A EPOC, unha enfermidade evitable
A EPOC é unha enfermidade de carácter crónico que se caracteriza por unha dificultade crecente do paso de aire a través dos bronquios. Debido á mingua do fluxo respiratorio, os enfermos experimentan afogo (disnea) no momento de andar, realizar esforzos ou exercicio físico ou cando padecen un arrefriado ou unha infección respiratoria. Os síntomas iniciais da enfermidade son tose, expectoración matutina e dificultade para respirar. A bronquite crónica ou o enfisema pulmonar son as súas manifestacións máis frecuentes, e o tabaco, o principal culpable. Estudos recentes avalan que preto do 90% dos enfermos diagnosticados son ou foron fumadores.
Malia que o tabaquismo é a causa principal de EPOC, a exposición ao fume da combustión de biomasa (leña e carbón) en lugares pechados, o traballo nun ambiente laboral con gran cantidade de partículas de po en suspensión, como acontece nalgunhas granxas, ou a contaminación atmosférica explican un bo número de casos. A estas causas cómpre engadir a posibilidade de padecer un déficit do encima alfa-1-antitripsina (DAAT), un trastorno xenético hereditario que causa a destrución de tecido pulmonar e que se pode detectar cunha simple análise de sangue. Non obstante, o déficit adoita tardar ata sete anos en ser diagnosticado correctamente.
Detección precoz
A EPOC adoita manifestarse a partir da quinta ou sexta década da vida, aínda que cada vez aparece a idades máis temperás (en certos casos pode aparecer a partir dos 40 anos). A miúdo, quen a padece non lle concede importancia aos seus primeiros síntomas, en especial a expectoración matutina, que se asocian a achaques propios do proceso natural de avellentamento. Debido a esta confusión, non se consulta ao médico. E cando se chega ao especialista, raras veces se debe á tose ou pola expectoración. É a disnea o que causa a alarma.
A espirometría, unha proba sinxela ao alcance de calquera centro de atención primaria, adoita ser o primeiro paso do diagnóstico. A través dela pódese medir o grao de obstrución dos bronquios e pódese clasificar a enfermidade segundo o grao de afectación en leve, moderada ou severa.
Segundo o estudo IBERPOC, que recolle datos sobre a enfermidade en España, estímase que o 9% da poboación padece EPOC, aínda que só unha pequena proporción, un de cada cinco, foron diagnosticados. De todos os casos, segundo o estudo, a metade diagnostícase en fases avanzadas. Os datos sinalan tamén que esta patoloxía respiratoria é moito máis frecuente en homes (o 87% dos pacientes) ca en mulleres. A incorporación tardía da muller ao hábito do tabaco e que a enfermidade se manifeste en idades avanzadas e tras un longo período de latencia explica a diferenza. Agora ben, dado o cambio de hábitos da muller con respecto ao tabaco, prevese que a proporción de mulleres afectadas aumente.
A crueza dos datos reforza a necesidade de establecer un diagnóstico precoz para iniciar canto antes o tratamento e mellorar o prognóstico. Neste sentido, os especialistas avogan por se centraren en dúas grandes frontes de batalla.
Por unha banda, recoméndase que todas as persoas de máis de 40 anos que experimenten unha dificultade crecente para respirar ante o mínimo esforzo, e que sexan ou foran fumadores, acudan ao médico de familia para confirmar se os seus síntomas se corresponden cun diagnóstico de EPOC. Esta simple actuación abondaría, segundo o documento de consenso elaborado pola Sociedade Española de Neumoloxía e Cirurxía Torácica (SEPAR), SEMERGEN e a Sociedade de Respiratorio de Atención Primaria, para mellorar a detección e o manexo do enfermo nos primeiros niveis da atención sanitaria.
A segunda fronte, moito máis complexa, pasa por identificar ás persoas que padezan DAAT. Os especialistas, en particular os neumólogos, insisten no valor do consello xenético para limitar a transmisión do déficit ou para detectar posibles casos dentro dun grupo familiar.
Deixar de fumar, a mellor estratexia
Determinadas as causas que conducen á aparición de EPOC, o abandono do tabaco e mais evitar ambientes cargados con fume de biomasa ou contaminación atmosférica excesiva, son as mellores, por non dicir as únicas, estratexias preventivas válidas. O mesmo principio serve cando a enfermidade xa se manifestou. O abandono do tabaco, amais de fármacos paliativos e, en última instancia, a administración de osíxeno, son as únicas opcións para mellorar as expectativas e a calidade de vida do paciente.
Moi a miúdo non abonda co imprescindible abandono do tabaco. É daquela cando se recorre a fármacos paliativos para intentar conter a progresión da enfermidade. En fases estables, a opción máis habitual son os broncodilatadores, medicamentos que poden administrarse a demanda para aliviar a sensación de disnea nun determinado momento, ou de maneira pautada polo especialista, para intentar aliviar a obstrución dos bronquios.
Nos casos de exacerbacións da EPOC (empeoramento súbito da enfermidade), recórrese á inhalación de corticoides. O uso de antibióticos queda restrinxido á presenza de infección bacteriana, que se manifesta cun aumento da expectoración, esputo purulento e maior dificultade ao respirar. En fases máis avanzadas tamén se utilizan corticoides orais. O uso de teofilina e aminofilina, aínda que melloran a disnea e a tolerancia ao esforzo, é actualmente controvertido polo alto risco de aparición de efectos adversos.
Nas fases máis avanzadas da enfermidade, o paciente pode necesitar unha achega extra de osíxeno. Nestes casos recoméndase osixenoterapia en domicilio. Aínda que a tecnoloxía mellorou notablemente nos últimos anos, o máis habitual é que o paciente se vexa forzado a vivir atado a unha bombona de osíxeno. Normalmente, entre 16 e 19 horas ao día.
En casos extremos pode optarse polo transplante de pulmón, aínda que é unha opción reservada para pacientes novos nos que hai un risco vital manifesto.
Rehabilitación respiratoria
A rehabilitación respiratoria, unha técnica aplicable en todas as fases da enfermidade, representa unha técnica válida para mellorar a función respiratoria. Nas fases leves o programa de rehabilitación é sinxelo. Abonda un cambio de hábitos de vida, abandonar o tabaco, facer exercicio e realizar fisioterapia respiratoria. Na fase moderada ou grave, a rehabilitación pode intensificarse mediante fisioterapia e adestramento muscular. O esforzo que se esixe en cada caso varía en función do paciente, pero por norma xeral o programa supera os tres meses de duración.
Aínda que non mellora a función pulmonar nin se puido demostrar que a rehabilitación respiratoria teña un impacto nun menor uso de recursos sanitarios, viuse que reduce a sensación de disnea, mellora a capacidade de esforzo para a vida cotiá e aumenta a calidade de vida dos pacientes en calquera fase da enfermidade.
No tocante á oferta deste tipo de tratamento, só Andalucía contempla explicitamente a rehabilitación respiratoria, tanto domiciliaria como ambulatoria, na súa carteira de servizos de atención primaria, mentres que en Cataluña se describiu un plan de rehabilitación conxunto para varias áreas asistenciais (neuroloxía, traumatoloxía, neumoloxía e solo pelviano).
Como previr a EPOR?
- Non fumar
- Evitar ambientes pulvíxenos (con partículas en suspensión o aire) no medio laboral.
- Evitar a contaminación atmosférica
- Facer exercicio físico: andar ou pedalear en bicicleta media hora diaria.
- Facer o test do déficit de alfa-1 antitripsina (para establecer un tratamento precoz)
- No mundo a EPOC causa tres millóns de mortes ao ano.
- En España provoca 18.000 mortes anuais.
- É a primeira causa de morte previble.
- É a cuarta causa de morte dende 2000.
- Será a terceira causa de morte no 2020, só superada por enfermidades cardiovasculares e cancro.
- A OMS estima que causará o 27% das mortes a partir de 2020.
- En España xera un gasto sanitario de 3.000 millóns de euros.
- Unha de cada cinco persoas con EPOC non foi diagnosticada.
- A mortalidade das mulleres duplicouse nos últimos 20 anos.
- O 50% dos pacientes con EPOC que acoden ás consultas de atención primaria falecen aos 10 anos do diagnóstico.
Fontes: SEPAR e Consenso Nacional sobre EPOC en Atención Primaria