Problemas e solucións ante o roubo do móbil
Os hábitos sociais e de consumo converteron os teléfonos móbiles nunha sorte de prolongación do corpo humano. Por iso a angustia e a preocupación invaden o cidadán cando constata que extraviou ou que lle roubaron o móbil. E non só pola perda económica que representa. Comeza ademais o tortuoso labor de recompilación de números telefónicos, direccións, citas… A súa condición de pequeno obxecto fai que se perda con máis facilidade da desexada e que, como un moedeiro, sexa o obxectivo de moitos ladróns. Esta é a razón pola que a Secretaría de Estado de Telecomunicacións recomenda pensar no móbil do mesmo xeito ca na carteira ou nas tarxetas de crédito e seguir unha serie de pautas como a discreción cando se utilice e non deixalo á vista. Se se sufriu a subtracción ou perda do terminal, cómpre tomar medidas decontado para bloquealo.
Que hai que facer ante a perda ou a subtracción do móbil?
Anular o SIM e o terminal móbil. Ao igual ca as tarxetas de crédito, deixarán de ter valor se se denuncia.
Como se fai?
Os usuarios, sexan de contrato ou de prepagamento, están no seu dereito de solicitar o bloqueo do teléfono. Por iso hai que informar decontado o operador de telefonía móbil e proporcionarlle os datos do número de teléfono e do terminal móbil (IMEI) para que se poida bloquear o terminal móbil e mais a tarxeta SIM. Deste xeito, a compañía suspenderá ao momento a liña e comezará o proceso de bloqueo do terminal, co fin de evitar un uso fraudulento do terminal e mais da tarxeta SIM.
Que é o IMEI e como o comprobo?
Aseméllase ao número de bastidor dun coche. O IMEI é o número que identifica o móbil. Aparece entre os documentos que acompañan o móbil ou na factura. Tamén está inscrito na batería e, na maioría dos modelos, obtense pulsando *#06#
A denuncia hai que facela na Policía?
Si, sempre que se trate dun roubo ou dun furto (subtracción sen violencia) hai que denuncialo á Policía ou á Garda Civil e achegar os datos de número de teléfono e do móbil (IMEI). O Código Penal tipifica con penas de prisión de seis meses a dous anos e con multa a quen, con ánimo de lucro, altere ou duplique o número identificativo de equipos de telecomunicacións ou comercialice equipos que sufriran unha alteración fraudulenta.
E se se trata dun extravío?
Se se perdeu pódese optar por bloquear a tarxeta SIM. Para iso hai que chamar á operadora de telefonía e unha vez facilitado o número evitarase que chamen dende o móbil extraviado con esa tarxeta. Máis tarde, se aparece e se quere utilizar, pódese utilizar outra tarxeta ou solicitarlle a operadora que desbloquee o teléfono. Convén anotar nun lugar seguro o número SIM e IMEI do móbil.
E despois?
É difícil que se recuperen os móbiles subtraídos, así que cando se dispón de seguro de móbil, hai que lle comunicar o máis axiña posible o sinistro á compañía. Se se trata dun roubo hai que lle levar á compañía unha copia da denuncia realizada ante a Policía e a continuación leranse as cláusulas da póliza. No momento de contratar este seguro hai que asegurarse das coberturas pactadas e dos riscos excluídos, e comprobar que cobre tanto o roubo como o furto.
O seguro non se responsabiliza se no canto dun roubo é un furto?
A Lei de contrato de seguro ten un concepto de roubo máis amplo ca a lexislación penal e engloba a subtracción non violenta ou furto. A maioría das sentenzas apuntan que as pólizas de roubo deben cubrir, en principio, tanto o roubo como o furto, salvo mención expresa en contra aceptada polo tomador do seguro.
E se a Compañía se nega a indemnizar o dano?
Fronte a calquera problema coa póliza de seguros, o primeiro que se debe facer é intentar resolvelo coa mesma compañía. Haberá que analizar a póliza e as cláusulas de exclusión, comprobando se foron aceptadas e asinadas polo tomador do seguro. E de ser o caso, seguir os pasos ordinarios de reclamación no ramo asegurador: dirixirse en segunda instancia á Oficina do Defensor do Cliente da mesma entidade. Esta oficina dispón de dous meses para lle contestar ao consumidor. Se non contestan ou se a resposta non é satisfactoria, débese poñer en contacto co Comisionado para a Defensa do Asegurado. Todas as xestións deben ser escritas.
A unha persoa róubanlle o móbil que deixou nun coche dentro dun aparcadoiro privado. É responsable a empresa titular do aparcadoiro?
A Lei 40/2002, do 14 de novembro, reguladora do contrato de aparcamento de vehículos establece que os accesorios non fixos e extraíbles, como radiocasettes e teléfonos móbiles, deben ser retirados polos usuarios, polo que non atinxe ao titular do aparcadoiro a responsabilidade sobre a súa restitución.
E nun restaurante ou bar? Son responsables dos furtos no seu interior?
Entre os servizos esixibles e propios de bares e restaurantes non está o deber específico de vixiar a terceiros ou a outros clientes para evitar posibles furtos, sexa de móbiles, bolsos ou roupa, salvo que estes obxectos fosen entregados expresamente en servizos de recepción ou gardarroupa para a súa custodia.
- Manteña activado o Pin e conserve nun lugar seguro o código de identificación do terminal ou IMEI.
- Evite ter o móbil á vista cando non o está utilizando. En establecementos públicos trate de non colocar o terminal sobre mesas, asentos ou mostradores ou en bolsos á vista. Nos automóbiles non o deixe sobre o cadro de instrumentos ou sobre o asento contiguo.
- En caso de roubo ou subtracción, presente unha denuncia ante a comisaría máis próxima facendo constar o número de teléfono e o IMEI do terminal. Avise o operador para suspender a liña, notificando o código IMEI do terminal subtraído e déalle parte da subtracción á Compañía de seguros se se dispón dela.
- Lea atentamente a póliza e pregunte sobre os termos do contrato. Non quede na información verbal: unicamente o que figura por escrito é de obrigado cumprimento polas partes. Conserve sempre unha copia da póliza e garde os recibos.