Como recoñecer e combater a fatiga ao volante
A fatiga xerada pola falta de descanso e de sono, os atascos, a calor excesiva ou a deshidratación, entre outros factores, están detrás do 30% dos accidentes de tráfico, por riba doutras causas como o estado das estradas ou as condicións meteorolóxicas adversas. O principal problema da fatiga é que é un inimigo silandeiro. De feito, o 64% dos condutores non identifica os seus síntomas.
Os desencadeantes da fatiga
- A falta de sono
- A ausencia de descanso durante os traxectos longos
- As comidas copiosas e pesadas
- A deshidratación
- O consumo de alcohol
- A roupa inadecuada
- A excesiva calor e luz das horas centrais do día
A fatiga fixo acto de presenza se…
- Sente necesidade de moverse e de cambiar de postura constantemente mentres conduce.
- Ten sensación de brazos e pés durmidos
- Non para de tocar a cara ou o pescozo
- Nota malestar e cansazo xeral
- Ten tensión no colo
- Pícanlle os ollos, e pestanexa de forma constante
- Ten zunido de oídos
- “Pésalle” a cabeza
- Comeza a sentir somnolencia, bocexa e estírase con frecuencia
- Equivócase ao cambiar as marchas
- Cústalle concentrarse na estrada, e realiza manobras case inconscientes
Como evitar a súa aparición
- Antes de emprender unha viaxe longa, durma o suficiente. Non se poña ao volante despois dunha xornada de traballo sen descansar.
- Cargue a equipaxe no coche a noite anterior á saída. Evitará arrancar pola mañá cun estrés suplementario porque non lle entran todos os vultos, porque se alonga a tarefa de carga e xa sae cun atraso que non previra.
- Ao volante vista roupa cómoda e ancha. A roupa estreita e axustada impide a liberdade de movementos, pode dificultar a circulación do sangue e xera estrés no condutor.
- Procure non viaxar nos momentos do día nos que o nivel de vixilancia é menor, é dicir, entre as dúas e as cinco da madrugada e entre a unha e as catro da tarde.
- Evite as horas máis calorosas do día para viaxar, sobre todo se o seu vehículo non dispón de aire acondicionado.
- Axuste ben o asento, o repousacabezas e o volante do seu vehículo.
- Conduza á velocidade recomendada (canto maior é a velocidade, maior atención se require e antes aparece a fatiga).
- Manteña a temperatura interior do coche entre 20 e 21 graos.
- Se toma medicamentos comprobe se afectan á condución.
- Non se engane, a música forte ou o aire fresco na cara só serven para maquillar temporalmente unha realidade.
- Cada dúas horas, ou cada 150 ou 200 quilómetros, realice paradas de entre 10 e 15 minutos. As persoas maiores deben parar cada hora ou hora e media.
- Se viaxa con nenos as paradas deberán ser máis numerosas ca nunha situación normal. Os máis pequenos non entenden e, se se aburren, están cansos ou non se atopan ben, dan a lata alterando os nervios do condutor.
- Para que o descanso sexa efectivo, cando saia do coche dea un paseo, móvase e realice algún exercicio. Se ten síntomas de somnolencia, non o dubide, unha pequena sesta de entre 15 e 20 minutos é o mellor para restaurar os niveis de vixilancia.
- Refresque a cara con auga fría.
- Evite as comidas copiosas e pesadas.
- Tan importante como non comer en exceso é evitar a hipoglicemia, é dicir, uns niveis moi baixos de azucre en sangue. Non obstante, tampouco abuse de produtos azucrados. Os glícidos -féculas e azucres- favorecen a somnolencia entre media e unha hora despois da súa inxestión.
- Beba auga en abundancia para que a deshidratación non cause fatiga muscular e somnolencia.
- Nunca probe o alcohol se vai conducir.
- Teña á man algún caramelo ou goma de mascar para tomar cada certo tempo. Segundo un estudo do Grupo de Seguridade Viaria e Accidentes de Tráfico (GSVAT), tanto mastigar como saborear manteñen os niveis de atención do condutor e reducen o risco de quedar durmido ao volante.
- Leve sempre lentes de sol. Úseas especialmente ás horas centrais do día para reducir a fatiga da vista.
Debe saber que...
- Entre as 4 e 6 horas de condución, o tempo necesario para calcular as distancias e as velocidades aumenta nun 63%, o tempo de reacción aumenta un 86%, e redúcese a un 60% a atención selectiva e a capacidade de procesar información relevante para a condución.
- A falta de hábitos como descansar cada dúas horas, facer estiramentos e tomar líquidos (sen alcohol) incrementa entre un 10% e un 14% o risco de sufrir un accidente.
- Segundo un estudo do RACE, ao cabo de 17 horas esperto e en actividade, os reflexos diminúen tanto como se tivésemos 0,5 gramos de alcohol en sangue.