A ausencia permanente de nubes con chuvia nos mapas que vostede utiliza cada noite é un fenómeno preocupante. Á parte da danza da chuvia e das rogativas, que se pode facer para loitar contra a seca?
Nos anos 50 xa se realizaron probas para crear chuvia artificial, pero non saíu ben e na actualidade tampouco se atopou a fórmula axeitada.
Entón, cal é o futuro que lle espera ao noso país?
Ese é outro tema máis que complexo. Estame preguntando polo cambio climático.
Si, un concepto sobre o que, por certo, vostede se amosa escéptico.
Non sei se a palabra escéptico é a axeitada. Para empezar, a min a expresión de cambio climático paréceme incorrecta porque desde hai 4.600 millóns de anos que existe a Terra, o clima sempre estivo cambiando, sempre, de forma permanente. Xa que logo, teriamos que falar máis ben da influencia do home no cambio do clima. Os expertos do Panel do Cambio Climático dan un 90% de probabilidades de que o quentamento global, que diso si que non hai dúbida, sexa como consecuencia da industrialización. Hai que tomar medidas? Desde logo. Agora ben, de aí a que sexa o problema máis grande da humanidade, iso non o comparto. Paréceme que se fai demasiado tremendismo.
Iso non é o politicamente correcto.
Será non politicamente correcto para algúns políticos, non creo que para todos.
Pero parece que está de moda.
Ben, eu co señor Al Gore non comungo en absoluto. Eu cun señor que ten un jet privado, que consome enerxía ao tope e que sexa o profeta, o adaíl disto, pois non. Que organizase esa convención en Sevilla, á cal me convidaron e non fun, na que pedían que deses 10 conferencias ao ano de balde, nas que non podías saír en absoluto do guión, iso non é profesional. E logo Gore cobra máis de 200.000 euros por conferencia. Non me explico que a ese home se lle poida dar o premio Nóbel da Paz.
Cre que se fai moita demagoxia con este asunto?
Eu creo que se desmandou, sen que eu diga “non estou de acordo”. Si estamos incidindo, pero non quero ser tan esaxerado nin dicir que é o problema máis grande que ten o mundo.
Por certo, que leva a un físico como vostede a presentar o tempo?
É que eu despois de estudar Físicas fixen oposicións ao corpo facultativo de meteorólogos. Como a miña vocación frustrada é a aviación e, daquela, Meteoroloxía pertencía ao Ministerio de Aviación…
Perdeuse entón un gran piloto e gañouse un grande home do tempo?
Un grande home do tempo non se gañou…
Pero puido pilotar nalgunha ocasión?
Si, porque saquei o título de piloto civil e pilotei avionetas.
Segue a pilotar?
Non, cortoume as ás a miña muller hai anos.
Pola súa profesión, vostede será un experto nas conversas do ascensor.
Desde logo que si. No barrio non me preguntan tanto, pero na miña casa si.
E os amigos e familiares, danlle moito a lata?
Ben, no meu círculo non moito, aínda que teño amigos agricultores que me chaman en moitas ocasións, e pregúntanme se teñen que regar xa ou non…
E para outros mesteres como a celebración de vodas…
Uii, tamén, tamén. Vodas e bautizos.
Ademais, a súa muller tamén pertence ao ramo.
Si, é meteoróloga. As miñas fillas, cando van a algún evento, de viaxe, ou mesmo dun día para outro, pregúntanme polo tempo que vai facer.
Por que elixiu vostede a televisión?
Eu xa escribía en xornais, durante 26 anos estiven dando o tempo na Radio Vitoria, tamén falaba na Radio Intercontinental aquí en Madrid. Fixera un programa, que se chamaba “Gol e ao Mundial 82”, que non tiña nada que ver co tempo, en 1982. Pero eu era o capitán dese equipo e aí coñecéronme un pouco na televisión e, nun momento determinado, aquí facía falta alguén. Porque durante tres anos na TVE non houbo “home do tempo”. Cando xa se crea a televisión matinal, a un membro da casa encárganlle que viaxe polo mundo e vexa como se fan os matinais. E unha das cousas que trae anotadas é que hai unha cara fisicamente dando o tempo, non un mapa, senón alguén que logo lle diga á xente: “ese equivocouse”. Entón deciden reinstaurar para o matinal a alguén dando o tempo, e alguén deu o meu nome. Así de casual é a miña presenza na TVE. Fixen unha proba e pensei que estaría uns días ou uns meses e botei toda a vida.
Entón, quedaba ben diante da cámara?
Iso creron eles.
E a súa familia, que lle dixo cando o viu por primeira vez na televisión?
Home, ao principio sorprendíase, pero na miña casa non se pon o tempo se estou eu, porque alí xa os teño aburridos. Se cadra teñen posta outra cadea…
Pídenlle o tempo ata na Semana Santa de Sevilla. Pódese dicir que nese caso vostede ten altas presións divinas.
Si, si. A xente quere saber o tempo que vai facer na Semana Santa un mes antes e iso é imposible. A previsión máxima é de dez días, pero pode cambiar dun día para outro, máis aínda nuns días tan inestables como son os da época da Semana Santa.
Ademais, vostede é confrade.
Si, e téñenme de meteorólogo de cabeceira.
E fíanse de vostede?
Si, si. Levo tres anos nos que con nubes negras no ceo había que tomar a determinación de saír ou non, e eles chámanme. Hai unha xunta de goberno de cada irmandade, que é libre de saír ou non. A miña é a Virxe da Soidade da Praza de San Lorenzo, que está pegado ao Gran Poder, e é a última da Semana Santa. Se saímos ás 7 e ás 6 a cousa está espiñenta, o irmán maior da confraría di polo micrófono da igrexa: “Os compoñentes da xunta, que acudan á sancristía, que se vai reunir no cabido; rogamos que acuda tamén o noso irmán José Antonio Maldonado”. E entón vou eu e explícolles. Cando dou a miña explicación saio da xunta e eles votan. Ata agora, as tres veces decidimos saír e ata agora as tres veces tivemos sorte, se non se cadra xa non estaba eu aquí. Cando se decide saír, o que fago é non vestirme de nazareno, vou de paisano, de azul escuro, e vou co móbil detrás do paso chamando os meus compañeiros do Instituto de Meteoroloxía que me fan o favor de estar enriba do radar, que é o único que che pode dar unha previsión do momento. Se vemos que de aquí a media hora pode chover se cadra recollémonos nunha igrexa antes de que chova, ante a sorpresa do público, ou se estamos chegando á igrexa, como pasou hai tres anos ou así, que se vía que en media hora ía chover e quedaban como tres cuartos para chegar, pois eu dígolle ao irmán maior que dentro de media hora chove e entón tiramos dereitos a correr lixeiriños para a igrexa.
Falando de Sevilla e do tempo, vostede, como Audrey Hepburn en “My fair lady”, ensaia recitando “a chuvia en Sevilla é pura marabilla”?
Non, non, pero estou moi de acordo. A min, como son un namorado da miña terra, paréceme moi ben: a chuvia en Sevilla é pura marabilla.
Xa que lle gusta tanto o deporte, pregunta obrigada. Betis ou Sevilla?
Esa pregunta mesmo me molesta, sevillista ata a morte!, pero non son antibético, entre outras cousas porque xoguei no Betis xuvenil.
Que ten a información do tempo que consegue que todos, pais, fillos, mozos, maiores, estean pendentes?
É un asunto que interesa porque repercute en infinidade de campos. Intervén na economía e na saúde, para empezar. E a partir de aí podemos ramificar. Na aviación é fundamental, como no mar e no transporte por estrada. Está demostrado que, logo dunha baixada brusca de presión no paso dunha fronte, hai un maior número de infartos entre as persoas predispostas.
Xa que logo, a responsabilidade é grande.
Eu entendo que si, que é grande, pero quizais me poño máis tenso cando dou unha conferencia para 100 persoas que mirando para unha cámara, porque se pensase que estou falando para cinco millóns de persoas non falaría, quedaría mudo.
Que hai que facer para ser nomeado mellor presentador europeo de información meteorolóxica?
Non sei. Nomeáronme pero non sei por que. Teríanllo que dar a alguén e lembráronse de min. Creo que hai moitas persoas mellores ca min.
Aínda que vivimos na era dos triunfitos, vostede empezou con 42 anos. Un pouco tarde, non?
Eu creo que agora empezan demasiado pronto. Ben, explícome. Eu cheguei á TVE sendo un meteorólogo completamente feito. E agora estamos buscando xente e non a atopamos.
Cantos meteorólogos hai en España?
O cadro de persoal é de 196.
Non hai moito onde elixir.
Ben, para substituírme a min si buscaremos a alguén de aí, pero para presentadores e para a canle 24 horas non buscamos meteorólogos, xa nos conformamos con que sexan periodistas.
Recorda como foi a súa estrea?
Ese día non é que tivese medo escénico, tiña pánico. A cinta que o amosa anda por aí. E eu véxome mal, pero tamén me vin mal outras veces. A verdade é que a min non me gusta verme porque sempre penso que o podería facer mellor.
Non se lle fixo difícil sinalar durante 20 anos unha pantalla na que non aparece nada?
Iso non ten dificultade ningunha, é como coller unha culler para comer.
Vostede é un dos afectados pola prexubilación na TVE. Que botará de menos, a información do tempo ou os seus primeiros pasos en Telepasión?
Beeeen, neses programas pasabámolo moi ben gravando, pero xa acabou. Pero creo que botarei de menos o meu traballo actual.
A súa carreira na TVE transcorreu con mar calmo, maraxe, mar arborado…?
Home, mar calmo en 22 anos imposible, pero foi unha travesía pracenteira. Nunca houbo mar groso, quizais maraxe con refachos de marusía.
O momento máis asollado que recorda é…
Ben, o feito de estar aquí deume moitas oportunidades que outro non tivo, como ir ás olimpíadas para informar sobre o tempo.
E momentos borrascosos?
Non tiven grandes problemas e tiven a inmensa sorte de ter como compañeiro a Paco Montesdeoca, que é un luxo.
Falando de borrascas, recibiu moitas queixas por predicións erradas?
Ben, acórdome da Semana Santa do ano 1998. Viuse que ía ser mala, cando viña desde había un mes un anticiclón de cabalo e seguía o bo tempo. Entón ti anuncias o venres que a Semana Santa vai ser mala e a hostalaría do norte enfadouse e déronnos paus ben gordos. Ese si foi un momento borrascoso e aí si que levei un desgusto. Déronnos bastante tamén o Domingo de Ramos e o Luns Santo. Pero o luns xa empezou a cambiar e houbo que poñer cadeas en Despeñaperros.