Plan Nacional de Consumo de Froitas e Verduras nas Escolas | Ácido oxálico | Cantidade diaria recomendada de azucre | Diferenzas nutricionais entre margarina e manteiga | O ferro dos froitos secos

1 Setembro de 2009

Plan Nacional de Consumo de Froitas e Verduras nas Escolas | Ácido oxálico | Cantidade diaria recomendada de azucre | Diferenzas nutricionais entre margarina e manteiga | O ferro dos froitos secos

Fálase de: Plan Nacional de Consumo de Froitas e Verduras nas Escolas

Os malos hábitos alimentarios identificados en nenos e adolescentes, entre os que destaca o insuficiente consumo de froitas e hortalizas, sumado ao ascenso continuo da obesidade infantil, obriga a tomar iniciativas nacionais que contribúan a mellorar os seus hábitos alimentarios.

O último proxecto aprobado polo Parlamento Europeo a finais do 2008 é o “Plan Nacional de Consumo de Froita fresca nas Escolas” (School Fruit Scheme). España sumouse a esta iniciativa saudable, que botará a andar este mes en 5.900 centros escolares, incluídas garderías, centros preescolares e escolas de ensino primario e secundario. Isto significa que máis de 1.200.000 nenos e nenas de entre 3 e 18 anos terán a posibilidade de comer froita gratis na escola.

Un dos obxectivos é eliminar dos xantares bolos, snacks, refrescos ou zumes azucrados e substituílos por froita.

Alimentos saudables

Segundo datos do Panel de Alimentación que elabora o Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, o consumo de froitas e hortalizas é menor nos fogares con nenos. Aínda son moitos os cativos que non chegan ás recomendacións da Organización Mundial da Saúde de consumir uns 400 gramos de froitas e verduras acotío. Por iso, os alimentos que ofrecen dentro do Plan son froita fresca, verduras e hortalizas frescas, verduras e hortalizas procesadas (ou de cuarta gama) e zume de froitas (non a base de concentrados nin néctares de froitas) e dáselles prioridade aos produtos locais e de tempada.

Ademais, dentro do Plan ofréceselles a posibilidade aos escolares de coñecer mellor os produtos agrícolas, o seu valor nutritivo, a repercusión do seu consumo na saúde e os sistemas de produción ou de comercialización.

Nenos e froitas

CONSUMER EROSKI, na súa Escola para previr a obesidade infantil, dedícalle un dos seus capítulos a dar ideas para fomentar o consumo das froitas entre os máis pequenos. Se o neno ve na casa a cesta da froita sempre cheo e con variedade de froitas de tempada irase afacendo a tomar froita e a que esta lle guste. Por iso, hai que procurar que comece o día comendo froita, ben en zume ou enteira, no almorzo ou no xantar. O obxectivo é facer partícipe o neno na compra e mais na preparación da froita. Con eles pódense elaborar sinxelas e rechamantes receitas con froitas, como refrescos xeados, xeados, batidos, xelatinas, macedonias ou filloas, entre outros. Este hábito que comeza na casa debe continuar na escola.

Na canle de Alimentación da web de CONSUMER EROSKI (www.consumer.es/alimentacion) pódese ampliar esta información e dispor de múltiples receitas coas froitas como ingrediente principal.

O ABC da Nutrición: Ácido oxálico

Trátase dun ácido orgánico incluído en diferentes vexetais que dificulta a asimilación dalgúns minerais, como o ferro, o calcio ou o magnesio, debido a que forma con eles sales de oxalato. Tamén é un produto non esencial do metabolismo intermediario dos nosos tecidos. En caso de padecer cálculos renais, e sempre que estes sexan de oxalato cálcico (son os máis comúns), convén limitar da dieta tanto os alimentos ricos en calcio como os ricos en ácido oxálico. Os vexetais con maior concentración de oxalato (máis de 100 mg/100 g) son a espinaca, a remolacha e o cacao en po, e entre os vexetais cun contido de oxalato moderado (10-100 mg/100 g) atópanse o porro, a framboesa, a escarola, a cabaza e mais o apio.

O dato: 75 gramos

É a cantidade máxima de consumo de azucre recomendada como saudable na dieta dunha muller adulta, que require unhas 2.000 calorías diarias. Non é difícil chegar a esta cifra se se ten en conta a grande oferta de alimentos azucrados que se inxiren decote: madalenas (8-10 g de azucre), pezas de bolería (15 g), sobres de azucre (8-10 g), presadas de larpeiradas (40-50 g), flans ou cremas (15-20 g), refrescos (35 g nunha lata), dúas mancheas de cereais azucrados, chocolatados ou con mel (15 g). Amais do azucre destes alimentos, hai que reparar no incluído de xeito natural nas froitas (unha peza mediana ten 10-15 g de azucre -frutosa-), nun vaso de zume (15 g), nun vaso de leite (9 g) ou nun iogur (6,25 g).

Consultorio

Que diferenza hai entre a manteiga e mais a margarina? Disque a margarina ten menos calorías e mellor graxa ca a manteiga: que hai de certo niso?

Entre a manteiga e a margarina hai moitas diferenzas: de orixe, de elaboración e de composición nutricional. Si teñen en común a súa elevada achega de graxas e de calorías, aínda que son dous produtos de distinta natureza. Mentres que a manteiga procede da graxa do leite e na súa composición abundan os ácidos graxos saturados e o colesterol, a margarina elabórase normalmente a partir de aceites vexetais, polo que entre os seus compoñentes sobresaen os ácidos graxos insaturados. Non obstante, algúns fabricantes utilizan na elaboración da margarina aceites vexetais parcialmente hidroxenados, o que lle dá esa textura untuosa que tanto gusta, aínda que desvaloriza en boa medida o valor nutricional e saudable da margarina.

Os aceites parcialmente hidroxenados son ricos en graxas trans, que teñen un maior efecto pernicioso ca as graxas saturadas na saúde cardiovascular. Mentres que estas últimas se asocian a unha maior capacidade de aumentar os niveis de colesterol plasmático (LDL colesterol) sempre que se inxiran en exceso, as graxas trans non só aumentan o colesterol prexudicial (LDL), o que se adhire ás arterias, senón que diminúen o HDL ou colesterol beneficioso. Por este motivo, catalóganse como as máis nocivas para o corazón e para as arterias. En todas as manteigas abundarán as graxas saturadas, mentres que se poden atopar margarinas 100% vexetais que non levan aceites parcialmente hidroxenados e, polo tanto, serán máis ricas en ácidos graxos insaturados, mellores para a saúde cardiovascular.

A análise comparativa elaborada este ano por CONSUMER EROSKI (dispoñible en www.consumer.es) sobre 6 mostras de manteiga e 4 de margarina concluíu que a margarina ten menos graxa e achega menos calorías. Ademais, o perfil da súa graxa é máis saudable, por incluír menos graxas saturadas e tamén menos graxas trans.

En cuestión de calorías, tanto unha coma a outra conteñen, por termo medio, uns 80 gramos de graxa por 100 gramos de produto, o que se traduce nunhas 720 calorías. Así e todo, hai distintos tipos de manteigas (light) e de margarinas (margarina ¾, minarina, light…) cun menor contido en graxa, ata a metade e, polo tanto, con menor achega calorífica.

É certo que os froitos secos son ricos en ferro?

Todos os froitos secos son alimentos ricos en ferro. O contido deste mineral na maioría dos froitos secos é semellante ao da carne vermella: entre 2,5 e 4 miligramos por 100 gramos e ata 9 mg/100 gramos nas sementes de sésamo. Agora ben, o ferro dos froitos secos é ferro non hemo, unha forma química que o organismo non aproveita con tanta eficacia como o ferro hemo nas carnes e vísceras.

Esta carencia palíase cando se toma con alimentos ricos en vitamina C, xa que a combinación de nutrientes favorece a absorción do ferro. Trátase, polo tanto, de tomar os froitos secos acompañados dun zume de laranxa, dun kiwi, dun cacho de piña, dunhas mandarinas, dunha peza de calquera froita tropical (papaia ou mango), ou ben de tomar os froitos secos nunha ensalada que leve tomate, tamén rico na devandita vitamina. Esta combinación de alimentos garántelle unha boa achega de ferro ao organismo, en especial se se ten tendencia a sufrir anemia.

Os froitos secos que máis ferro concentran son as sementes de sésamo (9 m/100 g), os pistachos (7 mg/100 g), as pipas de xirasol (6,4 mg/100 g), os piñóns (5,6 mg/100 g), as améndoas (4 mg/100 g) e o resto (cacahuete, chufa, noces, abelás) conteñen entre 2,5 e 3,5 mg/100 g.