Investir con rede na xubilación

O mercado dispón de produtos de aforro a longo prazo que sacrifican unha maior rendibilidade para limitaren o risco e protexeren o capital
1 Setembro de 2009
Img eco domestica listado 355

Investir con rede na xubilación

A realidade transformou as expectativas das persoas que dedican os seus aforros para aseguraren a xubilación. A esperanza dunha substanciosa rendibilidade deulle paso ao medo de non só non gañar, senón de perder parte dos cartos investidos. Por iso, os supostos filóns cedéronlles o seu posto aos produtos que, por riba de todo, ofrecen seguridade. O instrumento por antonomasia para complementar as pensións públicas de xubilación son os plans de pensións. Non obstante, a maioría non garanten o capital investido, polo que moitos investidores ollan cara a outro tipo de produtos que si que protexen o aforro e que se comprometen, con independencia do que aconteza no mercado, a devolveren todo o que se investiu. PIAS, PPA´S, variable annuities, plans de pensións garantidos… A oferta é ampla e moi variada. As súas particularidades son tamén significativas. Cal é o mellor produto? A resposta depende de numerosos factores: a idade, o aforro acumulado, a maior ou menor aversión ao risco, a experiencia como investidor, a formación financeira… Ofrecémoslle unha guía para non perderse na elección dun produto para complementar a xubilación.

Plans de pensións garantidos

Contan con todas as características dos plans de pensións e coa peculiaridade de que se se mantén o diñeiro ata a data fixada pola entidade, o capital está asegurado.

Vantaxes

  • É un produto de aforro para a xubilación que conta cunha fiscalidade vantaxosa, xa que as achegas realizadas anualmente se deducen da base impoñible xeral do contribuínte, é dicir, permite pagar menos impostos ou, de ser o caso, recibir ingresos por parte da Axencia Tributaria.
  • Protexen o capital investido a vencemento. O obxectivo destes produtos é que o cliente manteña o seu diñeiro ata o final, de xeito que non o perderá.
  • Os investimentos mínimos que esixen as entidades son baixos. Pódese investir neles dende 300 euros anuais.
  • O aforro pódese traspasar a outro plan de pensións ou PPA cando se desexe.
  • A variedade de opcións é ampla: os garantidos de renda fixa protexen o capital e ofrecen un xuro anual fixo (arredor do 2-3% na actualidade). Os garantidos de renda variable dan a posibilidade de gañar, sempre que unha serie de valores ou índices bolsistas se comporten ben no período no que se mantén o investimento. Se a súa evolución é negativa a vencemento, o investidor non perderá diñeiro, pero tampouco recibirá ganancias.

Inconvenientes

  • Entre as súas desvantaxes destaca o feito de non seren líquidos, co que o capital só se pode rescatar en situacións excepcionais como ser desempregado de longa duración, caer enfermo, sufrir un estado de dependencia severa, quedar inválido ou, a máis habitual, xubilarse. Se o investidor non pode acreditar ningunha destas circunstancias, non poderá rescatar os cartos. Agora ben, os plans garantidos contan cun aspecto adicional: protexen o capital investido.
  • Nacen, en xeral, cun período de investimento definido. Son produtos con prazo. Un investidor debe facer cálculos e tratar de encaixar o garantido nos cinco, sete, dez… anos inmediatamente anteriores á súa xubilación. Se ten 55 anos e pensa xubilarse aos 65, deberá contratar un garantido a dez anos. Se ten 60 anos, debería subscribilo por un período de cinco anos… O importante é que o garantido non se manteña máis tempo ca o que lle resta para se xubilar.

A lei que regula os fondos de pensións permite traspasar o aforro dun produto a outro sen custo ningún. Non obstante, nos garantidos, se o investidor non está conforme co seu instrumento e decide traspasalo ou rescatalo antes de que remate (por se daren algunhas das continxencias consideradas na lei) pérdese a garantía. Nese suposto, a valoración do fondo dependerá totalmente da evolución dos activos nos que invista no mercado. É dicir, o investidor pode asumir perdas.

PPA´S

Os PPA´s son seguros de aforro que contan coa mesma fiscalidade ca os plans de pensións e coas mesmas condicións para o rescate: xubilación, desemprego, enfermidade…

Vantaxes

  • O seu principal atractivo é que garanten o capital investido e un tipo de xuro anual. Fronte aos plans de pensións garantidos, unha das súas vantaxes é que se pode traspasar o aforro a outro produto sen perder a garantía do capital investido.
  • Os PPA´s conseguen ganancias. Cada ano pagan o cupón co xuro prometido e ese diñeiro xa non o perde o cliente.
  • O aforro pódese traspasar a outro PPA ou plan de pensións cando se desexe.
  • Os investimentos mínimos para investir neles son tamén baixos. Oscilan entre os 300 e os 600 euros anuais.
  • Unha das súas características máis salientables é que poden contemplar unha cobertura por falecemento.
  • Contan coas mesmas vantaxes fiscais ca os plans de pensións.

Inconvenientes

  • As rendibilidades que se poden acadar non son moi elevadas. Nestes momentos móvense entre un 2,5 e un 3% anual.
  • As comisións que aplican poden ser elevadas. Polo xeral, cando se contrata o produto as aseguradoras cobran unha comisión de establecemento e outra para crear a garantía.

PIAS

Os Plans Individuais de Aforro Sistemático son máis coñecidos polas siglas PIAS. Están regulados pola reforma fiscal que entrou en vigor en xaneiro do 2007. Neles, pódese investir ata 8.000 euros anuais e 240.000 euros en toda a vida do produto.

Vantaxes

  • Son seguros de aforro que, polo xeral, tamén garanten o capital investido máis un xuro fixo (situado nestes momentos entre o 2,5 e o 3% anual).
  • Teñen liquidez. O investidor pode decidir rescatar os seus cartos en calquera momento (en contra do que acontece cos plans de pensións ou cos PPA´s).
  • Estes produtos interésanlles, de xeito especial, ás persoas que desexen rescatar o seu aforro como renda vitalicia, é dicir, que queiran reembolsar o seu aforro acumulado aos poucos e non de súpeto. Isto é así porque a principal peculiaridade deste vehículo financeiro é que as ganancias están exentas de tributación, sempre que se mantivese o investimento durante un prazo de, polo menos, dez anos e que se rescate a xeito de renda vitalicia. Fiscalmente, a renda mensual obtida tributa no IRPF como unha pensión vitalicia inmediata, con importantes reducións fiscais, en función da idade do cliente no momento de contratar a devandita pensión. Por exemplo, os maiores de 70 anos tributan só polo 8% da renda obtida. Os maiores que conten entre 66 e 69 anos de idade, tributarán polo 20% da renda mensual.
  • Outra das súas vantaxes é que se poden facer achegas a estes produtos de modo independente ás realizadas nos plans de pensións (un contribuínte poderá achegar ao seu plan de pensións e desgravar ata 10.000 euros anuais e investir outros 8.000, como máximo, nun PIAS).

Inconvenientes:

  • As achegas aos PIAS non reducen a base impoñible no Imposto sobre a Renda.
  • As rendibilidades que ofrecen son bastante reducidas. En ocasións, as comisións que aplica o produto levan xa máis da metade das ganancias.
  • Só se pode subscribir un PIA (pola contra, un investidor pode subscribir todos os plans de pensións que desexe).
  • As entidades obrigan, polo xeral, a realizar achegas de maneira periódica, co que o cliente debe ter claro a que se compromete. En realidade, funcionan como un plan de aforro. Tamén permiten facer subscricións extraordinarias sempre que se respecten os límites fiscais establecidos.

Variable annuities

Como os PIAS, este é un produto relativamente recente que chegou a España o ano 2007. Un variable annuitie é un seguro de aforro de rendas variables que garante todo o capital investido, sempre que se manteña ata o seu vencemento. Ademais, o seu principal atractivo e peculiaridade fronte aos PPA´S ou aos PIAS (que adoitan investir en renda fixa) é que permiten investir en bolsa e en fondos de investimento, co que dan a posibilidade de obter rendibilidades adicionais máis altas.

Vantaxes

Todos os variable annuities que se comercializan en España garanten o capital investido, máis unha rendibilidade adicional, que pode ser a maior entre dúas opcións:

  • Un xuro anual garantido de entre o 2 e o 3% ou a revalorización que experimente unha cesta de investimento elixida polo cliente (que adoita investir en bolsa ou en fondos de investimento).
  • As entidades danlle ao cliente a posibilidade de elixir entre varias cestas de inversión (dende as máis conservadoras ás máis arriscadas), aínda que nunca perderán o capital investido. O cliente non asume ningún risco de investimento. Pódese cambiar de opción de investimento tantas veces como se desexe (o investidor pode decidir no momento que queira deixar de investir en bolsa para pasar á renda fixa ou ao contrario), sempre co capital garantido.
  • O prazo de investimento mínimo é de cinco anos, aínda que as vantaxes son maiores se o investidor mantén os seus cartos máis tempo (entre 15 e 20 anos).
  • É un produto líquido, que pode rescatarse en calquera momento.

Inconvenientes

Como os plans de pensións garantidos, o variable annuitie mantén un prazo de investimento. Se se desexa reembolsar o diñeiro antes de tempo, o investidor perderá a garantía do capital, o que pode supor asumir perdas.

  • Non permiten vantaxes fiscais polas achegas.
  • É un produto que ten numerosas comisións: de xestión dos investimentos, de establecemento, para crear a garantía, de reembolso… As comisións de reembolso andan arredor do 5%.