O motor humano chámase motivación
A motivación está moi vencellada aos instintos básicos que garanten a supervivencia. De maneira máis ou menos directa, todo o que move a unha persoa ten algo que ver con garantir os recursos para a súa alimentación, procreación e integridade. Non obstante, o obxecto dos desexos transcende as necesidades físicas, a parte máis animal de ser humano. A mediados do século XX, Abraham Maslow elaborou a súa teoría sobre a motivación humana que plasmou nunha figura, a Pirámide de Maslow. Nela xerarquizou as fontes de motivación das persoas: situou como prioridade principal satisfacer as necesidades básicas do organismo, que unha vez cubertas darían lugar á motivación pola protección e seguridade e, con posterioridade, á necesidade do amor e a pertenza a un grupo. Logo atoparíase o interese pola valoración social e, en último lugar, quedaría a motivación por sentirse plenamente autorrealizado. Estas motivacións básicas poderían explicar a maior parte das condutas diarias dunha persoa que, nunha sociedade na que non faltan os recursos básicos, se centran sobre todo na seguridade que poden achegar uns ingresos estables, en conservar e fomentar as relacións sociais para cubrir as necesidades de afecto, pertenza a un grupo ou familia e, para rematar, a motivación por sentirse valorado polos demais e sentirse conforme con todo iso.
Ataque ou fuxida
A esta clasificación engádese un instinto básico que pode determinar o modo de comportarse cando se trata de afrontar os problemas, que é a motivación para o ataque ou a fuxida. Todos os seres vivos e, polo tanto, tamén as persoas, ao se sentiren ameazados por unha situación problemática emprenden dous tipos de conduta: enfrontarse ao perigo ou escapar para evitar calquera dano. Na vida cotiá, esta dicotomía amósase dun xeito moito máis sutil, xa que as ameazas non son tan evidentes e se asocian cos problemas que xeran estrés. Para cada problema, a persoa decide cal é a opción que máis lle convén para diminuír a súa ansiedade: ou ben facerlle fronte ou evitalo. Aquelas que se decantan pola evitación son máis propensas a sufriren ansiedade ou depresión, xa que a orixe da súa motivación é o medo, polo que tenden a fuxir dos problemas e acaban acumulando demasiados conflitos sen resolver.
Acadar o éxito ou evitar o fracaso?
Tamén se definen dous perfís de persoas en función de como orientan as súas motivacións. Ou ben se moven para conseguir o éxito ou ben concentran toda a súa enerxía para evitar o fracaso. En ambos os dous casos poden ser individuos que obteñan grandes éxitos na vida, pero, ao igual ca no caso da clasificación anterior, os que intentan evitar o fracaso ou erro caen con máis facilidade no estrés, xa que o medo se torna nun dos protagonistas na súa vida. Pola contra, as persoas motivadas polo acerto e con ganas de alcanzar o éxito destilan menos preocupación e máis optimismo. Abundan os síntomas psicolóxicos que se vinculan coa desmotivación. A depresión é un dos principais. É moi importante que a persoa busque axuda para recuperar unha percepción realista da súa situación. Polo xeral, a depresión está relacionada con expectativas pouco alcanzables que, en lugar de motivar a persoa para conseguilas, agudizan o estrés e a decepción por non as alcanzar. Outra das causas habituais de perda de interese atópase no establecemento de obxectivos por baixo das capacidades. Cando alguén se acomoda en exceso ou, simplemente, se lle propoñen obxectivos pouco alentadores, a motivación pode comezar a escasear axiña.
Motivación intrínseca e extrínseca
A motivación intrínseca evidénciase cando o individuo realiza unha actividade polo simple pracer de facela, o desexo por acadar o que un se propón e atopa así unha fonte de enerxía para alcanzar o propósito formulado. Ten que ver con obxectivos persoais, como a autosuperación ou a sensación de pracer. A motivación extrínseca depende de elementos externos á persoa, asóciase ao que se recibe a cambio dunha actividade e non á actividade en si, como, por exemplo, o que se consegue seguindo as normas impostas por unha familia, as obrigas do traballo (cartos, moda), de pertenza a un grupo, etc.
Tamén a personalidade incide na motivación. Hai persoas que buscan a miúdo o afecto, a atención e o cariño dos demais, polo que as súas motivacións principais se atoparán nas relacións sociais. Outro perfil é o relacionado coa admiración, que aparece naquelas persoas que gozan sentindo recoñecemento. Outras móvense pola esixencia en si mesmos e por controlar ata o máis mínimo detalle, polo tanto a súa motivación é o perfeccionismo. En todos eles, se non se obtén a satisfacción desexada, ábrese a porta á tristura e á frustración.
Os recursos para afrontar a falta de motivación son varios, pero dous dos principais están relacionados co establecemento adecuado de obxectivos e coa tolerancia da decepción causada por non alcanzar algún deles.
Para evitar que apareza o estrés vinculado ás metas demasiado ambiciosas, convén realizar un exercicio de realismo e avaliar se o que se está intentando conseguir é alcanzable. Se se conclúe que os obxectivos propostos son excesivos haberá que abandonalos ou postergalos para conseguilos máis adiante e centrar as enerxías naquilo que é alcanzable en pouco tempo. Alicérzase así a motivación, que se alimenta de si mesma para multiplicarse e prepararse para novos propósitos. Se o obxectivo que se persegue non se acada, hai que pensar en volvelo intentar ou en cambialo por outro máis alcanzable. Pero os laios con sensación de vitimismo non axudarán a recuperar a motivación. Pola contra, alimentarán o desespero.
Tamén é importante que as motivacións principais sexan intrínsecas e que os motivos que nos moven sexan persoais; se non, córrese o risco de que o imposto dende fóra entre en conflito cos intereses individuais e que poida decaer o estado de ánimo por non atender as necesidades individuais. En conclusión, é aconsellable elaborar unha pequena listaxe coas motivacións principais para convertelas en metas máis pequenas a curto prazo e deixar que apareza a sensación de que eses obxectivos son posibles e alcanzables para comezar a actuar. Debemos ser conscientes de que non todo sairá á perfección, co que se previrá a decepción ante posibles obstáculos.