Negróns: tatuaxes naturais transitorias
A transformación que sofre a pel ata tinguirse nunha zona concreta dunha cor escura, moura ou azulada é a consecuencia directa de sufrir un forte golpe, aínda que esta non é a única explicación. Estes pequenos hematomas, coñecidos como negróns ou mazaduras, poden ser dolorosos e en numerosas ocasións aparecen de xeito espontáneo. É entón cando precisan dunha maior atención médica para eliminar o inchazo e, de xeito especial, descartar posibles patoloxías.
A idade é unha das primeiras cuestións que valoran os especialistas, xa que as persoas maiores son máis propensas a sufrir estas contusións; os vasos sanguíneos son máis fráxiles, por iso rompen, de xeito que o sangue flúe fóra deles e se derrama. Outra das razóns que explica a acumulación de negróns sen golpearse antes é padecer un problema sanguíneo. Hai persoas que sofren un trastorno dos compoñentes do sangue responsables de coagulala, como manter as plaquetas baixas (trombocitopenia) ou problemas con outros factores da coagulación, unha situación que coñecen ben os hemofílicos.
Os que reciben un tratamento anticoagulante para diminuír a coagulación do sangue, como a warfarina, a heparina ou a aspirina, tamén se poden sorprender con estes hematomas colorados nalgunha parte do seu corpo, así como as persoas que toman corticosteroides. Son medicamentos que, asociados ao avellentamento, inducen o adelgazamento da pel, o que favorece o doado desenvolvemento de negróns. As mulleres embarazadas, por mor da mala circulación, tamén se suman á parte de poboación máis exposta a sufrir negróns.
Xunto ás persoas maiores, os nenos son os máis afectados por estas contusións coloradas, aínda que nos menores a aparición das mazaduras se vincula con caídas, golpes e accidentes. Non obstante, as plaquetas baixas tamén poden facer que en nenos e nenas xurdan negróns con gran facilidade, amais de ser un indicio de enfermidades como a púrpura trombocitopénica aguda (que afecta a nenos de curta idade e que se pode manifestar tras unha infección vírica) ou patoloxías máis graves como a leucemia. Outras circunstancias que favorecen a aparición das mazaduras en calquera persoa son as lesións pola práctica deportiva ou como consecuencia da extracción rutineira de sangue nas análises sanguíneas.
Da dor á curación
Os negróns, en xeral, non son manifestacións dunha enfermidade grave e melloran por si sós. Non obstante, poden ser molestos, por iso se recomenda aplicar sobre a zona afectada unha bolsa rechea de xeo durante as primeiras 24 horas (pódese usar unha bolsa de verduras xeadas ou un pano ou toalla fríos) para diminuír o inchazo e o malestar que causan.
Outra opción para combatelos é o uso de cremas, ungüentos e xeles antiinflamatorios. Tamén se utilizan os preparados homeopáticos de plantas como a árnica montana, que aceleran a recuperación dos negróns e alivian a dor e inchazo que orixinan. Durante a aplicación destes produtos hai que evitar exercer presión sobre a zona tinguida de azul ou negro porque, pola contra, a dor aumentará. Se os negróns se localizan nunha perna ou nun brazo convén elevar o membro morado para que se reduza o inchazo.
Motivos para acudir ao médico
A maioría dos negróns desaparecen sós ou coa axuda dalgún dos remedios mencionados. Non obstante, nalgúns casos as manchas non desaparecen nun prazo máximo de dúas semanas. Tamén é posible que se orixinen sen motivo aparente ningún e de maneira repetida sen atopar unha explicación convincente. Estas son as dúas razóns principais polas que é necesario acudir ao médico para descartar un problema de saúde máis serio.
Outro dos motivos que requiren a consulta por parte dun profesional é a aparición dun negrón de gran tamaño, sempre que a dor e o inchazo non remitan e aumenten, cando a zona afectada quede inmobilizada, como unha articulación -xa que podería atoparse unha fractura ou lesión importante- e se os negróns se concentran en zonas delicadas como a cabeza, arredor dos ollos e o abdome.