Piscifactorías sostibles
Nos últimos anos o consumo de peixe a nivel mundial disparouse. Non só porque as frotas pesqueiras son máis eficaces nas capturas, senón tamén pola concienciación crecente por parte dos consumidores do saudable que é comer peixe de maneira regular. Un informe recente da Organización para a Alimentación das Nacións Unidas (FAO) estima que, tendo en conta o crecemento da poboación mundial, serán precisos, só para manter os actuais niveis de consumo, uns 40 millóns de toneladas adicionais de peixe cada ano durante as dúas décadas vindeiras. Conseguilo só será posible coa acuicultura.
O informe é un toque de atención sobre as melloras que precisa este sector. As piscifactorías incrementaron o volume de peixe no mercado e permitiron reducir os prezos, pero non deron mitigado a sobrepesca e comportaron novos problemas para o medio. Dificultades todas elas, iso si, con solución. Non se trata de lle dar as costas á acuicultura, senón de lograr que sexa sostible.
Peixes semivexetarianos
O principal problema das piscifactorías é que necesitan penso a base de fariña e aceite de peixe ou pequenos crustáceos que, á súa vez, deben conseguirse a través de capturas. Calculouse que para obter un quilo de salmón se precisan de dous a cinco quilogramos de peixe azul, como anchoas, arenques ou xarda. Acontece o mesmo coa acuicultura da robaliza, da dourada ou do rodaballo, tres das especies máis cultivadas en España e noutros países desenvolvidos, lugares nos que as preferencias, cando se fala de peixe, se decantan cara a peixes predadores.
Entre as solucións, os expertos apuntan cara á acuicultura de peixes herbívoros ou semiherbívoros, como a carpa ou a tilapia, amplamente cultivados en países en desenvolvemento, ou de moluscos como os mexillóns. Pero ante o desexo de seguir criando predadores, unha acuicultura sostible debería substituír parte da dieta dos peixes con produtos de orixe vexetal, como soia, sementes de xirasol ou millo. Apuntouse mesmo a posibilidade de aplicar unha dieta totalmente vexetariana, aínda que, neste caso, habería que engadir suplementos que garantan a achega de elementos esenciais para o desenvolvemento dos peixes, como a metionina, un aminoácido esencial que só se pode obter a través de aceite ou fariña de peixe. Outra solución innovadora e que ademais lles garante aos peixes a achega de graxas omega 3 son as macroalgas ou a fermentación de residuos terrestres para obter microorganismos produtores de ácidos graxos omega-3. O obxectivo é, en todos os casos, garantir a produción das piscifactorías sen necesidade de seguir esquilmando os océanos.
Evitar residuos
As piscifactorías tamén xeran residuos, xa sexa de penso, de excrementos ou de fármacos, que poden degradar as augas e os ecosistemas circundantes. Entre as solucións máis doadas de implementar sinálanse os circuítos pechados con sistemas para depurar a auga e o cultivo simultáneo de varias especies. Por exemplo, se se dispón de gaiolas de robalizas, pódense colocar ao seu redor cordas con mexillóns ou cultivos de algas para aproveitar os residuos orgánicos e depurar a auga. E debaixo pódese situar outro tipo de peixe que tamén consuma os residuos orgánicos. Tamén se están a ensaiar métodos imaxinativos como darlle a comida aos peixes en comedeiros, unha iniciativa que contribuiría ademais a economizar penso (actualmente esparéxese o alimento na auga, polo que hai unha boa cantidade que se perde).
Outro xeito de evitar a creación de residuos é minimizar o uso de antibióticos ou fármacos antiparasitos que se aplican. Agora ben, esta práctica require da posta en marcha doutras medidas, xa que a alta densidade de peixes nas piscifactorías fainos moi proclives a estas infeccións. Por iso, a opción máis sostible é buscar outro xeito de manter os peixes sans, como vacinas ou o cultivo simultáneo con outros animais que se alimenten dos parasitos.
Por outra banda, exemplares escapados de piscifactorías poden supor unha ameaza para os organismos acuáticos da zona, xa sexa por depredación ou por competencia por alimentos, ou por contaminación xenética se se cruzan con especies locais. Para evitalo, recoméndase a substitución das típicas redes por tanques pechados. Na mesma liña, a acuicultura situada na costa está a danar ecosistemas únicos, como os manglares, e supón unha competencia engadida polo territorio e as reservas de auga doce. Para iso, estase a estudar evitar a acuicultura de auga doce, apostar pola de mar e trasladar as súas instalacións mar dentro.
A opción do consumidor
Con todos os seus defectos, a acuicultura é a mellor arma que ten a sociedade para loitar contra a sobrepesca, a escaseza de auga e a pobreza en países en desenvolvemento, xa que o peixe é unha fonte de proteínas moito máis doada de obter. Calcúlase que para producir un quilogramo de carne se precisan uns 8.000 litros de auga doce, mentres que para un quilogramo de peixe de mar o gasto de auga é case nulo.
Estase a falar, polo tanto, de cambiar o modelo actual baseado en grandes piscifactorías intensivas dunha soa especie, por piscifactorías que achegan un maior beneficio ambiental, como as que integran varias especies ou as que combinan agricultura con acuicultura. Por exemplo, as piscifactorías xunto aos arrozais mitigan os efectos negativos da agricultura, e a cría de moluscos e algas mariñas na costa mellora a calidade das augas. En calquera caso, está en mans do consumidor potenciar unha pesca e unha acuicultura sostible, segundo revela o traballo “Catch of the Day” (A pesca do día) do Worldwatch Institute. Por exemplo, o consumidor pode elixir mercar máis a miúdo mexillóns ou pequenos peixes, o cultivo dos cales é máis sostible, e menos grandes predadores como salmón ou atún. A recomendación xeral é que canto máis abaixo está un peixe na cadea alimentaria, menos custoso é o seu cultivo e menos ameazada está a especie.