Gardar e conservar medicamentos na casa

Revise periodicamente a botica de primeiros auxilios

1 Xaneiro de 2004
Img consejos listado 135

Revise periodicamente a botica de primeiros auxilios

Amorea-las medicinas sen orde nin concerto pode orixinar máis dun desgusto. Para manter correctamente unha botica domiciliaria cómpre atender non soamente ás condicións de conservación, senón tamén a outros aspectos como a cantidade de medicamentos e a súa caducidade. E, por suposto, é fundamental mantelos fóra do alcance dos nenos, pouco ou nada conscientes do perigo que pode supo-la inxestión accidental de medicamentos.

Revise a botica de primeiros auxilios

  • Evite gardar moitas medicinas, o seu control resultaralle máis difícil.
  • Revise a súa botica periodicamente -o ideal é facelo cada tres ou catro meses- e retire os medicamentos caducados ou que xa non precise. Desbote tamén os que cambiaran de cheiro ou de cor -aínda que non vencese a súa data de uso-, e os medicamentos dos que non conserve o prospecto. Os medicamentos caducados poden perde-la potencia co tempo e causar intoxicacións ou envelenamentos severos.
  • Escriba na caixa a data de compra e para que está destinado o seu uso.
  • Para evita-la posibilidade de automedicarse, non conserve as medicinas sobrantes dos tratamentos prescritos polo médico.
  • Non guinde os medicamentos desbotados ó lixo. Léveos á farmacia ou a unha planta de reciclaxe.

Coidado cos nenos

  • Manteña tódolos medicamentos fóra do alcance dos nenos. Preferiblemente, gárdeos baixo chave; calquera precaución é pouca contra a curiosidade dos máis cativos. Non tome medicamentos diante deles nin lles diga que saben a caramelo, xa que así espertará aínda máis o seu interese por eles.
  • Tamén hai que gardar fóra do alcance dos nenos os suplementos de vitaminas e minerais, caramelos para a gorxa…
  • Teña sempre á man, especialmente se vive con nenos pequenos, o teléfono de urxencias toxicolóxicas. E non agarde a precisar ese número para buscalo e anotalo na lista de teléfonos para emerxencias.
  • A maioría das intoxicacións infantís (o 30%) son causadas pola inxestión accidental de medicamentos.

Onde e como gardalos

  • Almacene os medicamentos e subministracións médicas nun lugar limpo, seco e fresco, protexido da luz e ó abeiro de ratos ou cascudas. Algúns medicamentos, como os xaropes, cómpre gardalos na neveira. Manteña os medicamentos no seu envase orixinal.
  • Non os garde no baño ou na cociña, xa que os cambios frecuentes de humidade ou de temperatura destes lugares poden anular, degradar ou diminuí-la potencia das menciñas.
  • Lea atentamente os prospectos. Se a temperatura á que cómpre conserva-lo medicamento é inferior á ambiental, utilízase o símbolo Q e as condicións de conservación recóllense no prospecto, mediante lendas como “conservar no frigorífico dentro da súa propia caixa” ou “non conxelar”.
  • Conserve sempre os medicamentos e o material sanitario nos seus envases orixinais e cos seus prospectos. Deste xeito poderá seguir sempre as instruccións de xeito correcto e disporá de datos que permitan identifica-lo producto en caso de que ocorra unha reacción non desexada, como unha alerxia ou intoxicación.
  • Se viaxa e debe levar consigo medicamentos, teña coidado cos cambios de temperatura que estes poden sufrir e trate de gardalos no bolso de man.