Perda de equipaxe

Dores de cabeza voantes

O atraso na entrega ou a desaparición de maletas nos aeroportos xera problemas que as compañías aéreas deben resolver
1 Xullo de 2006
Img consejo 2p

Dores de cabeza voantes

O anecdotario de demoras e misteriosas desaparicións da equipaxe nos aeroportos enchería ducias e ducias de grosos tomos. Non son poucas as persoas que padeceron nas súas carnes as molestias, a agonía e a indignación de chegar ao seu destino e constatar que a súa valixa non está, que quedou no aeródromo de orixe ou que se atopa noutro confín do globo. A esas sensacións acostuma sumarse a impotencia de descoñecer as compensacións e dereitos que o amparan.

/imgs/20060701/img.consejo.03.jpg

O primeiro elemento que convén ter en conta é que as compañías aéreas son responsables dos danos causados á equipaxe facturada, por deterioración ou perda, salvo que se deban a un defecto da propia equipaxe. Tamén deben responder por un atraso, salvo que proben que adoptaron todas as medidas razoables para evitalo, ou que lles foi imposible adoptalas. Non obstante, as cantidades e condicións poden variar en función da bandeira das compañías.

Voar con compañías da UE

Se as empresas de transporte aéreo pertencen a países da Unión Europea, a normativa que rexe é a que segue:

  • Danos na equipaxe facturada
    Se a súa equipaxe sofre danos, debe facelo constar en canto a reciba. Se non o fai, interprétase que todo está correcto. Por esta razón, é fundamental comprobar o seu estado nada máis recollela. Se hai algún deterioro, debe cumprimentar ante o mostrador da compañía no aeroporto o Parte de Irregularidade na Equipaxe (PIR). Unha vez presentado o PIR, dispón de sete días, a contar desde a recepción, para reclamar unha compensación á compañía. Recoméndase realizar este segundo paso seguido do PIR, no mesmo aeroporto.
  • Atraso da equipaxe facturada
    Se a equipaxe non aparece, deberá cumprimentar o PIR. Ademais, cando o pasaxeiro recibe cunha demora as súas maletas, dispón dun prazo de 21 días para continuar coa súa reclamación. Este segundo paso consiste nun escrito fidedigno dirixido á compañía aérea demandando unha indemnización polo atraso e os prexuízos causados.
  • Perda da equipaxe
    O afectado poderá denunciar a perda da equipaxe se, 21 días despois de cumprimentar o PIR por un atraso, non a recibe. Esta reclamación sempre se deberá realizar a través dun escrito fidedigno.
  • Cal é o montante das indemnizacións por danos, atrasos e perdas?
    Ten dereito a unha indemnización máxima de 1.000 “Dereitos Especiais de Xiro” (DEX) por pasaxeiro, a menos que o pasaxeiro subscribira, na facturación da súa equipaxe, unha declaración especial do valor do transportado e pagara unha suma suplementaria.
    O pasaxeiro terá os mesmos dereitos voando cunha compañía nacional que cunha comunitaria, sexa cal sexa o destino porque a todas elas se aplica a mesma norma, o Convenio de Montreal.
  • A que equivale un “Dereito Especial de Xiro”?
    A equivalencia dos “Dereitos Especiais de Xiro” fíxase polo Fondo Monetario Internacional e actualízase diariamente. O tipo de cambio está na páxina do Banco de España (www.bde.es). Na actualidade un euro equivale a 0″85 DEX. É dicir, a indemnización máxima será aproximadamente de 1.200 euros.
  • Sempre se ten dereito a unha indemnización por danos na equipaxe?
    Non. O transportista non será responsable na medida en que o dano se deba á natureza ou a un defecto da equipaxe. Tampouco indemnizarán por atraso se proban que adoptaron todas as medidas razoables para evitalo ou que lles foi imposible adoptalas.
  • Que facer se non se alcanza un acordo
    Se o desacordo vén pola contía ofrecida, pódese solicitar unha maior indemnización, argumentando os motivos (gastos en destino) e xustificándoo con tickets e facturas. Se aínda así a compañía non aumenta a contía da indemnización, dispón dun prazo de dous anos para ir a xuízo. O mesmo prazo rexe cando a compañía non asume responsabilidade ningunha e o pasaxeiro non o considere xustificado.
  • Necesítase avogado para ir a xuízo?
    Para demandas de xuízo verbal inferiores a 900 euros, non se precisa avogado nin procurador. Para cuestións de transporte deberá dirixirse aos Xulgados do mercantil.
  • Que información deben proporcionar as compañías?
    As compañías están obrigadas a proporcionar información en todos os puntos de venda, Internet e teléfono incluídos, sobre as contías das indemnizacións aplicables a cada caso, a súa equivalencia en euros, os prazos para reclamar e a posibilidade de facer declaracións de valor para a equipaxe. Este documento, que obriga a un aboamento complementario, pode ser de interese se se portan obxectos ou bens valiosos.

Voar con compañías extracomunitarias

O Convenio de Montreal, pacto que rexe o labor das compañías da UE, aplícase tamén ás compañías non comunitarias que realicen transporte internacional entre dous puntos situados no territorio de dous dos estados seguintes (ou entre dous puntos situados dentro dun estado con escala noutro estado): estados membros da Unión Europea, Arabia Saudita, Bahrein, Barbados, Belice, Benin, Botswana, Bulgaria, Camerún, Canadá, Colombia, Emiratos Árabes Unidos, Estados Unidos de América, Gambia, Xapón, Xordania, Kenya, Kuwait, Macedonia, México, Namibia, Nixeria, Nova Zelandia, Panamá, Paraguai, Perú, Siria, Tanzania, Romanía, San Vicente e as Granadinas e Tonga.

Nestes casos, os dereitos do pasaxeiro son os mesmos. Para o resto, solicite información á Compañía Aérea.

Consellos para evitar danos maiores
  • Non leve cartos, xoias, medicinas, documentos nin chaves na equipaxe facturada
  • Infórmese sobre os obxectos prohibidos en equipaxe en www.aena.es
  • Ante calquera incidencia, proteste no acto ante o mostrador da compañía e sempre por escrito cumprimentando o PIR.
  • O PIR non é unha reclamación senón un rexistro de incidencias. Non deixe pasar os prazos para a reclamación por escrito.
  • Conserve os xustificantes de todos os gastos que lle ocasionen o atraso ou a perda, como facturas de roupa e outros obxectos de uso persoal.