Cesáreas, cando son necesarias?
Con independencia do motivo, o certo é que o número de cesáreas que se practican nos países desenvolvidos segue a medrar, malia que non hai evidencias científicas que apoien o seu uso en todos os casos.
Hoxe por hoxe, os partos por cesárea supoñen, de media, unha taxa do 29% do total nos países desenvolvidos. Pero hai trinta anos supoñían só o 6% do total. No sector público a cifra rolda o 25%, mentres que no sector privado, onde se asiste a terceira parte dos nacementos, a taxa é moi superior: o 44%. Os estudos de tendencia parecen confirmar que este incremento se vai manter de xeito sostido. Ante o peso das cifras, os expertos da Organización Mundial da Saúde recomendan que as cesáreas non excedan o 15% dos partos.
Suxeriuse como causa a maior demanda por parte das embarazadas, aínda que enquisas realizadas entre obstetras evidencian que a maioría dos especialistas se amosan remisos a practicalas en función das peticións de mulleres embarazadas. O que si pode ter certo peso é que, na actualidade, estes profesionais desenvolven a súa actividade nun contexto que promove as prácticas defensivas. Ante o risco de problemas asociados ao parto, e a unha posible reclamación por mala praxe ou neglixencia, optan pola vía máis segura para a nai e para o neno.
Unha segunda explicación ao incremento dos partos por cesárea é a idade da nai, xa que a tendencia actual é atrasar o momento do nacemento do fillo. Outros aspectos que poden influír en que se opte por este tipo de partos son os problemas derivados de sobrepeso, hipertensión e diabete. Ademais, máis da metade das mulleres que tiveron o primeiro fillo por cesárea ‘reinciden’ no segundo e ata no terceiro. Finalmente, tamén se aduce como causa o incremento de embarazos múltiples debido á fertilización ‘in vitro’.
Outra variable que cómpre ter en conta é a económica. Algunhas entidades de seguros privados custean a totalidade do parto cando é por cesárea, por ser cirurxía maior, e non aboan nada polo parto por vía vaxinal, o que podería animar a algunhas nais a solicitar cesárea para poder dar luz en clínica privada sen custo para elas. Unha revisión realizada en EE.UU. sobre 10 millóns de partos revela que os factores de risco materno-fetais explican só un 22,7% das cesáreas, pero figuran un 40% no epígrafe ‘outras causas’, para os que non constan motivos nada claros.
A cesárea é un parto a través do abdome mediante unha incisión na parede abdominal e outra no útero; é unha intervención de cirurxía maior e, polo tanto, non exenta de riscos. Ademais, está plenamente xustificada en determinadas circunstancias e, en ocasións, xa se planifica durante o embarazo cando se diagnostica placenta previa, cesárea no parto anterior, ameaza para a vida do neno, enfermidade da nai (insuficiencia cardíaca, hipertensión severa ou diabete, entre outras), infección por virus herpes nos xenitais femininos ou unha desproporción pélvico-cefálica (neno moi grande ou con malformacións ou pelve materna estreita) que fai imposible o parto vaxinal. Noutras ocasións, a indicación de cesárea faise durante o mesmo transcurso do parto debido ao sufrimento fetal, a unha mala colocación do bebé, cando non progresa a dilatación, desprendemento extenso de placenta, hemorraxia vaxinal severa, prolapso de cordón umbilical ou sospeita de rotura do útero, entre outras.
Aínda que se trata dunha cirurxía maior, os riscos son mínimos e a cesárea considérase unha intervención moi segura tanto para a nai coma para o neno. As cifras dispoñibles indican que o risco de mortalidade, de 0,04 por mil no parto vaxinal, se multiplica por tres ante un parto por cesárea. Se ben as cifras son ínfimas, non deixa de comportar riscos asociados, como hemorraxia grave, infeccións, trombose pelviana ou de extremidades inferiores para a nai e complicacións derivadas do uso da anestesia para ambos os dous.