Graxas saudables pero moi calóricas
Analizáronse 8 mostras de cócktail de froitos secos distintas entre si, tanto nos froitos secos (cacahuetes, améndoas, abelás, anacardios, pistachos) e outros ingredientes (millo, fabas, pasas, snacks) que conteñen, coma na proporción en que aparece cada un deles e no tratamento térmico que reciben (fritidos ou torrados). Preséntanse en bolsas de plástico que pesan desde 100 ata 500 gramos, agás un que se vende en lata.
Todos comparten sistema de envasado, atmosfera protectora, que substitúe o osíxeno por outros gases para evitar que o produto se faga rancio. A gran diversidade dos seus ingredientes tradúcese en ostensibles diferenzas de prezo, desde os menos de 5 euros o quilo de Son Sánchez Fritos, Plis Plas Popurri e Borges Mezcla Surtido ata os ao redor de 15 euros o quilo que custan as dúas mostras da marca Eagle, que conteñen os ingredientes máis caros.
Os ingredientes fundamentais destas oito mostras son: froitos secos, aceite vexetal e/ou graxa vexetal (excepto en Son Sánchez Mezcla, que di non usar aceite nin graxa vexetal), sal e fariñas.
Sabido é que o consumo de froitos secos é, en xeral, moi saudable pero a análise realizada describe estes cócktails como moi enerxéticos (de media, 535 calorías cada cen gramos; achegan desde 467 ata 637 calorías/100g), debido ao seu gran contido en graxa (37% de media, pero desde o 59% ata o 23%, segundo as mostras). Esta graxa é saudable xa que case toda é insaturada (81%, de media), aínda que en tres dos oito produtos entre o 23% e o 28% da súa graxa eran ácidos graxos saturados, os menos saudables. Tamén é significativo nestes produtos que mesturan froitos secos o contido en carbohidratos (31% de media) e proteínas (19% de media; desde o 25% ata o 11% segundo a mostra).
Unha das características máis positivas dos froitos secos é o seu gran contido de fibra (que favorece a motilidade intestinal e combate o estrinximento), e os cócktails analizados tamén poden presumir diso xa que de media teñen o 7% de fibra, desde o 6% ata o 10% de fibra segundo o produto. A améndoa é o froito seco con máis fibra: crúa contén máis do 10% de fibra. Estes cócktails son, por outra banda, pobres en azucres xa que sete dos oito contiñan só entre o 1% e o 5% de azucres totais. A excepción constitúea o de máis uvas pasas (Eagle Cocktail Exótico), que chega ao 24% de azucres. Por outra banda, o contido en minerais dos froitos secos é superior ao do resto de froitas, e destacan en magnesio, fósforo, potasio, calcio e ferro, e en oligoelementos como o zinc e selenio, ambos os dous con acción antioxidante. Son Sánchez Mezcla foi, nesta comparación, o de maior contido en minerais (as cinzas representaban un 5,8% do produto) e Eagle Cocktail Exótico o de menos (cinzas: 2,4%). En canto a vitaminas, os froitos secos carecen de vitamina C pero son ricos en B1 ou tiamina, niacina ou B3 e folatos. Ademais constitúen unha das fontes vexetais máis abundantes en vitamina E, aínda que parte das vitaminas B1 e E se destrúen coa calor da fritura ou do torrado.
A cantidade de sal non era excesiva (desde o 0,05% ata o 1%) en cinco dos oito produtos, pero en tres (teñen entre o 3,3% e o 4% de sal) si que o é, duplica sobradamente o límite (1,5% de sal) a partir do cal un produto é demasiado salgado para a saúde. Outra conclusión é que só Mistercorn Mix emprega aditivos potenciadores do sabor e que tamén foi o único dos comparados cuxa calidade sanitaria resultou “mellorable”, aínda que o seu reconto de mofos e fermentos-superior ao das outras mostras- non supoñía risco para os consumidores. Mediuse tamén no laboratorio a cantidade de aflatoxinas que contiña cada mostra. As aflatoxinas son micotoxinas que contaminan os produtos agrícolas, particularmente certos froitos secos. Producidas por fungos do xénero Aspergillus e coñecidas pola súa actividade carcinóxena, evitar o seu desenvolvemento é difícil e require un estrito control do procesamento, secado e almacenaxe. Os resultados da suma total de aflatoxinas foron inferiores ao permitido (2 µg/kg, ou partes por billón, para a aflatoxina B1 e 4 µg/kg para a suma das B1, B2, G1 e G2, aínda que os dalgunhas mostras se achegaron ao límite. Por último, a análise de detección de transxénicos revelou que ningún destes oito produtos contiña millo xeneticamente modificado.
Cata e mellor relación calidade-prezo
Na cata participaron 30 consumidores habituais deste tipo de froitos secos, aos que se lles preguntou pola aparencia, sabor, intensidade do sabor salgado, sensación ao masticar e combinación de ingredientes destes oito produtos. Ademais, consultóuselles que ingrediente engadirían ou aumentarían e cal quitarían ou reducirían en cada produto, así como pola súa preferencia e valoración global de cada mostra. A cata evidenciou diferenzas significativas en todos os parámetros, circunstancia pouco habitual nas análises sensoriais desta revista. A principal conclusión é que Eagle Musik Selected Nuts, Eagle Cocktail Exótico, Mistercorn Mix 5, Facundo e Son Sánchez Fritos foron superiores ás tres mostras restantes, e que Borges e Plis Plas lograron as peores valoracións; Son Sánchez Mezcla ocupou unha posición intermedia. O mellor valorado polos catadores foi Eagle Musik Selected Nuts, o máis caro, a máis de 15 euros o quilo. Se se atende a composición nutricional, prezo e resultados de cata, a mellor elección, isto é, a mellor relación calidade-prezo desta comparación é Son Sánchez Fritos. Para quen prefira un produto máis variado e con ingredientes máis caros, unha opción interesante é Eagle Cocktail Exótico.
Froitos secos e graxa e táboa comparativa
Froitos secos e graxa
Case o 50% dos froitos secos en cru, ao natural son lípidos (graxa). Con todo, o contido medio de graxa dos oito produtos foi do 37%, a pesar de que (excepto Son Sánchez Mezcla) empregan aceite vexetal para a fritura. O emprego de ingredientes baixos en graxa, como uvas pasas, garavanzos ou snacks con fariñas, diminúe este contido final de graxa. É o caso de Eagle Cocktail Exótico, cun 30% de graxa, Mistercorn Mix 5 cun 25% e Borges cun 23%.
A mostra máis graxa é Eagle Musik Selected Tuts (59%), que contén noz de macadamia e noz pacana (ao natural, 60%-70% de graxa) así como améndoa e abelá (ao natural, 54%). Ademais, o aceite de xirasol da fritura. Os demais conteñen entre o 30% de Plis Plas e o 49% de Son Sánchez Mezcla, que a pesar de non usar aceite vexetal (segundo a súa etiqueta) e ademais de conter garavanzos e fariña de arroz (pouco graxos) ten un contido graxo significativo, que pode deberse ao seu gran contido de cacahuetes (63% do produto) e notable de améndoas, abelás e pistachos.
Nos froitos secos ao natural, o perfil de lípidos é saudable porque abundan os ácidos graxos insaturados (ácido oleico en maior cantidade en améndoas e abelás e ácido linoleico abundante en cacahuetes e noces), graxas cardioprotectoras. Os froitos secos son ricos en ácidos graxos esenciais, que o noso organismo humano é incapaz de crear. Os cacahuetes son os froitos secos máis ricos en graxa saturada (16%), a menos saudable. O tipo de aceite vexetal usado na fritura influirá na calidade final da graxa do produto. O emprego de aceite de xirasol (declárano as dúas mostras de Eagle e Mistercorn Mix5) non prexudica o perfil lipídico do produto; pola contra, mellórao. Estas tres mostras, xunto con Son Sánchez Mezcla (o único que non emprega aceite) son as de maior porcentaxe de ácidos graxos insaturados: Eagle Cocktail Exótico 92%; Eagle Musik Selected nuts 86%; Mistercorn Mix 5 e Son Sánchez Mezcla 84%.
O resto (Facundo, Son Sánchez Fritos, Plis Plas e Borges) din engadir “aceites vexetais”, pero non especifican de cal se trata. A análise non permite sabelo debido á mestura de ácidos graxos que proveñen de distintas fontes de froitos secos, pero si pode dicirse que o seu perfil lipídico, que segue dominado polos ácidos graxos insaturados, non é tan saudable coma o dos que declaran engadir aceite de xirasol. Son Sánchez Fritos e Borges declaran engadir “graxa vexetal” (saturada, probablemente palma ou outro vexetal tropical). Estes dous produtos, xunto con Plis Plas son os de máis graxa saturada da comparación.
Marca | Facundo (Cocktail de frutos secos) | Eagle (Cocktail exótico) | Eagle (Musik selected nuts) | Son Sánchez (fritos) |
---|---|---|---|---|
Formato (g) | 200 | 100 | 275 | 500 |
Prezo (Euros/quilo) | 8,54 | 14,56 | 15,18 | 4,14 |
Ingredientes indicados na etiqueta | En proporción variable: Cacahuete pelado e cacahuete repelado, pipas de xirasol peladas, millo, aceite vexetal e sal | Améndoa, papaia desecada, pasas sen sementes, abelás, pasas golden sen sementes, piñóns, aceite de xirasol, sal. | Cacahuete (50%), améndoa, anacardio, abelá, aceite de xirasol, noz de macadamia, noz pacana, sal. | Cacahuetes, fabas, millo, garavanzos, graxa vexetal, aceite vexetal e sal. |
Humidade (%) | 0,5 | 8 | 1,5 | 2 |
Proteína (%) | 21 | 11 | 23 | 22 |
Graxa (%) | 46 | 30 | 59 | 36 |
ácidos graxos saturados (%) | 17 | 8 | 14 | 23 |
ácidos graxos insaturados (%) | 83 | 92 | 86 | 77 |
Carbohidratos (%) | 23,5 | 42 | 3,5 | 31 |
Azucres totais (%) | 2 | 24 | 3,5 | 2 |
Valor calórico (Cal/100g) | 589 | 484 | 637 | 533 |
Fibra (%) | 6,5 | 6,5 | 10 | 6,5 |
Cinzas (%)1 | 3 | 2 | 3 | 3 |
Sal (%) | 0,8 | 0,05 | 1 | 1 |
Aflatoxinas (ppb)2 | 1,9 | 1,5 | 3,9 | 1,6 |
Estado hixiénico-sanitario3 | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto |
OGM4 | Negativo | – | – | Negativo |
Cata (de 1 a 9) | 6,7 | 6 | 7 | 6,5 |
Marca | Son Sánchez (mezcla) | Mistercorn Mix 5 (Cocktail de frutos secos y sancks) | Plis Plas (popurrí) | Borges (mezcla surtido) |
---|---|---|---|---|
Formato (g) | 500 | 130 | 170 | 250 |
Prezo (Euros/quilo) | 7,49 | 7,51 | 4,41 | 4,90 |
Ingredientes indicados na etiqueta | Cacahuetes, améndoas, abelás, pistachos, garavanzos, fariña de arroz e sal. | Millo, cacahuete, aceite de xirasol, garavanzo, pasa, sal, aroma, fariñas de trigo e arroz, potenciadores de sabor E-621 e E- 635, fermento inactivo e azucre. | A etiqueta ofrece información confusa. Os ingredientes comprobados en laboratorio son: millo, pipas de xirasol, cacahuetes, fabas, garavanzos, anacardios, pipas de cabaza, cacahuetes con casca, sal e aceite vexetal. | Millo frito e salgado, pipas xirasol torradas e salgadas, cacahuete casca Brasil torrado e salgado, garavanzos torrados, fabas fritas e salgadas, aceite e/ou graxa vexetal, sal fariña e antioxidante E-320. |
Humidade (%) | 1 | 3 | 2 | 2 |
Proteína (%) | 25 | 15 | 19 | 15,5 |
Graxa (%) | 49 | 25 | 30 | 23 |
ácidos graxos saturados (%) | 16 | 16 | 25 | 28 |
ácidos graxos insaturados (%) | 84 | 84 | 75 | 72 |
Carbohidratos (%) | 10,5 | 49 | 40 | 49 |
Azucres totais (%) | 3 | 5 | 3 | 1 |
Valor calórico (Cal/100g) | 587 | 477 | 506 | 467 |
Fibra (%) | 8 | 6 | 6 | 7 |
Cinzas (%)1 | 6 | 2,5 | 3 | 3,5 |
Sal (%) | 3,3 | 0,8 | 4 | 3,5 |
Aflatoxinas (ppb)2 | 2,5 | 3,5 | 3,7 | 3,6 |
Estado hixiénico-sanitario3 | Correcto | Mellorable | Correcto | Correcto |
OGM4 | – | Negativo | Negativo | Negativo |
Cata (de 1 a 9) | 6 | 6,7 | 5,6 | 5,2 |
1. Cinzas: o dato proporciona unha idea aproximada da cantidade de minerais de cada produto: a máis cinza, maior concentración de minerais.
2. Aflatoxinas: Micotoxinas recoñecidas pola súa actividade carcinóxena e producidas por un mofo toxixénico do xénero Aspergillus. A lexislación establece un máximo de 2 ppb (partes por billón, ou µg/kg, microgramo/quilo) para a aflatoxina B1 e 4 ppb para a suma de B1, B2, G1 e G2. Medíronse estas 4 clases de aflatoxina e comprobáronse que todas as mostras respectaban este máximo.
3. Estado hixiénico-sanitario. Os froitos secos non contan con norma específica que estableza límites de contaminación bacteriana. Buscáronse E.coli (indicador de contaminación fecal), mofos e fermentos (medran en condicións de baixa actividade de auga), S. aureus (indicadores de inadecuada manipulación) e Bacillus cereus (microorganismos termorresistentes). Mistercorn Mix 5 presentou un reconto de mofos e fermentos superior ao das demais mostras, pero sen que iso supoña risco para o consumidor.
4. OGM: Organismos modificados xeneticamente. Comprobouse que nas mostras que o conteñen, o millo é non transxénico.
Un a un
8 cócktails de froitos secos, un a un
Son Sánchez Fritos, "fritos"
- Bolsa de 500 gramos. Sae a 4,14 euros/quilo, o máis barato. Mellor relación calidade-prezo.
- Ingredientes (pesados en laboratorio): cacahuetes (53%), fabas (14%), millo (23%), garavanzos (9,5%), ademais de graxa vexetal, aceite vexetal e sal. Carece de froitos secos caros, como améndoas, abelás ou pistachos.
- Etiquetaxe incorrecta, a denominación de venda (“fritos”) non é conforme a norma.
- Un dos máis proteicos (o 22% do produto é proteína). En fibra, a pesar do seu alto contido (6,5%), non destaca. Achega 533 calorías cada cen gramos, tamén ao redor da media dos outros sete produtos analizados.
- O perfil da súa graxa (un 23%, saturada) non é tan saudable coma o doutros produtos aquí comparados, que teñen en torno ao 16% de saturados e mesmo menos. Sal: o 1%, moito menos ca os tres máis salgados e máis ca outros, pero aceptable.
- Na cata, con 6,5 puntos, foi un dos favoritos. Gusta por “aparencia”, “sabor” e polos seus ingredientes. Recibiu críticas polos seus cacahuetes con pel. Os catadores indicaron que, de poder facelo, engadirían abelás e uvas pasas a este produto. E quitarían ou reducirían os garavanzos.
Facundo, "cocktail de frutos secos"
- Bolsa de 200 gramos. Sae a 8,54 euros/quilo.
- Ingredientes (pesados en laboratorio): millo (35%), cacahuete repelado (23%), pipas de xirasol peladas (23%), cacahuete pelado (19%), ademais de aceite vexetal e sal. Pouca variedade, e ausencia de froitos secos caros, como améndoas, abelás ou pistachos.
- Dos de máis graxa (o 46% do produto) e proteína (21%) e un dos máis enerxéticos (589 calorías cada cen gramos, cando outros non chegan ás 490 calorías). Sal: o 0,8%, un dos que menos (hainos que superan o 3%, cando se estima que a partir do 1,5% de sal un alimento xa é demasiado salgado para a saúde).
- Na cata obtén 6,7 puntos e foi un dos favoritos. Gustou polos seus ingredientes e polo seu “sabor” pero recibiu críticas por conter “demasiadas pipas”. Os catadores indicaron que, de poder facelo, engadirían abelás a este produto. E quitarían ou reducirían as pipas.
Son Sánchez Mezcla, "mezcla"
- Bolsa de 500 gramos. Sae a 7,49 euros/quilo.
- Ingredientes (pesados en laboratorio): cacahuetes pelados (63%), garavanzos (12%), améndoas (9%), abelás (8,5%), pistachos (7%). Ademais, fariña de arroz e sal.
- Etiquetaxe incorrecta. A denominación de venda (“mezcla”) non é conforme a norma. É un dos máis salgados (3,35% de sal, duplica o contido a partir do cal se considera que un alimento é demasiado salgado, o 1,5%).
- Dos de máis graxa (el 49%), o máis proteico (25%) e un dos máis enerxéticos (587 calorías cada cen gramos, cando nesta comparación varios teñen menos de 490 calorías). O de maior contido en minerais (cinzas: 5,8%).
- Na cata logra 6 puntos e queda nunha posición intermedia en preferencias dos consumidores. Gusta polos seus ingredientes e non é criticado por ningún dos parámetros. Os catadores indicaron que, de poder facelo, engadirían millo e uvas pasas a este produto. E quitarían ou reducirían os garavanzos.
Eagle, "cócktail exótico"
- Bolsa de 100 gramos. Sae a 14,56 euros/quilo, un dos dous máis caros, ambos a enorme distancia dos demais. A pesar do seu elevado prezo, unha opción interesante.
- Ingredientes (pesados en laboratorio): abelás (30,5%), papaia desecada (20%), pasas sen semente (19%), améndoa (18%), pasas golden sen sementes (10,5%), piñóns (2%), ademais de aceite de xirasol e sal. Contén, e en abundancia, froitos secos e ingredientes caros.
- Etiquetaxe incorrecta, a denominación de venda (“cócktail exótico”) non é conforme a norma.
- O de graxa con perfil máis saudable (os insaturados representan o 92% da graxa), o de máis azucres (24%, polas pasas e a papaia desecada) e o menos proteico (11%). Alto contido en fibra (6,5%), pero non destaca. Apenas contén sal (0,05%) e é un dos menos enerxéticos (484 calorías cada cen gramos). Un dos dous de menor contido en minerais (cinzas: 2,4%).
- Na cata consegue 6 puntos e foi un dos favoritos. Gustou polo seu sabor e non resultou criticado por ningún dos parámetros. Os catadores indicaron que, de poder facelo, engadirían cacahuetes a este produto. E quitarían (…)
Eagle, "Musik selected nuts"
- Lata de 275 gramos. Sae a 15,18 euros/quilo, o máis caro, a enorme distancia de todos os demais excepto un da súa mesma marca.
- Ingredientes (pesados en laboratorio): cacahuetes repelados (32%), anacardios (19%), améndoas (14%), abelás (14%), noces de macadamia (12%), noces pacana (9%). Contén, en abundancia, froitos secos caros.
- Etiquetaxe incorrecta, a denominación de venda, que ademais está en inglés (“selected nuts”) non é conforme a norma.
- No seu composición, destaca polo seu abundante proteína (23%) e fibra (10%, o que máis). Pero tamén é o de máis graxa (59%) e o máis enerxético (637 calorías cada cen gramos). Sal (1%), na media.
- Na cata logra 7 puntos, figura entre os favoritos e foi o mellor valorado. Gusta polos seus ingredientes e “polo seu sabor” e non é criticado por ningún dos parámetros. Os catadores indicaron que, de poder facelo, engadirían millo e uvas pasas a este produto. E quitarían ou reducirían os cacahuetes.
Mistercorn Mix5, "cocktail de frutos secos y snacks"
- Bolsa de 130 gramos. Sae a 7,51 euros o quilo.
- Ingredientes (pesados en laboratorio): cacahuetes pelados (34%), millo (33%), garavanzos (15%), aceite de xirasol, pasas (8%), ademais de sal, aroma, fariñas de trigo e arroz, aditivos potenciadores de sabor E-621 e E-635, fermento inactivo e azucre. Carece de froitos secos caros, como améndoas, abelás ou pistachos. E é o único con aditivos saborizantes, prescindibles nun produto de calidade.
- O de máis carbohidratos (49%), e o único que engade azucre, pero tamén un dos de menos graxa (25%) e menos enerxéticos (477 calorías cada cen gramos).
- O único cuxo estado hixiénico se comprobou mellorable: aínda que non entraña risco para o consumidor, o reconto de mofos e fermentos foi significativamente superior ao dos demais produtos. Un dos dous de menor contido en minerais (cinzas: 2,5%).
- Na cata obtén 6,7 puntos e foi un dos favoritos. Gusta polo seu sabor pero recibiu críticas polos seus ingredientes. Os catadores indicaron que, de poder facelo, aumentarían a cantidade de uvas pasas neste produto. E quitarían ou reducirían o millo e os garavanzos.
Borges, "mezcla surtido"
- Bolsa de 250 gramos. Sae a 4,90 euros/quilo, un dos máis baratos.
- Ingredientes (pesados en laboratorio): millo fritido e salgado (45%), pipas de xirasol torradas e salgadas (25%), cacahuete casca Brasil torrado e salgado (13%), garavanzos torrados (10%), fabas fritidas e salgadas (6,5%), ademais de aceite e/ou graxa vexetal, sal, fariña e antioxidante E-320. Un dos dous que usan aditivos.
- Etiquetaxe incorrecta, a denominación de venda (“mezcla surtido”) non é conforme a norma.
- O de graxa menos saudable (o 28% é saturada, cando na maioría representa entre o 16% e o 8%) e un dos tres demasiado salgados (3,5% de sal, duplica sobradamente o contido de sal a partir do cal se considera que un alimento é excesivamente salgado, o 1,5%).
- Na cata, con só 5,2 puntos, foi un dos menos preferidos. Eloxiouse o seu “sabor” pero recibiu críticas polos ingredientes e polos froitos secos sen pelar. Os catadores indicaron que aumentarían a cantidade de cacahuetes neste produto.
Plis Plas, "popurri"
- Bolsa de 170 gramos. Sae a 4,41 euros/quilo, o segundo máis barato.
- Ingredientes (pesados en laboratorio): millo (26%), pipas de xirasol (26%), cacahuetes (21%), fabas (11%), garavanzos (9%), anacardios (4%), pipas de cabaza (2%), cacahuetes con casca (1%) e pasas sen semente (0,1%).
- Ademais, sal, aceite vexetal e antioxidante E-312. Carece de froitos secos caros, como améndoas, abelás ou pistachos. Atopáronse en cantidade ínfima, (un único froito), ingredientes non declarados: anacardio e pasa. Pode deberse a unha contaminación accidental na elaboración.
- Etiquetaxe incorrecta. A denominación de venda (“popurrí”) non é conforme a norma. Ademais, a listaxe de ingredientes é confusa.
- O máis salgado (4% de sal), duplica sobradamente o contido a partir do cal un alimento é demasiado salgado, o 1,5%. Ademais, un dos de graxa menos saudable (o 25%, saturada, cando na maioría representa entre o 16% e o 8%).
- Na cata obtén 5,6 puntos e foi un dos menos preferidos. Gustou polo “seu sabor” e polos ingredientes, e recibió criticas polas pipas sen pelar. Os catadores indicaron que aumentarían (…)