A Universidade na encrucillada
Coa selectividade xa aparcada no caixón do esquecemento, os universitarios españois que veñen de se matricular acaban de estrear a súa nova condición. Agora toca familiarizarse e adaptarse a un novo ámbito e a un método educativo que en pouco ou en nada se asemella ao que coñecían antes de pisar a facultade. Esta materia é este curso especialmente complicada porque é o propio sistema universitario o que se atopa en pleno proceso de adecuación, no seu caso ao Espazo Europeo de Ensino Superior (EEES), identificado coa Declaración de Bolonia, que estableceu os seus piares en 1999. Este ano académico, polo menos en teoría, será o último en que conviva a oferta de diplomaturas e licenciaturas, chamadas á súa extinción, e a de graos e másteres, de implantación obrigatoria no curso 2010-2011. Dúbidas, incerteza, polémica e expectación marcan a un sistema universitario na encrucillada cun presente confuso e cun futuro máis aberto ca nunca.
As 75 universidades españolas fixaron distintas estratexias nesta fase de transición. Hainas que xa contan con toda a súa oferta académica adaptada fronte a outras que optaron pola cautela e pospuxeron a implantación de boa parte das novas titulacións ata o último momento. Así se pode comprobar na Guía Práctica de Universidades (www.universidades.consumer.es) que cada curso actualiza CONSUMER EROSKI. A IE Universidade (Segovia), a Universidade a distancia de Madrid (UDIMA), a Universidade de Deusto, Mondragon Unibertsitatea e a zaragozana Universidade de San Jorge perfílanse como as máis cumpridoras: toda a súa oferta educativa, de grao e posgrao, está xa adaptada ás directrices de Bolonia. No outro extremo aparecen os centros que non ofertan aínda ningunha titulación de grao (equivalente a licenciaturas e diplomaturas). Son oito: Universidade Pontificia de Salamanca, Universidade Miguel Hernández de Elxe, Universidade Pública do País Vasco (UPV-EHU), Universidade de Valladolid, Universidade das Palmas de Gran Canaria, Universidade de Granada, Universidade de Alacante e mais a Universidade Católica de Ávila. Esta disparidade entre universidades adaptadas ao marco europeo e as que non o están deberá estar resolta no vindeiro curso académico 2010-2011, data na que o Proceso de Bolonia culmina e pasa a ser de obrigado cumprimento en todos os centros universitarios españois. Pero, como afecta na práctica este cambio aos universitarios que acaban de se matricular? E, como o fará aos futuros?
Adeus ás licenciaturas e ás diplomaturas
A primeira vista, a novidade máis aparente da entrada en vigor do novo modelo atópase no cambio de denominación dos estudos superiores. Os universitarios xa non rematarán a súa formación como licenciados en Bioloxía ou diplomados en Educación Social. Pasarán a ser Graduados en Xornalismo ou en Química. Bolonia estrutura todos os estudos universitarios de Europa en tres niveis consecutivos comúns: Grao, Máster e Doutoramento. No curso 2010-2011 non se poderán ofertar prazas de novo ingreso en primeiro curso para as titulacións de Licenciado, Diplomado, Arquitecto, Enxeñeiro, Arquitecto Técnico e Enxeñeiro Técnico. Non obstante, convén recordar que os estudantes que obtiveran os seus títulos con anterioridade á posta en marcha do Plan de Bolonia non se verán afectados por esta nova normativa. O Real Decreto de Ordenación de Ensinanzas Universitarias, aprobado en outubro do 2007, establece que os títulos universitarios oficiais obtidos conforme a plans de estudos anteriores á entrada en vigor do real decreto manterán todos os seus efectos académicos e, no seu caso, profesionais.
Polo tanto, neste curso académico que acaba de empezar o estudante tópase cunha etapa de incerteza e de transición entre a universidade tal e como se coñecía ata agora e unha nova que está por vir. A disxuntiva é matricularse nunha carreira xa adaptada ou non. Entre as principais vantaxes, a de encamiñar a súa formación cara á senda que marcará un futuro máis especializado e cun título homologado en Europa. Entre os inconvenientes, o de acceder a un sistema aínda imperfecto e incompleto.
Todo apunta a que o mercado laboral, non só o nacional senón que tamén o do resto da Unión Europea, demandará nos próximos anos persoas cun título expedido por unha universidade na que se asumiran e aplicaran as directrices europeas. Precisamente a énfase na adecuación da oferta educativa á demanda do sector produtivo é un dos maiores receos que a adaptación ao marco europeo suscitou entre algúns colectivos estudantís e grupos académicos de titulacións cun número reducido de alumnos, que ven perigar a súa continuidade. Por iso, riscárono de “mercantilización das aulas”, interpretación que as institucións universitarias acusan de “enfoque desaxustado”.
Como mínimo, catro anos de estudos
A reestruturación das ensinanzas superiores reflíctese tamén na súa duración. Co Proceso de Bolonia as carreiras de tres anos son xa cousa do pasado. Isto redunda no aumento do tempo de formación para algunhas titulacións, o descenso noutras e ata a súa desaparición, polo menos tal e como se identifican no sistema tradicional.
O primeiro nivel do ensino universitario, o Grao, ten unha duración de 4 anos, o que equivale á superación de 240 créditos europeos (ECTS). E é que cambia tamén o concepto de crédito universitario tal e como o coñecemos agora. Na actualidade, un crédito equivale a dez horas de clase tradicional. En cambio, por cada ECTS contabilízanse entre 25-30 horas. Isto non quere dicir que a carga de traballo do estudante sexa maior. Representa un cambio de modelo. En lugar de centrar o eixe de avaliación e de coñecemento na clase maxistral, enfócase cara ao traballo persoal do estudante, ao que se pretende dotar de maior iniciativa e autonomía. O acento non se pon tanto no ensino coma na aprendizaxe. Por iso, xunto co tempo que se pasa na aula, inclúese o que se dedica fóra dela: estudo, titorías, traballos, seminarios … Ademais, con esta nova figura ponse fin a un dos maiores problemas que o sistema atopaba para dar uniformidade, homoxeneizar e homologar distintos títulos europeos.
Os estudos de grao -aos que se accede do mesmo xeito ca ata agora: título de bacharelato ou equivalente e proba de acceso á universidade aprobada- teñen como finalidade dotar o estudante dunha formación esencial para o exercicio dunha actividade profesional. Para dar por finalizado o Grao, o universitario debe elaborar un traballo dunha extensión mínima de 6 créditos e máxima de 30, xa incluídos nos 240. Non obstante, estudos como os de Arquitectura e Medicina, regulados por unha directiva europea específica, precisan 300 créditos ECTS (5 cursos lectivos).
Cambios no máster e doutoramento
Así que o estudante conclúe o seu Grao pódese lanzar á busca de emprego ou ben pode continuar a súa formación cursando un posgrao, bautizado como máster, que complemente os seus estudos. A principal novidade é que os másteres, que terán de duración un ou dous cursos (60 ou 120 créditos ECTS) segundo o plan de estudos, xa non serán títulos propios recoñecidos unicamente polo centro que os imparte, senón que se converten nunha titulación oficial. Divídense entre profesionais, que forman o estudante para exercer unha profesión, ou de investigación, paso previo para cursar o doutoramento. E é aí, no doutoramento, onde se atopa outra das innovacións de Bolonia. Un título de Máster converterase en requisito imprescindible para acceder ao terceiro nivel dos estudos universitarios e obter o título de doutor. En concreto, fixarase en 300 créditos europeos, (240 do grao e 60 do Máster)m o mínimo requirido para poder iniciar o doutoramento.
Canto custa o primeiro ano de universidade?
Setembro e outubro son meses especialmente duros para a economía familiar. En poucas semanas acumúlanse a resaca das vacacións, a compra de material escolar e o pagamento de matrículas escolares, que no caso das universitarias é notable. Amais de ser importes que xa de por si son considerables, as diferenzas entre o desembolso esixido no sistema público (maioritario no noso país) e os centros privados poden chegar a ser abismais. E é que a matrícula do primeiro curso dunha mesma carreira universitaria en España pode custar ata trinta veces máis segundo a universidade en que se realice. É o caso da titulación de Arquitectura. Nas Universidades de Málaga e de Sevilla o prezo estimado anda arredor dos 650 euros, mentres que na IE de Segovia ascende a 18.000 euros.
De se tomaren como referencia as tres titulacións que segundo o Ministerio de Educación foron as máis demandas polos universitarios durante o curso pasado -Medicina, Enfermería e Maxisterio en especialidade de Infantil- obsérvanse notables variacións. Así, mentres que a media do importe que unha universidade pública cobraría por matricularse no primeiro curso de Medicina se sitúa, segundo os datos de Guía Práctica de Universidades, nos 800 euros, a inscrición nunha universidade privada custaría, de media, 5.176 euros. Para os estudos de Enfermería acontece algo moi similar: a media da taxa de matrícula das universidades públicas españolas rolda os 850 euros, mentres que a das privadas achégase aos 6.000 euros. As diferenzas redúcense, aínda que non deixan de ser máis ca apreciables, no primeiro curso de Maxisterio Infantil. Na pública custa algo máis de 900 euros e na privada supera os 3.500.
Non obstante, convén non basear a elección nin no custo da matrícula nin no carácter público ou privado da institución. O criterio pódese condensar nunha palabra: calidade. Algo que non sempre vai ligado ao maior ou menor desembolso económico.
Respostas ás preguntas máis frecuentes sobre o proceso de Bolonia
Como calquera outro cambio a grande escala ou reforma estrutural, o auspiciado pola Declaración de Bolonia xerou suspicacias e dúbidas, focalizadas nun principio en sectores estudantís e académicos vinculados con titulacións que ven perigar a súa continuidade, en especial algunhas filoloxías ou disciplinas como Historia da Arte, pero que se espallaron a ámbitos máis amplos. Velaquí as respostas que tanto as propias universidades como o Ministerio de Educación están a dar ás preguntas máis comúns que orixina a adaptación ao marco europeo:
Os títulos actuais non perderán valor nin oficialidade fronte aos adaptados. As súas competencias profesionais non cambiarán, aínda que se modifique a estrutura das titulacións e dos títulos. Así consta no Real Decreto de Ordenación de Ensinanzas Universitarias, aprobado en outubro do 2007 e que foi o texto que fixou as bases para que as universidades españolas comezasen a adaptar as súas ensinanzas ao novo Espazo Europeo de Educación Superior (EEES).
Os estudantes poderán continuar co mesmo plan de estudos co que iniciaran a súa carreira. Polo tanto, os universitarios actuais poderán rematar o plan de estudos que empezaron sen que iso leve consigo ningún tipo de variación na súa estrutura, contidos ou desenvolvemento. En calquera caso, os estudantes que comezaran estudos conforme a anteriores ordenacións universitarias poderán tamén acceder ás novas ensinanzas previa admisión pola Universidade correspondente, de acordo co establecido no RD 1393/2007 e na normativa da propia Universidade.
O certo é que non todos os Graos durarán 4 anos. Determinadas ensinanzas reguladas por directrices europeas deben contar cun número maior de créditos. Titulacións como Medicina (360 ECTS), Veterinaria (300 ECTS) e Arquitectura (300 ECTS + Traballo de Fin de Grao) requiren un número superior de créditos polo que se dilatan máis no tempo.
Nos máis dos casos non será así. A titulación de Grao permite obter unha preparación axeitada e abonda para o exercicio profesional. Aínda que é certo que existen másteres que son necesarios para habilitar o estudante no exercicio dunhas determinadas actividades profesionais reguladas en España. Son os casos da avogacía, das enxeñerías superiores e do profesorado de ensinanzas de secundaria.
Bolonia non fixa criterio ningún con respecto ás bolsas. Os empréstitos-renda, creados xa no 2007, son un concepto diferente ás bolsas actuais e o máis importante é que non as van substituír. Permítenlle ao estudante que non poida solicitar unha bolsa porque supera o mínimo de renda pagar os seus estudos de Máster, a xuro cero devolvendo o préstamo cando xa estea traballando.