Os menos graxos e azucrados gústanlles igual e son máis saudables

Cereales infantís de almorzo

Adecuados para variar os almorzos e facelos máis completos e nutritivos, son enerxéticos e gústanlles aos nenos. Elixir os máis saudables, a clave
1 Xaneiro de 2008
Img analisis listado 167

Cereales infantís de almorzo

/imgs/20080101/analisisa01.jpg

Os cereais en flocos ou expandidos constitúen unha boa opción para a primeira parva do día, porque teñen menos graxa ca a pastelaría e achegan unha cantidade axeitada de hidratos de carbono, fibra, vitaminas e minerais. Hai moitas clases de cereais de almorzo e, en contra do que se podería pensar, acertar no tipo de cereais que se consomen decote non é unha cuestión menor. Os nenos deben alimentarse, desde os seus primeiros anos de vida, dun xeito saudable: o aumento da incidencia da obesidade infantil considérase xa, pola súa irrefreable tendencia á alza, un problema de saúde pública nas sociedades máis desenvolvidas. Os nutricionistas aconsellan que os almorzos se conciban nas familias como unha comida máis, e que cando se opte por estes cereais transformados se elixan os que conteñan menos azucres, graxas saturadas e sal. A boa noticia é que os pais non deben temer que os nenos os rexeiten. Porque, como demostra a cata realizada por CONSUMER EROSKI para a análise comparativa de 11 mostras de tres das variedades de cereais de almorzo máis consumidas no noso país (azucrados, chocolateados e con mel), os nenos non aprecian a diferenza entre os cereais de almorzo máis saudables e os demais: gústanlles igual uns e mais os outros.

Que son

Os cereais analizados obtéñense a partir de diversos grans de cereal, principalmente de trigo, millo, arroz, e por veces, da mestura de fariñas (millo, arroz, avea e trigo). A gran variedade de produtos determínana tanto o seu proceso de elaboración coma os ingredientes incorporados. Ademais dos propios cereais, azucre, mel e chocolate ou cacao, como ingredientes comúns inclúen aditivos como edulcorantes (frutosa, xarope de glicosa-frutosa), aceite vexetal, sal, extracto de malte de cebada e colorante (caramelo, beta-caroteno). Ademais, engádenselles vitaminas do complexo B (tiamina, riboflavina, niacina, ácido fólico, piridoxina e vitamina B12), vitamina D, e diversos minerais, polo xeral, calcio e ferro. Tamén poden conter outros ingredientes, como leite en po, ovo e froitos secos.

Son moi enerxéticos (cen gramos destes cereais achegan entre 350 e 400 calorías, segundo as mostras), debido tanto ao seu gran contido en hidratos de carbono (entre o 74% e o 82% do produto, segundo a mostra de que se trate) como á súa cativa cantidade de auga. A achega de proteínas (entre o 5% e o 9%) e graxas (entre o 1% e o 8%) varía moito entre as mostras analizadas e sempre depende máis dos ingredientes engadidos ca do tipo de cereal. Importante é tamén a cantidade de fibra (entre o 5% e o 8% do produto).

As conclusións

O estudo comprobou que todas as mostras se axustaban aos requisitos fixados pola norma de calidade (grao de humidade), que as súas etiquetas ofrecían toda a información obrigatoria, que o seu estado hixiénico-sanitario era correcto e que non contiñan ingredientes modificados xeneticamente. A medición da cantidade de vitaminas realizada no laboratorio revelou que, neste caso e polo xeral, estes cereais de almorzo se axustan ao declarado nas súas etiquetaxes. A excepción tivo como protagonista a vitamina B2: os cereais Kellogg’s Chocos contiñan un 36% menos de B2 do declarado e Nestlé Estrellitas un 39% menos, déficits abondos para incumprir a norma de etiquetaxe. Para compensar a marxe de erro da metodoloxía analítica e asegurar a fiabilidade do resultado, consideráronse incorrectos resultados por riba do 30% de déficit en vitaminas respecto do declarado.

No aspecto nutricional, a análise de graxas revelou que en dous destes once cereais o perfil lipídico era pouco saudable: non só a metade da súa graxa era saturada (iso ocorreu tamén noutras dúas mostras) senón que ademais eran os de máis graxa total (7% e 8% do produto). Por outra banda, o contido de graxas trans (menos saudables aínda ca as saturadas, proveñen da hidroxenación parcial de aceites vexetais) comprobouse irrelevante: catro mostras carecían de graxa trans, en tres representaba só un 0,10% do total da graxa, e unicamente nunha (que ademais tiña moi pouca graxa: o 1%) a trans era o 0,60% da graxa.

Os cereais máis azucrados foron Nestlé Cheerios, Kellogg’s Chocos (ambos, un 46% de azucre), Kellogg’s Smacks (44%), Nestlé Chocapic Duo e Kellogg’s Frosties (ambos, 42% de azucre). E os máis salgados, Nestlé Cheerios (640 mg de sodio/100 g) e Kellogg’s Choco Krispies (500 mg/100 g). A mellor relación calidade-prezo é Nestlé Nesquik, chocolateados, os cereais máis baratos (saen a 4,88 euros o quilo) e cunha boa composición nutricional.

Fortificados en vitaminas e minerais

Os fabricantes das once mostras estudadas fortifican os cereais de almorzo con vitaminas e minerais. Pero non incorporan estes micronutrientes dun nun, senón en forma de preparados que lles mercan a empresas especializadas e nas concentracións exactas que o fabricante estableceu en cada produto. Por iso, aínda que algúns dos cereais analizados chegan a estar enriquecidos ata con 10 vitaminas e varios minerais, o laboratorio analizou só tres vitaminas (niacina, B1 e B2), presentes en todas as mostras. Se hai déficit nas tres vitaminas, moi probablemente haberá un baixo contido en boa parte delas. Os resultados da análise específica de laboratorio indican que, polo xeral, os fabricantes enriquecen os seus produtos tal e como indican nas súas etiquetaxes e que o fan en cantidades semellantes ás declaradas, ata nalgúns casos as concentracións atopadas foron superiores ás anunciadas. Pero en dúas mostras a cantidade de vitamina B2 foi inferior á declarada na etiqueta; en concreto un 36% inferior en Nestlé Estrellitas e un 39% menor en Kellogg’s Chocos. Tendo en conta que nestas mostras a cantidade das outras dúas vitaminas analizadas se axustaba ao declarado, non pode concluírse que a cantidade das vitaminas engadidas non analizadas fose inferior á declarada.

Os cereais de almorzo infantil fortificados con vitaminas e minerais considéranse alimentos funcionais dado que axudan a cubrir unha parte das necesidades nutritivas de vitaminas e minerais en etapas de crecemento e desenvolvemento. Algúns destes nutrientes interveñen como cofactores de reaccións implicadas no metabolismo e na obtención de enerxía dos nutrientes e, polo tanto, son de grande importancia para os nenos en pleno crecemento. No entanto, se a dieta infantil é variada en alimentos e ben proporcionada en cantidades os nenos poden cubrir con alimentos naturais as súas necesidades destes nutrientes.

En síntese

En síntese e táboa comparativa

  • Analizáronse once cereais de almorzo en formatos desde 325 ata 500 gramos e de tres variedades distintas: dous cereais azucrados, tres con mel e os seis restantes con chocolate ou chocolateados, todos eles dirixidos ao consumo infantil. Os formatos van desde 325 ata 500 gramos, e saen a un prezo por quilo de entre 4,88 euros (Nestlé Nesquik) ata 8,12 euros Nestlé Chocapic Duo (tamén, chocolateados). Os de mel saen ao redor de 5,80 euros o quilo e os azucrados entre 5,60 e 5,87 euros o quilo.
  • Son moi enerxéticos (entre 350 e 400 calorías cada cen gramos), debido tanto ao seu gran contido en hidratos de carbono (entre o 74% e o 82% do produto) coma ao seu escaso contido en auga. O contido en proteínas (entre o 5% e o 9%) e graxas (entre o 1% e o 8%) varía moito e depende máis dos ingredientes engadidos ca do tipo de cereal empregado.
  • Para un consumo habitual os cereais de almorzo máis saudables son os menos azucrados, menos graxos e menos salgados.
  • O perfil lipídico de Nestlé Chocapic Duo e Nestlé Crunch é pouco saudable, xa que máis da metade da súa graxa é saturada e son os de máis graxa total: 8% e 7%, respectivamente. Pola contra, Kellogg’s Miel Pops (de mel) ou Kellogg’s Frosties (azucrados) non só non chegan ao 20% de saturada, senón que apenas teñen graxa (1% e 3%, respectivamente).
  • O contido de vitamina B2 foi inferior ao declarado en Kellogg’s Chocos (un 39% menos) e Nestlé Estrellitas (un 36% menos). Xa que logo, ambos os dous cereais de almorzo incumpren a norma de etiquetaxe. As demais mostras conteñen vitaminas en cantidades semellantes ou superiores ás que indican nas súas etiquetas.
  • Os consumidores do panel de cata (nenos e mozos de 12 a 18 anos) non acharon diferenzas organolépticas salientables entre as mostras de cada un dos tres grupos (cereais azucrados, chocolateados e con mel). Xa que logo, os pais poden elixir para o consumo habitual os máis saudables: é de esperar que os nenos non se queixen polo cambio.
  • A mellor relación calidade-prezo é Nestlé Nesquik chocolateados, os máis baratos (4,88 euros o quilo) e cunha boa composición nutricional. Outra opción sería Kellogg’s Miel Pops (6,77 euros o quilo), a mellor desde unha perspectiva nutricional: só un 1% de graxa, moita fibra (8%), pouco sal e non excesivamente calóricos.
Nestlé Nesquik Nestlé Chocapic Kellog’s Chocokrispies Kellog’s Chocos Nestlé Crunch cereales
Produto Choco- lateados Choco- lateados Choco- lateados Choco- lateados Choco- lateados
Formato (g) 500 500 500 500 375
Prezo (euros / quilo) 4,88 6,05 5,26 5,68 5,26
Etiquetaxe Correcto Correcto Correcto Incorrecto Correcto
Humidade (%) 3,2 3,6 3,9 3,9 3,3
Hidratos de carbono (%) 77,3 75,9 79,4 75,9 74,4
Azucres (%) 17,9 33,3 25,3 46,1 34,5
Proteína (%) 7,7 7,7 6,4 7,6 7,3
Graxa total (%) 3,4 4,3 2,2 1,9 7,3
Trans (%) 1 0,10 0,30 0,10
Saturada (%) 47 44,7 56,7 58,6 50
Monoinsaturada (%) 37,1 36,4 34,7 32,4 37,4
Poliinsaturada (%) 16 18,9 8,6 8,8 12,7
Valor calórico (Kcal/100 g) 371 373 363 351 392
Fibra total (%) 6 6,4 5,3 8,2 6,3
Fibra soluble (%) 1,8 2 1,4 2 1,4
Fibra insoluble (%) 4,2 4,4 3,9 6,2 4,9
Sodio (g/100 g) 2 0,22 0,17 0,5 0,43 0,03
Vitaminas3
Niacina (mg/100 g) 21,8 21,9 20,8 21,5 22,4
Vitamina B1 (mg/100 g) 1,2 0,9 1 1,1 1,1
Vitamina B2 (mg/100 g) 1,8 1,6 1 0,8 1,2
OGM 4 Negativo Negativo Negativo Negativo Negativo
Estado microbio- lóxico Correcto Correcto Correcto Correcto Correcto
Cata (de 1 a 9) 7,2 7,5 7,1 7,3 7,1
Nestlé Chocapic DUO Nestlé Cheerios Nestlé Estrellitas Kellog’s Miel Pops Kellog’s Smacks Kellog’s Frosties
Produto Choco- lateados Con mel Con mel Con mel Azucrados Azucrados
Formato (g) 325 375 375 375 375 375
Prezo (euros / quilo) 8,12 5,36 5,28 6,77 5,68 5,53
Etiquetaxe Correcto Correcto Incorrecto Correcto Correcto Correcto
Humidade (%) 2,3 3,1 3,1 4,2 3,1 4,5
Hidratos de carbono (%) 73,5 75,8 81,2 79,7 81,3 81,9
Azucres (%) 42,4 46,1 17 27,2 44 41,9
Proteína (%) 7,9 9,1 6,4 5 7,2 4,6
Graxa total (%) 8,1 3,5 3,1 1,2 1,1 2,8
Trans (%) 1 0,10 0,10 0,20 0,60
Saturada (%) 57,2 25,1 59,5 12,8 22 19,2
Monoinsaturada (%) 34 45,1 39,8 28 27,3 39,8
Poliinsaturada (%) 8,7 30 1 59,1 50,7 41
Valor calórico (Kcal/100 g) 399 371 378 350 364 371
Fibra total (%) 6,1 5,5 4,8 8,1 5,8 4,5
Fibra soluble (%) 1,8 2,1 1,8 1,2 2,4 1,5
Fibra insoluble (%) 4,3 3,4 3 6,9 3,4 3
Sodio (g/100 g) 2 0,13 0,64 0,14 0,27 0,008 0,43
Vitaminas3
Niacina (mg/100 g) 17,3 16 11,6 18,5 18,8 18,6
Vitamina B1 (mg/100 g) 0,9 1,2 1,8 1,9 2,2 1,8
Vitamina B2 (mg/100 g) 1,2 1 0,9 1 1 1,6
OGM 4 Negativo Negativo Negativo Negativo Negativo Negativo
Estado microbio- lóxico Correcto Correcto Correcto Correcto Correcto Correcto
Cata (de 1 a 9) 7,9 7,1 7,1 7,4 6,9 7,2

(1) Graxas trans: graxas parcialmente hidroxenadas capaces tanto de aumentar o colesterol malo do sangue coma de diminuír o bo.

(2) Sal: o consumo máximo recomendado de sal nos nenos entre 1 e 3 anos é de 2 gramos ao día; nos de 4 a 6 anos, de 3 gramos ao día e nos de 7 a 10 anos, de 5 gramos ao día.

(3) Vitaminas: debido ás marxes de erro da analítica, considéranse contidos incorrectos de vitaminas os que se encontran un 30% ou máis por baixo do indicado na etiquetaxe de cada produto.

(4) OGM: organismos modificados xeneticamente.

Un a un

Un a un, 11 CEREAIS INFANTÍS DE ALMORZO

Nestlé Nesquik

  • “Cereais de trigo, millo e arroz torrados ao chocolate”
  • Caixa de 500 gramos. Saen a 4,88 euros/quilo, os máis baratos.
  • A mellor relación calidade-prezo.
  • Dos menos azucrados (18%).
  • Na cata reciben 7,2 puntos: gusta a súa “cor” e o seu “sabor”, pero tamén opinan os mozos catadores que están “duros” e que “saben pouco a chocolate”.

Nestlé Chocapic

  • “Cereais de trigo torrados con chocolate”
  • Caixa de 500 gramos. Saen a 6,05 euros/quilo.
  • Na cata reciben 7,5 puntos: gustaron polo seu “sabor” e pola súa “forma”; pero foron criticados por “grandes” e polo seu “sabor pouco intenso”.

Kellogg's Chocokrispies

  • “Arroz torrado con chocolate”
  • Caixa de 500 gramos. Saen a 5,26 euros/quilo.
  • Dos menos azucrados, pero entre os máis salgados (500 mg de sodio cada cen gramos).
  • Na cata reciben 7,1 puntos: gusta o seu “sabor”; pero tamén consideran algúns catadores que “abrandan moito ao mesturalos co leite”.

Kellogg's Chocos

  • “Trigo torrado con sabor a chocolate”
  • Caixa de 500 gramos. Saen a 5,68 euros/quilo.
  • Os máis azucrados (46%), pero dos menos calóricos. Un dos dous con máis fibra (8,2%). Contido en vitamina B2 inferior ao declarado (un 39%), incumpre a norma de etiquetaxe.
  • Na cata reciben 7,3 puntos: gustan polo seu “sabor” e pola súa “forma”; pero non tanto “a sensación ao mastigar” e o seu “sabor pouco intenso”.

Nestlé Crunch

  • “Arroz, trigo e millo torrados con chocolate con leite”
  • Caixa de 375 gramos. Saen a 5,26 euros/quilo.
  • Perfil lipídico pouco saudable: moita graxa (o 7,3%) e a metade dela, saturada. Dos máis calóricos (392 calorías cada cen gramos). Moi pouco salgados.
  • Na cata reciben 7,1 puntos: gusta a súa “cor”, pero á súa vez son criticados por “moito sabor a chocolate” e por “duros”.

Nestlé Chocapic DUO

  • “Flocos de trigo e arroz torrados con chocolate (o 25% recubertos de chocolate branco)”
  • Caixa de 325 gramos. Saen a 8,12 euros o quilo, os máis caros.
  • O peor perfil lipídico: son os máis graxos (8,1%) e ademais, o 57% da súa graxa é saturada, pouco saudable. Moi azucrados (42% de azucre). Moita graxa e moito azucre equivale a moita enerxía: 399 calorías cada cen gramos.
  • Na cata conseguen 7,9 puntos: gustan polas súas “dúas cores” e pola “mestura de sabores”; foron criticado por anacos “brancos demasiado doces”, por “grandes” e pola “sensación ao mastigar”.

Nestlé Cheerios

  • “Aneis de cereais con avea integral torrados e mel”
  • Caixa de 375 gramos. Saen a 5,36 euros quilo.
  • Os máis proteicos (9%), pero tamén os máis azucrados (46%) e os máis salgados (640 miligramos de sodio cada cen gramos).
  • Na cata logran 7,1 puntos: gustaron polo seu “sabor”, e foron criticados pola súa “cor escura” e por resultar “moi brandos co leite”.

Nestlé Estrellitas

  • “Cereais de millo, trigo e avea torrados con mel”
  • Caixa de 375 gramos. Saen a 5,28 euros/quilo.
  • Non teñen moita graxa (3%), pero o 60% dela é saturada. Pouco azucre (17%). Conteñen bastante fibra (case o 5%), pero moitas mostras achegan maior cantidade. Contido en vitamina B2 inferior ao declarado (un 36%), incumpre a norma de etiquetaxe.
  • Na cata conseguen 7,1 puntos sen destacar en ningún parámetro.

Kellogg's Miel Pops

  • “Millo inchado con mel e azucre”
  • Caixa de 375 gramos. Saen a 6,77 euros/quilo, dos máis caros.
  • Unha opción interesante, por ter a mellor composición nutricional: un perfil lipídico moi saudable (só o 1% de graxa, e ademais, dela, moi pouca é saturada), pouco azucre (27%) e moita fibra (8%).
  • Na cata logran 7,4 puntos: gustaron por bastante “sabor a mel” e por “crocantes”; a boa parte dos mozos catadores parecéronlles “moi doces”.

Kellogg's Smacks

  • “Trigo inchado e azucrado”
  • Caixa de 375 gramos. Saen a 5,68 euros/quilo.
  • Moi pouca graxa (1%). Sen graxa trans. Entre os máis azucrados (44%), pero os menos salgados.
  • Na cata, reciben 6,9 puntos: foron criticados pola súa “cor” e por ser “brandos”.

Kellogg's Frosties

  • “Flocos de millo torrados e azucrados”
  • Caixa de 375 gramos. Saen a 5,53 euros/quilo.
  • Os menos proteicos (4,6%). Bo perfil lipídico: carece de graxa trans, ten pouca graxa (3%) e a súa proporción de saturada é modesta (19%). Moito azucre (42%). Ten bastante fibra (4,5%), pero outras moitas mostras achegan maior cantidade.
  • Na cata, reciben 7,2 puntos: gustou o seu “sabor”, pero foron criticados por “grandes” e “moi doces”.