Algas, riqueza mariña con riscos
Cada outono, en praias de diferentes puntos de España iníciase a recollida dos argazos, as algas que polo efecto das ondas e doutras circunstancias naturais se amorean na liña costeira. A colleita realízase con tractores ou con redes, se aínda están na auga. Despois, as algas sécanse e véndense a diferentes empresas que as utilizan para obter ágar-ágar (un espesante natural utilizado en alimentación), fertilizantes ou aplicacións cosméticas, entre outras utilidades. Agora ben, se a proliferación de algas é excesiva, esta estampa podería ser moi diferente. É o que acontece nas praias da Bretaña francesa, que dende hai 30 anos se cobren dunha inmensa acumulación de algas verdes. O pasado verán, a alarma disparouse tras a morte dun cabalo e a intoxicación do seu xinete nunha das praias. Neste caso concreto, as algas en si non son tóxicas (trátase da microalga coñecida como leituga de mar), pero a súa sobreabundancia pode desbordar a capacidade de limpeza e acaban podrecendo na praia. Nese proceso, fórmase unha bostela baixo a que se acumula o sulfuro de hidróxeno que emiten as algas no proceso de putrefacción. Abonda que alguén pase por riba e rompa a bostela para que se libere unha gran cantidade dese gas que, de ser inhalado, pode resultar letal. Malia este e outros efectos negativos, os beneficios e as posibilidades que ofrecen estas plantas mariñas atraen de xeito crecente o interese de científicos, empresarios ou nutricionistas.
Algas ecolóxicas
O sector enerxético estuda dende hai uns anos a viabilidade do uso de microalgas para a produción de biocombustible, xa que medran decontado e teñen unha gran capacidade para acumular aceites, que é o que permitiría obter un combustible alternativo. Hai varios proxectos de investigación en marcha nesa liña, como o da petroleira ExxonMobil ou, en España, os de Iberdrola, Rebiooil e Bioquest Carburante.
A súa contribución no clima tamén é relevante. As minúsculas microalgas do fitoplancto non só constitúen unha fonte de alimento para moitos pequenos organismos mariños. Tamén son as principais responsables de transformar o CO2 disolto na auga en materia orgánica e producir osíxeno, un proceso básico para o equilibrio do ecosistema e do clima. A súa participación é maiúscula: arredor do 90% do osíxeno que se produce así no mar é obra das microalgas. Tamén as macroalgas, que medran arraigadas no fondo mariño, contribúen na produción de osíxeno. Son ademais, xunto aos arrecifes e ás plantas acuáticas, un refuxio para os pequenos peixes.
Pero se algo se fixo patente nos últimos anos é que as algas son un enorme banco de moléculas cun potencial que aínda non está completamente avaliado. Coñécense unhas 36.000 especies e estudos recentes apuntan a que poderían existir no planeta ata unhas 200.000. Algunhas algas conteñen substancias que se poderían utilizar na loita contra a leucemia, o melanoma ou as enfermidades neurodexenerativas. É o caso dunha cianobacteria, unha especie de alga azul verdosa coñecida como Nostoc, da cal podería obterse un fármaco natural para o Alzheimer.
Máis coñecido é o impacto das algas na alimentación humana. Como son ricas en ácidos graxos omega-3, refórzase a súa condición de alternativa ao peixe e de instrumento para mitigar a sobreexplotación pesqueira. En España, de xeito especial no norte, a produción de algas baséase na recolección e, dende hai pouco, no seu cultivo. O ano 2008 a produción global de algas en España chegou ás 250 toneladas. Espaguetes de mar, kombu, wakame, nori ou dulse son algunhas das algas de produción local que se poden atopar no mercado. Agora xa non son un produto exclusivo de Oriente.
Contaminación e exceso de algas
A floración excesiva de algas (coñecida como bloom) nas costas converteuse, nalgúns casos, nun auténtico problema. Os expertos sinalan como unha das causas a contaminación do mar por exceso de nitratos e fósforo, procedentes dos fertilizantes agrícolas e das augas residuais urbanas e industriais. As algas nútrense destes compostos e multiplícanse a un ritmo inusual. Segundo como sexa o tipo de contaminación, pode favorecer máis a un tipo ou a outro de algas, o que supón un desprazamento das especies autóctonas. Se as algas e outros organismos oportunistas se multiplican de modo invasivo, chégase a unha situación de eutrofización e hipoxia (falta de osíxeno) no ecosistema.
Un informe do 2008 do World Resources Institute contabiliza en máis de 415 as zonas costeiras afectadas por ese problema. Delas, 169 están en estado de hipoxia, 233 están en perigo e 13 están en recuperación. Pero as cifras poderían ser peores: os mesmos autores indican que falta moita información e que é moi probable que se atopen zonas afectadas nas costas de África, Suramérica, Caribe e, especialmente, Asia.
Microalgas tóxicas
Outro tipo de floración é o das microalgas, aquelas que non son visibles ao ollo humano. Nestes casos, a contaminación está detrás destas mareas de microalgas, pero non é a única causa: tamén inflúen factores como a temperatura ou as condicións físicas da costa, entre outras. Por exemplo, unha baía máis pechada, con menos circulación da auga, sería máis proclive a acumular microalgas.
Tal como explica un experto da Rede Ibérica de Algas Nocivas e Biotoxinas, os efectivos negativos das floracións de microalgas son diferentes aos das macroalgas. Cando chegan á praia non supoñen un problema de acumulación -son demasiado pequenas-. Pero os seus inconvenientes non son menores. Algunhas son tóxicas e, mesmo en pequenas cantidades, poden causar a morte ou a contaminación de peixes e marisco. As que non son tóxicas tamén supoñen, en caso de floración, un problema visual e sanitario que afecta á calidade das augas, reduce o osíxeno no ecosistema mariño e ata poden causar a morte dos peixes por asfixia, xa que se están nunha alta densidade obstrúen as súas galadas.
Un exemplo ben coñecido entre as tóxicas é a microalga pseudo nitzshia australis, que produce o ácido domoico, causante da denominada intoxicación amnésica por marisco. Outro caso é o da Ostreopsis ovata, unha microalga que se adhire sobre outras grandes algas e produce a palitoxina, unha neurotoxina que pode ser mortal para os humanos. Acumúlase nos peixes, os cales, de seren consumidos, provocan un envelenamento grave. Se se inhala, causa síntomas diversos como febre, tose, rinite, problemas respiratorios e conxuntivite. Normalmente atópase a densidades baixas, pero o incremento da temperatura pode dar pé a floracións, constatadas en España, Italia ou Alxeria.
Outra microalga que ten confusos aos expertos é Gambierdiscus toxicus, de orixe tropical, onde supón un importante problema sanitario, e que foi detectada en Grecia no 2008. Crese que a súa chegada a Europa se debe ao quecemento climático. Esta especie produce ciguatoxinas que, de seren inxeridas a través de peixe contaminado, dan lugar a unha intoxicación con síntomas moi diversos, entre eles trastornos gastrointestinais e neurolóxicos, proído intenso da pel e fatiga.
Para evitar as floracións de algas, os expertos sinalan a necesidade de diminuír a contaminación. Pero, dado que esta non é a única causa, tamén se investigan outras solucións, como a hibridación xenética de algas, para que a especie non resulte tan tóxica, ou a implantación dalgúns tipos de algas preto doutras, xa que se cre que son capaces de competir polo espazo ou anular a toxicidade das algas tóxicas. É o caso da alga Skelotema costatum, que, segundo revelou unha investigación do Instituto de Tecnoloxía de Atlanta (EE.UU.), parece eliminar as toxinas da auga de Karenia brevis, unha alga causante de mareas vermellas. Tamén se está a investigar, esta vez nas illas Baleares, a aplicación de turbulencias para aumentar a circulación da auga en lugares pechados da costa e evitar así a acumulación e floración de microalgas. Outros modos, non xa de solución senón de mitigación, son o uso de ultrasóns, ozono ou arxilas.