Seguridade na casa durante o verán

Os cacos non pechan por vacacións

O 40% dos roubos nos fogares prodúcense no verán polo que convén tomar as debidas precaucións para gozar dun descanso sen sobresaltos
1 Xullo de 2006
Img informe

Os cacos non pechan por vacacións

Chega o verán e mentres uns descansan outros aproveitan para facer o seu particular agosto. Os delincuentes non veranean. Ou non o fan entre xullo e setembro./imgs/20060701/img.informe.01.jpg En España, os roubos representan máis do 84% dos crimes e delitos rexistrados pola policía. Só no ámbito da vivenda, estímase que cada minuto se rouba unha casa. Segundo o último informe elaborado por Unespa, a patronal das empresas de seguros, en 2004 foron desvalixados 425.000 fogares do noso país, o 40% deles durante o verán, tal e como salienta o último informe do Observatorio da Seguridade, Assa Abloy.

As comunidades autónomas onde máis roubos se producen están situadas no arco mediterráneo e son principalmente Andalucía, Cataluña e, a certa distancia, Valencia, onde se rexistra practicamente a metade dos asaltos anuais a fogares, uns 200.000. Polo que respecta a cidades, Madrid e Barcelona concentran o 25% dos ataques á vivenda.

Menos roubos ca a media europea

O estudo anual sobre a Seguridade nos Fogares Españois 2005, de TNS Demoscopia, conclúe que o 16,4% dos fogares españois, aproximadamente un de cada seis, sufriu nalgún momento un roubo ou un intento de roubo. A pesar destes datos, en materia de roubos nos fogares, España atópase por debaixo da media europea, que alcanza a un 18% da poboación, mentres que no noso país non chega ao 15%. Unha enquisa paneuropea realizada en 2004 por Security Point, plataforma europea da seguridade, á que pertence o Observatorio da Seguridade español, desvela que os países cun maior índice de roubos son o Reino Unido, cun 28%, e Holanda e Suecia, cun 22% de fogares que sufriron un roubo ou intento de roubo.

Violencia gratuíta

Nos últimos tempos vivimos nun crecente clima de inseguridade do que se fan eco as enquisas. Na realizada o ano pasado polo Observatorio da Seguridade, un 60% dos fogares españois afirmaba sentirse inseguro. En 2003 eran o 51%, case un 10% menos. En opinión dos expertos, niso influíu sobre todo a irrupción no noso país de mafias estranxeiras, especializadas en atracar vivendas, sen escrúpulos e habituais da violencia gratuíta.

/imgs/20060701/img.informe.02.jpg

Segundo detectaron as forzas de seguridade, en España operan máis de medio milleiro de bandas organizadas, moitas delas dedicadas ao roubo a grande escala de chalés e vivendas de luxo. A Garda Civil calcula que hai medio milleiro destes grupos con presenza en España. Bandas, de entre cinco ou seis persoas, de Europa do leste e colombianos fundamentalmente, altamente cualificados, con formación militar, expertos no manexo de armas, con altas doses de agresividade e, moitos deles, con experiencia coma excombatentes.

Dada esta situación, ante un roubo na casa, os enquisados polo Observatorio da Seguridade aseguran que lles preocupa máis que os ladróns os agridan, e atopárense con eles, ca os posibles estragos ou a perda de obxectos con valor sentimental. Así as cousas, a instalación de alarmas e sistemas electrónicos de seguridade converteuse nun lucrativo negocio que desde 2000 crece a un ritmo do 30% anual. En 2004 o sector facturou 615 millóns de euros só neses conceptos. Máis da metade dos españois, o 55,3%, ten unha porta blindada ou acoirazada; e o 15,7%, alarmas.

Alarmas, protección electrónica

A solicitude de alarmas disparouse nos últimos meses ante a vaga de asaltos perpetrados por bandas organizadas, especialmente nas urbanizacións catalás. Este fenómeno fixo que as chamadas ás compañías de seguridade para pedir sistemas de protección se incrementasen entre un 50 e un 80% durante o pasado mes de maio.

/imgs/20060701/img.informe.03.jpg

Un dos elementos que máis disuaden os intrusos que pretenden roubar nun fogar son os sistemas de alarma conectados a unha Central Receptora de Alarmas (CRA). No mercado pódense atopar produtos que se adaptan ás peculiaridades de cada vivenda. Os paquetes estándar inclúen dous ou tres detectores de movemento -intercambiables por detectores de roturas de portas ou cristais-, segundo o tipo de inmoble. O paquete complétase con sirena, adhesivo exterior, conexión a unha central receptora conectada coa policía, e equipo anticorte telefónico, que emite sinais vía radio, mensaxes similares ás dun teléfono móbil. O prezo fluctúa segundo as esixencias do fogar, aínda que a instalación básica custa entre 150 e 600 euros, máis cotas mensuais de mantemento de entre 18 e 30 euros. A maior parte destes sistemas inclúe servizos adicionais como o de asistencia inmediata, no que un vixiante se presentará no seu domicilio, previa comunicación á policía, unha vez salte o sinal de alarma.

Precaucións que se deben ter en conta para evitar visitas desagradables

  • Sempre hai que facer uso de todas as medidas de seguridade de que dispoña, aínda que se vaia ausentar por pouco tempo.
  • Nas casas con xardín, hai que podar as árbores e arbustos que poidan agachar ou facilitar o acceso dos ladróns ao interior da casa.
  • Tamén hai que verificar que na porta principal da vivenda non existe oco entre o chan e a porta, así evitaremos que os ladróns poidan facer panca e introducirse con maior facilidade.
  • Convén simular que a casa está habitada. Roupa tendida, persianas a medio baixar, ou temporizadores que conecten aos poucos a luz, a televisión ou a radio, son golpes de efecto para disuadir o delincuente.
  • Marcar, catalogar e fotografar os obxectos de valor facilita a súa identificación no caso de que sexan recuperados, e fai máis difícil que, posteriormente, o ladrón poida comercializar coa mercadoría roubada.
  • Un lapis marcador ultravioleta é unha ferramenta barata e efectiva, de fácil aplicación sobre calquera tipo de material (metal, tea, plástico, etc.). O seu único inconveniente é que se borra co tempo e hai que repetir a operación de cando en vez.

/imgs/20060701/img.informe.04.jpg

  • O DNI ou a matrícula do automóbil son datos moi persoais e axeitados para gravar nos obxectos de valor.
  • É recomendable revisar o interfono, a caixa do correo e o marco da porta na busca de marcas (liñas verticais e horizontais) que acostuman facer os ladróns para distinguir os pisos nos que poden entrar a roubar. Se detectamos algún destes sinais hai que tentar borralo para que sexa ilexible polos ladróns.
Tomás del Hierro, Director de seguridade cidadá e da Policía municipal de Bilbao

Que debemos facer se, ao chegarmos á casa, atopamos a porta ou unha ventá forzadas?
O primeiro que debemos facer é asegurármonos de que se trata dun roubo e comprobar o estado dos cuartos, se falta algo. Unha vez feito isto, debemos chamar a policía, ou ben ao 112 ou ao 092, explicándolles o sucedido. Non tocar nada e agardar a que a Policía chegue son outras dúas pautas básicas.

E como debemos actuar se nos atopamos, no interior da vivenda, cara a cara co ladrón?
Se isto ocorre, non hai que facerlle fronte. Procuraremos fixarnos nos seus trazos físicos ou de indumentaria, para poderlle facilitar á policía algún dato para a súa posterior identificación. Por exemplo, a existencia de cicatrices, marcas, tatuaxes, estatura, cor de pelo, se o leva longo ou tinguido, etc. Pero unha vez máis, o máis importante é non enfrontarse ao ladrón baixo ningunha circunstancia. Hai que ter en conta que estas persoas, neses momentos, están sometidas a unha gran tensión, e as reaccións poden ser impredicibles e perigosas. Ultimamente, ademais, en certos tipos de roubos estanse dando casos dun gran despregamento de violencia.

E se oímos que alguén entrou na nosa casa, estando nós nela?
Neste caso, os consellos son similares aos anteriores: confirmar se entrou alguén, e en caso afirmativo, chamar a policía.

Portas e ventás

  • Instale na súa vivenda unha porta blindada, hainas desde 700 euros. Se a súa economía non o permite, procure que teña, cando menos, dous puntos de peche, e que non haxa oco entre a porta e o chan.
  • Na elección da pechadura hai que se fixar nas siglas A2P (certificado de seguridade) e nas estrelas (de unha a tres). Cantas máis destas últimas teña, máis eficaz será o sistema de peche.
  • Para que sexa eficaz, unha pechadura deberá ter varios puntos de ancoraxe ao marco da porta, cun mínimo de tres (na parte superior, na inferior e no lateral). Canto maior sexa o número de ancoraxes, maior será a súa resistencia.
  • Preste atención á porta do garaxe, se a súa casa comunica directamente co aparcamento. Mantéñaa sempre pechada.
  • Unha ventá de madeira resiste mellor os ataques ca as de PVC ou de aluminio, máis fáciles de deformar.
  • Un acristalamento de dobre vidro con cámara interior, no que a folla externa é laminar, tamén ofrece un bo grao de protección.
  • Poña persianas en todas as súas ventás e balcóns e asegúreas con pasador interior. A mellor elección son as persianas autoblocantes, que impiden que a persiana sexa forzada ao levantala por medio dun sistema de lamas (cada un dos listóns que compoñen a persiana) de diferentes tamaños. Desde 250 euros.
  • Protexa con reixas as ventás de fácil acceso desde o exterior. A separación entre os barrotes non debe ser maior de 12 centímetros. Por 180 euros pódese protexer unha ventá.

Para unha boa elección de alarma

  • Hai dous tipos de alarmas: sen conexión a unha central receptora de alarmas ou con conexión, que é, segundo os expertos, a opción máis interesante. A miúdo só a placa identificadora do sistema de alarma xa é un elemento disuasorio para os ladróns.
  • Nas casas unifamiliares ou de paredes medianeiras, é preferible optar por un dispositivo con elementos conectados a través de enlaces de radio. Así, os compoñentes periféricos fíxanse sen necesidade de instalación de cables.
  • A mellor elección é un sistema de alarma con posibilidades de expansión, que permite a instalación dun equipamento mínimo que se pode ir mellorando progresivamente.
  • É posible crear unha porta con electroimán no acceso á parte superior da vivenda, de xeito que cando se detecte que hai alguén inesperado entrando por portas ou ventás inferiores do unifamiliar, automaticamente esta porta quede bloqueada, impedindo o acceso á parte superior.
  • Máis sofisticada resulta a creación dun cuarto fortificado dentro da casa. Trátase dunha especie de caixa forte para persoas, con paredes de formigón, porta acoirazada e outras características que a fan practicamente inexpugnable. As súas medidas varían en función do número de persoas para as que estea previsto. Dentro, unha liña de teléfono segura ou un móbil sempre dispoñible completan a solución que representa este sistema en caso de roubo cando hai xente dentro da casa. A existencia destes “cuartos do pánico”, cun prezo que pode oscilar entre os 6.000 e os 60.000 euros, non é unha rareza no noso país, aínda que a segredo sobre o asunto que esixen os seus donos fai que o pareza.