A ergonomía / Sobredose de vitaminas / Epilepsia e condución / Lentes electrónicos / Chega o doutor Da Vinci / A entrevista: Lluís Serra Majem
En catro palabras
Nos últimos anos a ergonomía, que estuda as características e necesidades das persoas para adecuar os produtos e os contornos e optimizar a súa eficacia, seguridade e confort, irrompeu con forza no mundo sanitario. Froito desa nova liña de aplicacións deseñáronse ou adaptáronse produtos e contornos para persoas con limitacións funcionais, como persoas maiores e diminuídos.
Quen avisa non é traidor…
Ante estados de baixón físico ou emocional non son poucas as persoas que botan man dos suplementos vitamínicos, moitos deles de venda libre. E non son infrecuentes as sobredoses de vitaminas, isto é, a intoxicación polo consumo de máis cantidade ca a recomendada de suplementos vitamínicos. Calquera ingrediente nun complexo multivitamínico pode ser prexudicial en grandes cantidades, pero o perigo máis grave procede do ferro ou do calcio.
Noticias
Habitualmente négase o carné de conducir a quen padece epilepsia, pero non hai datos que obxectiven se existe perigo real para a condución. O estudo europeo “Epilepsia e condución”, actualmente en marcha, asegura que o perigo de sinistralidade viaria dos enfermos epilépticos pode equipararse ao de persoas sas, sempre e cando se cumpran as medidas terapéuticas prescritas polo especialista e estean ben definidos os tipos de crise que se padecen e o período libre entre unha crise e outra. O estudo pretende establecer parámetros obxectivos para que os epilépticos con síntomas menos severos poidan conducir.
Un grupo de investigadores de EEUU desenvolveron uns lentes electro-ópticos que modifican o seu enfoque cun interruptor. A súa primeira aplicación será substituír os actuais lentes bifocais. Os lentes en desenvolvemento baséanse nun enxeñoso sistema que actúa como se se tratase dunha cámara dixital, de xeito que se espera que cheguen mesmo a enfocar automaticamente.
A cirurxía deu un novo paso coa chegada do “doutor Da Vinci”, un robot desenvolvido por enxeñeiros da NASA que permite operar a distancia. Aínda que a súa principal indicación son as operacións de próstata, está listo para ser empregado en calquera tipo de cirurxía. O robot “traduce” os impulsos das mans do cirurxián ao instrumental cirúrxico, que se move con precisión no interior do corpo. Ademais de precisión, o robot está preparado para acceder a partes inaccesibles mediante cirurxía convencional. Así mesmo proporciona unha redución notable do tempo de intervención e de estancia hospitalaria.
Lluís Serra Majem é presidente da Sociedade Española de Nutrición Comunitaria. Desde a súa cátedra da Universidade de Las Palmas defende a instauración de hábitos saudables como arma preventiva contra a obesidade.
É a obesidade efecto dun trastorno de conduta?
Engordar non é un trastorno de conduta alimentaria, senón o efecto de hábitos dietéticos inadecuados ou dun sedentarismo pertinaz.
Como se cura?
Non debemos medicalizar a obesidade. É un erro que todo o mundo coma o que queira e cando queira para intervir de forma agresiva con fármacos ou cirurxía ao entrar na fase de obesidade mórbida. A cirurxía debe ser a última solución, non a primeira elección.
A prevención, así e todo, parece máis difícil.
Non é fácil, aínda que si simple. O 99% dos casos de exceso de peso ou obesidade é evitable.
E logo?
O único xen pernicioso da obesidade chámase “comer demasiado e moverse demasiado pouco”. A evidencia científica confirma que oito das dez principais causas de mortalidade no mundo gardan relación coa dieta e o exercicio.
Que medidas resultan máis eficaces?
Aleitar os bebés máis alá dos seis meses sen chupetes nin biberóns e, diariamente, fixar o almorzo como a principal comida, consumir un mínimo de cinco variedades de froita ou verdura e camiñar durante 30 minutos. Son medidas efectivas e nada caras. Hai que convencer a sociedade de que hai hábitos que non por cómodos resultan beneficiosos.