"Información útil para a vida cotiá, presentada dun modo máis ameno"
Isto parece indicar que, aínda sendo a revista pioneira no noso país en información especializada sobre consumo e vida cotiá, tanto os temas que afronta cada mes coma o modo en que o fai segue suscitando, tres décadas despois, o interese dos cidadáns.
O obxectivo fundamental desta revista segue sendo producir informacións que axuden aos consumidores a tomar decisións atinadas e a vivir un pouco mellor. Isto esíxenos estudar a fondo asuntos tan vastos, complexos e variables como a alimentación, a saúde e a seguridade, a calidade de vida nas cidades, os produtos financeiros e a economía doméstica, a vivenda, as viaxes e a industria do ocio, os produtos tecnolóxicos… Ademais, asumimos o reto que entraña tomar postura: valoramos, criticamos, aconsellamos, propoñemos a mellor relación calidade-prezo.
Así, a pauta que guía o noso traballo diario non podía ser outra que o compromiso co regor técnico, coa precisión no dato e coa utilidade que as nosas informacións deben ter para os lectores. Este compromiso levounos a ser didácticos e serios, noutras palabras, menos desenfadados e espectaculares do que se estila hoxe nas publicacións de vocación popular como a nosa. Pero non nos resignamos, cremos que a utilidade e o rigor poden facer boa parella coa amenidade: a nosa revista pode e debe ser máis entretida e máis agradable de ler.
Con esta nova CONSUMER EROSKI intentamos trasladar esa desexada mellora en amenidade ás maquetas, os textos, as fotos, o desenvolvemento dos temas tratados, os gráficos, as características do papel, etc. Con todo, o que quizais se perciba en primeiro lugar é que nos convertemos nunha revista máis grande: pasamos das anteriores 48 ás actuais 68 páxinas, o que nos permitirá, ademais de tratar máis temas, facelo dun xeito máis dinámico e máis atractivo visualmente.
Esta remodelación da revista, e o ambicioso da iniciativa, demostran e reforzan o histórico compromiso de FUNDACIÓN EROSKI cos consumidores, e máis especificamente, coa información útil para a vida cotiá.
Por outro lado, hai xa máis de oito anos que apostamos con decisión por Internet e hoxe somos, segundo datos oficiais OJD, o quinto medio de comunicación máis visto en España: en maio pasado, o web CONSUMER EROSKI tivo 2 millóns de usuarios distintos. Felicitámonos do éxito pero non esquecemos que o noso actual proxecto informativo (revista e Guías Prácticas impresas, diario en Internet, Barómetro de Consumo) ten unha orixe ben definida: a revista impresa, á que chega agora o momento da modernización e o crecemento.
Só me queda agradecer en nome do noso equipo de técnicos e especialistas, coordinadores e xestores, xornalistas e do resto de profesionais que traballan en CONSUMER EROSKI e, por suposto, en nome de FUNDACIÓN EROSKI e no meu propio, a atención que nos prestan, queridos lectores, e confiar en que esta renovación cumpra o obxectivo previsto: satisfacer mellor as expectativas dos seus destinatarios, todos vostedes.
Ricardo Oleaga
Director de CONSUMER EROSKI