Illa-la vivenda

Hai que elixi-la mellor solución para cada fogar

Se pensa realizar reformas na casa, aproveite para illar paredes e teitos
1 Xaneiro de 2004

Hai que elixi-la mellor solución para cada fogar

O aforro de enerxía e a prevención de correntes de aire, humidades nas paredes ou mofos en metais conséguese en boa medida cun illamento axeitado do fogar. Segundo os expertos, o mellor modo para rete-la calor no inverno no interior da casa e de mantelo fóra no verán é reforzando os puntos estratéxicos polos que o aire e a calor se dispersan: paredes, teito e chan. O mercado dispón para iso de diversos materiais illantes. A oferta evolucionou moito nos últimos vinte anos, pasando do amianto a outros máis ecolóxicos e con maiores propiedades, que incluso protexen a vivenda contra incendios e a illan da contaminación acústica. A revolución que nos últimos anos experimentaron os distintos illantes contribuíu a facilitar este proceso polo que calquera na súa casa pode bloquear as zonas que desexe sen necesidade de acudir a un contratista, aínda que, desde logo, nunca está de máis recibi-los seus consellos.

Paredes

Antes de elixi-los materiais illantes cómpre ter en conta a temperatura predominante do lugar onde estea emprazada a casa, o seu tamaño e os equipos de acondicionamento que se utilicen como refrixeración, calefacción e humidificación, xa que se poden ver prexudicados se elixe o illante incorrecto.

Formas e materiais

  • Estuco sintético. Trátase dunha parede composta por varias capas entre as que se inclúe un taboleiro illante reforzado cun tecido metálico de fibra de vidro e a aplicación dunha substancia acrílica resistente á auga. É un dos sistemas máis novidosos e empregados pola súa doada adaptabilidade co illante utilizado no interior da casa e pola súa eficacia en reducir filtracións de aire.
  • Ladrillos ocos. Para moitos profesionais, o mellor sistema de illa-la casa. Este material garante que o aire frío ou quente tarde máis en atravesar paredes densas e pesadas. A través dos seus ocos conséguese o seu illamento, o que fai que estes sexan unha superficie recomendable para protexe-la vivenda da calor no verán e para retelo no interior no inverno.
  • Formigón. As súas principais propiedades son a concentración da calor e a súa absorción para logo liberalo dentro da vivenda, polo que as vivendas construídas con este material precisan illantes como perlita e polietileno expandido.
  • Lona plástica. Recomendable para protexe-las paredes da humidade. Para a súa instalación requírese un profesional, xa que cómpre introducir dentro o material co que se construíu a parede.
  • Illamento de vertido. É unha das mellores opcións para paredes acabadas pola súa doada utilización. Este líquido pódese instalar soprándoo cun equipo pneumático ou verténdoo nos espacios entre as trabes do teito. Convén evitar que o illamento chegue ás ventilacións que xeran calor, como luces halóxenas, que cómpre protexer para que non as alcance a vertedura.

Teitos

Os últimos estudios sobre a perda de enerxía no fogar revelan que o illamento do teito pode chegar a reducir un 35% os gastos en calefacción. Para asegurármonos de que a calor non escapa por esta parte da casa, cómpre illalo con algún material indicado para este fin e dun grosor que supere as dúas polgadas. Pódese facer de diferentes xeitos:

  • En láminas ou rolos. Poden estar compostos de fibra mineral como la de pedra ou fibra de vidro. Ámbolos dous garanten que cun só producto se consiga illamento térmico, acústico e protección contra o lume. Estas las constitúen unha estructura moi lixeira e son o illante máis utilizado na UE, polos elevados niveis de protección que ofrecen e por ser productos naturais transformados mediante o proceso de producción.
  • Pinturas especiais. Cómpre elixir pinturas que refracten a luz solar. Os compoñentes destas pinturas desvían a calor cara a outro punto. Son especialmente convenientes para ambientes cálidos.
  • Teitos de céspede. Unha solución menos habitual é instalar sobre teitos planos céspede ou pranchas que manteñan fresco o teito, polo que en primeiro lugar se precisará un bo illante contra a humidade. Recomendado para lugares cálidos.

Chans ou pisos

Esta é a parte da casa, xunto co teito, por onde máis doadamente escapan a calor e o frío, malia a que as máis das vivendas non teñen illamento baixo o piso. Antes de decantarse por un sistema, valore o máis adecuado en función do deseño da súa casa. Estas son algunhas opcións:

  • Illamento reflector. A instalación deste illamento é semellante a colocar illamento en láminas ou rolos. Algúns véndense en capas planas que se abren a xeito de acordeón para forma-los espacios de aire necesarios entre as superficies. Se está feito con papel de aluminio, débese evita-lo contacto cos cables eléctricos, porque o aluminio reflector é conducto de electricidade.
  • Láminas flexibles de fibra de vidro. Recomendados para superficies que se atopan sobre garaxes ou que están en cimentos elevados. É de doada utilización en áreas irregulares e en pisos sen acabado.
Ó alcance da súa man

Sen a axuda de ningún técnico e cunha serie de consellos no tocante ó material que convén utilizar e ó seu emprego máis adecuado, pode illa-las partes da casa que presentan maiores posibilidades de fugas de aire e calor:

  • Comprobe as tiras autoadhesivas das ventás, pois teñen data de caducidade. Para cambialas, abonda con ergue-las vellas con auga quente e limpa-la zona antes de instala-las novas.
  • O dobre acristalamento é o mellor illante do frío e protexe fronte á calor extrema.
  • As cintas de material illante, moi económicas, son recomendables para axustar portas e ventás. As máis duradeiras son as de vinilo e silicona.
  • Convén utilizar burletes para mellora-lo peche das portas.
  • As alfombras permiten reduci-la perda de calor polo chan, aínda que a instalación da calefacción vaia por aí.
  • Empregue illantes detrás dos zócalos, onde a parede e o piso se xuntan, así como nas conxunturas dos marcos das portas e paredes.