A inmigración é cousa de todos

O conxunto da sociedade tamén pode colaborar na diminución das dificultades que afrontan os que chegan doutros países na procura dun futuro mellor
1 Xaneiro de 2008
Img informe listado 497

A inmigración é cousa de todos

/imgs/20080101/informe01.jpg
O peor xa pasou! Esta expresión, tan común entre os inmigrantes que chegan a España, pouco ten que ver coa realidade. As dificultades, lonxe de rematar, transfórmanse. Unha vez ‘instalados’, os principais problemas das persoas que acoden ao noso país na procura dun futuro mellor (superan xa os 3,7 millóns, o 8,4% da poboación) son catro: conseguir unha vivenda, un traballo, a obtención da tarxeta sanitaria, a escolarización dos seus fillos e o recoñecemento do reagrupamento familiar.

Vivenda

Ás dificultades xerais (prezos astronómicos de compra e alugueiro de pisos, hipotecas eternas e intereses polas nubes) súmase por veces o receo, cando non o rexeitamento, por parte dos donos destes inmobles, e os problemas, en especial idiomáticos, para dispoñer dunha información adecuada sobre o mercado inmobiliario. Contar cunha residencia fixa e estable é un requisito básico para que os inmigrantes inicien a súa andaina no novo país. Non hai que esquecer que, ata desde un punto de vista xurídico, é un elemento imprescindible para acceder ás garantías dun estado de dereito.

/imgs/20080101/informe02.jpgApurados pola urxencia de buscar un aloxamento, moitos inmigrantes vense na obriga de desembolsar grandes sumas de diñeiro por un habitáculo que, a miúdo, é insalubre e, ademais, está situado en barrios marxinais. Con todo, e segundo un estudo da Universitat de Barcelona, un de cada catro inmigrantes ten casa propia en España e os titulares do 33% dos préstamos para a adquisición dunha vivenda que se formalizan no noso país son estranxeiros, na súa maioría inmigrantes latinoamericanos.

A desconfianza e as reticencias dos propietarios das casas maniféstanse no temor ao mal uso e á deterioración da vivenda, problemas cos veciños, desvalorización do inmoble se a zona chega a ser catalogada socialmente como “de inmigrantes” etc. Isto tradúcese, principalmente, en dúas actitudes: o rexeitamento a alugarlles aos inmigrantes sen coñecelos, ou arrendarlles unha vivenda pero aplicando un sobreprezo que compense os riscos mediante fórmulas como cobrar por número de persoas que habitan ou fraccionar o tempo de cobro de forma pouco común.

Como colaborar?

O primeiro paso para desterrar este tipo de crenzas e actitudes é non xeneralizar e tratar de axudar na medida do posible. Velaquí algunhas fórmulas:

  • Facilitarlle á persoa inmigrante o teléfono do Concello da localidade de residencia. Alí informarano dos distintos programas de axuda para a vivenda e, se non están aínda en vigor, desviarano a outros departamentos que si lle poidan axudar.
  • Acompañar a unha inmobiliaria ao compañeiro de traballo inmigrante, ao coñecido ou á persoa contratada ou que axuda na casa ou coida familiares enfermos para ‘traducirlle’ aspectos tan importantes como a comisión con que queda a axencia inmobiliaria e os termos do contrato.
  • Moitas ONG pódenlles facilitar vivenda aos inmigrantes durante os primeiros días ata que atopen un traballo e poidan alugala polos seus propios medios.

Asistencia sanitaria

A maioría dos inmigrantes que chegan descoñecen o funcionamento do servizo de atención sanitaria. O tipo de cobertura ao que poden acceder depende da situación persoal de cada inmigrante. Os regulares teñen os mesmos dereitos ca o resto dos cidadáns, pero os que se atopan de forma irregular e non están inscritos no padrón dalgún municipio, só teñen o dereito á asistencia sanitaria de urxencia, que inclúe a atención de enfermidades graves e accidentes ata que recibe a alta médica. Outra opción é estar empadroado, nese caso tense acceso á atención sanitaria nas mesmas condicións ca o resto dos cidadáns. Neste caso está cuberta a atención de enfermidades graves, os accidentes, a atención primaria e especialistas, e a atención de embarazos, partos e posparto. No entanto, os menores de idade e as embarazadas, sexa cal for a súa condición xurídica, teñen pleno dereito á asistencia sanitaria.

Par solicitar a atención médica hai que dirixirse ao Centro de Atención Primaria correspondente ao domicilio do solicitante, coa alta do empadroamento e un documento persoal para que o identifiquen. Alí expídese a tarxeta sanitaria individual que o acredita como usuario do Sistema Nacional de Saúde.

Como colaborar?
  • A contribución comeza por superar tópicos coma que os inmigrantes “gastan o orzamento de Sanidade para españois” ou “son persoas sen dereitos ás que se lles dá atención gratuitamente”. O gasto que supón a atención sanitaria aos inmigrantes é inferior aos ingresos que a inmigración achega ao noso país, tanto a través das cotizacións sociais obrigatorias e dos impostos como mediante a súa participación na produción de riqueza.
  • O seu descoñecemento sobre o funcionamento do servizo de atención sanitaria impídelles, en moitos casos, utilizar correctamente os servizos de saúde que teñen ao seu dispor.
  • A solidariedade en momentos críticos “operacións de gravidade, un mal diagnóstico, a morte dun familiar” é moi importante. A expresión de desagrado por compartir a cama dun hospital cunha persoa doutro país que apenas comprende o que lle di a enfermeira non lle axuda a soportar a convalecencia.
  • Cada vez é máis común que o bulicio, as flores e os bombóns que acompañan o neonato e á súa nai nunha parte da habitación do hospital contraste coa austeridade e coa pobreza de recursos dunha muller inmigrante soa ou coa súa parella. Xestos como un sorriso ou o ofrecemento para axudarlle á nai a incorporarse non só fai que se sinta mellor fisicamente, senón que entende que “non estorba”. Os psicólogos aseguran que esta é unha das situacións que máis marcan na vida da nai.

Ensinanza

Un dos motores da inmigración, xunto coa mellora da situación económica, é o logro de máis oportunidades de futuro para os fillos. Na lexislación española indícase expresamente o dereito e a obriga dos nenos e mozos, sexa cal for a súa orixe, de se integraren no sistema escolar ata cumprir os 16 anos. Os pais inmigrantes non teñen máis que inscribir os seus fillos no colexio público máis próximo.

O primeiro estudo elaborado en España sobre “Hijos de inmigrantes que se hacen adultos: marroquíes, dominicanos, peruanos”, editado polo Observatorio Permanente da Inmigración, bota por terra o tópico de que os fillos dos inmigrantes instalados en España, moitos deles xa españois de nacemento, abandonan os estudos de forma prematura: non só a súa taxa de escolarización é semellante á dos españois de 16 a 25 anos, senón que case un de cada catro segue estudando logo da Ensinanza Secundaria Obrigatoria. Mentres o 14’7 % atópase cursando o Bacharelato Superior, o 8% asiste á Universidade.

No ámbito da educación superior, a homologación de títulos estranxeiros representa un dos principais problemas para moitos titulados inmigrantes, que comproban as dificultades e trabas burocráticas que deben afrontar para que se recoñeza a equivalencia da súa formación respecto dun título oficial español vixente con validez en todo o territorio nacional. Para a súa homologación, os títulos deben ser oficiais e estar expedidos polas autoridades competentes para iso, de acordo co ordenamento xurídico do país de que se trate.

Como colaborar?
  • Como pais, tíos e avós, o labor integrador empeza na promoción de valores de respecto, tolerancia e convivencia para que vexan os fillos dos emigrantes como uns compañeiros de estudo máis. Non está de máis predicar co exemplo establecendo relacións persoais con outros pais ou nais de alumnos do mesmo centro escolar.
  • No noso país son varias as asociacións de pais de alumnos que axudan a comprar o material escolar dos nenos de familias desfavorecidas, entre elas os inmigrantes, e mesmo a contribuír co custo da matrícula se fose preciso.

Traballo

Os inmigrantes que chegan a España traballan na súa maioría por conta allea. Segundo datos do Ministerio de Traballo, o número de estranxeiros afiliados á Seguridade Social ata o 31 de outubro de 2007 ascendían a dous millóns, o 13% do total do sistema. Polo que respecta aos traballadores inmigrantes por conta propia, o número de afiliados é de 217.054, un 11% do total. Segundo datos da Federación Nacional de Traballadores Autónomos (ATA), o 27% dos emprendedores estranxeiros dedícase ao sector do comercio e reparación de vehículos, seguido da construción, co 22% e da hostalaría (15%). O que non recollen as estatísticas oficiais é que moitos inmigrantes se ven na obriga de traballar por soldos inferiores e, por veces, sen estar asegurados.

Como colaborar?
  • Os compañeiros de traballo poden explicarlles aos traballadores inmigrantes cales son os seus dereitos e facilitarlles o enderezo do sindicato da empresa ou do INE, onde lle ensinarán unha copia do convenio da actividade profesional que realiza.
  • Máis de 760.000 persoas dedícanse ao servizo doméstico, das que un 90% son mulleres e 400.000 son estranxeiras, a maioría delas sen cotizar á Seguridade Social. Un exemplo de iniciativa solidaria é compartir o custo das cotas que lle debe pagar á Seguridade Social entre diferentes familias onde traballa unha destas persoas. É moi probable que por separado non poidan asumir este gasto, pero entre varios si, sobre todo se son coñecidos.
  • Débese evitar pagar en negro. A única forma que teñen de conseguir un aval bancario, un crédito ou o permiso de empadroamento é mediante a presentación da súa nómina.
  • Na web http://www.trabajadorinmigrante.com/ informan sobre aspectos laborais, dereitos dos traballadores inmigrantes ou como deben elaborar o currículo.

Reagrupamento familiar

A concesión do reagrupamento familiar é a ponte que lles permite aos inmigrantes que xa conseguiron a tarxeta de residente traer os seus fillos e familiares directos a España. Poden solicitar o reagrupamento familiar os que residiran legalmente no noso país durante un ano e obteñan autorización para residir, polo menos, outro ano máis.

Son reagrupables os seguintes familiares:

  • O cónxuxe non-separado de feito ou de dereito.
  • Os seus fillos ou os do cónxuxe, incluídos os adoptados, menores de 18 anos ou incapacitados, e que non estean casados.
  • Os menores de 18 anos ou incapacitados, cando o residente estranxeiro sexa o seu representante legal.
  • Os seus ascendentes ou os do seu cónxuxe, cando estean ao seu cargo (por depender economicamente do reagrupante) e haxa razóns que xustifiquen a necesidade de autorizar a súa residencia en España.
  • O reagrupamento solicítase a través dun impreso oficial de autorización de residencia temporal a favor dos membros da familia que desexa reagrupar, que pode obter nas oficinas de estranxeiros e as comisarías de Policía, ademais de na internet (http://extranjeros.mtas.es/, http://www.mtas.es/, http://www.mir.es/ e http://www.map.es/).

ENDEREZOS WEB DE INTERESE

DEREITOS DOS INMIGRANTES

con permiso de residencia…

Teñen todos os dereitos e liberdades recoñecidos no Título I da Constitución, nos termos establecidos nos tratados internacionais, na Lei orgánica de estranxeiría e nas súas normas de desenvolvemento, en igualdade de condiciones que os españois.

  • Dereito e obriga de conservar a documentación que acredite a súa identidade expedida polas autoridades do seu país de orixe ou procedencia, así como a que acredite a súa situación en España.
  • Dereito á libre circulación polo territorio español e a elixir a súa residencia.
  • Dereitos de reunión e de asociación.
  • Dereito á educación e ao desempeño de actividades de carácter docente ou de investigación científica, así como á creación e dirección de centros docentes.
  • Dereito a exercer unha actividade remunerada por conta propia ou allea e ao acceso ao sistema da Seguridade Social, naqueles supostos nos que se obteña previamente unha autorización de traballo.
  • Dereito dos traballadores estranxeiros á liberdade de sindicación e de folga.
  • Dereito á asistencia sanitaria se se atopa inscrito no padrón do municipio no que resida habitualmente.
  • Dereito a axudas en materia de vivenda.
  • Dereito ás prestacións e aos servizos da Seguridade Social, así como a servizos e prestacións sociais.
  • Dereito a transferir os seus ingresos e aforros obtidos en España ao seu país, ou a calquera outro.
  • Dereito ao reagrupamento familiar e á intimidade familiar.
  • Dereito á tutela xudicial efectiva.
  • Dereito á asistencia letrada de oficio, así como de intérprete, en determinados procedementos administrativos ou xudiciais en materia de estranxeiría.
  • Dereito á asistencia xurídica gratuíta en procesos xudiciais sempre que acredite a insuficiencia de recursos económicos para litigar.