A obesidade, un gran problema e un gran negocio
A obesidade xa alcanzou cifras de epidemia en todo o mundo e ameaza con seguir medrando. O problema vai alén dos efectos nocivos que ten sobre a saúde, como un maior risco de padecer diabete, enfermidades cardiovasculares ou cancro. Estímase que a obesidade e o sobrepeso se converteron nun negocio que move millóns de euros obtidos directamente do peto dos afectados a través de dúas vías: a promesa, incumprida, de perder peso e mais a oferta de produtos adaptados ás súas características para a vida cotiá (roupa, utensilios, mobles…).
Os últimos datos dispoñibles salientan a crecente prevalencia da obesidade, que en Europa se triplicou nas dúas últimas décadas. En España, segundo a última enquisa nacional de saúde (ENS 2006), un 37,8% dos adultos sofre sobrepeso e un 15,6%, obesidade, porcentaxes semellantes ás que se rexistran na franxa infantil e xuvenil (30% de sobrepeso e 13,9% de obesidade).
O impacto que ten a obesidade na saúde é innegable: peor calidade de vida, problemas psicolóxicos, perda da autoestima, enfermidades asociadas, redución da esperanza de vida e repercusión na mortalidade. Calcúlase que un de cada doce falecementos que se dan en adultos están relacionados co exceso de peso, o que representa unhas 28.000 mortes de adultos ao ano.
Alén da saúde
Estes efectos perniciosos van máis alá do eido sanitario, xa que o tratamento rexistra unha enorme carga en custos sociais e económicos, debido á utilización de recursos para a súa prevención primaria e secundaria, e ao tratamento das enfermidades asociadas. Algúns dos datos dispoñibles sinalan que o custo desta epidemia podería alcanzar o 7% do custo sanitario do Sistema Nacional de Saúde, se ben esta cifra é discutida por algúns expertos.
Trátase, xa que logo, dun serio problema que, ademais, é obxecto de especulación, negocio e ata engano, favorecido pola convivencia de taxas cada vez máis elevadas de obesidade cun modelo social que enxalza o culto ao corpo. Iso condiciona que numerosos afectados non acepten a súa condición de obesos e vivan este trastorno acomplexados e con angustia. De aí que procuren por todos os medios pórlle fin á súa situación. Para iso non dubidan en recorrer a calquera método que lles prometa un cambio de imaxe, aínda que este non reúna as garantías nin evidencias científicas necesarias, como así o comprobou CONSUMER EROSKI nunha recente investigación sobre produtos para axudar a perder peso dispoñible en www.consumer.es. Proba diso é que o 80% dos afectados utiliza produtos e métodos “milagreiros” e só un 6% dos que se propoñen adelgazar acoden ao médico ou ao especialista.
Neste momento non hai cifras exactas sobre o impacto económico que xera este “negocio”, pero en España estímase que cada obeso que desexa perder peso gasta uns 60 euros mensuais. E se recorre aos tratamentos farmacolóxicos cos dous medicamentos que están admitidos como adelgazantes, pero que non cobre a seguridade social, o custo é de 1.000 euros ao ano.
Situación legal, prohibicións explícitas
A lexislación española (Real Decreto 1907/96) prohibe as mesturas de substancias anoréxicas e psicotrópicos e mais a utilización de diuréticos e laxantes para adelgazar e o uso de hormonas tiroideas. Tamén prohibe suxerirlle propiedades adelgazantes a un produto co engadido “de xeito natural”, achegar na publicidade testemuños de persoas que adelgazaron sen esforzo ou incluír imaxes de sanitarios, reais ou supostos, que garanten o resultado.
Non obstante, esta norma apenas se respecta e continúase coa venda de centos de produtos milagreiros, coa apertura de centros de adelgazamento baseados en dietas milagrosas, plantas prodixio e cócteles de medicamentos e produtos que poden chegar a ser extremadamente perigosos para a saúde. A Administración Federal de Fármacos e Alimentos estadounidense (FDA) vén de alertar sobre 25 produtos que se utilizan para perder peso que son perigosos para a saúde e que se anuncian na televisión, en Internet, en revistas e en tendas de herboristería, o que facilita a súa adquisición.
Amais dos millóns de euros que se malgastan nestes tratamentos, os efectos adversos que orixinan supoñen unha perda de tempo, de ilusión e de esperanza, xa que máis do 80% de persoas só experimenta unha baixada de peso pasaxeira que se recupera en pouco tempo. Por outra banda, un 68% dos centros de adelgazamento non superan as probas de calidade que inclúen unha avaliación do paciente, a información que se lles proporciona, as técnicas para adelgazar, os tratamentos ou a formación dos profesionais.
Os tratamentos contra a obesidade e os de cirurxía estética son as áreas da medicina onde se rexistra un maior número de casos de mala práctica médica e de intrusismo. Pero a sombra da obesidade, amais de ancha, é alongada: nos últimos tempos están collendo auxe as vendas de produtos para obesos a través de Internet: mobles e accesorios especiais, básculas para obesos (as normais chegan ata os 140 quilos), extensións para os cintos de seguridade (a 60 euros a unidade) ou roupa. Os datos cifran que a través de Internet se realizan unhas vendas anuais de 17.000 millóns de euros en produtos destinados a obesos e a persoas con sobrepeso.
Información e educación, claves para a prevención
A educación sanitaria dende a infancia, mediante a introdución de hábitos correctos para a prevención da obesidade, é imprescindible. Pero esta práctica non se realiza en todos os fogares e proba diso é o resultado dunha recente enquisa realizada en Almería entre adolescentes: o 97% descoñece a dieta mediterránea, o 76% non almorza na casa, o 73% cambiaría a súa imaxe corporal e, para se manteren en forma, prefiren buscar unha dieta en Internet. Se a isto engadimos que nas cafetarías dos institutos non se respectan as recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS) en materia de graxas e que a bolería, as patacas fritas e as larpeiradas de todo tipo acaparan as vendas nestes locais, obtense unha fotografía precisa respecto á causa do aumento da obesidade entre os adolescentes. Por iso, os expertos consideran imprescindible educar en hábitos saudables de vida e ofrecer alternativas mediante a información e formación sobre este problema de saúde.