Demasiadas proteínas na dieta infantil
A enerxía que achegan as proteínas na idade infantil debería supor entre o 10% e o 15% das calorías totais da dieta. Algo máis da metade delas, arredor do 65%, terían que ser de orixe animal, mentres que o 35% restante tería que proceder do consumo de vexetais. Pero as dietas infantís actuais tenden a afastarse desta pauta xeral e, polo común, os nenos comen maior cantidade de alimentos proteicos (lácteos e carnes, principalmente) do que sería recomendable. Hai que ter en conta que inxerir proteínas animais en exceso implica unha achega maior de calorías, graxas saturadas, colesterol e sodio. Non é casualidade que estes nutrientes sexan os que, en exceso, se asocian ao desenvolvemento das enfermidades crónicas de maior incidencia na idade adulta: obesidade, trastornos cardiovasculares, hipertensión arterial e problemas renais.
Todos eles son motivos máis ca abondos para que, dende idades temperás, se teña en conta a cantidade xusta de alimentos proteicos de orixe animal que se precisan, en especial as que achegan os lácteos, as carnes e derivados, os peixes e mais os ovos. A elas cómpre sumar os gramos de proteína vexetal achegada polos cereais, os legumes e os froitos secos, tendo en conta que moitas delas se complementan se se consumen distintos vexetais de maneira conxunta.
Proteína para o crecemento
O primeiro ano de vida é crítico dende o punto de vista nutricional, xa que é nesta etapa cando o crecemento e o desenvolvemento son os máis rápidos do ciclo vital. En tan só doce meses o bebé triplica o peso que tiña no momento de nacer e case duplica o seu talle.
Cumprido un ano, o neno entra nunha etapa de transición entre a fase de crecemento rápido, propia do lactante, e o período de crecemento estable, que se estende dende case os tres anos ata o comezo da puberdade. Pero é xa no primeiro ano de vida cando se evidencia o efecto fisiolóxico dos nutrientes: os azucres e a graxa do leite e dos alimentos complementarios que come o neno neste tempo proporciónanlle a enerxía necesaria para gañar peso. As proteínas que toma deben ser abondas para o crecemento e para o desenvolvemento san de todos os tecidos do corpo.
En termos xerais, o pediatra só ten unha fórmula para medir a boa nutrición: comparar o peso e o talle do neno coas porcentaxes establecidas para a poboación infantil segundo a zona e a idade. Se o peso, o talle ou ambos os dous son insuficientes para a súa idade, o pediatra examinará a saúde do neno e será quen estime se cómpre complementar a dieta. Se, pola contra, o peso é desproporcionado, o especialista dará as instrucións precisas para moderar a cantidade de alimentos da dieta infantil.
Nenos sobrealimentados
Son aínda moitos os proxenitores que se preocupan porque os seus fillos rexeitan o bisté que lles prepararon. O conflito talvez sería menor se as porcións fosen as razoables e non se transmitise o concepto equivocado de que a fame se sacia con proteínas.
Moitas persoas non conciben non tomar carne, peixe ou ovo tanto na comida coma na cea. Teñen a sensación de que o menú baseado nun primeiro prato de ensalada e un segundo a base de arroz, pasta ou legume non sacia nin o seu apetito nin o dos nenos. Nada máis lonxe da realidade. Non é san, por exemplo, que un neno de dous anos tome dous petit suisse para merendar, que coma dúas rodas de lombo ou dous queixiños de sobremesa porque estes alimentos se suman ao medio litro de leite diario que toma o neno, e ao ovo ou á roda de peixe da cea. O resultado é unha achega de proteínas superior aos 40 gramos e ás 1.200-1.300 calorías diarias recomendadas para a súa idade.
Ofrecerlle ao neno maior cantidade de alimentos proteicos da que precisa é un hábito tan insán como o é non insistir en que coma froitas, verduras ou peixes. Dende o punto de vista nutritivo, descompénsase a achega de proteínas e calorías, e está demostrado que inflúe na xénese do exceso de peso e mesmo da incipiente obesidade infantil.
O hábito de consumir como sobremesa ou entre horas alimentos proteicos (iogur, queixo, petit suisse, xamón, embutidos…) despraza a outros alimentos igualmente saudables e con toda seguridade máis apropiados para ese momento. Nesas comidas deberan ter cabida a froita e os froitos secos, polo xeral ausentes.
A cantidades xusta
As proteínas proporcionan os aminoácidos esenciais para o crecemento e desenvolvemento de tecidos e órganos. Nos nenos pequenos os requirimentos de proteína diminúen progresivamente durante os seus primeiros tres anos. A Organización Mundial da Saúde (OMS) estima que no primeiro semestre de vida o bebé precisa uns 2,2 gramos por quilo de peso e día, cantidade que diminúe 1,6 g/kg/día entre o segundo semestre e o ano, e 1,2 g/kg/día durante os tres primeiros anos. Esta etapa, xunto coa adolescencia, son os dous momentos da vida nos que as necesidades proteicas son superiores ás das persoas adultas, que a OMS estima en 0,8 g/kg/ e día.
Proteínas, as xustas para a idade
Un neno de dous ou tres anos necesita a cotío 1200-1300 Kcal. As proteínas deben achegar o 10-15% do total de calorías, o que equivale a 130-195 calorías. Se un gramo de proteínas achega 4 calorías, o neno precisa de media uns 40 g de proteínas diarias (entre 32,5 e 48,75 g).
A táboa amosa os gramos de proteínas que achegan os principais alimentos proteicos de orixe animal por porción de consumo. Tamén se inclúen dous exemplos de menús, un menú equilibrado en proteína animal e un menú (relativamente habitual) que proporciona unha cantidade de proteína animal esaxerada para as necesidades diarias do pequeno.