Claves para unha adopción sen traumas
No 2007 adoptáronse en España 3.648 nenos e nenas procedentes de 41 países. A suma de costumes culturais e sociais moi diferentes, xunto a un proceso longo e cheo de altibaixos, poden causar dificultades na adaptación dos pequenos ás súas novas familias. O período de adaptación prolóngase de media entre seis meses e un ano. Convén que os novos pais asuman que un menor adoptado atravesa diferentes fases ata que se asenta no seu futuro fogar. A duración de cada unha destas etapas varía, como tamén o fai a facilidade do neno ou da nena para encaixar nun ámbito completamente distinto do que provén. En ambos os dous casos , e por regra xeral, o tempo requirido será máis breve canto menor sexa a idade da criatura.
Preparando o momento da chegada
- A primeira premisa para que a adaptación sexa un éxito é aceptar o neno ou nena tal e como é. Para iso é aconsellable deixar de lado as expectativas xeradas para evitar así calquera indicio de frustración ou decepción.
- Non desenvolva ideas preconcibidas sobre o período de axuste familiar tras a chegada do pequeno. Non esqueza que é unha etapa de transición, na que todos os membros da familia, e non só o menor adoptado, se ven involucrados.
- Convén avaliar a situación da persoa adoptada dende todos os ámbitos posibles do seu desenvolvemento: físico, psicolóxico e madurativo, cognitivo e intelectual e social.
- É moi importante coñecer os antecedentes, acontecementos, danos, traumas e vivencias do neno ou da nena adoptada, xa que repercuten na súa personalidade, nos seus comportamentos, carácter, modo de percibir a realidade, desenvolvemento e na convivencia familiar. Estar ao tanto destes antecedentes permitirá entender e traballar con maiores garantías de bos resultados as súas secuelas, atrasos e trastornos.
- Antes da chegada do cativo, é conveniente que os pais obteñan información sobre as súas preferencias para poder preparar o seu futuro cuarto, elixir os xoguetes e a roupa ao seu gusto.
Paciencia, amor e firmeza a partes iguais
- Procure crear unha relación de confianza co neno ou nena dende o primeiro día. Durante as primeiras semanas intente non permanecer moitas horas afastado da súa presenza. A atención constante ás súas necesidades e a rápida resposta ás súas inquedanzas promoverán unha relación de confianza.
- Sexa paciente e respecte o seu ritmo. A adopción non elimina de vez as pegadas dun pasado diferente. Estes nenos non contaron coas condicións para aprender e avanzar ao ritmo dos demais, polo que precisan máis tempo para se adaptaren á súa nova vida ou para aprenderen a manexar situacións descoñecidas.
- Nos momentos de tensión ou cando se enfronte ás reaccións negativas do menor, teña sempre presente que estas condutas non se deben interpretar como unha cuestión persoal contra vostede, senón como as consecuencias do cambio de vida ou do acontecido antes de ser adoptado.
- Sexa especialmente tolerante se o neno ou nena ten máis de cinco anos. A partir desa idade as experiencias e recordos son maiores, e boa parte da rabia e da dor sentida polas perdas e polas separacións dirixiranse cara aos pais adoptivos.
- Os primeiros días non amole ao pequeno con reunións ou visitas a familiares e amigos. Fálelle sobre as persoas que vai coñecer en poucas semanas e faga que estas entren na súa vida aos poucos para que o neno se vaia sentindo máis seguro, menos confuso e asustadizo.
- En moitos casos, a ausencia de vínculos afectivos previos orixina nalgúns nenos condutas conflitivas que teñen como orixe unha profunda tristura. Para previr estes comportamentos e afianzar o vínculo parenteral, é conveniente non enviar os pequenos á gardería ou á escola nada máis chegar ao seu novo fogar.
- É habitual que os pais, impresionados polas duras condicións de vida que marcaron os menores que adoptan, prefiran consentir todas as súas peticións e non poñer límites. Esta actitude de compensación, aínda que natural e comprensible, non é a mellor para o menor. Os proxenitores débenlle facer entender ao neno que son eles os que teñen a autoridade, así como as consecuencias que carrexa saltar as regras. Isto axudarao a establecer comportamentos adecuados dende o primeiro momento dentro e fóra da familia.
- Dosifique os estímulos que recibe o menor. Un exceso pode desembocar tanto nunha sobreexcitación como na inhibición fronte ao que se lle ofrece. Teña en conta que estes nenos se moveron en ámbitos moi limitados e todo é novo para eles.
- Axude o pequeno a expresar o que sente e pensa. Non dubide en conversar con el de maneira natural sobre a súa adopción. Unha actitude de escoita e comprensión irá fortalecendo os vínculos de afecto.
- Non se preocupe se o neno amosa ao primeiro unha maior sintonía cun dos pais e ten dificultade ao se relacionar co outro. É probable que esta diferenza se deba a que no fogar ou no orfanato de procedencia o menor só tivo coidadores ou unicamente coidadoras.
- Os problemas de idioma resólvense cun pouco de atención e interese para establecer un código de comunicación co neno e detectar cando lle acontece algo, que quere, que é aquilo que lle gusta e cales son os seus temores.
Unha vida pasada sempre presente
- Estar ao tanto dos antecedentes do pequeno permitiralle entender e afrontar con maior garantía os posibles atrasos e trastornos de convivencia e adaptación que poidan aparecer. A idade do neno, a súa etnia, características físicas, nivel de escolarización ou unha posible historia previa de abusos e/ou neglixencia repercuten no seu modo de percibir a realidade e no seu desenvolvemento e convivencia.
- Non perda de vista que na historia persoal do seu fillo sempre hai un abandono, e que a familia biolóxica ocupará inevitablemente un lugar real ou imaxinario que vai lembrar, revivir ou fantasiar en moitas ocasións.
- Non dubide en aceptar o dereito do pequeno a saber todo canto sexa posible sobre a súa adopción e a súa vida anterior. Procure contestar as súas preguntas, aínda que a información que teña sexa escasa.
- Sexa cal sexa a idade do neno, permítalle levar a canda el obxectos persoais do seu pasado: seranlle de utilidade para calmar a angustia ante o cambio. O pequeno precisa ese punto de partida coñecido para poder iniciar unha nova vida. Co paso do tempo, e gradualmente, irase separando deles con naturalidade.
Os pais tamén se adaptan
- Non dubide en coidarse tamén vostede. A situación emocional do neno, unida ao feito de que os pais adoptivos deben enfrontarse a cuestións máis complexas das que han de superar en condicións normais os pais biolóxicos, pode ocasionar problemas de fatiga, estrés e ata depresión.
- Consulte cun especialista se tras un ano de convivencia o pequeno segue amosando signos de inadaptación ou algunha conduta estraña. Pode tratar de poñerse en contacto con algunha das numerosas asociacións de pais con fillos adoptados; nelas pode intercambiar experiencias e opinións. As administracións tamén contan con servizos de apoio para os pais adoptivos.
Un neno san e feliz
- Segundo datos da Guía para pediatras da Coordinadora en Defensa da Adopción e o Acollemento (CORA), a cuarta parte dos nenos que chegan a España procedentes da adopción internacional presentan problemas de saúde, a maior parte deles bos de sandar. Entre as máis frecuentes están o atraso leve no desenvolvemento de peso e talle, a anemia, problemas dermatolóxicos, problemas de alimentación ou no sono, carencia de vacinas ou infestacións por parasitos.
- A detección rápida de calquera patoloxía que poida sufrir o menor é determinante para a súa cura. Para iso cómpre realizarlle unha avaliación médica nos tres primeiros días da súa chegada ao seu novo fogar.
- Debe saber que o fracaso na identificación e na intervención precoz dos problemas de saúde (entre un 20-30% dos nenos presenta problemas médicos serios e en case a metade dos casos non foron recoñecidos ou sospeitados antes da adopción) non só pode afectar á calidade de vida destes nenos e nenas no futuro desenvolvemento físico, emocional e intelectual, senón que tamén pode conducir a incrementar as dificultades de adaptación e integración na nova unidade familiar, orixinando con iso o fracaso da adopción.
- Os problemas médicos máis importantes dos nenos adoptados fóra das nosas fronteiras son os psicolóxicos e o atraso psicomotor, coñecido tamén como “síndrome do orfanato”.
- Tamén son frecuentes os casos de estrabismo, asociados ao crecemento dos nenos en ámbitos moi pequenos e como consecuencia de non saír ao exterior de maneira continuada.
- Outros problemas moi habituais son as infeccións respiratorias provocadas por unha ventilación insuficiente e por unha mala alimentación.