Prácticas e saudables
Os alimentos preparados que apenas requiren elaboración para seren consumidos ocupan cada vez maior espazo na nosa bolsa da compra, non en van cada vez dedicamos menos tempo a cociñar. E a tendencia chegou tamén ás ensaladas, un dos pratos que mellor representa a dieta mediterránea, moi eloxiada nos últimos anos porque axuda a reducir a probabilidade de sufrir enfermidades tan do noso tempo coma as cardiovasculares, as dexenerativas e o cancro. Entre as moitas virtudes das hortalizas, constituíntes fundamentais das ensaladas, cómpre destacar o seu elevado contido en fibra e en vitaminas e minerais, o seu baixo poder calórico e a súa valiosa contribución para manter o organismo hidratado. Malia tantas vantaxes, no noso país o consumo de hortalizas e vexetais non chega sequera á metade da cantidade diaria recomendada (400 gramos).
Incluír as ensaladas na nosa dieta habitual pode axudarnos a cumprir co consumo aconsellado desta familia de alimentos. O mercado, atento aos novos costumes e necesidades, ofrece varias opcións de ensaladas xa listas para consumir. Unha delas é a das ensaladas esterilizadas, presentadas en tarro de cristal ou ben en lata ou cunca. Os ingredientes envásanse en recipientes aos que se lles engade o líquido de cobertura (auga, aceite, vinagre…) e péchanse hermeticamente, o que impide que penetren no produto outros contaminantes. A esterilización á que se someten posteriormente é un tratamento de altas temperaturas que destrúe os microbios que puidesen conter os ingredientes. Despois, etiquétanse e almacénanse a temperatura ambiente, porque non precisan frío ao xa estaren esterilizados.
Esta análise estudou seis mostras de Ensalada “Mediterránea”, todas en conserva. Isabel, Rianxeira, Calvo e Miau comercialízanse en lata ou cunca, empregan aceite no aliño e declaran entre 150 e 180 gramos de peso neto. Bonduelle e Carretilla, en tarro de cristal, carecen de aceite e indican un peso de 530 e 345 gramos. Os ingredientes destas ensaladas en conserva son atún (excepto en Bonduelle, que non ten), chícharos, cenoria, pemento vermello e cebola. Algunhas engaden millo, olivas, espárragos e soia. Os prezos ían desde os 5,74 euros por quilo escorrido de Bonduelle ata os 8,63 euros/quilo de Carretilla.
Mellor en lata ou en frasco?
Ambos os formatos (lata ou cunca e frasco de cristal) carecen de aditivos e conservantes, teñen unha longa vida útil e non precisan frío para a súa conservación. Agora ben, as ensaladas en lata ou cunca teñen unha vantaxe de uso: están aliñadas non só con vinagre e sal senón tamén con aceite, o que fai posible o seu consumo directo e sen necesidade de extraela do seu envase, abonda cun garfo. Ademais, os formatos en lata ou cunca son máis pequenos (uns 150 gramos), o que facilita que tras o consumo non sobre nada. Por outra banda, as ensaladas en frasco son máis voluminosas, conteñen unha mestura de auga con vinagre e sal que será retirada para despois aliñar os ingredientes con aceite e, se é o caso, vinagre.
Peso e ingredientes, ben
Nas seis mostras o peso neto real foi superior ao declarado, mentres que o neto escorrido (unha vez eliminado o líquido de cobertura) só o indicaban Miau, Bonduelle e Carretilla, que o ofrecían en cantidades superiores ás declaradas.
Por outra banda, as seis ensaladas conteñen os ingredientes que anuncian, aínda que algúns presentan máis atún ca o indicado na etiqueta. Ese é o caso de Miau (45%), Isabel (35%), Calvo (35%) e Rianxeira (32%), que sinalan atún nunha proporción do 25%, cando a superan amplamente, mentres que Carretilla se axusta ao 8% declarado. Bonduelle é a única sen atún.
Ademais de atún, os compoñentes da ensalada de Carretilla son principalmente cenoria (35%) e millo (33%). En Bonduelle predominan gromos de soia (25%) e millo (28%). En Calvo, chícharos (31%) e cenoria (24%) mandan sobre pemento vermello (6%) e cebola (4%). O mesmo sucede en Miau, aínda que as diferenzas son menores. En Rianxeira víronse as maiores discrepancias: asegura que o atún é maioritario, cando en realidade o seu 32% é superado polos chícharos (41%). No resto de ensaladas, as diferenzas foron pouco significativas.
As catro ensaladas en lata ou cunca, teñen os mesmos ingredientes: atún, cenorias, chícharos, pemento vermello e cebola. En cambio, as dúas que se comercializan en frasco difiren na súa composición. Carretilla opta polo atún, a cenoria, os espárragos, as olivas negras e verdes e o millo, mentres que Bonduelle prefire decantarse polas cenorias, o pemento vermello, os gromos de soia, o millo e as espigas de millo.
O sal é un ingrediente que sempre cómpre ter en conta nos alimentos procesados. O produto menos salgado (sen contar o líquido de cobertura) foi Miau, cun 0,6%, mentres que no outro extremo figurou a ensalada Bonduelle (1,3%). O resto contiñan arredor do 1% de sal.
As ensaladas en lata ou cunca están inmersas en aceite vexetal, vinagre e sal; a de Isabel contén tamén azucre. Por outra banda, Bonduelle e Carretilla, as dúas en tarro de cristal, non teñen aceite: o seu mollo consta de vinagre, azucre, sal e auga. Comprobouse que, tal e como o declaran, Rianxeira e Isabel utilizan aceite de oliva, mentres que o de Miau é de xirasol e o de Calvo, de soia. Os catro son aceites vexetais saudables nos que os ácidos graxos insaturados predominan sobre os saturados.
Como era de esperar nun alimento en conserva, a análise microbiolóxica, que establece a calidade hixiénico-sanitaria dos alimentos, non presentou problema ningún: todos os datos foron correctos.
Vitaminas, minerais e fibra
Posto que a maior parte destas ensaladas son hortalizas, achegan abundantes vitaminas do grupo B, C e, grazas ás cenorias, pro-vitamina A. Iso si, o tratamento térmico que sofren estas hortalizas reduce lixeiramente o contido de vitaminas, especialmente as do grupo B e a vitamina C. Entre os minerais, destacan o potasio, o magnesio e o ferro -grazas ao atún-, así como o sodio do sal. Outros nutrientes das ensaladas son a fibra e os antioxidantes. Os fabricantes reducen ao máximo o tempo do tratamento térmico e a intensidade da calor para que as perdas de nutrientes sexan mínimas. Un xeito de mellorar esta achega de vitaminas e minerais é combinalos con hortalizas crúas como a leituga, a escarola, etc.
O consumo de ensaladas protexe a pel
Os raios solares agriden a pel e son causa do seu envellecemento prematuro e do desenvolvemento de melanomas. O consumo de ensaladas achega nutrientes para manter a pel en bo estado. As hortalizas de cores intensas (cenoria, remolacha, pementos, tomate, col lombarda, leituga lollo vermello) achegan beta-caroteno que se transforma en vitamina A e renova a pel e as mucosas, e vitamina C, que mellora a produción de coláxeno, proteína que mantén a pel tersa e prevén a formación de engurras. Se as ensaladas se enriquecen con aguacate ou froitos secos e se condimentan con aceite de oliva virxe introdúcense no organismo ácidos graxos insaturados que axudan a manter unha pel estruturada e hidratada, e tamén vitamina E, que frea a aparición de manchas na pel.
Catro das seis mostras incumpren a normativa. Rianxeira non indica a porcentaxe dalgúns ingredientes cando si os representa con imaxes, non ofrece no mesmo campo visual toda a información e a súa lista de ingredientes non figura en orde decrecente de composición. Isabel destaca o aceite (oliva), pero non indica a súa proporción nin o peso escorrido do produto. Miau indica que a cenoria, os chícharos, os pementos e a cebola se atopan “en proporción variable”, cando a cenoria e os chícharos pesan o dobre ca o pemento; debería indicar a porcentaxe de cada ingrediente. Acontece o mesmo con Calvo. Tampouco Bonduelle indica esta proporción, pero ao comercializarse en tarro de cristal permítelle ao consumidor facerse unha idea do contido de cada un. A única mostra con etiquetaxe correcta é Carretilla.
En síntese y Táboa comparativa
En síntese
- Analizáronse seis “Ensalada Mediterránea”, todas en conserva. Isabel, Rianxeira, Calvo e Miau comercialízanse en lata ou cunca, empregan aceite como aliño e ofrecen desde 150 ata 180 gramos. Bonduelle e Carretilla, en tarro de cristal, carecen de aceite e pesan 530 e 345 gramos.
- Son un alimento saudable e moi doado de preparar. Os seus ingredientes son atún (excepto Bonduelle, que non leva), chícharos, cenoria, pemento vermello e cebola. Algunhas engaden tamén millo, olivas, espárragos e soia.
- Os prezos van desde 5,74 euros/quilo escorrido (Bonduelle) ata 8,63 euros/quilo (Carretilla).
- A de máis atún é Miau (45%) e as de menos, Bonduelle (0%) e Carretilla (9%). A de menos sal, Miau (0,6%) e Bonduelle, a máis salgada (1,3%).
- Mellor relación calidade-prezo: Miau, a segunda máis barata e a de máis atún. Outra opción: Isabel, leva moitísimo atún e é unha das dúas que máis gustaron na cata.
Marca/ Denominación |
Miau “Ensalada Mediterránea con atun” | Isabel “Ensalada Mediterránea con atun” | Rianxeira “Ensalada Mediterránea” |
---|---|---|---|
Prezo por peso escorrido (euros / quilo) | 6,11 | 6,86 | 7,53 |
Etiquetaxe | Incorrecta | Incorrecta | Incorrecta |
Peso neto declarado 1 (g) | 150 | 157 | 180 |
Peso escorrido declarado 2 (g) | 124 | Non o indica | Non o indica |
Peso neto real 1 (g) | 166,6 | 162,8 | 200 |
Peso escorrido real 2 (g) | 140,2 | 134,5 | 181,1 |
Ingredientes (%) | |||
Atún | 45,4 | 34,9 | 32,1 |
Cenoria | 17,7 | 28,5 | 13,4 |
Chícharos | 16,3 | 18,5 | 41,4 |
Pemento vermello | 8 | 10,1 | 3,9 |
Cebola | 12,6 | 8 | 9,2 |
Gromos de soia | – | – | – |
Espárragos | – | – | – |
Oliva negra | – | – | – |
Oliva verde | – | – | – |
Millo | – | – | – |
Espigas de millo | – | – | – |
Sal (%) | 0,6 | 1,1 | 0,8 |
Líquido de cobertura 3 | Aceite de xirasol, vinagre e sal | Aceite de oliva, vinagre, azucre e sal | Aceite de oliva, vinagre e sal |
Estado microbio- lóxico | Correcto | Correcto | Correcto |
Cata (1 a 9) | 6 | 6,5 | 6,5 |
Marca/ Denominación |
Calvo “Ensalada Mediterránea con atun” | Bonduelle “Ensalada Mediterránea” | Carretilla “Ensalada Mediterránea con atun” |
---|---|---|---|
Prezo por peso escorrido (euros / quilo) | 7,54 | 5,74 | 8,63 |
Etiquetaxe | Incorrecta | Correcta | Correcta |
Peso neto declarado 1 (g) | 150 | 530 | 345 |
Peso escorrido declarado 2 (g) | Non o indica | 300 | 225 |
Peso neto real 1 (g) | 153,2 | 560,7 | 366 |
Peso escorrido real 2 (g) | 130,7 | 334,2 | 236,5 |
Ingredientes (%) | |||
Atún | 34,6 | – | 8,7 |
Cenoria | 24 | 18,8 | 34,8 |
Chícharos | 31,4 | – | – |
Pemento vermello | 6,4 | 10,7 | – |
Cebola | 3,6 | – | – |
Gromos de soia | – | 24,5 | – |
Espárragos | – | – | – |
Oliva negra | – | – | 9,6 |
Oliva verde | – | – | 7,1 |
Millo | – | – | 6,6 |
Espigas de millo | – | 28,2 | 33,2 |
Sal (%) | – | 17,8 | – |
Líquido de cobertura 3 | Aceite de soja, vinagre e sal | Auga, vinagre, sal e azucre | Vinagre, azucre e sal |
Estado microbio- lóxico | Correcto | Correcto | Correcto |
Cata (1 a 9) | 6,3 | 4,4 | 5,5 |
(1) Peso neto: peso total dos ingredientes e mais do líquido que os cobre.
(2) Peso escorrido: peso da ensalada logo de eliminar o líquido de cobertura.
(3) Líquido de cobertura: o laboratorio verificou que os aceites indicados nas etiquetas, e que figuran neste cadro, son os que realmente contiñan as mostras analizadas.
Un a un
Unha por unha, seis ensaladas envasadas
Miau
/imgs/20060701/img.miau-ensaladas.jpg “Ensalada Mediterránea con atún”. Lata de 150 gramos.- Sae a 6,11 euros/quilo (peso escorrido: só a ensalada, sen o aliño); a segunda máis barata.
- A mellor relación calidade-prezo. Ingredientes principais: atún (45%), cenoria (18%) e chícharos (16%). A menos salgada (0,6%). Incumpre a norma de etiquetaxe. Aliño: aceite de xirasol, vinagre e sal.
- Na cata, 6 puntos: gusta polo “bo sabor a bonito”, “aliño”, “variedade de ingredientes”, “sensación ao mastigar” e “aparencia”, pero é criticada por “moito sabor a vinagre”, “un pouco sosa” e “atún moi esmigallado”.
Isabel
/imgs/20060701/img.isabel-ensaladas.jpg “Ensalada Mediterránea con atún”. Lata de 157 gramos- Sae a 6,86 euros/quilo (peso escorrido: só a ensalada, sen o aliño)
- Outra opción interesante. Ingredientes principais: atún (35%) e cenoria (29%). Incumpre a norma de etiquetaxe. Aliño: aceite de oliva, vinagre, azucre e sal.
- Na cata recibe 6,5 puntos: gusta por “saborosa”, “variedade de ingredientes”, “bo aspecto” e “zumenta”, pero é criticada por levar “demasiada cenoria” e por predominar “o sabor dun ingrediente”.
Rianxeira
/imgs/20060701/img.rianxeira-ensaladas.jpg “Ensalada Mediterránea con atún”. Bol (cunca sen asa) de 180 gramos.- Sae a 7,53 euros/quilo (peso escorrido: só a ensalada, sen o aliño). Ingredientes principais: chícharos (41%) e atún (32%). Incumpre a norma de etiquetaxe.
- Aliño: aceite de oliva, vinagre e sal.
- Na cata consegue 6,5 puntos: gusta polo seu “sabor bo”, “boa aparencia”, “ingredientes ben combinados” e “agradable ao mastigar”; foi criticada polo “exceso de chícharos” e “pouco sabor”.
Calvo
/imgs/20060701/img.calvo-ensaladas.jpg “Ensalada Mediterránea con atún”. Lata de 150 gramos.- Sae a 7,54 euros/quilo (peso escorrido: só a ensalada, sen o aliño). Ingredientes principais: atún (35%) e chícharos (31%). Incumpre a norma de etiquetaxe.
- Como aliño, aceite de soia, vinagre e sal.
- Na cata recibe 6,3 puntos: gusta por “saborosa”, “aparencia”, “ingredientes”, “sensación ao mastigar”; é criticada por levar “moitos chícharos”, “atún un pouco forte” e “sabor a vinagre”.
Bonduelle
/imgs/20060701/img.bonduelle-ensaladas.jpg “Ensalada Mediterránea”. Tarro de cristal de 530 gramos.- A máis barata, sae a 5,74 euros/quilo (peso escorrido: só a ensalada, sen o aliño). Ingredientes principais: millo (28%) e gromos de soia (25%). A única sen atún, e a de máis sal (1,3%). Como aliño contén auga, vinagre, sal e azucre, pero nada de aceite.
- Na cata, con 4,4 puntos, foi a peor: gusta polo seu “colorido” e “sabor” e pola “orixinalidade dos ingredientes”; foi criticada pola “acidez”, pola “falta dalgún ingrediente máis” e por levar “demasiado millo”.
Carretilla
/imgs/20060701/img.carretilla-ensaladas.jpg “Ensalada Mediterránea con atún”. Tarro de cristal de 345 gramos.- A máis cara, sae a 8,63 euros/quilo (peso escorrido, só a ensalada, sen o aliño). Ingredientes maioritarios: cenoria (35%) e millo (33%). Pouco atún (9%). E nada de aceite: como aliño leva vinagre, azucre e sal. É a de mellor etiquetaxe.
- Na cata, con 5,5 puntos, a segunda peor valorada: gustou polo “bo sabor”, pola “presenza de espárragos e olivas” e pola “aparencia”, pero foi criticada por levar “poucos ingredientes” e por “insípida”.