid e San Sebastián. Séguenos, cunha cualificación de ‘ben’, Murcia, Sevilla, Valencia, Vitoria e Zaragoza. Os de Valladolid, Málaga, Pamplona, Granada, Cádiz e Alacante quedan nun mediocre ‘aceptable’, mentres que as peores valoracións corresponden aos centros da Coruña, Bilbao, Córdoba e Oviedo, que suspenden cun ‘regular’.
Os animais precisan coidados especiais cada día (hixiene, vacinas, alimentación, etc.) e os centros de protección animal deben ter un equipo suficiente para atendelos correctamente. Malia iso, ningunha ordenanza establece unha relación do número de coidadores e veterinarios precisos. O habitual é que nestes centros traballen entre un e tres veterinarios, aos que se suman coidadores, persoal de administración e gardas de seguridade. A súa dotación varía dunhas cidades a outras, aínda que a maioría se sitúa entre cinco e dez persoas. O seu labor compleméntase coa colaboración de voluntarios, particularmente destacada en Barcelona (50 persoas) e, en menor medida, en Madrid e Vitoria (7 persoas).
Os centros estudados con maior capacidade son os de Madrid (500 animais), San Sebastián (440), Oviedo (350) e Málaga, Córdoba e Barcelona (con 300 prazas en cada un deles). Os máis atenden menos de 150 mascotas (o centro máis pequeno dos visitados foi o de Bilbao, onde só se dá acollido unha trintena, aínda que se atopa en proceso de ampliación). Esa capacidade vese superada en ocasións polo número de animais que quedan sen dono. Así acontecía en cinco centros: Granada, Sevilla, Valladolid, Alacante e Valencia. Nos dous últimos casos, o número de cans e gatos duplicaba o de prazas dispoñibles.
Que facer cando se ven desbordados? Só en catro concellos ou refuxios consultados (Córdoba, Murcia, San Sebastián e Zaragoza) admiten que sacrifican os animais. Os outros optan por pór en marcha unha campaña de adopción urxente (A Coruña, Oviedo e Vitoria) ou trasládanos a outros centros (Barcelona, Bilbao, Madrid, Málaga, Pamplona, Valencia e Valladolid). En Granada e Sevilla non facilitaron esta información, pero as súas ordenanzas establecen que así que se cumprira o tempo máximo que poden estar no centro se levará a cabo a doazón ou o sacrificio. Iso si, en todos os refuxios se sacrifican os animais cando estes son agresivos ou teñen enfermidades graves e/ou infecciosas ou sofren feridas graves por maltrato.
O sacrificio dos animais de compaña é unha decisión que xera controversia. As máis das veces, o destino dunha mascota cando a abandonan e ningunha familia a adopta é a morte. Malia iso, sábese dalgunhas iniciativas pioneiras, como a do Concello de Barcelona, onde por lei se prohibiu o sacrificio dos animais domésticos na canceira municipal, potenciando así outras medidas como campañas de concienciación e controis para evitar os abandonos. Segundo os datos obtidos a través dos concellos e os encargados dos refuxios, no 2008 sacrificáronse 10.362 animais de compañía nos 12 centros onde proporcionaron esta información (no resto das ocasións, indicaron que non lles estaba permitido facilitar os datos).
Animais sen atar e en habitáculos amplos
No apartado de infraestruturas, os técnicos da revista avaliaron as instalacións dos centros: se dispoñen de sala veterinaria (e mais a dotación desa estanza), se habilitaron unha zona exterior onde os animais poidan pasear, as características dos habitáculos onde se atopan estas mascotas ou se admiten razas perigosas. A valoración media dos 18 centros visitados foi boa. Ningún suspende e os de Barcelona, Madrid e San Sebastián obteñen unha cualificación de ‘moi ben’. En todos eles, os animais están en gaiolas e casetas que dispoñen de habitáculo interior e dunha zona exterior, co seu recipiente para a comida e mais a auga. Só en Valladolid e Zaragoza non se admiten animais perigosos nas súas instalacións, mentres que en seis dos que si os acollen (Vitoria, Valencia, San Sebastián, Granada, Barcelona e A Coruña) non están acondicionados con espazos ou instalacións especiais para eles, polo que teñen que convivir co resto de mascotas do centro.
É esencial que estes espazos sexan o amplos abondo para que o animal ou animais se atopen cómodos, máxima que se cumpre en todos os casos, non sendo nos centros de Córdoba e Murcia. En todos eles os animais só se amarran cando saen ao exterior. É conveniente que os cans poidan abandonar as súas gaiolas polo menos unha hora ou 30 minutos ao día para que xoguen ou fagan exercicio nun espazo habilitado para ese fin. Non obstante, os técnicos de CONSUMER EROSKI observaron que nos centros da Coruña, Bilbao, Córdoba, Oviedo e Pamplona non dispoñen dese espazo ou, no caso de que teñan uns metros cadrados de zona verde, non se usa para tal fin. Os que si contan con esta zona mantéñena en boas condicións, cunha iluminación axeitada e cun valado exterior seguro.
15 dos 18 albergues municipais examinados teñen consulta veterinaria. Nos tres restantes (Vitoria, Oviedo e Granada), os animais reciben os coidados de clínicas veterinarias privadas. Así e todo, só en tres de cada catro instalacións municipais se realiza periodicamente un control veterinario e, nunha proporción algo menor (en dous de cada tres), se segue un calendario rigoroso de vacinación dos animais que acollen.
A hixiene e limpeza do recinto cualificáronse como boas, aínda que se constataron diferenzas notables. Tres de cada catro responsables destes centros afirman que limpan e desinfectan estas estancias unha vez ao día. En San Sebastián e Valencia, esa tarefa repítese pola mañá e pola tarde (dúas veces ao día) e en Cádiz consideran abondo limpar e desinfectar estes habitáculos cada dous días. Botando unha ollada xeral ao recinto onde se atopan os cans e gatos do centro, as condicións de limpeza foron correctas na maioría, salvo algo de lixo observado en Córdoba, Murcia e Oviedo. O mesmo acontece coa temperatura destes espazos. No tocante aos cheiros desagradables nestas gaiolas, rexistráronse nos centros visitados en Barcelona, Bilbao, Oviedo e Vitoria.
Menos constante e minuciosa é a frecuencia nas tarefas de limpeza do resto das instalacións do centro de protección animal. Este labor realízase cada día ou cada dous días salvo no caso do centro de Valencia, onde recoñecen que limpan e desinfectan estas instalacións comúns unha vez por semana. En materia de seguridade, sete dos 18 centros obtiveron un ‘moi ben’, seis non modifican a media nacional (un ‘ben’), tres teñen que se conformar cun axustado ‘aceptable’ e A Coruña e Oviedo non dan escapado dun grave ‘mal’.
Abandonar un animal tamén supón un custo
Unha media de 78 mascotas abandonáronse cada día do ano pasado nas 15 capitais nas que se obtivo a información (non están incluídas Alacante, Cádiz e Granada). As razóns: os seus propietarios non tiñan tempo, ganas ou cartos para coidalos. Dentro dese grupo, o 34% dos donos achegáronse ata os centros analizados para entregar o animal. O resto abandonáronos na vía pública, co conseguinte risco para o resto de cidadáns e para o propio animal. Por cidades, en Bilbao, Madrid, Pamplona e na Coruña a maioría dos abandonos prodúcense na rúa (un 90% na capital bilbaína, un 84% na madrileña e dous de cada tres na navarra e na coruñesa). Non obstante, en Murcia e Oviedo a tendencia é a contraria: nun 72% e un 60% das ocasións acódese ao centro.
O abandono dunha mascota considérase en todas as cidades unha falta grave ou moi grave por ser “un acto cruel e degradante”, pero, sorprendentemente, deixalo no centro de acollida non sae gratis. En San Sebastián supón un custo de 210 euros, aínda que os traballadores aseguran que se o propietario do animal non pode pagar, tamén se acepta sen aboar esa taxa. Iso si, se se comproba que se trata dun animal caro e exclusivo, o dono estará obrigado a pagar esa cantidade. A capital alavesa é a segunda cidade máis onerosa neste sentido (hai que desembolsar 86,70 euros por un animal adulto e 24,77 euros por un cachorro); séguena Bilbao (entre 74,95 e 142,65 euros por un can e entre 64,25 e 107 euros por un gato), Pamplona e A Coruña (ambas as dúas, 50 euros) e Madrid (32,75 euros). Pola súa banda, en Córdoba, Málaga, Murcia, Oviedo, Sevilla, Valladolid e Zaragoza deixar o animal en instalacións deste tipo non ten unha repercusión económica para o dono do animal porque, se a houbese, aseguran que “se fomentaría o abandono nas rúas”. Para rematar, en Barcelona e Valencia non lle permiten ao propietario deixar o animal nas súas instalacións. Si se comprometen a buscarlle un fogar de acollida, pero, no entanto, o dono debe manter o animal na súa casa.
Se a mascota se extraviou, cando o seu dono a vaia recoller terá que pagar na maioría das cidades pola súa manutención e, no suposto de que cumprise, pola colocación do microchip (obrigatorio en 10 das 18 cidades analizadas) ou das vacinas pertinentes. Tan só en Murcia, Oviedo e Valladolid aseguran que non é preciso pagar estes gastos. As taxas son moi diferentes entre unhas cidades e outras. A identificación electrónica do animal pode custar dende 10 euros en Madrid ata 38 en San Sebastián e as vacinas poden supor un desembolso de entre 5,51 euros e 45,67 euros. Para evitar complicacións, na Coruña, en Barcelona, Valencia e Zaragoza establecen un prezo único: entre 40 euros e 53 euros. Na capital murciana, só se sanciona se se infrinxiu a ordenanza municipal (por animal solto na vía pública, non identificado ou sen vacina obrigatoria) e, na ovetense, se é unha perda que se repite con asiduidade si se cobra o mantemento do animal. A iso súmase o prezo por recoller o animal na rúa. Unicamente en Oviedo non se esixe esta taxa “por ser un servizo público” e en San Sebastián aplican a quilometraxe da furgoneta que o recolle. Mentres, no resto o prezo vai dende 11 euros aos 47 euros, sendo Málaga a máis económica e Madrid a máis onerosa. Por último, tamén se aplica un prezo por día de permanencia da mascota no centro de recollida. En Oviedo é gratuíto, na Coruña, o máis económico, piden 4 euros por día de permanencia e en San Sebastián, o máis caro, reclaman 14,5 euros por xornada.
Ao chegar o animal ao centro
Ao chegar un can ou un gato ao centro séguese un protocolo relacionado coa saúde destes animais. O conveniente é dispor dunha zona de observación para comprobar que non é portador dalgunha enfermidade que poida afectar o resto de inquilinos ou o propio persoal do albergue. Esta práctica lévase a cabo en tres de cada catro centros visitados por CONSUMER EROSKI. O segundo paso é a súa identificación mediante unha ficha individual (onde figuran datos do seu peso, raza, características…), unha cartilla veterinaria, a desparasitación (non se fai nos casos de Murcia, Oviedo e Pamplona) e, de ser conveniente, a esterilización, vacinación e instalación do microchip. Por centros, os de Barcelona, Bilbao e San Sebastián son os que cumpren con todas estas medias preventivas antes de buscar uns novos donos para estes animais abandonados. As instalacións de Granada e Málaga son as que seguen en menor medida estes protocolos.
Se o can chegou da man do seu propietario, en máis da metade dos centros solicítase a documentación do dono e mais a do animal (en Córdoba e Zaragoza non se esixe papel ningún). No resto das instalacións, este trámite sálvase achegando só a do dono ou unicamente a do can ou gato.
Os centros tamén facilitan un prazo para que o dono que extraviase a súa mascota poida recollela nas instalacións (entre tres días no centro municipal de protección animal de Murcia e un mes en Bilbao, Cádiz e San Sebastián). Nas 15 cidades que facilitaron datos, devolvéronselles 3.770 animais aos seus propietarios, un 11% do total de animais recollidos (destaca Barcelona porque se devolve un 30% deles, fronte ao 4% de Murcia e Valencia e ao 5% de Córdoba).
Condicións para adoptar unha mascota e táboas comparativas
O 40% dos animais que se abandonaron no 2008 nas 15 cidades que lle proporcionaron datos a esta revista atopou un novo fogar. A maior proporción dáse en Vitoria, onde o 91% dos animais abandonados foi adoptado por unha nova familia; en Valladolid, un 80%; e en Barcelona son tres de cada catro animais. Agora ben, estas proporcións son significativamente menores noutros lugares como Málaga e Murcia, onde se adopta só un de cada cinco mascotas abandonadas.
En tres de cada catro dos centros municipais pídese que a persoa que vaia adoptar teña un mínimo de 18 anos (unha condición que non se esixe nos albergues visitados na Coruña, Málaga, San Sebastián, Cádiz e Granada). A sinatura dun contrato onde figuran as obrigas e coidados que require ter un animal na casa así como unha licenza previa para animais catalogados como perigosos son os outros dous trámites administrativos que se seguen na maioría de adopcións de mascotas.
No 100% dos casos entrégase o animal convenientemente desparasitado, vacínase en dous de cada tres centros (non así en Valladolid, Sevilla, Alacante, Oviedo, Granada e Córdoba) e na mesma proporción colócaselle o microchip (non se fai en Valladolid, Sevilla, Alacante, Granada, Córdoba e Vitoria). A adopción non é gratuíta. Só se atoparon dous centros nos que levar un animal non custa nada: os de Murcia e Valladolid. Nas outras cidades, hai que pagar a instalación do microchip (se é que é obrigatorio e non o leva) e os servizos veterinarios que se realizaran (vacinación, esterilización, desparasitación, etc.). As tarifas, polo tanto, poden variar.
Os técnicos desta revista valoraron, tras a súa visita, a información e o trato dispensado polo persoal que os atendeu no centro de protección animal e mais a impresión acerca de como se atopan os animais alí acollidos. Traducido en notas, a media nacional da información facilitada tanto dende os Concellos como nos propios centros queda nun ‘aceptable’, aínda que foi moi boa en Madrid e Barcelona e boa na Coruña, Bilbao, Murcia, San Sebastián, Sevilla, Vitoria e Valencia. Os que peor información ofreceron foron os albergues de Alacante, Cádiz e Granada (‘mal’), tanto pola nula información facilitada por parte do concello como polas escasas explicacións dadas polos traballadores do centro durante a visita dos técnicos, que se facían pasar por cidadáns interesados en adoptar unha mascota.
Adoptar ou, no seu caso, mercar un animal de compañía implica a asunción dunha responsabilidade. Unha mascota non é un boneco, senón un ser vivo que pasa a estar ao noso cargo e que precisa unha serie de atencións. Por iso, antes de levar un animal á casa, convén responder a varios interrogantes que poden axudar a tomar unha decisión atinada:
- Están todos os membros do fogar de acordo en que o animal veña á casa? Ás veces, adoptar unha mascota responde a un impulso (xeralmente dun neno), sen ter en conta a responsabilidade que supón ter un ser vivo na casa ao que coidar e educar. Tamén hai que estar ao tanto de se na familia hai alguén que padeza alerxias ou asma: o pelo (concretamente, os ácaros que habitan nel) de gatos, cans, roedores e cabalos, por exemplo, pode producir alerxia.
- Ten tempo abondo para atender a mascota e sacala a pasear? Aos animais non lles vale como escusa que o seu dono estea canso ou anoxado. Hai que atendelos todos os días, pórlles a comida e a auga, sacalos polo menos tres veces ao día se son cans, levalos a facer exercicio, pasar un anaco con eles, etc. Entre outras cousas, convén procurarlles un ambiente de vida integrado dentro da familia, darlles unha dieta sa e facilitar que fagan exercicio físico. Por suposto, lembre que tamén nas vacacións os hai que atender.
- Está disposto a asumir os gastos que supón ter un animal? Terá unha serie de gastos en comida, accesorios… Ademais, os animais deben acudir á revisión co veterinario unha vez ao ano como mínimo (sen ter en conta enfermidades, operacións, tratamentos…). É un compromiso de por vida e non hai que esquecer que a lei establece obrigas, como inscribir o animal no censo da cidade, colocarlle o microchip, brindarlle a atención veterinaria necesaria e mantelo en condicións dignas. O gasto medio anual no caso dun can rolda os 400 euros, desembolso que descende á metade nun gato.
- Está disposto a convivir cun animal? Para que a convivencia co animal de compaña sexa un éxito é imprescindible adestralo, preferiblemente cando é un cachorro. Vivir cunha mascota supón crear e manter fortes lazos de afecto, pero tamén sentimentos negativos (por exemplo, a súa morte ou que nos anoxe co seu comportamento).
- Que tipo de animal quere ter na casa? Analice ben que é o que está a buscar e cales son as súas motivacións. Un can acompañarao nos seus paseos con entusiasmo, pero se é unha persoa moi caseira, é mellor un gato. Seleccione con coidado a raza, cada unha ten os seus trazos de conduta. Elixa cachorros a partir dos dous meses cumpridos, xa que antes precisan do alimento da nai. Consulte que vacinas se lle aplicaron e cales non. Antes de levalo para a casa e para coñecer o estado físico do seu novo amigo, asegúrese de que lle entregan o animal co microchip implantado e desparasitado. De non ser así, acuda canto antes a un veterinario para que o animal estea ao día coas súas necesidades de saúde.
- É preferible un cachorro ou un animal adulto? Non hai mellor ou peor opción. As preferencias baséanse en criterios moi persoais. Non obstante, o habitual é decantarse por cachorros porque os animais adultos adquiriron uns hábitos que poden dificultar o seu adestramento e aprendizaxe.