"O consumidor ten dereito a ser debidamente informado..."
Esta foi a declaración de intencións da revista EROSKI no seu primeiro número, en 1974. Aquela publicación xurdiu nun contexto reivindicativo do papel do consumidor como suxeito de dereitos e obrigas. O baleiro informativo era evidente, e os consumidores tiñan poucas ferramentas para desempeñar o papel que lles correspondía na sociedade. Conscientes disto, comprometémonos a ofrecer un tipo de información que aumentase os coñecementos dos consumidores e propiciase que estes se soubesen axentes activos na economía de mercado.
Nestes máis de 30 anos, os consumidores fomos partícipes dun número enorme de cambios sociais, económicos, culturais, lexislativos e tecnolóxicos. Xurdiu un novo contexto, no que a información sobre consumo se multiplicou. E, sobre todo, chegou o momento en que os consumidores se saben respectados por uns interlocutores sociais que recoñecen o seu papel e o seu protagonismo, cada vez máis importante na nova economía.
¿Por que Grupo Eroski, a través da súa Fundación, segue apostando decididamente pola información ao consumidor como elemento clave do seu compromiso coa responsabilidade social e o desenvolvemento sostible?
Por varias razóns, entre as que saliento as que seguen a continuación:
- Porque os consumidores forman parte do noso proxecto empresarial, participan nos seus órganos de xestión, achégannos as súas visións e as súas sensibilidades para que fagamos nosas as súas preocupacións e respondamos de forma colectiva ás súas demandas.
- Porque temos o convencemento de que o reinvestimento dos beneficios en información ao alcance de todos os consumidores se traduce nun compromiso coas persoas e o seu benestar.
- Porque entendemos que nesta sociedade cada vez máis complexa e na que as fontes de información, aínda que numerosas, seguen cualitativamente afastadas dos consumidores, podemos contribuír e achegar unha visión das cousas de a diario desde os dereitos do consumidor.
- Porque queremos ser unha ferramenta de apoio e un altofalante independente para que o consumidor elixa de forma autónoma e responsable nos seus actos de consumo.
- Porque cremos que moitas son as preguntas que os consumidores nos facemos e que non están respondidas suficientemente. A complexidade do coñecemento na nosa sociedade aumenta a confusión. É por isto que apostamos por cooperar con distintos axentes e xestores de coñecementos para que nos axuden a descifrar e comprender este mundo tan complexo e tan variable.
- Porque gozamos co noso traballo e queremos facer partícipe á sociedade da nosa actividade.
E sobre todo, porque cremos que é a nosa mellor achega para que cada día poidamos ser todas as persoas un pouco máis felices.
Arantza Laskurain
Directora de FUNDACIÓN EROSKI