Demasiada letra pequena, incumprimentos no prazo de resposta e publicidade non de todo veraz, principais carencias
Setembro non só é o mes da volta á escola e das depresións posvacacionais: é o momento no que moitos cidadáns tramitan numerosas reclamacións pola desconformidade cos servizos contratados durante as súas vacacións. A contestación que se recibe non sempre resolve o problema ou non sempre se recibe a correspondente indemnización polo dano causado. É entón cando se opta por contratar os servizos dun avogado. Unha alternativa de uso crecente é recorrer ás compañías que ofrecen asistencia legal inmediata a cambio dunha tarifa accesible, en principio máis económica ca a asesoría legal tradicional, para o cidadán común. Agora ben, non sempre se pode confiar en que estas empresas resolvan todo tipo de problemas. Un estudo elaborado por CONSUMER EROSKI e dispoñible na internet constatou, tras a análise de 35 firmas -12 de asesoría xurídica xeral, 12 especializadas en divorcios exprés e 11 especializadas en multas e accidentes de tráfico- que o seu funcionamento, tarifas e servizo rexistran notables variacións en función da firma elixida. Entre os principais reparos destaca que a publicidade non se corresponde coa realidade xa que a súa asistencia se reduce a cuestións de pouca importancia económica e que rara vez acaban en preito xudicial, aínda que abordan as distintas ramas do Dereito (laboral, fiscal, civil, mercantil ou penal).
-
Se decide facer uso das asesorías xurídicas a través da internet saiba que pode toparse con tres servizos distintos entre os que deberá elixir. O 78% das asesorías en liña xerais e de multas dan servizo a cambio dunha cota anual. Con todo, esta cota anual dá opción a coberturas distintas que diferencian as empresas entre aquelas que promoven unha ‘Tarifa plana’ e as que ofrecen un ‘Bono por consultas’.
- O de ‘Tarifa plana’ é un contrato polo cal un cliente se beneficiaría durante un ano do asesoramento xurídico que precise, sen límite de consultas. Este sistema funciona como unha aseguradora tradicional e o seu maior inconveniente é que só cobre a persoa que asinou coa compañía e os seus familiares directos (cónxuxe e fillos que vivan no domicilio). Todas as empresas que recorren contra as multas ofrecen os seus servizos con esta ‘Tarifa plana’.
- Os ‘Bonos por consultas’ baséanse nun determinado número de asesoramentos por un prezo máis reducido ca se se contratase cada consulta de forma individual (pode saír, en función das que se realicen, ata cinco veces máis barata cada unha) e o número de consultas ou servizos contratados pode caducar ou seguir vixente ata esgotar as consultas. As consultas non se limitan ao titular do contrato, senón que se ofrece un número de consultas con independencia de quen as realice.
- O abano de posibilidades continúa co ‘Pagamento por consulta’, ou a solicitude de asesoramento xurídico para un determinado caso. Este é o sistema elixido por todas as asesorías especializadas en tramitar divorcios. Dentro das empresas dedicadas á asesoría en xeral e ás multas de tráfico, a maioría ofrecen os seus servizos a cambio dunha cota anual (con límite ou sen límite de consultas), e o 45% ofrece a opción de pagar por unha soa consulta. Este pagamento pode realizarse mediante a formulación da dúbida legal a través dun teléfono de tarificación especial 807 ou a través do pagamento dun prezo fixado mediante transferencia ou domiciliación e articulando a consulta por correo electrónico ou teléfono ordinario. Os despachos de avogados tradicionais nos que o cliente acode de xeito presencial á oficina orzan ou minutan o traballo do letrado segundo o caso concreto. É o que se coñece como ‘Orzamento personalizado’. Entre as empresas de asesoría en xeral en liña, o 25% ofrece tamén a opción do ‘Orzamento personalizado’ segundo o caso concreto do cliente.
- No caso particular dos divorcios, o labor destas empresas céntrase nos que son de mutuo acordo, mentres que os divorcios polo contencioso precisan máis atención e para eles fixan un orzamento personalizado, moi semellante ao montante que esixiría un bufete tradicional. Esta situación faise extensible ao resto dos casos referentes a todas as ramas do dereito.
- O asesoramento virtual dun avogado por un asunto concreto ten un prezo medio de 40 euros, un bono por dez consultas custa 90 euros, cinco máis ca un servizo anual de recurso de multas, e as xestións dun divorcio, 500 euros.
- Desconfíe da información que aparece nas páxinas web das asesorías en liña xa que polo xeral non están actualizadas ou non ofrecen xeito de comprobalo, e comprobe a vixencia do servizo. Antes de subscribir ningún contrato, intente manter algún tipo de contacto directo (teléfono, correo electrónico ou visita persoal), pida información sobre as condicións xerais do contrato e compárea co anunciado na internet.
- Infórmese ben antes de contratar os servizos dalgunha destas empresas. En moitas ocasións o servizo anunciado dá a entender que polo pagamento dunha cota accesible disporá dun avogado. Con todo, a maioría das empresas limítanse a asesorar o cliente e a redactar e tramitar documentos ao seu nome.
- Aínda que por veces se publicita unha atención en liña 24 horas, esixa a confirmación de que esta oferta é real ou se limita aos casos de urxencia.
- Infórmese sobre a empresa que máis lle interesa para solicitar os seus servizos. Saiba que son moitas as páxinas web que teñen detrás unha empresa cuxo nome pouco ou nada ten que ver coa actividade que desenvolve. A automatización dalgúns procedementos legais favorece que moitas organizacións ofrezan, a través da rede, programas e ferramentas para que o consumidor elabore as súas reclamacións, recursos e textos xurídicos, mediante a inserción dunha serie de datos sobre o procedemento ou sanción en curso. Isto pode abaratar custos para o cliente, pero fertiliza o terreo para a creación de asesorías en liña pouco fiables e cun limitado percorrido na asesoría xurídica.
- Lea polo miúdo as condicións xerais do contrato coa empresa ou a sección ‘aviso legal’ que, de xeito habitual, aparecen nas páxinas web das asesorías legais en liña, xa que é aí onde se agocha a ‘letra pequena’ .
- Saiba que os datos referentes á titularidade da empresa, sede física, número CIF, etc. se atopan normalmente no ‘aviso legal’, mentres que as condicións xerais do contrato informan sobre cuestións fundamentais para saber o tipo de servizo que se contrata. Entre esas condicións é habitual atopar unha limitación no número de consultas, a advertencia da posibilidade de suspender temporalmente o servizo a través da internet ou, mesmo, o aviso de que a empresa non se responsabiliza do éxito ou da calidade da resposta ofrecida ao consumidor.
- Outra das informacións relevantes que non se atopan cunha primeira ollada na páxina web ou nas comunicacións coa empresa é a renovación automática dos contratos temporais, práctica habitual das asesorías legais en liña. Co obxectivo de evitar esta situación, non dubide en insistir para que sexa a empresa a que lle facilite un número de conta onde ingresar o pagamento acordado. Isto impediría o cobro automático da cota ao finalizar o ano de contrato, aínda que non anularía esa orde de renovación se non se lles avisa do contrario.
- Revise con atención o contrato para comprobar se lle impuxeron un límite no número de consultas.
- Se solicita un orzamento esixa que lle fagan unha desagregación detallada por conceptos para evitar sorpresas como pagar á parte a obtención do certificado de empadroamento ou do poder notarial de preitos.
- Se decidiu divorciarse a través da internet, antes de nada, pregunte o custo da redacción do convenio regulador para que non haxa sorpresas ante a decisión de deter todo o proceso. Saiba que non todas as páxinas web advirten de que cobran polo devandito escrito, que pode supor de media o pagamento de 105 euros.