Consellos para contar cun seguro sobre rodas

Nos seguros de automóbiles, convén mirar con atención e non se deixar levar polas supostas ofertas e melloras nas pólizas
1 Xaneiro de 2008
Img eco domestica listado 233

Consellos para contar cun seguro sobre rodas

“Mire, que o seu coche está a perder cartos!” Nos últimos anos este e outros moitos lemas publicitarios levaron a milleiros de condutores a pór en práctica o coñecido dito do “busque, compare e se atopa un seguro mellor, cómpreo”. A forte competencia que se abriu no eido dos seguros de coches levou a que as compañías entrasen nunha dinámica de continuas baixadas de prezos, lanzamento de ofertas e bonificacións por unha morea de aspectos: por ter xa outro seguro na entidade ou algún familiar directo do titular, por mudar de aseguradora, por ser bo condutor, por ter máis de cinco anos de carné… Ante o crecemento do número de vehículos asegurados, que a finais do 2006 superaba os 27 millóns (e que xerou un volume de negocio superior aos 12.200 millóns de euros), as compañías aproveitaron a conxuntura para se amosaren máis agresivas na captación de novos clientes.

Na actualidade, a caída nas vendas de automóbiles e mais a diminución que xa comezaron a notar as aseguradoras nos seus ingresos fixo pasar a un terreo case anecdótico a guerra de prezos no ramo do seguro de coche da que se falaba ata hai uns poucos meses. Mapfre, por exemplo, a primeira aseguradora do sector, viu caer a súa cota de negocio e reduciu a captación de primas un 0,7% nos primeiros nove meses do ano. A isto cómpre engadir a entrada en vigor en xaneiro do 2008 dunha nova directiva de autos, que incrementa as indemnizacións que debe cubrir o seguro obrigatorio. Coa nova Lei, este tipo de pólizas deben responder por unha cantidade de ata 70 millóns de euros por sinistro para atender os danos persoais dun accidente, e ata 15 millóns para indemnizar polos danos causados aos bens. Agora, máis ca nunca, convén ter en conta unha serie de consellos prácticos para contratar un seguro de coche.

Prezo e calidade

O principal reclamo ao que adoitan prestar atención os condutores antes de contratar un seguro de coche ou de cambiar de entidade o que xa teñen contratado adoita ser o prezo. É certo que o xeito de calcularen os riscos que utilizan as aseguradoras é distinto, o que pode xustificar que poidan rexistrar diferenzas significativas de prezos entre unhas e outras. Ademais, polo xeral, está comprobado que as entidades que operan a través de Internet ou por teléfono (como é o caso de Linea Directa ou Direct Seguros) ofrecen tarifas máis baixas ca a media do mercado, precisamente polo aforro de custos derivados da súa modalidade de negocio (sen oficinas, cunha maior implantación da tecnoloxía…). Agora ben, a verdadeira diferenza entre un seguro e outro está nas coberturas que ofrece.

O seguro tipo por excelencia no ámbito de coches é o de todo risco, que cobre a responsabilidade civil obrigatoria, asistencia en viaxe, defensa xurídica e seguro do condutor e danos propios. O seguro de terceiros, pola súa banda, cobre só a responsabilidade civil obrigatoria, asistencia en viaxe, defensa xurídica e seguro do condutor. Á marxe destas coberturas básicas, o normal é que as aseguradoras inclúan outro tipo de servizos moi útiles en caso de sinistro, pero que cómpre coñecer e contratar para non se levar a enganos en caso de necesitalos. Cando as coberturas entre diferentes compañías son as mesmas haberá que fixarse non só no prezo do primeiro ano, senón no que se pagará durante os seguintes anos:

  • Accesorios e extras: Unha das coberturas máis controvertidas e que causa un gran número de reclamacións por parte dos asegurados son as relacionadas cos accesorios e extras do vehículo. Polo xeral, os seguros inclúen os artigos de serie do auto. En caso de que o condutor desexe agregar novos elementos debe comunicalo, o que incrementaría, loxicamente, o prezo do seguro. Por exemplo, un GPS non integrado no coche non estaría cuberto polo seguro, co que a compañía non estaría obrigada a indemnizar por el en caso de roubo. Os seguros a terceiros, pola súa banda, non adoitan incluír coberturas por roubo, incendio e lúas, a non ser que o condutor contrate un seguro de terceiros ampliado, no que se contemplen os devanditos servizos.
  • Franquías: Os seguros máis baratos son os que presentan franquía, é dicir, os que obrigan o asegurado a pagar unha cantidade fixada de antemán cando se produce un sinistro. O resto, ata cubrir o custo total dos danos, corre a cargo da aseguradora. A franquía pode darse tanto en seguros a terceiros como a todo risco e o seu importe pode variar. O normal é que sexa de 300 euros, aínda que hai aseguradoras que impoñen cantidades de 1.000 euros. No caso de interesarse pola franquía, antes de asinar o contrato, convén valorar ben o seu custo para ver se compensa respecto a un seguro sen franquía.
  • Seguros para novos: A maior sinistralidade entre novos condutores fai que as aseguradoras lle apliquen a este colectivo primas de seguros máis altas (que poden chegar a ser ata un 400% por riba das doutro condutor de maior idade). As compañías aseguradoras engaden a estas razóns a súa falta de experiencia ao volante e a súa actitude máis temeraria ou agresiva fronte á condución. Malia todo, aprécianse diferenzas salientables entre entidades para calcular as súas primas, polo que convén comparar antes de subscribir o seguro. Nalgúns casos, os mozos poden contratar seguros a prezos bastante alcanzables e por baixo da media se se comprometen a non usar o vehículo pola noite e a non beber. Noutros supostos, algunhas compañías esixen o pagamento dunha sobreprima en caso de que un vehículo vaia ser conducido polo asegurado habitual e por un condutor novel menor de 25 anos. Non obstante, noutras ocasións, se o condutor ten máis de 25 anos, aínda que sexa novel, non terá que pagar diñeiro extra por usar un vehículo xa asegurado.
  • Bonificacións e penalizacións: Un dos ganchos máis utilizados polas aseguradoras para captar clientes é o de aplicar bonificacións. En realidade, os maiores descontos pódense apreciar se se cambia un seguro dunha entidade a outra. Con todo, hai que ter coidado, xa que poden non ser pólizas comparables. Polo xeral, as entidades que anuncian maiores descontos son aquelas que comercializan seguros con franquía que, comparados fronte a pólizas que non levan asociado este pagamento resultan, inevitablemente, máis baratos, pero non ofrecen os mesmos servizos.
  • No caso de manter unha póliza nunha mesma entidade, as compañías adoitan falar de bonificación, cando en realidade a baixada do prezo da prima normalmente débese á perda de valor do vehículo. En xeral, as entidades falan en positivo de condutores bonificados aos que non son penalizados. Aos mellores condutores, aos que non sufriron sinistros nos últimos anos e que contan cunha experiencia de máis de dez anos non se lles aplicarán penalizacións.
  • Carné por puntos: Coa posta en marcha do carné por puntos (que entrou en vigor o 1 de xullo de 2006), algunhas aseguradoras ampliaron os seus seguros con coberturas relacionadas co novo sistema. Entre eses servizos poden figurar subvencións temporais durante o tempo que non poida conducir o asegurado, por sufrir unha retirada de carné, co límite de tempo que elixa: 6, 12 ou 24 meses. Tamén as aseguradoras contemplan compensacións polos gastos de matriculación para asistir aos cursos de educación viaria que permitirán rescatar puntos, asistencia xurídica telefónica, atención ao detido e defensa en infraccións administrativas de tráfico. Iso si, para gozar destas novas coberturas, os asegurados deben pagar unha sobreprima. Nalgúns casos, as compañías incorporaron automaticamente estas coberturas nos seus seguros, a cambio dunha recarga na póliza. Non obstante, moitas aseguradoras non inclúen este tipo de servizos nos seus seguros básicos. Os condutores que queiran ter dereito a elas deben contratar un seguro adicional específico. Existen tamén entidades que non ofrecen este tipo de coberturas para facer fronte a imprevistos relacionados co carné por puntos.
  • Cobertura en caso de sinistro total: Se un vehículo é roubado, incendiado ou forma parte dun accidente grave, en moitas ocasións as aseguradoras declaran o auto como sinistro total. Neste caso, as garantías tamén poden variar moito dunhas sociedades a outras. Unha tendencia que vai cobrando cada vez máis interese é a de valorar o vehículo coma se fose novo, en caso de sufrir un sinistro ou un roubo durante os dous primeiros anos de vida. Non obstante, polo xeral, as compañías falan nas súas pólizas de indemnizacións de acordo co valor de mercado ou valor venal do vehículo. No primeiro caso (valor de mercado ou de reposición), faise referencia ao valor que ten o coche en caso de compralo no momento do sinistro, coas mesmas características e coa súa antigüidade en anos. O valor venal é o valor que ten o coche en caso de vendelo no momento do sinistro, coas mesmas características e coa súa antigüidade en anos; non importan os quilómetros que teña, ou se o coche está máis ou menos coidado. A diferenza entre ambos os dous conceptos non é desprezable xa que pode roldar o 20% (a indemnización para o asegurado será maior se a súa póliza fala de valor de mercado). Por exemplo, un coche usado pode intentar venderse por 6.000 euros (valor venal), cantidade que ascendería a 7.200 euros en caso de que se desexe comprar ese mesmo vehículo nun concesionario.

Porcentaxe que tivo algún percance co seu automóbil nos últimos tres anos, por sexos

Fonte: UNESPA/IPSOS Publicación Xeral

Porcentaxe de condutores que tivo algún percance no seu automóbil nos últimos tres anos, por tramos de idade

Fonte: UNESPA/IPSOS Publicación Xeral

Porcentaxe de condutores que tivo algún sinistro co seu vehículo nos últimos tres anos, por comunidades autónomas
CC.AA %
Madrid 41,5
Navarra 35,1
Castilla A Mancha 30,3
Andalucía 30,2
Castilla León 30,1
Asturias 27,8
Estremadura 27,2
C.Valenciana 25,5
Canarias 25,2
Cataluña 25,0
Aragón 24,1
Baleares 23,4
Rioja 22,4
Murcia 21,8
Galicia 20,1
Cantabria 19,5
País Vasco 13,2

Fonte: UNESPA/IPSOS