A adicción ó xogo é unha enfermidade
Estímase que en España máis de 500.000 persoas sofren serios problemas co xogo e case 800.000 presentan algúns dos síntomas característicos dos ludópatas. O punto de partida neste tema é que o xogo patolóxico, aínda que poida parecer un vezo, é unha enfermidade. Porque, aínda que o xogo en xeral é algo normal e desexable, cando se constitúe en adicción convértese en enfermidade. Moitas persoas chegaron a perdelo todo, cartos, familia, traballo, relacións, por culpa da súa dependencia do xogo. Para estes enfermos, o xogo é unha obsesión que se pode considerar como un descontrol dos impulsos, o mesmo que acontece co impulso de roubar (cleptomanía) ou de queimar cousas (piromanía).
Hai ludópatas que atopan pracer no feito de xogar, outros din gañar cartos xogando e tamén os hai que afirman ser uns expertos nos trucos do azar e que son capaces de detectar cando, por exemplo, a máquina “está quente” e se dispón a dar premios cuantiosos.
Todos sabemos que se se chaman xogos de azar é porque non hai xeito de controlar sistematicamente os resultados do xogo e, polo tanto, case non interveñen as habilidades da persoa para saber cando se cantará bingo, se a ruleta se vai deter nese ou nesoutro número ou se o premio da lotería se venderá naquela ou naqueloutra localidade.
Por outra banda, algúns ludópatas escúsanse asegurando que xogar os libera de tensións cotiás, que os divirte, os distrae ou lles permite alberga-la esperanza dun futuro sen problemas económicos.
O primeiro é recoñece-lo problema
Case sempre son situacións que se prolongan no tempo, porque o xogador patolóxico raramente recoñece selo. Amosa tendencia a mentirlles mesmo ós seres máis próximos, a endebedarse para saldar débedas de xogo e así poder xogar novamente para elimina-la nova débeda contraída, aínda que manifesta que todo se solucionará axiña, cando chegue a “racha boa”.
Minimizan o seu problema manifestando (como o fan outros adictos, por exemplo ó alcohol): “eu déixoo cando queira”. A miúdo, a ludopatía é unha adicción que se presenta asociada a outras: alcohol, tabaco, medicamentos, drogas…
O perfil máis clásico de quen xoga de xeito patolóxico é o dunha persoa caprichosa, con problemas de ansiedade, dificultades de adaptación social e escasa tolerancia das frustracións. No tocante ós tipos de xogo, xunto ó bingo, ás loterías e ós casinos, as máquinas comecartos merecen unha atención específica, aínda que só sexa pola súa proliferación e pola proximidade tan inmediata a toda a poboación.
O atractivo das máquinas comecartos consiste non só na relativa frecuencia con que soan as moedas ó caer, aínda que sexa en pouca cantidade, senón que ademais teñen músicas, palabras seductoras e cores en movemento que estimulan e atraen ó posible xogador. Quen deseñou os programas das máquinas coñecen os mecanismos do comportamento humano. Reforzan de tal xeito a conducta que quen padece algunha debilidade anterior facilmente corre o risco de converterse en adicto a ese xogo e a outros. As máquinas comecartos devólvenlle ó xogador unha porcentaxe fixa dos cartos captados. Pero saibamos que se se xoga de xeito continuado pérdese sempre, irremisiblemente. Mantén a atención e a tensión do xogador concedendo pequenos premios de vez en cando. Como as máquinas poden ser en certa maneira manexadas polo xogador que selecciona opcións mediante pancas ou botóns, fáiselle crer a este que dalgún xeito controla o resultado dos premios que se van obter.
Indicadores que descobren un problema de adicción ó xogo
Que facer ante a ludopatía
- As familias de xogadores patolóxicos poden solicita-la prohibición de que entren a certos lugares de xogo, como bingos ou casinos.
- Se existen indicios razoables de xogo patolóxico, acudir a profesionais especializados e tamén a asociacións de autoaxuda para as ludopatías.
- Normalmente, un ludópata non pode deixar de xogar sen recibir axuda, por moita forza de vontade que teña.
- A ludopatía rara vez ten unha soa causa ou circunstancia. Require a intervención de especialistas da psicoloxía para deseña-lo proceso de deshabituación. É frecuente que o ludópata teña unha personalidade inmatura, medos, sentimentos de inferioridade e falta de responsabilidade.
- Como unha das características do ludópata é a impulsividade, a intervención consistirá nunha reestructuración da personalidade, que lle permita afrontar situacións difíciles, tolera-la frustración e aprender a fixarse límites.
- Ademais, cómpre intervir no contorno familiar ou social, como en calquera outra adicción.
- A familia debe entender que se trata dunha enfermidade e asumi-la responsabilidade de acompañar e axuda-lo paciente no proceso de deshabituación.
- E a prevención. Sen ir máis lonxe, é importante que os fillos non oian a miúdo que unha lotería ou un xogo solucionaría as nosas vidas. Deben saber desde moi cativos que cos xogos de azar sempre se acaba perdendo.
- Preocupación polo xogo (por exemplo, idear maneiras de acadar diñeiro para xogar).
- Necesidade de xogar con cantidades crecentes de diñeiro para acada-lo grao de excitación desexado.
- Fracaso repetido dos esforzos para controlar, interromper ou dete-lo xogo.
- Inquietude ou irritabilidade cando se intenta interromper ou dete-lo xogo.
- O xogo utilízase como estratexia para escapar dos problemas.
- Despois de perder diñeiro no xogo, vólvese xogar para intentar recuperalo.
- Engánase ós membros da familia, ós terapeutas ou a outras persoas para oculta-lo grao de implicación no xogo.
- Cométense actos ilegais como falsificacións, fraude, roubo ou abusos de confianza para financia-lo xogo.
- Puxéronse en risco ou perdéronse relacións interpersoais significativas, traballo ou oportunidades profesionais por causa do xogo.
- Confíase en que os demais proporcionen uns cartos que alivien a situación financeira causada polo xogo.