Vivir e traballar sen coche é desexable... e posible
Saír pola porta da casa de luns a venres cara ao posto de traballo significa para moitos españois saír tamén pola porta do coche, pola porta do taller, pola porta da oficina da aseguradora e, sobre todo, pola porta do banco. Tal e como revela a última Encuesta de Mobilidad elaborada polo Ministerio de Fomento en 2008, que contabilizou preto de 18 millóns os españois que se desprazan cada día ao seu posto de traballo, o coche é o medio utilizado por máis de 11 millóns, moi por riba da bicicleta (é a forma escollida en case 4 millóns de cidadáns). Os transportes públicos e o traxecto a pé son opcións minoritarias; tres millóns de usuarios viaxan en autobús, en tren ou nunha combinación dos dous, mentres que un millón chega a pé ao seu lugar de traballo.
O automóbil é unha opción cómoda para moitos, rutineira para outros e cara para todos. Cada quilómetro percorrido no coche pode chegar a custarnos máis de 20 céntimos de euro, o que se traduce nun desembolso anual de case 5.000 euros. Un prezo tan alto coma o que lle obrigamos a pagar ao medio: os vehículos por estrada son os responsables de máis da metade das emisións contaminantes que vertemos á atmosfera. Agora ben, o que non logrou a conciencia ecolóxica nin as diferentes iniciativas disuasorias de usar o coche, deseñadas por concellos e autoridades, conseguiuno a crise económica. O Real Automóvil Club de Cataluña (RACC) realizou un estudo nas principais cidades españolas para demostrar ata que punto os hábitos de mobilidade dos españois cambiaron coa crise. O 66% dos condutores enquisados declaraba utilizar menos o seu coche ou a súa moto mentres que un 44,7% afirmaba usar máis os transportes públicos. A crise, xa que logo, confirma unha racionalización do comportamento do consumidor que lle fai repensar o diñeiro que gasta todos os meses en acudir ao traballo en coche. Esta reflexión é o punto de partida para determinar que medio pode ser o máis económico.
Como abaratar os gastos: alternativas posibles
O seguro anual do vehículo é o concepto que maior partida orzamentaria require. Por iso, non convén descartar o cambio de compañía e estudar as ofertas das aseguradoras en liña. Tamén se poden eliminar custos como o alugueiro da praza de garaxe ou buscar outra máis afastada de casa e, polo tanto, máis barata. Outro dos gastos máis importantes é o de encher o depósito do coche. Segundo o Instituto para la Diversificación y el Ahorro de la Energía (IDAE), se se adquiren certas rutinas para realizar unha condución máis eficiente, o aforro pode ser dobre: por unha banda, hase obter unha rebaixa do consumo de carburante ata o 20% e, ademais, hase lograr un aforro en custos de mantemento do vehículo, sobre todo no sistema de freada, embrague, caixa de cambios e motor. Agora ben, o maior aforro obtense co uso do transporte público.
Reducir carburante e aforrar
Como reducir o consumo do carburante e aforrar diñeiro?
Todas as medidas previas non serían abondas se, ademais, non se optase por un uso responsable do automóbil e unha condución moderada. Calculouse que a forma de conducir pode aumentar ou diminuír o consumo de combustible entre un 15% e un 20%:
- Planifique a ruta e elixa sempre o camiño menos conxestionado.
- Evite a sobrecarga do vehículo ocasionada polo exceso de peso e de obxectos inútiles no maleteiro. Por cada 100 kg de peso adicional increméntase o consumo de carburante nun 5%. Só o uso da baca aumenta o consumo do carburante entre un 2% e un 35%.
- O uso do aire acondicionado incrementa ata un 20% o consumo de carburante. É recomendable utilizalo con moderación. A sensación de benestar no coche conséguese cunha temperatura interior de arredor de 23-24 ºC.
- Non leve as ventás totalmente abertas cando conduza, pois incrementa o consumo de carburante nun 5%. No seu lugar, pode utilizar a ventilación forzada do coche.
- Manteña a presión correcta e a aliñación dos pneumáticos. Unha presión de 0,3 bares por baixo do establecido polo fabricante incide nun sobreconsumo de aproximadamente un 3%.
- Arranque o motor sen pisar o acelerador. Nos motores de gasolina iniciar a marcha inmediatamente despois da arrancada, e nos de diésel esperar uns segundos antes de comezar.
- En cidade, sempre que sexa posible, utilice a cuarta e quinta marchas. O coche consome menos carburante nas marchas longas e a baixas revolucións.
- Manteña a velocidade de condución o máis uniforme posible e se é moderada mellor. Un aumento de velocidade do 20% (pasar por exemplo de 100 a 120 km/h) significa un aumento do 44% no consumo (de 81/100 km a 11,51/100 km).
- Sempre que a velocidade e o espazo o permitan, deteña o coche sen reducir previamente de marcha.
- En paradas prolongadas (por riba de 60 segundos) convén apagar o motor.
Segundo cifras do RACC, calculouse que de acordo con estas regras básicas e sen diminuír a velocidade media pódese diminuír o risco de accidentes nun 25%, o consumo de combustible nun 20%, as emisións de CO2 nun 20%, as emisións de CO (monóxido de carbono) nun 70% e as emisións de óxidos de nitróxeno nun 50%. E ademais redúcese a contaminación acústica e os gastos en mantemento do automóbil.
Como calcular o gasto que supón cada quilómetro percorrido en coche?
As variables que se empregan para realizar o cálculo son o número de quilómetros percorridos ao mes; o prezo medio do carburante; a frecuencia de uso da autoestrada e o prezo da peaxe; así como os gastos do aparcadoiro. A isto súmanselle os importes dos custos fixos do vehículo (seguro, imposto de circulación e do alugueiro da praza do garaxe, se fose o caso) e unha cifra aproximada do gasto no taller de acordo coas revisións periódicas (cambio de cubertas, revisión por quilometraxe, etc.). Con estes datos na man, a fórmula para coñecer o gasto mensual de valerse do coche para chegar ao traballo é a seguinte: calcúlase a parte proporcional que cada custo fixo do vehículo supón ao mes, súmase o resultado aos gastos variables e divídese a cifra resultante entre o número de quilómetros percorridos ao mes.
Para resolvelo dunha forma máis gráfica, CONSUMER EROSKI creou dous perfís de condutor que usan cada día o seu vehículo para acudir ao seu posto de traballo. O individuo A vive nunha cidade da periferia madrileña e acode diariamente á capital para traballar. Percorre todos os días da semana 50 km (ida e volta) nun Toyota Auris comprado hai 18 meses. O vehículo consome 6 litros de gasóleo por cada 100 km percorridos, e apárcase nun aparcadoiro exclusivo para os traballadores sen custo ningún. Para realizar o traxecto non transita vías de peaxe e á volta estaciona o vehículo na rúa.
O individuo B, con todo, vive nunha vila da provincia de Barcelona situada a 42 km da Cidade Condal, lugar en que traballa. O seu vehículo é antigo, un Peugot 309 de máis de 10 anos que consome 10 litros de gasolina por cada 100 km e que garda nunha praza de garaxe alugada no seu lugar de residencia que custa 60 euros ao mes, e nun aparcadoiro privado polo que paga 6 euros cada xornada de traballo. Para chegar todos os días ao seu posto utiliza unha vez ao día a autoestrada que custa 5,30 euros. Ademais, este ano debe cambiar os pneumáticos das rodas dianteiras, polo que os custos de mantemento serán superiores. Para calcular o gasto en carburante tomouse como referencia o prezo medio da gasolina e do gasóleo que cada mes elabora o Ministerio de Industria. Neste caso, 94,74 céntimos de euro para a gasolina e 86,49 céntimos de euro para o gasóleo.
Km/mes | Carburante/mes | Paxes/mes | Aparcamento/mes | Seguro Anual* | |
---|---|---|---|---|---|
Individuo A | 1.000 km | 51,89 € | – | – | 773 € |
Individuo B | 1.680 km | 159,16 € | 106€ | 120 € | 525 € |
Imp.Circu. Anual | Garaxe/mes | Mantemento Anual | Total € Mensual | Precio Km | |
---|---|---|---|---|---|
Individuo A | 130 € | – | 350 € | 156,31€ | 0,15 € |
Individuo B | 90 € | 60 € | 750 € | 498,91 € | 0,29 € |
*. Os prezos dos seguros que se tomaron como referencia en ambos os dous supostos foron tirados dunha investigación realizada sobre as diferenzas de prezo entre distintos seguros de coches e motos realizada por CONSUMER EROSKI en xullo de 2009.
En transporte público ou compartindo coche
Pasarse ao transporte público
Canto aforrarían o Individuo A e o B se aparcasen o coche e subisen ao transporte público? O individuo A gastaba ao mes 156,31 euros por desprazarse en coche diariamente desde unha cidade da periferia madrileña á capital. O percorrido era de 25 km, o que na rede de transporte público de Madrid se traduce en que o seu punto de orixe era o da zona B2. Realiza 10 viaxes semanais, un total de 40 mensuais, así que paga a pena escoller a tarifa máis rendible. Segundo o sistema tarifario da rede de transportes públicos madrileño usuario dispón de tres alternativas: comprar un bono de 10 viaxes por un valor de 14,50 euros, polo que ao mes gastaría 58 euros; facerse un abono mensual que segundo a súa zona custa 60,60 euros e que pode utilizar tantas veces como queira, e non só para ir traballar, ou pode optar polo abono anual que custa 590,70 euros, que sae a 49,22 euros ao mes, co que tamén pode facer un uso indiscriminado da rede de transporte. En calquera delas, o aforro con respecto aos custos do coche rolda de media os 100 euros ao mes.
Pola súa banda, o individuo B gastaba ao mes 498,91 euros por viaxar en coche ata o lugar de traballo, desde a súa vila a Barcelona. A frecuencia é de 10 viaxes á semana e 40 ao mes. Para percorrer eses 42 km a opción en transporte público máis recomendable é o tren de proximidade. Para chegar da zona 3, a que lle corresponde á súa vila, á capital ten dous xeitos de facelo: mediante un bono mensual de uso ilimitado que lle custa 59 euros, ou un bono 10 polo que debe pagar 16,10 euros e que ao mes custa 64,40 euros. En calquera caso, se comparamos o desembolso que lle supón ir en coche a traballar fronte ao que lle custaría facelo en transporte público o aforro supera 429 euros (o 70%).
Claro que non sempre o transporte público é unha opción real á que recorrer. A pesar de ser máis económico, non sempre está ao alcance de todos. E non precisamente polas súas tarifas. A escaseza de frecuencias e de servizos dos distintos medios de transporte públicos, xunto cun investimento de tempo maior ca en coche, nalgúns casos considerablemente superior, para cubrir o mesmo traxecto son os principais obstáculos cos que se atopan a diario aqueles que non dispoñen dunha rede de transporte público de calidade. De feito, non son poucas as asociacións e plataformas que reclaman medidas encamiñadas a mellorar a mobilidade dos cidadáns para facer do uso do transporte público unha alternativa real e non unha mera declaración de intencións. Algunhas propostas van desde o aumento da velocidade á que circulan os autobuses e os trens, o deseño e a posta en marcha de máis carrís bus-VAO (vehículos de alta ocupación) ata o cobro de peaxes ecológicas a aqueles coches nos que viaxen menos de tres persoas.
Custos coche | Costes | Custos transporte público* |
---|---|---|
Individuo A | 156,31€ | 49,22€ |
Individuo B | 498,91 € | 93€ |
*. A opción máis barata das tres consultadas
Compartir o coche: pactar todo desde o comezo
Por veces, a ausencia de liñas de transporte público ou a falta de combinacións fan que o vehículo sexa de uso obrigado. Por iso, se se comparten os gastos entre varios ocupantes de vehículo, o peto agradecerao ao final do mes. A regra de ouro para que a idea de compartir coche saia adiante é a de marcar as pautas de actuación desde o comezo co fin de evitar posibles conflitos. Hai que cerciorarse de que o grupo de persoas que comparta o vehículo sexa homoxéneo e con horarios de traballo semellantes. É necesario, ademais, fixar con exactitude os horarios e os lugares de saída e volta, deixando aberta a posibilidade de que por contratempos xustificados a hora de saída ou a de inicio da viaxe se vexa modificada. É conveniente tamén pactar os gastos que se van asumir, que deberían ser os seguintes: gasolina, peaxes, seguro, aparcadoiros, reparacións, desgaste do vehículo, e posibles multas. Por último, deberase acordar o modo de pagamento: diario coma se se tratase dun taxi ou mensual; neste caso o máis xusto sería que o montante se entregase ao comezo do mes.
Desde hai un tempo a internet converteuse nun lugar de encontro entre a oferta e a demanda para compartir coche. Creáronse páxinas web xurdidas tanto da iniciativa pública como privada para axudar a quen desexe compartir vehículo (http://www.compartir.org/, http://www.compartircoche.net/, http://www.ciberdedo.com/). Poden ser moi útiles se non hai opción de compartir vehículo cos compañeros de empresa que fagan o mesmo percorrido ca nós. No entanto, antes de iniciar a experiencia convén manter unha pequena entrevista persoal nun lugar público e solicitar o nome da persoa e o seu lugar de traballo como medidas preventivas.
O factor ambiental
Letal para o medio ambiente
Ao automóbil atribúeselle unha boa parte das emisións de efecto invernadoiro e é unha fonte de contaminación sonora e de partículas, con efectos nocivos sobre o ambiente e a saúde. Calcúlase que a emisión de dióxido de carbono (CO2) procedente dos automóbiles medrou en España case un 80% entre 1990 e 2005. O incremento está moi por riba do 15% de aumento ao que se comprometera España no marco do protocolo de Quioto. Un dos motivos que explican esta situación é o estirón que rexistrou o parque de coches no noso país. En 1995 apenas había 14 millóns de coches circulando en España, segundo o RACC Automóvil Club, mentres que hoxe esta cifra chega ata os 22 millóns.
Con todo, a contaminación que cada coche orixina diminuíu. No ano 2002, as emisións medias de CO2 que os coches novos europeos producían eran de algo máis de 200 gramos por quilómetro, unha media que en cinco anos decreceu ata 160 gramos por quilómetro. Pero non é dabondo. O horizonte ao que os fabricantes de vehículos deben chegar marcouno la Unión Europea en 2007: non máis de 130 gramos de CO2 por quilómetro percorrido. É posible conseguilo? As perspectivas son boas. Calculouse que é un obxectivo alcanzable para 2015 se se combina a tecnoloxía con outras medidas como os biocombustibles. Pero non todo o traballo está nas mans da innovación e da enxeñería. O papel determinante para chegar a esa media de recae sobre o condutor.
A importancia do filtro de partículas
Son varios os factores que determinan o impacto ambiental do automóbil: o consumo de combustible e o peso do coche son os máis importantes. Nos diésel hai que descubrir se o coche incorpora filtro de partículas. Estes motores son máis eficientes enerxeticamente ca os de gasolina e emiten menos CO2 pero o seu talón de Aquiles é que xeran moitas partículas de carbono en suspensión (hollín) e óxidos de nitróxeno. Un bo filtro pode reter ata o 90% desas partículas, aínda que a gran maioría de filtros reteñen ao redor do 70 ou o 80% delas. Tamén hai trampas para os óxidos de nitróxeno, que actúan de forma semellante aos filtros, pero son tecnoloxicamente máis recentes. Iso quere dicir que, segundo os anos que teña o coche, é posible que non dispoña de filtro de partículas e, se non conta con el, é pouco probable que dispoña de trampa para óxidos de nitróxeno. Á parte da documentación técnica, a forma máis doada de saber se un automóbil ten filtro é comprobar se emite un denso fume negro durante a aceleración (de ter filtro, apenas produciría fume).
Estas partículas tamén teñen efectos nocivos sobre a saúde, orixinados pola súa capacidade de penetrar no sistema respiratorio e de depositarse no tecido pulmonar.
Canto máis pequena sexa a partícula, peores poden ser os seus efectos, xa que terían máis capacidade de penetración nas células do pulmón.
Outro aspecto que cómpre ter en conta é o refrixerante que usa o aire acondicionado. Os fluorocarbonos son unha familia de compostos de efecto invernadoiro e úsanse no aire acondicionado dos coches. O seu problema é que, se se liberan á atmosfera ao final da vida útil do aparello, o seu efecto é máis pernicioso ca o CO2. Á fin e ao cabo, son gases concibidos precisamente para iso, para absorber calor. Calculouse que un quilo de hidrofluorocarbono (HFC) ten, durante 20 anos, o mesmo impacto ca 3.830 quilogramos de CO2. A UE adoptou medidas para eliminar progresivamente o HFC-134a dos aires acondicionados dos automóbiles de aquí ao 2011, e substituílo por outros gases refrixerantes.