Menores, dereitos de visita e puntos de encontro

Puntos de Encontro Familiares pola convivencia

Son centros públicos gratuítos aos que se chega por derivación do xulgado ou polos servizos de asistencia social, e por un acordo entre a propia familia e o centro
1 Xaneiro de 2008
Img derechos listado

Puntos de Encontro Familiares pola convivencia

/imgs/20080101/derechos01.jpg
Son poucas as ocasións nas que o rancor e os reproches non contaminan o proceso de separación de dúas persoas que conviviron como parella durante certo tempo. Esta situación agrávase se tiveron fillos, porque a fórmula habitual é que o fillo viva só cun dos pais, mentres que co outro pode gozar de períodos de vacacións e de fins de semana alternos, amais de organizar algunha visita entre semana. O incumprimento dos réximes de visitas representou un dos principais problemas dos Xulgados de Familia, que non estaban dotados de ferramentas eficaces para garantiren a relación paterno filial fixada na resolución xudicial.

Cada día é máis común que, como froito destas liortas entre a ex parella, os fillos se convertan en obxecto de manipulacións. Tamén pode acontecer que o proxenitor non custodio non acuda a recoller os fillos os días comprometidos, ata o punto de que eles mesmos se neguen a relacionarse con algún dos pais. O cumprimento do réxime de visitas complícase aínda máis cando pesa sobre un deles unha orde de afastamento respecto á súa antiga parella.

Para garantir e facilitar o cumprimento das medidas de visitas acordadas polos Xulgados de Familia e polas entidades públicas competentes en protección de menores, xurdiron en España a finais de 1990 os Puntos de Encontro Familiares (P.E.F). O seu apoxeo chegou a partir do 2003, cando entrou en vigor a Lei Reguladora da Orde de protección das vítimas da violencia doméstica e en 2005, cando se crearon os xulgados de violencia sobre a muller.

Que son os Puntos de Encontro Familiares?

Os Puntos de Encontro Familiares (PEF) son espazos físicos neutrais dotados de persoal especializado no que poden ter lugar os encontros cos fillos.

/imgs/20080101/derechos02.jpg
Cando e como se pode recorrer a estes Puntos?

O recurso aos PEF pódese producir sempre que as visitas xeren conflito ou risco e en casos nos que sexa o propio menor quen se negue a relacionarse co proxenitor que non teña a custodia. Tamén poden utilizalos os pais e nais que non teñen habilidades para coidar do menor ou que non dispoñen de vivenda no lugar do domicilio dos fillos, ou que, aínda dispoñendo dela, non reúne as condicións hixiénicas precisas ou convive con outras persoas que poden ter unha influencia negativa para o menor.

Son centros públicos gratuítos aos que se chega por recomendación do xulgado ou dos servizos de asistencia social, e por un acordo entre a propia familia e o PEF. Aínda que se poden atopar diferenzas nas distintas comunidades autónomas, na maioría son centros de xestión indirecta por empresas privadas ou asociacións que accederon a través dun concurso público.

Que se pode facer cando se incumpre o réxime de visitas?

Falar co avogado e presentar no xulgado un escrito denunciando o incumprimento, solicitando a execución ou modificación das medidas. A partir de aí, o xulgado pode emitir un informe ditaminando sobre os motivos do incumprimento e aconsellando a acción dun PEF. O incumprimento reiterado do réxime de visitas tanto por parte do proxenitor custodio, obstaculizando a entrega, como polo outro, que non acode a recoller o fillo, que o entrega a destempo, etc., pode dar lugar a que se modifique o réxime de garda e de visitas acordados.

Como se desenvolven os encontros nun PEF?

O menor é entregado e recollido polo proxenitor ou familiar autorizado pola resolución xudicial ou polo Servizo de Protección á Infancia. Segundo as circunstancias de cada familia, o encontro desenvólvese no mesmo Punto de maneira tutelada, con persoal presente, ou sen tutela, e sen que os pais teñan contacto persoal entre eles en caso de que medie un conflito entre eles. Sempre que non se aprecie ningún risco para o menor pode quedar co proxenitor que corresponda nun simple ‘punto de entrega e recollida’, e desenvolverse a visita fóra do PEF.

Cal é o equipo técnico dun PEF?

Adóitase traballar cun equipo multidisciplinar, habitualmente formado por psicólogos e traballadores sociais.

Que vantaxes e inconvenientes ofrecen os Puntos de Encontro Familiares?

Amais de facilitar o cumprimento das resolucións do Xulgado, co que se favorece o dereito dos fillos a relacionarse cos seus pais, permítenlle ao proxenitor ao que lle outorgaron a custodia dispor de información sobre o desenvolvemento das visitas e unha maior garantía de que os fillos estarán ben atendidos, ao mesmo tempo que ao outro pai se lle facilitan as relacións co seu fillo. Ambos os dous dispoñen de asesoramento e mediación nestes centros para emendar calquera conflito.

Pódense entender os Puntos de Encontro como un negocio?

Moitos Puntos xestiónanos asociacións sen ánimo de lucro. As principais denuncias recaen na escaseza de recursos destinados a estes centros e á deficiente conexión ou relación entre o Xulgado e o PEF para a xestión das visitas. Mesmo se deron casos de demoras en iniciar a prestación do servizo por falta de medios ou por tramites burocráticos. No modelo valenciano asinouse un convenio entre institucións públicas e colexios profesionais para a xestión dos PEF, sen adxudicar a xestión a entidades privadas, que parece que está a dar mellores resultados.