Boa para a nai e excelente para o bebé
É un produto sostible, non precisa envase, non contamina a natureza, sérvese á temperatura máis axeitada e supón un importante aforro económico. Este milagre chámase leite materno. Ningún outro alimento dá reunido todas as proteínas, minerais, ácidos graxos e oligosacáridos precisos para o organismo de balde, en perfecto estado de conservación e sempre a punto para o seu consumo, tanto sexa pola mañá, á tarde ou á noite. Por iso, máis do 80% das nais opta por aleitar o seu bebé logo de dar a luz. Así e todo, aos tres meses a porcentaxe descende e aos seis, tempo mínimo recomendado pola Organización Mundial da Saúde (OMS), non alcanza o 45%. Que acontece para que se renuncie antes de tempo a un acto recoñecido pola ciencia, pola OMS e pola maioría dos profesionais sanitarios como o máis san e beneficioso para o bebé e mais para a nai?
Dende o Consello Internacional de Consultores en Lactación Materna aseguran que a desinformación, os mitos e prexuízos arredor da lactación, dos problemas que poidan xurdir (mastite, mamila invertida…) e, mesmo, do propio proceso de dar o peito dende o mesmo momento do nacemento do bebé, son factores clave que determinan o prematuro abandono. Un momento crítico, no que moitas nais optan por utilizar o biberón, ten lugar aos tres meses, ante a maior demanda do bebé. Pero poucas saben que este cambio ten unha explicación fisiolóxica e que, se se segue a dar o peito, este pode producir tanto leite como pida o neno.
A evidencia científica constata que a alimentación do bebé durante os primeiros meses de vida ten unha influencia decisiva nas fases temperás do desenvolvemento do neno e mais na súa saúde adulta. Os estudos sobre composición e propiedades do leite materno permitiron coñecer que, amais dos nutrientes necesarios para un óptimo crecemento do lactante, este contén centos de substancias bioactivas (anticorpos, encimas, hormonas…) que promoven a saúde e mais o benestar do neno. Esta é a razón principal pola que a industria dos leites adaptados intenta igualar a súa composición á do leite materno e lles engade aos preparados estándares ingredientes como os ácidos graxos poliinsaturados de cadea longa, o beta-palmitato ou os prebióticos e probióticos.
Así e todo, aínda que estes leites artificiais son, dende o punto de vista nutricional, aceptables, non se poden considerar como un tipo de alimentación equiparable á lactación natural.
Lactancia: natural, gratificante e positiva
As nais que deciden aleitar os seus bebés pregúntanse a miúdo polo tipo de alimentación que deben seguir, se a produción do seu leite abonda e se é nutritivo. Ante estes interrogantes, a mensaxe da OMS é clara: débese optar pola lactación materna exclusiva durante os seis primeiros meses de vida como o tipo alimento que proporciona a nutrición máis conveniente para o crecemento e desenvolvemento do bebé.
A dieta da nai inflúe na composición do leite, polo que nesta etapa da vida é fundamental o coidado da súa dieta, en especial, do tipo de graxas que inxire, xa que estas se trasladan ao leite materno. Por iso é conveniente tomar alimentos ricos en graxas insaturadas e en ácidos graxos esenciais, como aceite de oliva virxe extra, froitos secos e peixe azul e tamén evitar o consumo de graxas trans ou parcialmente hidroxenadas, recoñecidas polos seus efectos daniños sobre a saúde do corazón e das arterias.
No tocante aos alimentos que inflúen no sabor do leite ou que lle causan molestias ao bebé hai máis de mito ca de evidencia. Os alimentos flatulentos como os legumes non lle causan necesariamente molestias ao bebé, dado que os gases se producen coa dixestión deses alimentos no intestino materno e non alcanzan o seu leite. Outros, con sabores pronunciados, como os espárragos, as cebolas e os allos só lle dan o seu sabor ao leite se se abusa deles, polo que tamén se poden consumir con moderación.
As características do leite materno poden variar dunha muller a outra, aínda que son moitas as particularidades nutritivas que o fan único:
- Alto contido en lactosa e en oligosacáridos. Garanten unha enorme achega enerxética que lle permite ao bebé ir gañando peso día a día. A lactosa transfórmase en ácido láctico pola flora intestinal, que favorece a absorción do calcio, ferro, fósforo e doutros minerais.
- Achega equilibrada de proteínas. Facilita a dixestión. Contén menos caseínas, as proteínas máis alerxénicas (abundantes no leite de vaca).
- Ácidos graxos poliinsaturados de cadea longa (AGPCL) e ácidos graxos esenciais. Teñen un papel determinante na maduración cerebral e no sistema nervioso do bebé. O contido en graxas varía dunha muller a outra e dunha toma a outra, aínda que é maior a concentración ao final da mañá e ao comezo da tarde.
- Concentración axeitada das vitaminas, agás de vitamina D, que se suplementa para favorecer a absorción e fixación ósea do calcio.
- Equilibrada achega de minerais, a excepción do sodio para evitar sobrecarga renal no lactante.
A cantidade de leite materno adáptase á demanda do bebé, o que impide que o neno pase fame ao lle dar de mamar. Deste xeito, o cativo regula o seu apetito e evita a sobrealimentación, que pode inducir á obesidade infantil.
Dende a Academia Americana de Pediatría aseguran que aos nutrientes se suman substancias únicas como anticorpos, hormonas e encimas dixestivos (favorecen a maduración da flora intestinal e melloran a dixestión). Todos eles protexen o bebé contra numerosas enfermidades como alerxias, eccemas, diarrea, asma, pneumonía e outras infeccións respiratorias, infeccións de oído e meninxite. Estas substancias únicas non se lle poden subministrar ao lactante mediante leites artificiais.
As bondades do leite materno esténdense ás nais, xa que estas perden peso máis decontado, rexistran un menor risco de sufriren anemia posparto e o cancro de ovarios, de mama e a osteoporose son menos frecuentes nas que aleitaron.
A crise dos tres meses
Dende o Comité de Lactación Materna da Asociación Española de Pediatría advírtese de que moitas nais, por descoñecemento, abandonan a lactación cara aos tres meses do nacemento do bebé. Neste período, a criatura ten días nos que está inqueda, chora máis, dorme peor e reclama mamar máis a miúdo, o que a nai interpreta como que ten fame. É daquela cando a nai coida que non ten leite dabondo e suplementa as tomas con biberón. Dende o Comité informan de que esta práctica non é a solución axeitada.
Este período -que tamén se pode dar ás tres semanas e ao mes e medio do nacemento- é de crecemento e por iso o bebé ten máis apetito. A nai non ten os peitos tan cheos porque nestes meses a produción de leite materno adaptouse ás necesidades do bebé. Ademais, o lactante baleira o peito de xeito máis eficaz e rápido.
Se se coloca o bebé máis veces no peito, a súa succión estimula a produción de leite. Isto non acontece se se lle dá biberón. En cuestión de días o bebé volverá reducir o número de tomas porque estas serán máis substanciosas. Xa que logo, en principio, non son necesarios os suplementos con leite artificial. Aínda que hai problemas físicos e emocionais que imposibilitan a lactación natural, son máis frecuentes as equivocacións que dificultan a súa instauración e mantemento. A falta de contacto precoz, a primeira toma tardía, o horario ríxido, o baleirado incompleto, a mala postura ou a suplementación con biberón son algúns erros frecuentes. Os bebés interactúan coa súa nai e necesitan contacto con ela, de aí que se chora non é sempre porque teña fame, e se acouga co leite materno non é sempre porque precise comer.
A opción da lactación artificial
As mulleres que por motivos persoais ou médicos optan pola lactación artificial poden estar tranquilas porque, aínda que non é tan completa como a materna, constitúe un alimento correcto.
Nos últimos anos, os avances científicos permitiron mellorar de xeito substancial a composición nutricional dos leites artificiais, co fin de imitar o valor nutricional do leite humano. Algúns dos nutrientes que cada vez máis marcas incorporan nas súas formulacións son:
- Ácidos graxos. Os ácidos graxos poliinsaturados de cadea longa (AGPICL) como o ácido araquidónico (AA) e o docohexaenóico (DHA) son básicos na configuración da estrutura e funcionamento do sistema nervioso do bebé. Está demostrado que os lactantes con maiores niveis destes ácidos graxos teñen un maior desenvolvemento das estruturas cerebrais relacionadas coa memoria e coa aprendizaxe, ata o punto de que a European Society for Paediatric Gastroenterology, Hepatology and Nutrition (ESPGHAN) recomenda a súa adición nas fórmulas para prematuros.
- Beta-palmitato. Un tipo de graxa que contén o leite materno que favorece a absorción de minerais como o calcio.
- Prebióticos (oligosacáridos como a inulina). Son substancias que chegan intactas ao colon e que son fermentadas polas bacterias intestinais, co que favorecen o predominio das bifidobacterias na flora intestinal, o que indirectamente estimula o sistema inmunitario intestinal do bebé. A nai achégaos ao seu leite se inclúe na súa dieta vexetais como chicoria, alcachofa, allo, porro, cebola, espárrago e plátano. Non obstante, a Sociedade Europea de Gastroenteroloxía, Hepatoloxía e Nutrición Pediátrica (ESPGHAN) insiste en que non hai que recomendar a incorporación de prebióticos e probióticos de modo xeneralizado nos leites artificiais e ata informa da cantidade segura: ata 0,8 gramos por 100 mililitros de prebióticos.
- Probióticos (lactobacilos e bifidobacterias). Son microorganismos vivos que se inxiren co fin de obter un efecto beneficioso na flora intestinal. O Comité Científico de Alimentación da Comisión Europea avaliou favorablemente a adición de probióticos en leites infantís de continuación, aínda que insiste en determinar aínda máis a súa eficacia e seguridade a longo prazo.
- Leites disociados: día e noite. Os estudos sobre a composición do leite materno permitiron coñecer que esta varía segundo o momento da toma (máis graxa ao final da toma para saciar máis) e segundo o momento do día (máis substancias que promoven o sono pola tarde-noite). Ofértanse “leites de día” con menores niveis de triptófano e carbohidratos, a diferenza dos “leites de noite”, que concentran maiores doses destes nutrientes. O triptófano favorece a síntese de serotonina, substancia que se transforma en melatonina que, á súa vez, regula o sono e contribúe a que este sexa máis profundo e reparador.