Ducha diaria: anxo ou demo para a pel?
Para despexarse pola mañá, para conseguir o efecto contrario a última hora do día, ou simplemente porque si, o certo é que o hábito de ducharse está tan arraigado nas nosas rutinas cotiás que en poucas ocasións se discute a súa idoneidade. Entra dentro desas cuestións que a gran maioría recoñece ante os demais como habituais e imprescindibles acotío. Aínda que en ocasións o anonimato dunha enquisa e a propia experiencia persoal -quen non sufriu nunha viaxe en autobús ou metro os efluvios dalgún pasaxeiro?- demostran o contrario. Tres de cada catro españois dúchanse polo menos unha vez ao día. A estampa de ducha que máis se repite é a dun acto que se podería considerar como breve, entre 5 e 10 minutos que é o tempo que a gran maioría pasa baixo a billa da ducha, e para o que se prefire o xel e a esponxa, por riba doutras opcións que se ofertan nestes momentos no mercado. Polo menos, estes son os resultados dun estudo que unha firma de billas elaborou a finais do pasado ano sobre os hábitos dos españois na ducha.
Hixiene, aseo, limpeza e comodidade son as razóns principais que nos levan á ducha. Agora ben, onde está a fronteira entre a hixiene, e a sobrehixiene? E o que é máis importante, cales son os danos que a pel pode sufrir ao cruzala? Non se trata de pór en dúbida o acto de ducharse en si, senón de coñecer os riscos que un exceso de celo na nosa hixiene diaria, combinado co uso de produtos inapropiados, poden causar no noso corpo.
A importancia do manto lipídico
A pel é o órgano máis extenso do corpo humano, e é ademais a primeira liña de defensa, a barreira coa que o organismo se protexe dos elementos e dos microorganismos nocivos que habitan no mundo externo. Está composta por diferentes capas e estratos, dos que a pel se vale para levar a cabo esta función. Un deles é o manto lipídico que a recobre, que a protexe de modo natural e ao que en ocasións non se lle brindan os coidados que merece. Componse de auga, lípidos e doutros compoñentes que axudan a reter a auga na derme. Esta función é clave porque a pel necesita estar o suficientemente hidratada para poder levar a cabo o seu labor protector.
A capa de lípidos ten un PH lixeiramente ácido, que se sitúa arredor do 5,5, que é o que impide que xermes, bacterias, virus, ácaros e demais microorganismos campen ás súas anchas pola nosa pel. Por iso é tan importante non alterar esa acidez. Se se modificase, o manto perdería propiedades, e en consecuencia volveríase incapaz de frear o avance e a proliferación destes axentes externos. Non é a descrición dun caso extremo ou pouco probable. Xestos como o de ducharse en repetidas ocasións ao longo do día e empregar xabóns, xeles ou outros produtos de aseo que contribúan a perturbar o índice de acidez natural da nosa pel poden ser os principais culpables de esgotar o manto lipídico, o que á súa vez desencadea unha serie de patoloxías cutáneas.
Enfermidades por unha hixiene excesiva
Segundo a Academia Española de Dermatoloxía e Venereoloxía, a nosa pel está preparada para unha única ducha ao día. Se nos excedemos e repetimos o acto varias veces ao longo dunha mesma xornada sen pór en práctica hábitos como o de ducharse unicamente con auga e sen xabón nas segundas e terceiras duchas, o exceso pódese saldar coa aparición dalgunha das seguintes enfermidades:
- Dermatite atópica: A máis coñecida pola súa crecente incidencia. A Asociación española de familiares e pacientes desta enfermidade calcula que no noso país preto do 10% da poboación convive na actualidade con esta doenza, con especial prevalencia entre os máis pequenos. De feito, estímase que a dermatite atópica ocupa o 20% das consultas que se realizan nos servizos de dermatoloxía pediátrica e o 1% das do pediatra. Cando unha persoa sofre de dermatite a súa superficie cutánea xa non conta co manto lipídico protector, e dáse unha perda de auga que orixina unha intensa sequidade na pel. Como consecuencia, os pacientes sofren unha molesta e irritante sensación de comechón que nalgunhas ocasións fai moi difícil evitar fretala. A dermatite atópica é unha enfermidade crónica- sen cura definitiva polo momento- pero para a que si se conta cun tratamento médico que logra polo menos controlar síntomas como o da comechón e o arrubiamento da pel, iso si, sempre que se sexa moi constante.
- Infeccións: Outro dos problemas de perder a acidez natural coa que o manto hidrolipídico conta é que a nosa pel pode ser vítima de infeccións de diverso tipo. A popular pitiriase alba, doadamente recoñecible pola aparición de manchas esbrancuxadas ou con falta de pigmentación nas costas e nas extremidades superiores, é unha boa mostra. En ocasións, dermatite atópica e pitiriase van da man: a aparición da primeira leva consigo a proliferación da segunda. A piritiase asóciase á piscina polo cloro da auga, tan necesario para a desinfección da auga pero á vez tan daniño para algunhas peles; polo maior contacto da pel coa auga e polo incremento da frecuencia da ducha. Resultado: a pel xa non está en condicións de frear o avance de microorganismos externos. No caso da pitiriase, o seu tratamento, por vía tópica, dilátase no tempo converténdose nunha tarefa aburrida e molesta que convén evitar cambiando ou coidando certos hábitos da nosa hixiene diaria.
- Alerxias: Xorden porque aquelas peles co manto hidrolipídico danado son máis sensibles. A predisposición é polo tanto máis alta cando a capa protectora da pel está esgotada, pero iso non quere dicir que todas as peles vaian ser hipersensibles a determinadas substancias. Depende de cada persoa e do tipo de pel que teña. Neste caso, os alérxenos que normalmente causan as reaccións alérxicas son algúns dos compoñentes que inclúen os propios xeles de baño: dende os espesantes e emulsionantes que se utilizan ata o propio perfume ou a cor do produto.
O xabón ideal: con PH 5,5 e aceite vexetal
Ao igual ca a pel, os xeles e as xabóns que se empregan no baño teñen tamén PH, que é o índice de acidez que mide a alcalinidade do produto. Hai que ser coidadoso neste punto e empregar tan só aquelas xabóns que teñan un PH próximo ao da pel, 5,5, e que en ningún caso excedan o 6,5. A partir desa cifra o xel pode ser considerado como desaconsellable porque o risco de que altere e acabe neutralizando o manto hidrolipídico da pel é moi alto.
Téndese a pensar que a efectividade dun xel de baño se mide pola cantidade de escuma ou burbullas que sexa capaz de facer. Noutras ocasións, é o olor a única característica que se ten en conta na elección dun xabón para o baño. Ambas as dúas son consideracións erróneas. De feito, o tipo de xel máis recomendable para a nosa pel non destaca nin pola súa fragrancia nin por ser excesivamente escumoso. Os xabóns máis recomendables son os que inclúen entre os seus compoñentes aceite de oliva ou outros aceites vexetais como o de améndoas, o de xerme de trigo, o de palma ou o de coco: todos eles axudan a regular o grao de hidratación da pel, e manteñen e rexeneran o seu manto protector. Amais de adquirir xeles cun PH óptimo, é importante previr a sequidade da pel e non descoidar a súa hidratación despois da ducha. Por iso, non está de máis establecer unha rutina de hidratación para finalizar o noso paso polo baño. A crema hidratante ou o aceite corporal deben aplicarse con lixeiras masaxes sobre a pel xa seca ata que se absorba. Non obstante, hai que limitar a cantidade e a frecuencia de aplicación da crema hidratante sobre a cara e o pescozo. En ocasións, abúsase deste tipo de fluído e xérase a aparición doutras enfermidades cutáneas como a acne.
- Cunha ducha ao día abonda para estar limpo e aseado. A auga debe estar morna porque a temperaturas maiores a pel seca e pode chegar a cuartearse.
- En caso de máis dunha ducha ao día, limitar o uso de xabón á primeira.
- Convén que o xel inclúa na súa composición extractos de aceite vexetais (manteñen e rexeneran o manto protector da pel) e que ademais respecte o PH da pel. O ideal é que o índice se atope arredor do 5,5, pero non máis do 6,5.
- O sector cosmético está sometido a unha forte regulación, pero non está de máis comprobar que o produto de baño adquirido dispón da listaxe de ingredientes, que a información está en castelán e que nela figuran os datos dun fabricante da Unión Europea ou con responsabilidade nela.
- Cómpre ser coidadoso na aplicación do xel de baño. Non convén facelo con fortes friccións, xa que podemos agredir a nosa pel. Abonda unha leve masaxe coa man ou cunha esponxa moi suave para retirar a posible sucidade do corpo.
- Non se debe descoidar a hidratación despois da ducha (prevén a tensión e a sequidade da pel) nin o seu secado, de xeito especial en axilas, inguas e pés, para evitar a aparición de infeccións fúnxicas.
Fontes: Doutor Julián Conejo-Mir, Presidente da AEDV (Academia Española de Dermatoloxía e Venereoloxía) e Catedrático de Dermatoloxía, e STANPA (Asociación Nacional de Perfumería e Cosmética)