Nove suavizantes téxtiles concentrados brancos e azuis

Cada vez máis baratos e concentrados

Os nove suavizantes preveñen as engurras e facilitan o repasado, pero só tres aumentan o volume dos tecidos respecto dun lavado sen suavizante
1 Setembro de 2009
Img analisis

Cada vez máis baratos e concentrados

Conseguir pezas máis suaves, perfumadas e máis fáciles de pasar o ferro. Ese é o obxectivo que perseguen os suavizantes téxtiles. Na lavadora, os tecidos encóntranse tan apertados que as fibras da superficie se desorganizan e se comprimen, especialmente en tecidos naturais coma o algodón e a la. Se a roupa seca ao aire, como se fai de xeito habitual nos países europeos, a compresión convértese en permanente e as pezas adquiren ese tacto áspero tan desagradable que se evita engadindo suavizante no último ciclo do aclarado.

CONSUMER EROSKI analizou nove suavizantes téxtiles concentrados, seis de cor azul e perfume floral e outros tres de cor branca e perfume neutro das marcas Flor, Lenor, San, Mimosín, Elena, Quanto e Vernel. As diferenzas de prezo por dose son pouco significativas e van desde os 3,8 céntimos de euro de San Floral aos 6,1 céntimos de euro de Flor Frescor Azul. Poñendo tres lavadoras por semana (o que faría un total de 152 coadas ao ano), a diferenza entre usar un ou outro sería de apenas 3,5 euros anuais. O certo é que engadir suavizante ao lavado é cada vez máis barato xa que o prezo medio por dose pasou en catro anos de 6,6 céntimos de euro a 5 céntimos. A comparación coa análise publicada por esta revista en abril de 2005 tamén demostra que os suavizantes téxtiles teñen agora unha dose de materia activa case dúas veces superior á de entón, é dicir, que non só son máis económicos, senón que ao seren máis concentrados teñen menos plástico por envase, precisan menor espazo de almacenaxe e menor consumo de combustible para o seu transporte.

A mellor relación calidade-prezo corresponde a Flor Frescor Azul, que aínda que foi o suavizante máis caro, demostrou ser o máis eficaz contra as engurras, obtivo as mellores cualificacións na proba de uso e foi moi valorado polo seu perfume tanto ao abrir o tapón coma na roupa seca e húmida.

Tapóns demasiado grandes

Os suavizantes analizados permiten realizar, de media, entre 45 e 72 lavados e todos, excepto Lenor, indican o número de doses que inclúe o envase. O sistema de dosificación por tapóns é correcto en todos os casos xa que todos inclúen unha marca que corresponde á dose recomendada. Con todo, os tapóns son sempre maiores ca a dose indicada polo fabricante. Se a iso se lle suma a tendencia xeneralizada a encher o tapón enteiro, é moi probable que se aplique unha dose do produto maior da necesaria. Sería máis conveniente un sistema de dosificación no que un tapón equivalese a unha dose. Todos os envases se pesaron baleiros e dividiuse o peso polo número de doses que ofrecían para calcular a súa eficiencia enerxética. San e Lenor obtiveron os valores máis baixos (1,12 gramos e 1,17 gramos de peso de envase por dose respectivamente), o que significa que usan menos plástico por dose. Xusto o contrario do que ocorre con Mimosín (1,76 gramos) e Vernel Cielo azul (1,72 gramos).

Na etiquetaxe, cinco dos nove suavizantes cumprían con todos os requisitos da lexislación. No caso de Lenor, Vernel Cielo Azul e Vernel Delicado, as instrucións propoñen “medio tapón” como medida de dosificación, pero sen expresar esta cantidade en mililitros. En Mimosín Azul Vital o tamaño do texto que indica o contido nominal non tiña os 6 milímetros mínimos de altura esixidos pola norma. Tal e como esixe a lexislación europea, todos os fabricantes publican a súa listaxe de ingredientes na internet.

Cada vez máis materia activa

Os ingredientes máis importantes dos deterxentes, tanto os téxtiles coma os limpadores ou lavalouzas, son os tensioactivos aniónicos, de gran capacidade limpadora. Os suavizantes teñen, sobre todo, tensioactivos catiónicos que poden reaccionar cos aniónicos e causar efectos non desexados (restos de deterxente e suavizante na roupa, por exemplo). Por iso convén engadir o suavizante no último ciclo do aclarado e non antes. O suavizante con máis extracto seco (a cantidade de produto que queda logo de evaporar a auga) e maior cantidade de tensioactivos catiónicos foi a de Flor Frescor Hidratante -5,2 unidades de concentración de materia activa (meq) por dose- mentres que Elena Quanto foi a referencia con menos materia activa (3,1 meq/dose). A media de materia activa pasou en catro anos de 71 meq/quilo a 139 meq/quilo, é dicir, que os suavizantes están agora case dúas veces máis concentrados ca en 2005, sempre segundo as análises realizadas por esta revista.

A viscosidade e o pH tamén se valoraron para medir a calidade de cada produto. En contra do que puidese parecer, os suavizantes máis viscosos non teñen máis materia activa e polo tanto non son máis eficaces, máis ben ao contrario, xa que se dilúen peor na auga e a cantidade de produto que queda sobre as paredes do envase é maior. Xa que logo, os dous produtos de Vernel, de maior viscosidade ca o resto, foron peor valorados neste sentido. Respecto do pH, considérase que é mellor canto máis ácido xa que así neutraliza a alcalinidade dos deterxentes. Destaca Mimosín Caricias cun pH de 2,1 e quedan en último lugar Flor Frescor Hidratante (pH 3,2) e San (pH 3,1).

Eficaces contra as engurras

Para comprobar o poder suavizante, determinouse en que medida os produtos analizados evitan as engurras, facilitan o repasado e deixan esponxosa a roupa.

En primeiro lugar, prensouse unha peza de algodón estándar encartada e repasada sen suavizante baixo unha carga de 10 Newtons durante 5 minutos e mediuse despois o ángulo da engurra que quedaba. A maior ángulo, menor é a engurra. A continuación repetiuse a mesma proba despois dun lavado con suavizante e volveuse a realizar unha medida idéntica, primeiro en vertical (urdime) e despois en horizontal (trama). Sen suavizante, o ángulo de desengurrado (ángulo medio das engurras que se rexistraron nas dúas medidas) foi de 56 grados. Con suavizante, o ángulo foi maior en todos os casos, é dicir, que todas as referencias demostraron previr a aparición de engurras, aínda que non todas na mesma medida. Flor Frescor Azul (74,5 graos) foi o máis eficaz e Lenor (58,5 graos) o de menor eficacia.

Unha segunda proba consistiu en depositar a roupa lavada sobre a táboa de repasado, deslizar o ferro a unha velocidade e lonxitude determinadas e calcular o coeficiente de fricción dinámica, é dicir, a resistencia que ofrece o tecido. En todos os casos, este coeficiente foi menor en roupa tratada con suavizante, do que se deduce que as referencias analizadas contribúen a facilitar o repasado, especialmente Mimosín Caricias (0,094) e San (0,1). O suavizante que menos facilitaba o repasado foi Elena Quanto (0,13), o de menor cantidade de materia activa. Con todo, Elena foi un dos que demostrou maior capacidade para darlle máis volume e esponxosidade á roupa, logrando as mellores cualificacións nestes dous aspectos.

O ensaio de volume consistiu en medir o espesor dun tecido de la lavado só con deterxente e engadindo suavizante. San quedou no último lugar, mentres que Elena, Flor Frescor Hidratante e Vernel Delicado obtiveron bos resultados. As mesmas referencias obtiveron tamén bos resultados na proba de esponxosidade, na que tamén destacou Vernel Delicado.

Os que mellor olen

Un total de 45 consumidores avaliaron cada un dos suavizantes e valoraron do 1 ao 7 a súa conformidade coas afirmacións que se lle fixeron acerca de cada un deles. Entre os suavizantes azuis, Elena Quanto obtivo as peores cualificacións polo seu perfume ao abrir o envase (tanto cando se preguntou se era agradable coma cando se valorou a súa intensidade e se era ou non o perfume adecuado para a cor do produto). Entre os brancos, Flor Frescor Hidratante foi o peor cualificado no olor ao abrir o envase e na relación entre o olor e a cor do produto.

Logo da coada, o suavizante azul que deixaba mellor olor segundo os consumidores foi Flor Frescor Azul, tanto na roupa húmida coma na seca, mentres que o perfume de San foi considerado o menos intenso e agradable en ambos os dous casos. Na cualificación global Flor foi o mellor valorado e San o peor valorado.

Entre os brancos Flor Frescor Hidratante foi o mellor en roupa húmida e Mimosín Caricias o peor, tanto na roupa húmida coma na seca. Mimosín Caricias foi, de feito, o que obtivo peor cualificación global por parte dos consumidores que valoraron os suavizantes brancos. Igual ca entre os azuis, o que máis gustou foi Flor Frescor Hidratante cunha cualificación de 4,91 sobre 7.

En síntese e táboa comparativa

En síntese

  • Analizáronse seis suavizantes concentrados de cor azul e perfume floral e tres suavizantes concentrados de cor branca e perfume neutro. O prezo por lavado vai dos 3,8 céntimos de San Floral aos 6,1 céntimos de Flor Frescor Azul.
  • Os suavizantes son cada vez máis baratos e máis concentrados. En 2005 unha dose de suavizante custaba, de media, 6,6 céntimos de euro, mentres que en 2009 o prezo medio por lavado é de 5,1 céntimos.
  • Cinco dos nove suavizantes cumprían con todas as esixencias da norma de etiquetaxe: Flor Frescor Azul, San Floral, Elena Quanto, Flor Frescor Hidratante e Mimosín Caricias. Lenor non indicaba o número de doses que contiña o envase.
  • Todos os suavizantes analizados evitan que se engurre a roupa e facilitan o repasado. Con todo, só tres aumentan o volume dos tecidos en comparación cun lavado sen suavizante: Elena, Flor Frescor Hidratante e Vernel Delicado.
  • Flor Frescor Azul é o que máis gustou polo seu perfume, tanto ao abrir o envase, coma na roupa húmida ou seca.
  • A mellor relación calidade-prezo corresponde a Flor Frescor Azul, que obtivo a mellor valoración na proba de uso e foi co que menos se engurraban as pezas.
Marca Lavado sen suavizante Flor Flor lenor San
Submarca Frescor Azul Frescor hidratante Frescor de abril Floral
Suavizante Azul Suavizante Blanco Suavizante Azul Suavizante Azul
Formato e prezo
Contido neto declarado (ml) 1250+250 2000 1350 1500
Número de doses declaradas 45+9 72 Non indica (50) 54
Prezo (céntimos de euro/lavado) 6,1 5,1 4,5 3,8
Dosificación e envase
Volume por dose (ml) 28 28 Non indica (27 ml) 27,5
Plástico por dose (g) (1) 1,56 1,37 1,17 1,12
Información para o consumidor
Etiquetaxe (2) Correcto Correcto Mejorable Correcto
Folla de ingredientes(3) Correcto Correcto Correcto Correcto
Composición
Extracto seco (%) 13,2 15,5 13,9 11,3
Extracto seco (g/dose) 3,7 4,3 3,7 3,1
Materia activa (meq/dose)(4) 4,5 5,2 4,7 3,8
Viscosidade (cps) 22 23 30 25
pH 2,9 3,2 3,0 3,1
Eficacia
Ángulo de desengurrado (¼) (5) 56 74,5 64,5 58,5 64,8
Resistencia ao repasado (coeficiente de fricción)(6) 0,145 0,121 0,123 0,104 0,100
Ensaio de volume (mm)(7) 0,577 0,569 0,606 0,552 0,546
Ensaio de esponxosidade (%)(7) 38,8 39,0 40,9 37,9 37,4
NOTA DE CALIDADE Moi ben Moi ben Moi ben Moi ben
PROBA DE USO (de 1 a 7) 5,2 4,9 4,6 4,4
Marca Mimosin Elena quanto Vernel Mimosin Vernel
Submarca Caricias Brisa suave Delicado Azul Vital Cielo Azul
Suavizante Blanco Suavizante Azul Suavizante Blanco Suavizante Azul Suavizante Azul
Formato e prezo
Contido neto declarado (ml) 1250 2000 2000 1250 1250
Número de doses declaradas 45 72 72 45 45
Prezo (céntimos de euro/lavado) 5,7 4,0 5,7 5,7 5,6
Dosificación e envase
Volume por dose (ml) 27 28 Non indica (28 ml) 27 Non indica (28 ml)
Plástico por dose (g) (1) 1,76 1,37 1,33 1,76 1,72
Información para o consumidor
Etiquetaxe (2) Correcto Correcto Mejorable Mejorable Mejorable
Folla de ingredientes(3) Correcto Correcto Correcto Correcto Correcto
Composición
Extracto seco (%) 12,6 9,6 10,6 11,8 11,3
Extracto seco (g/dose) 3,4 2,7 3,0 3,2 3,2
Materia activa (meq/dose)(4) 4,1 3,1 3,8 3,7 3,8
Viscosidade (cps) 52 11 113 48 94
pH 2,1 2,8 2,5 2,5 2,6
Eficacia
Ángulo de desengurrado (¼) (5) 62,5 68,5 69,5 67 67
Resistencia ao repasado (coeficiente de fricción)(6) 0,094 0,130 0,129 0,116 0,117
Ensaio de volume (mm)(7) 0,569 0,617 0,598 0,563 0,567
Ensaio de esponxosidade (%)(7) 38,8 43,3 40,8 38,9 38,8
NOTA DE CALIDADE Ben Ben Ben Suficiente Suficiente
PROBA DE USO (de 1 a 7) 4,7 4,7 4,9 4,7 4,8

1. Plástico por dose. Resulta de dividir o peso do envase baleiro entre o número de doses nominais.

2. Etiquetaxe. o caso de Mimosín Azul Vital o tamaño de letra do contido nominal é menor do especificado pola norma. Vernel Cielo Azul, Lenor e Vernel Delicado non indican a cantidade en mililitros dunha dose.

3. Folla de ingredientes. LA norma obriga os fabricantes a colgar na internet unha folla na que se indiquen todos os ingredientes do produto.

4. Materia activa. Cuantificouse a cantidade de tensioactivos catiónicos do produto. Os tensioactivos catiónicos son os responsables da acción suavizante.

5. Ángulo de desengurrado. Canto maior é este ángulo menor é a tendencia do tecido a engurrarse. Calculouse segundo a norma UNE-EN 22313.

6. Resistencia ao repasado. Canto menor é o dato de coeficiente de fricción, máis fácil é a tarefa de pasar o ferro.

7. Ensaio de volume e esponxosidade. Indícase o grosor en milímetros dun tecido lavado con diferentes suavizantes e logo a porcentaxe de redución de grosor do tecido baixo presión. Canto maior é este valor máis esponxoso é o tecido lavado.

Un a un

Un a un, 9 suavizantes téxtiles

Flor Frescor Azul

  • A mellor relación calidade-prezo.
  • Prezo: 6,1 céntimos/dose. O máis caro.
  • Contido neto: 1.250 ml + 250 ml
  • Calidade: Moi ben.
  • O que mellor prevén a aparición de engurras (maior ángulo de desengurrado). O segundo menos viscoso (22 centipoises). Non proporciona volume.
  • Proba de uso: 5,2 de 7. O mellor valorado: considerouse que o seu perfume era o máis agradable ao abrir o envase, na roupa húmida e sobre a roupa seca.

Lenor Frescor de Abril

  • Prezo: 4,5 céntimos/dose.
  • Contido neto: 1.350 ml
  • Calidade: Moi ben.
  • Non indica o número de doses por envase. O que menos prevén a formación de engurras.
  • Despois de San Floral, o que menos plástico usa por envase. Non proporciona volume nin esponxosidade.
  • Proba de uso: 4,6 de 7. Xunto con San Floral, un dos peor valorados polo olor sobre a roupa húmida.

San Foral

  • Prezo: 3,8 céntimos/dose. O máis barato.
  • Contido neto: 1.500 ml
  • Calidade: Moi ben.
  • O de maior pH despois de Flor Frescor Hidratante. Xunto con Mimosín Caricias, un dos que máis facilitan a operación de repasado. O que menos plástico usa por dose de suavizante.
  • Non proporciona volume nin esponxosidade.
  • Proba de uso: 4,4 de 7. O peor valorado. O perfume que menos gustou en seco e en húmido.

Elena Quanto

  • Prezo: 4 céntimos/dose.
  • Contido neto: 2.000 ml
  • Calidade: Ben.
  • O de menor extracto seco e menos tensioactivos catiónicos (materia activa) por dose. Xunto con Vernel Delicado, o que máis resistencia ofrecía ao repasado. O que máis esponxosidade proporciona.
  • Proba de uso: 4,7 de 7. O peor valorado polo seu perfume e a súa intensidade ao abrir o envase.

Mimosín Azul Vital

  • Prezo: 5,7 céntimos/dose.
  • Contido neto: 1.250 ml
  • Calidade: Suficiente.
  • O tamaño de letra utilizado para indicar o contido nominal do envase é inferior ao especificado por norma. Xunto con Mimosín Caricias, o que máis plástico usa por dose. Non proporciona volume nin esponxosidade.
  • Proba de uso: 4,7 de 7. Xunto con Elena Quanto, un dos que peor adecuaban o tipo de perfume á cor do suavizante.

Vernel Cielo azul

  • Prezo: 5,6 céntimos/dose.
  • Contido neto: 1.250 ml
  • Calidade: Suficiente.
  • Non indica o volume en mililitros por dose. O segundo de maior viscosidade. Un dos que máis plástico usan por dose.
  • Proba de uso: 4,8 de 7. O segundo mellor valorado dos suavizantes azuis.

Flor Frescor Hidratante

  • A mellor opción dos suavizantes brancos.
  • Prezo: 5,1 céntimos/dose. O máis barato dos suavizantes brancos.
  • Contido neto: 2.000 ml
  • Calidade: Moi ben.
  • O de maior extracto seco, e o de maior contido en tensioactivos catiónicos (materia activa). O de maior pH.
  • Proba de uso: 4,9 de 7. A mellor valoración dos suavizantes brancos xunto con Vernel Delicado. Gustou pola súa intensidade sobre a roupa seca e a roupa húmida. Foi o peor valorado polo seu perfume ao abrir o envase.

Mimosín Caricias

  • Prezo: 5,7 céntimos/dose.
  • Contido neto: 1.250 ml
  • Calidade: Ben.
  • O de menor pH. O que máis facilitaba o repasado. Xunto con Mimosín Azul Vital, o que máis plástico para o envasado tiña por dose de suavizante. Non proporciona volume nin esponxosidade.
  • Proba de uso: 4,7 de 7. A peor valoración dos suavizantes brancos. O perfume que menos gustou dos suavizantes brancos, tanto na roupa húmida coma na seca.

Vernel delicado

  • Prezo: 5,7 céntimos/dose.
  • Contido neto: 2.000 ml
  • Calidade: Ben.
  • Non indica o volume en mililitros por dose. O de maior viscosidade.
  • Proba de uso: 4,9 de 7. A mellor valoración dos suavizantes brancos xunto con Flor Frescor Hidratante. Gustou o perfume ao abrir o envase.