Programa Thao | Que é o resveratrol? | Como elaborar un menú dixestivo | Diferenzas nutricionais entre cebolas brancas e vermellas | Calorías das galletas integrais
Fálase de: PROGRAMA THAO
O Programa THAO-Saúde Infantil é un proxecto integral de prevención da obesidade infantil enfocado a desenvolverse dende o ámbito municipal. O obxectivo é axudar os nenos e as súas familias a cambiaren o seu estilo de vida tornándoo máis saudable, coa participación dos axentes sociais locais. No proxecto están implicadas a Axencia Española de Seguridade Alimentaria (AESAN), a Fundación Española de Nutrición (FEN) e mais a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), como unha iniciativa máis das enmarcadas na Estratexia NAOS.
O Programa púxose en marcha hai dous anos en cinco cidades piloto españolas: Aranxuez (Madrid), Villanueva de la Cañada (Madrid), San Juan de Aznalfarache (Sevilla), Castelldefels (Barcelona) e Sant Carles de la Ràpita (Tarragona). Na actualidade está posto en marcha en 32 cidades de sete comunidades autónomas, cunha participación de 1.430.000 habitantes, dos que 125.000 son nenos. O ano divídese en “tempadas” nas que se afonda no coñecemento dunha familia de alimentos e se informa sobre o seu consumo prudente e saudable acorde coas necesidades individuais. De setembro do 2009 a febreiro do 2010 vaise desenvolver a tempada dos lácteos, de modo que todas as actividades realizadas polo profesorado nas escolas e pola familia na casa, así como as protagonizadas no comedor escolar, nos restaurantes locais e ata dende os comercios da zona, están orientadas a promover o consumo de produtos como o leite, os iogures ou o queixo, entre outros.
Máis información en www.consumer.es e na web oficial: www.thaoweb.com/
O ABC da Nutrición: Resveratrol
O resveratrol pertence a unha clase de compostos polifenólicos chamados estilbenos. Algunhas plantas, como resposta ao estrés, a lesións e por acción dos raios ultravioleta, producen estilbenos, entre os que se atopa o resveratrol. Este composto espertou interese na comunidade científica polos seus potenciais beneficios sobre o organismo. Entre eles, destacan a súa acción antiinflamatoria, antioxidante, cardioprotectora e mesmo tamén a súa potencial actividade anticanceríxena. Así e todo, a súa biodispoñibilidade nos alimentos nos que máis abunda atópase aínda en fase de estudo, ao igual ca a súa actividade nos órganos vitais sobre os que actúa.
Son alimentos ricos en resveratrol as uvas negras (máis abundante na pel e nas pebidas), o zume de uva ou mosto, os viños tintos e mais as bagas da especie “Vaccinum”, que inclúe distintos tipos de arandos, como o común, o negro e o vermello.
O tempo de fermentación durante o cal un viño entra en contacto coa pel da uva é un factor importante do seu contido en resveratrol. Por iso, os viños brancos e rosados conteñen menos resveratrol ca os tintos.
Menú tipo: Dixestivo
- Almorzo: Iogur con bífidus. Té con limón sen azucre. Torradas con friame de pavo.
- Parva (media mañá): Compota de mazá con 4 noces.
- Xantar: Ensalada lixeira con arroz e leituga, millo, cenoria e xermolados. Bacallau á prancha con pataca cocida cun chisco de perexil. Pan torrado. Infusión dixestiva.
- Merenda: Pera madura. Pan torrado con bonito en aceite de oliva.
- Cea: Crema de cabaciña, cenoria e pataca. Ovo revolto. Pan torrado. Iogur bífidus. Infusión dixestiva.
- O consello: Tomar despois das comidas unha infusión de plantas dixestivas; regalicia, melisa, anís… Reservar a froita madura para tomar entre horas. Outros alimentos máis recomendables pola súa capacidade de tonificar o sistema dixestivo son os xermolados, que provén de encimas dixestivos, e os lácteos fermentados, que contribúen a regular a flora intestinal.
Hai algunha diferenza nutricional entre comer cebola branca ou cebola vermella? Oín que a vermella é máis saudable porque contén máis propiedades. É certo?
Si que hai diferenzas nutricionais entre estes dous tipos de cebolas. As cebolas vermellas, a diferenza das brancas, conteñen un tipo de antioxidantes, as antocianinas, que son os pigmentos naturais que lles confiren a cor violácea. A quercetina é outra substancia antioxidante que se identificou en todas as variedades de cebolas nunha proporción moi elevada (arredor dos 300 mg/ 100 gramos). Cen gramos de cebola é o que pesa unha ceboliña das que se venden en restras. Este composto favorece ademais a circulación sanguínea.
No tocante ao seu valor nutricional común, as cebolas destacan polo seu escaso valor enerxético (33 cal/100 g), dado o seu baixo contido en carbohidratos e practicamente nulo de proteínas e mais a súa ausencia de graxas. Tamén cómpre salientar a súa achega de fibra, de minerais en cantidades significativas como o potasio e o calcio (de peor absorción) e de vitaminas como o ácido fólico, a vitamina C e a E. Estas dúas últimas vitaminas súmanse aos outros compoñentes antioxidantes das cebolas.
A súa composición en elementos reguladores tórnaas un alimento diurético e depurativo. Non obstante, as propiedades salutíferas das cebolas débense, máis ca á súa composición nutritiva, á súa abundancia de antioxidantes, entre eles os flavonoides e os compostos xofrados. Estes últimos son substancias precursoras de compostos volátiles, que son os que lle achegan á cebola ese cheiro e sabor tan característicos.
Así e todo, a relevancia nutricional dun alimento depende do consumo que se faga del. Xa que logo, para se beneficiar das propiedades, neste caso, da cebola vermella, cómpre que esta hortaliza forme parte da dieta habitual.
Sigo unha dieta de adelgazamento e preguntábame se para controlar as calorías da dieta debo comer galletas especiais sen azucre ou as que conteñen fibra.
A variedade de galletas é tan grande que é difícil decantarse por unha cando se segue unha dieta de adelgazamento. Por iso, na valoración da calidade nutricional das galletas convén reparar en varios datos que se recollen na etiqueta nutricional. Por unha banda, as calorías totais, reflectidas en referencias de 100 gramos de produto (algunhas marcas inclúen o dato das calorías e doutros nutrientes por porción suxerida de consumo, que poden ser 3-6 galletas). Pódese comprobar que as máis das marcas achegan como mínimo 400 kcal/100 gramos, unha cantidade de calorías que se asemella á dos produtos de pastelería e moi superior á mesma cantidade de pan (260 calorías). As mensaxes que levan algunhas marcas de galletas, como “integrais”, “con fibra” ou “con vitaminas” non deben confundirnos e facernos pensar que estas variedades son menos caloríficas. Si poden ser máis saudables porque achegan máis fibra, que axuda a saciar máis e a calmar durante máis tempo o apetito. Agora ben, pola súa composición, as galletas, elaboradas a partir dunha mestura de fariña, auga e graxas, son en todo caso alimentos moi enerxéticos. Aínda que haxa variedades que achegan menos calorías, menos azucres e/ou graxas, estas poderán resultar algo máis saudables, pero non deixará de ser un produto enerxético que en calquera caso hai que consumir con moderación. Por iso, malia que unhas galletas informen de que son “sen azucre engadido”, poden incluír máis cantidade de graxa e, polo tanto, similar cantidade de calorías ca outras variedades normais que non inclúen esa mensaxe. O mellor consello é ler con atención a etiqueta nutricional e comparar entre dúas marcas distintas as calorías e os nutrientes que interesen, como graxas ou azucres, co fin de coñecer se hai diferenzas entre unhas e outras.