O máis barato é un dos dous mellores
Analizáronse sete cepillos de dentes de dureza media e prezos semellantes (seis deles custan entre 2,50 euros e 3,21 euros). Reach, un dos dous únicos -xunto a Licor del Polo- cun “moi ben” en calidade global, é sensiblemente máis barato có resto (1,90 euros), polo que merece a mellor relación calidade-prezo.
Tense constancia do uso de cepillos dentais na China desde o século XV. Naquela época fabricábanse a partir de sedas do pescozo de xabaril. O descubrimento do nailon en 1937, material sintético co que se realizan as fibras dos cepillos modernos e que resulta menos agresivo coas enxivas e o esmalte dental fixo que o seu uso se popularizara en occidente. Cepilla-los dentes consiste no arranque mecánico por fricción da sucidade adherida á superficie da placa dental coa axuda dunha pasta dentífrica. O obxectivo é limpa-los dentes dos residuos de comida e elimina-las bacterias da placa dental que provocan o sarrio, a caries e os problemas das enxivas. Un cepillo dental será mellor canto máis agresivo sexa coa sucidade, á vez que máis respectuoso cos dentes.
A dureza, fundamental
A cada tipo de boca correspóndelle un tipo de cepillo. Os “suaves” son os menos agresivos coas enxivas e co esmalte dos dentes, a cambio dunha vida útil menor. Os “duros” ofrecen unha maior capacidade erosionadora, polo que eliminan mellor a sucidade e duran máis, pero someten os dentes a un desgaste maior. Os sete cepillos desta análise din ser de dureza media, os máis empregados. Pero, trala análise, comprobouse que Lacer debería catalogarse como “suave”, e non de “dureza media”, polo que a súa etiquetaxe é incorrecta. No tocante ó resto, Reach e Oral-B eran lixeiramente duros, e Licor del Polo e Parogencyl, levemente suaves.
Catro cepillos ofrecen carapucha protectora para o cabezal (carecían dela Reach, Oral-B e Licor del Polo), cinco incorporaban sistema antiescorregamento no mango, moi útil se se teñen as mans molladas (faltaba en Parogencyl e Lacer) e catro incluían certa flexibilidade no mango (inexistente en Reach, Oral-B e Lacer). Oral-B é o único que incorpora unhas sedas de cor azul que actúan como indicador de desgaste, descolorándose cando cómpre desbota-lo cepillo.
As cabezas dos cepillos teñen dúas formas: en Foramen e Oral-B son ovais, mentres que no resto son triangulares. Con todo, tódalas cabezas teñen un final arredondado para evitar irritacións na boca. As cabezas máis estreitas (e, polo tanto, máis manexables dentro da boca por chegaren con máis facilidade mesmo ós molares posteriores) son Oral-B (11,9 mm) e Lacer (12,3 mm), e as máis anchas Licor del Polo (14,1 mm) e Reach (14 mm).
Calidade das fibras
Un dos criterios fundamentais para coñece-la eficacia dos cepillos dentais é o número e a calidade das súas fibras. Cantos máis filamentos incorpore o cabezal, maior será a superficie limpadora e máis efectivo resultará o cepillado. Binaca e Lacer son os cepillos con máis mechas de fibras (os dous 43 mechas), pero, ó ofrecer poucas fibras por mecha, é Licor del Polo a mostra con maior número total de fibras, con 1878, seguido de Reach (1764 fibras) e Parogencyl (1640 fibras). Foramen (1280 fibras) e Binaca (1290 fibras) son os cepillos con menos filamentos e, polo tanto, peor valorados nesta proba. Os dous grupos de mechas que ofrecen tódolos cepillos analizados (de cores diferentes) non están relacionados coa súa calidade ou coa súa eficacia: unhas fibras e outras son idénticas, só difiren no número de fibras por mecha que incorpora un e outro (agás Binaca e Reach, que tamén nisto son iguais). A lonxitude das fibras inflúe no desgaste do cepillo e na súa eficacia de limpado. Se o cepillo ofrece mechas a diferentes alturas, adáptase mellor á forma do dente, e chega mellor a zonas curvas e espacios interdentais. Binaca e Foramen son as únicas mostras nas que tódalas fibras teñen a mesma lonxitude (11 mm), o que lles confire unha superficie de cepillado plana e, polo tanto, menos eficaz. O resto das marcas teñen fibras de diferente lonxitude. Oral-B é o mellor neste apartado, xa que as súas fibras son de tamaños diversos: dun mínimo de 8,2 milímetros ata os 12,6 milímetros.
Sen arestas nos extremos
Durante a fabricación dos cepillos as sedas deben ser arredondadas e pulidas para que non queden arestas vivas nos extremos que poderían provocar feridas. Tódolos cepillos superaron esta proba, aínda que con notables diferencias: Licor del Polo, Reach e Parogencyl son as mostras que obteñen as valoracións máis altas.
Na proba de avellentamento prematuro simúlase en tres horas o que sufriría un cepillo en tres meses de uso convencional. Reach, Lacer e Oral-B demostraron unha boa resistencia ó desgaste, mentres que Parogencyl foi o que sufriu o avellentamento máis acusado. No tocante á forza necesaria para arrinca-las mechas, Licor del Polo e Lacer foron os máis resistentes; Binaca, Oral-B e Reach obtiveron un “ben”; Parogencyl só chegou ó “aceptable” e Foramen suspende esta proba ó non alcanzar nin o mínimo esixido pola norma.
Tendo en conta todos estes parámetros, os cepillos pódense clasificar en tres grupos. Licor del Polo e Reach son os mellores (chegan ó “moi ben”), Oral-B, Binaca e Parogencyl quedan no “ben” e Foramen e Lacer só alcanzan o aceptable.
Os dentistas recomendan cepilla-los dentes despois de cada comida, sen deixar que transcorran máis de quince minutos entre o final da comida e o cepillado. Para facelo, convén seguir estes pasos.
- Cepille as pezas en grupos de dúas ou tres. Fágao ós poucos e seguindo unha orde: comece polas superficies externas, logo internas e, para rematar, as mastigatorias.
- Lave os dentes suavemente, de arriba a abaixo, con movementos verticais. Un cepillado demasiado vigoroso pode dana-lo esmalte dental e as enxivas e provocar hipersensibilidade dental.
- A partir dos doce anos pódese utilizar seda dental para mellora-lo coidado e a limpeza bucal.
- O cepillado máis importante é o da noite: durante o sono, a producción de saliva diminúe e os movementos linguais fanse máis esporádicos, o que favorece a aparición da placa bacteriana.
- Use dentífricos con fluor. Reforzan a estructura do esmalte e reducen entre un 20% e un 40% a posibilidade de que se formen caries.
- Cambie de cepillo como moito cada tres meses.
En síntese e táboa comparativa
En síntese
- Analizáronse sete cepillos de dentes de dureza media que custan desde os 1,90 euros de Reach ata os 3,21 euros de Parogencyl. Lacer é o único que non é realmente de dureza media, senón suave.
- Unha boa hixiene bucal é necesaria para previr enfermidades. Co cepillado elimínanse os residuos de comida, evitando así a aparición de bacterias que provocan sarrio e problemas nas enxivas e na placa dental.
- A cor das fibras non está relacionada coa súa eficacia: os dous tons de cada cepillo son idénticos, salvo en Oral-B, que ten fibras azuis que serven como indicador do desgaste.
- Reach, Lacer e Oral-B son os cepillos máis resistentes e duradeiros. As mechas de Foramen suspenden o exame de arrincamento, ó non resistiren o mínimo esixible. Lacer non é de dureza media, senón suave, polo que a súa etiquetaxe non é correcta.
- Reach (o máis barato e a mellor relación calidade prezo), e Licor del Polo (o terceiro máis barato) son os que demostran unha maior calidade (“moi ben”). Oral-B, Binaca e Parogencyl obteñen un “ben” e Foramen e Lacer só acadan un “aceptable” polos seus suspensos en dous apartados significativos.
Marca Modelo |
REACH “Interdental” |
LICOR DEL POLO “Microtech professional” |
BINACA “Dynamic” |
ORAL-B “Advantage” |
|
---|---|---|---|---|---|
Prezo (euros / unidade) | 1,90 | 2,84 | 2,86 | 3,05 | |
Aspectos xerais cepillo dentes | |||||
Peso (gramos) | 13,2 | 17,1 | 13.1 | 15 | |
Lonxitude total (milímetros) | 188,6 | 190,4 | 189,2 | 194 | |
Anchura cabeza (milímetros) | 14 | 14,1 | 13 | 11,9 | |
Características de fibras | |||||
Numero total de mechones 1 | 42 | 40 | 43 | 41 | |
Tipos de mechas | 2 | 2 | 2 | 2 | |
Cor das fibras | Tipo 1 | Blanco | Blanco | Violeta | Azul |
Tipo 2 | Azul | Verde | Blanco | Blanco | |
Número de mechones | Tipo 1 | 19 | 21 | 7 | 8 |
Tipo 2 | 23 | 19 | 36 | 33 | |
Número de fibras por mechón | Tipo 1 | 42 | 46 | 30 | 44 |
Tipo 2 | 42 | 48 | 30 | 32 | |
Número de fibras totais | 1.764 | 1.878 | 1.290 | 1.408 | |
Diámetro de fibra (µm.) | Tipo 1 | 234 | 206 | 240 | 204 |
Tipo 2 | 234 | 199 | 231 | 238 | |
Lonxitude das fibras (mm.) | Tipo 1 | Mín 9,1; máx 11 | Mín 10; máx 11,6 | 11 | Mín 8,2; máx 12,6 |
Tipo 2 | Mín 9,1; máx 11 | Mín 10; máx 11,6 | 11 | Mín 8,2; máx 12,6 | |
Calidade do cepillo | |||||
Perfil de recorte 2 | Tipo 1 | Ben | Moi ben | Ben | Ben |
Tipo 2 | Moi ben | Moi ben | Ben | Ben | |
Nivel de dureza | 8,1 | 7 | 7,5 | 8,2 | |
Dureza del cepillo | Media/dura | Suave/media | Media | Media/dura | |
Resistencia ó desgaste 3 | Ben 27 |
Aceptable 42 |
Aceptable 53 |
Ben 36 |
|
Resistencia ó arrincamento de mechas | Ben | Moi ben | Ben | Ben | |
Valor mínimo (daN) | 2,41 | 3,86 | 1,87 | 1,76 | |
Calidade global | Moi ben | Moi ben | Ben | Ben |
Marca Modelo |
PAROGENCYL “Optima” |
LACER | FORAMEN “92 clinic” |
|
---|---|---|---|---|
Prezo (euros / unidade) | 3,21 | 2,50 | 2,94 | |
Aspectos xerais cepillo dentes | ||||
Peso (gramos) | 15,4 | 11,9 | 12,1 | |
Lonxitude total (milímetros) | 192,8 | 191,6 | 185,8 | |
Anchura cabeza (milímetros) | 12,9 | 12,3 | 13 | |
Características de fibras | ||||
Numero total de mechones 1 | 36 | 43 | 38 | |
Tipos de mechas | 2 | 2 | 2 | |
Cor das fibras | Tipo 1 | Azul | Amarela | Azul |
Tipo 2 | Translúcido | Translúcido | Blanco | |
Número de mechones | Tipo 1 | 14 | 11 | 16 |
Tipo 2 | 22 | 32 | 22 | |
Número de fibras por mechón | Tipo 1 | 48 | 38 | 36 |
Tipo 2 | 44 | 34 | 32 | |
Número de fibras totais | 1.640 | 1.506 | 1.280 | |
Diámetro de fibra (µm.) | Tipo 1 | 251 | 202 | 231 |
Tipo 2 | 181 | 204 | 230 | |
Lonxitude das fibras (mm.) | Tipo 1 | Mín 9,4; máx 11 | Mín 9,5; máx 11 | 11 |
Tipo 2 | Mín 9,4; máx 11 | Mín 9,5; máx 11 | 11 | |
Calidade do cepillo | ||||
Perfil de recorte 2 | Tipo 1 | Ben | Ben | Ben |
Tipo 2 | Moi ben | Ben | Ben | |
Nivel de dureza | 6,2 | 5,8 | 7,1 | |
Dureza del cepillo | Suave/media | Suave | Media | |
Resistencia ó desgaste 3 | Aceptable 67 |
Ben 38 |
Aceptable 41 |
|
Resistencia ó arrincamento de mechas | Aceptable | Moi ben | Mal | |
Valor mínimo (daN) | 1,67 | 3,11 | 1,34 | |
Calidade global | Ben | Aceptable | Aceptable |
1 Mechas: grupos de fibras
2 Perfil de recorte: mídese a calidade de redondeo da extremidade da fibra que está en contacto cos dentes.
3 Resistencia ó desgaste: estes resultados equivalen a 3 meses de uso do cepillo.
Un a un
Un a un, sete cepillos de dentes
Reach Interdental
- 1,90 euros/unidade
- Calidade global: Moi ben.
- A mellor relación calidade-prezo. O máis económico. A súa cabeza é das máis anchas (peor), aínda que é dos que máis fibras ten (mellor). As súas fibras están ben redondeadas, as súas sedas son levemente duras, é o cepillo máis resistente ó desgaste e un dos máis resistentes ó arrincamento das súas mechas. Sen tapa de protección do cabezal.
Licor del Polo Microtech professional
- 2,84 euros/unidade
- Calidade global: Moi ben.
- Outra boa opción. A cabeza máis ancha (peor). Ofrece o maior número de fibras por mecha. O que mellor ten arredondadas as fibras. As súas sedas son levemente suaves. As mechas máis resistentes ó arrincamento. Sen tapa de protección do cabezal.
Binaca Dynamic
- 2,86 euros/unidade.
- Calidade global: Ben.
- O que máis mechas ten, pero o menor número de fibras por mecha. Tódalas súas fibras son iguais de longas, o que fai que o seu cepillado sexa menos eficaz. As súas sedas son de dureza media. Bo perfil de recorte das fibras e resistencia ó arrincamento. Con tapa de protección do cabezal.
Oral-B Advantage
- 3,05 euros/unidade
- Calidade global: Ben.
- O segundo máis caro. É o máis longo (194 mm) e coa cabeza máis estreita (mellor). O único que presenta un indicador de desgaste (as fibras azuis descolóranse co uso). O perfil de recorte das fibras, o nivel de desgaste e a resistencia ó arrincamento obteñen un “ben”. As súas sedas son levemente duras. Sen tapa de protección do cabezal.
Parongencyl Optima
- 3,21 euros/unidade
- Calidade global: Ben.
- O máis caro. O que menos mechas ten, pero dos que máis fibras ofrece por mecha. As súas fibras están ben arredondadas, son levemente suaves e resultan as menos resistentes ó desgaste. Na proba de arrincamento das mechas obtén só un “aceptable”. Con tapa de protección do cabezal.
Lacer
- 2,50 euros/unidade
- Calidade global: Aceptable.
- O segundo máis barato. O maior número de mechas (43). O perfil de recorte e o nivel de desgaste das súas fibras son bos. Moi resistente ó arrincamento das mechas. A dureza das súas sedas non é “media”, como indica a súa etiqueta, senón “suave”. Con tapa de protección do cabezal.
Foramen 92 Clinic
- 2,94 euros/unidade
- Calidade global: Aceptable.
- É o único que suspende a proba de resistencia de arrincamento das mechas. Tódalas súas fibras son igual de longas, o que fai que o seu cepillado resulte menos eficaz. O perfil de recorte das súas fibras é “bo”, o nivel de desgaste “aceptable” e a dureza “media”. Con tapa de protección do cabezal.