Reservas de petróleo

¿Canto petróleo queda no mundo?

Ó ritmo actual de consumo mundial as reservas esgotaríanse cara ó ano 2043
1 Xaneiro de 2004
Img medioambiente listado 243

¿Canto petróleo queda no mundo?

Esta pregunta esperta periodicamente o interese do cidadán e máis aínda cando unha crise como a de Iraq salta ós medios de comunicación. Segundo diversos estudios, no 2002 quedaban no mundo entre 990.000 millóns e 1,1 billóns de barrís de cru por extraer. Isto significa que ó ritmo actual de consumo mundial estas reservas esgotaríanse cara ó ano 2043, data que podería ser anterior se o consumo de enerxía aumentase, como se prevé que aconteza por parte dos países en vías de desenvolvemento. Sen embargo, estas previsións non inclúen o achado de novos pozos ou a posibilidade de extraer petróleo de zonas que na actualidade son consideradas reservas naturais e, polo tanto, non perforables. A dependencia de petróleo da nosa sociedade queda patente co seguinte dato: en 1880 a producción mundial, localizada case por completo nos Estados Unidos, era inferior ó millón de toneladas. Hoxe, a producción supera os 3.500 millóns de toneladas.

¿Que países son productores de petróleo?

As tres zonas que concentran a producción mundial son Oriente Medio, a antiga Unión Soviética e os Estados Unidos; arredor do 70% do cru do mundo procede delas. Sen dúbida, a rexión máis importante é a de Oriente Medio, que axunta as condicións óptimas para a explotación deste hidrocarburo: abundancia de domos salinos que crean grandes bolsas de petróleo, unha inmellorable localización xeográfica -a súa situación costeira- e unha orográfica que facilita a construcción de canalizacións que permiten o transporte cara ós portos do cru, para distribuírse desde alí. Arabia Saudita, con case o 12% da producción total, é o maior productor do mundo.
O caso dos Estados Unidos é peculiar. Aínda que se beneficia dunha producción moi alta, resulta insuficiente para satisface-lo seu consumo interno, polo que se ve obrigado a importar petróleo. A terceira zona na discordia, os territorios que formaban a antiga URSS, extrae cru abondo como para cubri-las súas necesidades e mesmo para exportalo. Sen embargo, cómpre non esquecérmonos doutros países clave no mapa do ouro negro: Venezuela, México e a China. Cada un proporciona case o 5% da producción mundial.

¿Por que sobe o prezo do petróleo?

A razón principal hai que a buscar no tradicional xogo da oferta e da demanda. Ó tratarse dunha enerxía esgotable de consumo máis intensivo en momentos de auxe económico, a demanda preme sobre a oferta e sobe os prezos. Á lei do mercado cómpre engadirlle a presión dos países membros da OPEP, que reducen ou aumentan a producción de cru segundo os seus intereses. E, para complicar máis a comprensión do mercado deste combustible, tórnase fundamental seguir de preto a fluctuación do dólar: nesta moeda cotiza o cru e con ela exprésase o valor do barril.

¿Como se forma e se extrae o petróleo?

O petróleo é unha substancia combustible, negra e viscosa, líquida a temperatura e presión normais. A súa orixe está na descomposición das substancias orgánicas pola acción de microbios que non precisan de osíxeno para vivir (anaerobios). O petróleo formouse hai millóns de anos a partir de animais e plantas que se converteron en fósiles. Para fosilizarse, un animal debe quedar enterrado en lama ou area antes de que se descompoñan os seus ósos. Durante milleiros de anos as capas de sedimentos acumuláronse sobre os seus restos óseos e os minerais depositáronse ata converterse no que hoxe coñecemos como petróleo.
En 1859 o empresario norteamericano Drake mandou perforar un pozo en Oil Creek, Pennsylvania, do que extraeu petróleo por metros cúbicos. Deste xeito comezou a chamada “febre do ouro negro”. Xeralmente, o petróleo atópase pechado nos espacios que hai entre os grans de area que forman as rochas chamadas areniscas, que poden ser de orixe mariña, fluvial, glacial ou lacustre. Como consecuencia dos seus diferentes pesos específicos, atopámo-lo petróleo acumulado sobre a auga salgada, que sempre o acompaña, e por baixo do gas natural, que ocupa a parte superior da zona. As reservas petrolíferas atópanse baixo a superficie terrestre a centos ou a milleiros de metros de profundidade e o único método seguro para localizalas son as sondaxes exploratorias. Hoxe en día, a técnica máis empregada para extrae-lo petróleo dos pozos é mediante a perforación rotatoria. A través dos oleoductos condúcese ós tanques de almacenamento, desde onde se envía ó seu destino.

Clasificación de compañías petroleiras Milleiros de barrís/día (Ano 2000)
1. Gazprom (Rusia) 9.606
2. Saudi Aramco (Arabia Saudita) 8.613
3. NIOC (Irán) 4.509
4. Exxon Mobil (EE.UU)* 4.406
5. Pemex (México) 4.169
6. Royal Dutch/Shell (Holanda)* 3.685
7. PDV (Venezuela) 3.640
8. BP (Reino Unido)* 3.107
9. Sonatrach (Alxeria) 2.788
10. NOC (Iraq) 2.583
………….
30. Repsol YPF * (España) 675

*Privadas

Reservas de petróleo mundiais (2001) * Milleiros de millóns de barrís
Arabia Saudita 265, 3
Irak 115
Kuwait 98
Irán 96,4
Emiratos Arabes Unidos 62,8
Rusia 54,3
Venezuela 47,6
China 46,6
Libia 30
México 26,9
Nigeria 24,1
Estados Unidos 22
Alxeria 12,7
Noruega 10,1

Alternativas ó petróleo

Hai xa tempo que existen alternativas ó petróleo tanto para o seu uso industrial como para o combustible que utilizamos para os nosos vehículos. Así, hai anos que se vén investigando con aceites vexetais (máis ecolóxicos e que poderían ser máis baratos se se estendese o seu consumo) ou co practicamente inacabable Hidróxeno. Os fabricantes de automóbiles deseñaron xa prototipos avanzados con motores baseados neste gas. Ademais, as compañías petrolíferas levan anos intentando diversificarse cara a outros sectores, e, chegado o momento, ocuparanse de monopoliza-la manufactura e distribución dos combustibles alternativos.

Reservas en España: 90 días

España, como membro da Axencia Internacional da Enerxía (AIE), mantén unhas reservas de petróleo e carburantes equivalentes a 90 días de consumo. Os primeiros 30 días considéranse reservas estratéxicas baixo control da Corporación de Reservas Estratéxicas de Productos Petrolíferos (Cores), dependente do Ministerio de Economía. Os 60 días restantes son reservas comerciais que as petroleiras deben manter de xeito obrigatorio. A normativa sobre reservas establece que “en situacións de escaseza de subministración de fontes enerxéticas, pódese ordena-lo sometemento das existencias mínimas de seguridade, incluídas as reservas estratéxicas, a un réxime de intervención baixo o control directo de Cores, co obxecto de induci-la máis adecuada utilización dos recursos enerxéticos dispoñibles”.