Millóns de datos en poucos centímetros
Iso de que “a mellor marmelada está no bote máis pequeno” tamén se aplica nas novas tecnoloxías destinadas á mobilidade. Aquilo que é verdadeiramente importante dunha cámara dixital (as fotografías), dun navegador GPS (o programa con todos os datos de rúas e rutas), dun teléfono móbil (a axenda cos contactos e os seus números) ou dunha axenda PDA (arquivos, correos, enderezos…) cabe nos poucos centímetros cadrados que ocupa unha tarxeta de memoria “flash” cun grosor que apenas supera o par de milímetros.
Pequenas e resistentes
Se se comparan cos discos duros convencionais, as tarxetas de memoria “flash” son caras, pois a relación entre o seu prezo e a súa capacidade de almacenamento é moi superior. A vantaxe das tarxetas reside en que ocupan moi pouco e pesan aínda menos, o que as fai ideais para aparellos pequenos que se levan continuamente encima. Ademais, como non están compostas por partes móbiles pódense zarandear tanto como se queira sen que afecte ao seu funcionamento (a agulla dun disco duro balanceado ao ritmo dunha sesión de footing podería acabar por danar o equipo).
As tarxetas divídense en microscópicas celas que acumulan os electróns a diferentes voltaxes cando pasa a electricidade por elas, configurando así un mapa de diferenzas de carga eléctrica. Este mapa é a maneira en que a tarxeta garda os datos que recibe do dispositivo portátil, xa sexan fotografías, documentos, vídeos, etcétera. As tarxetas de memoria “flash” chámanse “non volátiles” porque conservan os datos cando se desconectan do fluxo eléctrico. As primeiras tarxetas “non volátiles” inventáronse en 1971 e coñecíanse como EPROM (“Erasable Progammable Read-Only Memory”). É dicir, memorias de só lectura, programables e borrables. As EPROM non perdían os datos se se suspendía o fluxo eléctrico, pero para volver a gravar había que borralas mediante raios ultravioleta. En fin, era imposible gravar coa ductilidade que permiten as actuais.
Regravables ata 100.000 veces
A empresa Intel, a mesma que inventou as EPROM, conseguiu fabricar unha tarxeta de memoria na que as celas actuaban diferenciadamente as unhas das outras, o que lles permitía realizar varias operacións de almacenamento simultaneamente. Este tipo de tarxetas denomináronse EEPROM, e tamén podían ser borradas e voltas a gravar sen necesidade de pasar polos raios ultravioleta. As actuais tarxetas de memoria “flash” son unha derivación das EEPROM e polo tanto conservan as súas características principais: rapidez de execución e capacidade para seren regravadas. Aínda así, as tarxetas pódense regravar un número de veces limitado, que se situaría ao redor das 100.000 operacións de almacenamento, suficiente para un uso convencional.
As tarxetas de memoria “flash” poden almacenar desde 8 Megabytes ata 128 Xigabytes de datos (documentos de texto, música, películas, programas…), dependendo das marcas e tipos. Dentro desta variedade, o normal é usar tarxetas con capacidade para gardar entre 256 Megabytes e 2 Xigabytes. O prezo variará en función da capacidade de almacenamento, pero tamén dependerá doutro factor: a velocidade de transferencia de datos (medida en Megabytes por segundo ou por un número seguido por un “x”). A velocidade de transferencia é importante nalgúns equipos (como cámaras fotográficas de moi alta resolución -no resto é suficiente cunha velocidade próxima a 40x, o que equivale a 4 Megabytes por segundo-) porque permitirá ao aparello gardar ou borrar os datos con rapidez e traballar con máis eficacia.
No mercado pódense adquirir tarxetas con elevada capacidade de almacenamento e boa velocidade de transferencia a prezos accesibles. Así, por 72 euros pódese conseguir unha tarxeta dun Xigabyte de capacidade e 11 Megabytes por segundo de escritura (73x). A partir de aí o prezo dispárase: existen tarxetas de 2 Xigabytes de capacidade e 12 Megabytes por segundo (80x) de velocidade de escritura cun prezo que supera os 150 euros.