Blanca Miranda, directora da Organización Nacional de Transplantes

"O sistema de doazón de órganos é absolutamente transparente"

1 enero de 2004
Img entrevista listado 263

¿Por que centrou o seu traballo na parte hospitalaria da doazón?

Á marxe da función de comunicarlle á poboación a importancia de que todos nos convertamos en axentes activos da doazón, o esforzo da ONT (Organización Nacional de Transplantes) débese centrar en proporcionarlles ós hospitais técnicas e ferramentas para mellora-los métodos de detección, identificación, mantemento, extracción e solicitude de doazón de órganos á familia do finado. A nosa filosofía é a de abordar dun xeito profesional e técnico a obtención de órganos e a súa optimización para os transplantes, desde o punto de vista do hospital. Se ben os cidadáns son irreemprazables no proceso, posto que só o ser humano pode ser doante, a doazón é un proceso sanitario que debe aspirar a unha excelencia de proceso, xa que para que as doazóns teñan éxito o protocolo debe funcionar á perfección.

A maior preocupación continúa sendo o alto índice de negativas familiares á doazón.

Certo. Se non se producisen arredor do 20% de negativas á solicitude, o pasado ano acadaríanse 856 posibles doantes que se perderon, o que suporía máis de 2000 implantes de órganos sólidos. Tamén é verdade que a porcentaxe de negativas non implica un descenso nas doazóns, xa que cada ano hai máis doazóns e transplantes. O problema segue sendo que só o 1% dos falecementos cumpre cos requisitos de doazón, co que un 20% de negativa supón unha perda moi alta.

¿Por que a vontade do finado non ten un rango superior, no momento crítico da decisión da doazón, á da súa familia?

Se o finado manifestou en vida a súa vontade de doar, polo xeral a familia respéctaa, pero cómpre entender que estamos falando dunha decisión vinculada á morte dun ser querido, e o dó é moi duro. Cando a persoa finou de xeito inesperado, os parentes non asimilan o que lles está acontecendo. O testamento vital vai ser un recurso legal moi útil, e mesmo aliviador para a propia familia, que sabe que está cumprindo coa vontade do finado. De calquera xeito, en tódolos casos, o papel de mediador é moi importante.

¿Que figura concreta é o mediador nunha doazón de órganos e cal é o seu papel?

É a persoa que dentro do hospital se encarga de evitar que a familia reciba informacións incorrectas ou contradictorias que os desconcerten e que os poñan á defensiva. Todo o procedemento dunha doazón debe estar rexido pola transparencia. Na relación debe prima-la delicadeza e o respecto cara a unhas persoas que se atopan en estado de conmoción e que non entenden o que lles estás dicindo: poden non asimilalo e pódelles resultar moi difícil tomar unha decisión. O mediador debe acadar que a sinatura da doazón non sexa unha carga máis para a familia. O que non se pode remediar é a morte da persoa, pero si podemos remediar outras cousas que fan un pouco menos doloroso ese momento. O positivo é que temos estudios que indican que 8 de cada 10 familias que deron a súa autorización o volverían facer, pois consideran que lles axudou a sobreeleva-lo dó.

¿Mantense o contacto coas familias do finado ó que se lle extraeron órganos para o seu posterior transplante a persoas que os precisan?

As máis das veces, ó comezo, os familiares quérense desentender, precisan o seu tempo de dó, e ven rematado o seu vínculo coa doazón unha vez asinada a autorización. Así e todo, dáselle-la opción de saber cómo se desenvolveu o proceso, e non é raro que pasado un tempo se poñan en contacto co mediador e pregunten polo resultado final. Son informados, e dalgún xeito, ven a súa contribución social. Desde logo, non hai nada de peliculeiro en todo isto, nin encontros entre doante e receptor, nin nada semellante, pero si que se pode saber que a decisión implicou mellora-la vida dunha ou de varias persoas, ou mesmo salvárllela.

Con quen si se mantén o vínculo é co receptor. ¿A súa vida cambia radicalmente?

Pois pásase en moitas ocasións da posible morte á vida e, en todas, a calidade de vida mellora. Cómpre ter en conta que quen recibe un órgano doado está vinculado para sempre ó sistema hospitalario, polo que coñecémo-los seus testemuños. Ademais, o asociacionismo adoita ser frecuente, e a súa cooperación activa para que outros corran a mesma boa sorte, tamén. Son persoas que relativizan moito as cousas superfluas da vida. Digamos que atenden ás cousas importantes, e non tanto ás urxentes, un erro que cometemos moitos, que nos deixamos levar polas présas e polo inmediato, esquecendo o esencial.

Cada certo tempo, e como refugallos que trae a marea, xorden lendas sobre o tráfico de órganos. ¿Que hai de mito e de realidade nelas?

Ata tal punto se falaba destas historias que Interpol investigou a súa autenticidade. Chegou á conclusión de que non son certas, ou polo menos no que se refire ó tráfico de órganos procedentes de cadáveres. Os transplantes son operacións moi complexas que requiren unha infraestructura de alta tecnoloxía, un equipo médico cualificado e un tempo de actuación moi breve nunha área xeográfica limitada. As lendas sempre se xeran en países do Terceiro Mundo, e en moitas ocasións os cadáveres eran nenos, cando a doazón infantil é a máis difícil de todas. E, ademais, o receptor, que adoita ser dun país desenvolvido, desaparece, cando é sabido que precisa asistencia clínica de por vida.

¿E a doazón de órganos non vitais? ¿Ofrecer un ril por Internet?

Hai lugares onde se negocia con algúns órganos. Non é habitual, pero isto si que se produce. A miña misión non é xulgar esta práctica, nin saber se neses países se atenta contra a legalidade vixente. No noso país só se paga a doazón de esperma e de óvulos, e ámbalas dúas son tamén unha doazón. Noutros países europeos, a doazón de sangue está recompensada economicamente. Non vou xulgar procederes doutros países, pero o da persoa secuestrada á que lle arrincan o ril para destinalo a un transplante é pura lenda negra.

¿A que cre que se debe que España sexa líder mundial en doazón de órganos?

Existe unha boa sintonía cos cidadáns. En xeral, a opinión pública respecto á doazón é boa e ademais hai confianza nos profesionais médicos e hospitalarios. Convén ter presente que a gran maioría de transplantes se realiza na rede pública hospitalaria e isto garante a transmisión de que os logros son de toda a sociedade.

¿Por que existen diferencias tan avultadas entre comunidades?

Alédame que me fagas esta pregunta. Se na Rioxa se producen poucas doazóns non é por que sexan menos solidarios, senón porque o seu sistema hospitalario o permite en menor medida. O 1% de doantes útiles ó que nos referiamos anteriormente son aqueles que presentan morte cerebral por un dano irreversible no seu cerebro. Unha vez que se produciu a morte, de xeito artificial mantense a osixenación dos órganos e estes poden seguir funcionando ó seren transplantados. É importante, polo tanto, que se manteña o doante en certas condicións que só se poden dar en unidades de coidados intensivos concretas.

Suma xa oito anos á fronte da Organización Nacional de Transplantes, ¿de que se sente máis orgullosa e cal é a súa principal preocupación agora mesmo?

A miña misión centrouse en coordina-los esforzos de tódolos axentes que interveñen nun proceso de doazón e en organizalos nunha mesma dirección. Hai que traballar coa Administración central, coas autonómicas, cos profesionais dos hospitais, tanto nas autonomías coma a nivel estatal, co estamento xudicial, os xuíces, os forenses, e as igrexas. Son consciente de que cómpre dedicarlles todo o tempo posible ós medios de comunicación, porque é o mellor xeito de chegar á poboación e ás persoas que poidan doa-los seus órganos. É moi importante que, cada vez que haxa calquera pequeno problema, deámo-la cara e manteñamos que o noso sistema é absolutamente transparente e que se pode explicar calquera decisión que se tomara dentro da Organización Nacional de Transplantes.

O seu obxectivo principal é rebaixa-la cifra de 20% ó 15% de negativas. ¿Que lle diría á sociedade para acadar esta importante reducción nas negativas familiares?

Que só as persoas podemos doar vida. Temos que felicita-la nosa sociedade por estar á cabeza e ser exemplo no mundo, pero non nos podemos conformar e baixa-la garda. Falar da morte é duro, pero morrer é un fin inevitable ó que podemos dotar de sentido transmitindo o desexo de que o noso corpo unha vez inerte axude ós demais.