Evitar contratempos nas vacacións

Organización e información, claves para evitar que a viaxe soñada se converta nunha cadea de frustracións
1 Xullo de 2006
Img consejo 05 listado

Evitar contratempos nas vacacións

Vacacións e verán son dous termos indisolubles. Aínda que algunhas estatísticas aseguran que cada vez nos decantamos máis por viaxar “fóra de tempada”, os meses de xullo a setembro son aínda os reis do relax, o sol e a praia. Segundo o Instituto de Estudos Turísticos (IET), máis da metade dos case 120 millóns de viaxes realizadas polos españois en 2005 producíronse, precisamente, durante o verán. /imgs/20060701/img.consejo.05.jpg É por iso que nesta época se fai imprescindible non deixar nada á improvisación, aclarar todos os detalles da viaxe antes de saír da casa e ser conscientes de que atopar a tranquilidade non será unha tarefa doada. A clave para que nada falle está na organización, pero ás veces, nin sequera así se pode garantir o éxito.

DESTINO

Non escolla o seu destino só a partir das fotos paradisíacas dalgúns folletos, ás veces esa realidade está a moitos quilómetros de distancia do noso hotel. Ademais, lembre que en agosto será difícil atopar tranquilidade e que se dispón de poucos días para percorrer o seu destino, será mellor que teña claro que lugares quere visitar. Se a opción son os parques temáticos, non esqueza que para poder montar nalgunhas atraccións esíxese unha altura mínima que non todos os nenos cumpren e, no que respecta aos países, non se deixa levar pola oferta. Aínda que o Caribe sexa moi atractivo, a tempada de furacáns vai do 1 de xuño ao 30 de novembro, e para 2006 están previstos 21. Ningún predicible. En Chile ou Arxentina, atopará as temperaturas máis frías porque alí nestas datas é inverno, mentres que nos países nórdicos haberá de ter coidado coa luz: o verán no norte de Noruega e en parte de Suecia carece de sol, en Islandia ocúltase só un par de horas na capital e en Finlandia, en xuño e xullo, non se agocha nunca.

HOTEIS

Ollo coas categorías no estranxeiro: as tres estrelas de España pouco teñen que ver coas de Italia, Londres, Marrocos ou Tunisia, por citar só algúns exemplos, onde a esixencia para as categorías inferiores é menor. Se viaxa con nenos ou persoas discapacitadas, asegúrese de que as instalacións e os servizos estean preparados para eles, e se precisa conectarse á internet, infórmese antes da súa dispoñibilidade e, sobre todo, do seu prezo (a miúdo abusivo: mellor acudir a un ciber-café). Non escolla un hotel próximo a unha “zona de marcha” se busca relaxarse e saiba que se se decanta por unha opción “todo incluído” pagará dunha vez os gastos de habitación, comidas, bebidas e lecer, pero aprovéitea, porque a miúdo encarece a viaxe e exclúe os servizos de habitación ou o consumo do minibar.

DOCUMENTACIÓN

Antes de saír, asegúrese de que leva a súa documentación e non a doutra persoa. Pode resultar molesto amosar o pasaporte do seu fillo na aduana, ocorreulle a máis dun e a viaxe tívose que pospoñer? No caso de que viaxe ao estranxeiro e requira visado, poderá tramitalo a través da axencia de viaxes (pregunte canto tardará e se supoñerá un custo adicional) ou no consulado correspondente; pero pídao, cando menos, con dúas semanas de antelación, especialmente en tempada alta. Se xa o ten, confirme que non caducará durante as súas vacacións e que tampouco o farán o seu DNI nin o seu pasaporte, que deberá ser de lectura mecánica se viaxa aos Estados Unidos. Tramite o permiso de circulación internacional se pensa conducir, valore as vantaxes de contratar un seguro de asistencia en viaxe e solicite a Tarxeta Sanitaria Europea para recibir prestación na UE, Islandia, Liechtenstein, Noruega e Suíza.

GUÍAS DE VIAXE

Elixa a que mellor se adapte aos seus intereses e asegúrese de que inclúe datos actualizados. Hai quen perdeu ata unha hora buscando un restaurante “coqueto e de exquisita cociña” pechado moitos meses antes? Hai guías culturais, se lle interesa a arte e a historia do lugar de destino; gastronómicas, se prefire deixarse conquistar polo estómago; de peto, se a vai levar sempre consigo; de idiomas, se se anima a practicar outras linguas e precisa vocabulario básico para principiantes? Tampouco menosprece un bo mapa de estradas se se vai desprazar pola rede viaria (e, de novo, asegúrese de que está actualizado). As discusións ao volante, especialmente de parella, poden afundir o mellor plan?

SAÚDE

Algúns destinos, principalmente exóticos, esixen vacinarse contra determinadas enfermidades. Non se relaxe e acuda a un Centro de Vacinación Internacional catro ou seis semanas antes da viaxe, xa que non sempre abondará cunha única inxección no día e sen as vacinas necesarias podería quedar en terra. Cando siga un tratamento médico, leve consigo os medicamentos necesarios porque poderá ser difícil atopalos no lugar de destino e prepare unha caixa de primeiros auxilios, que conteña tamén sales de rehidratación para diarreas (moi frecuentes nos viaxeiros internacionais). Non esqueza que nos percorridos urbanos tamén malla o sol e que cómpre usar crema protectora; e, se viaxa en barco, faga das pastillas contra o mareo as súas mellores aliadas. Un último consello: compre un bo repelente para os mosquitos. Molestan especialmente pola noite e algúns, ademais, transmiten enfermidades moi graves.

ROUPA

Non elixir a roupa ou o calzado axeitados pode pasar factura. Adapte ambos os dous ao plan de viaxe e, se pretende viaxar a lugares calorosos, prepare a súa maleta con roupa transpirable, de liño e algodón. Elixa tamén unha vestimenta máis elegante por se tivese que acudir a algún evento de gala (as bermudas e as chancas non se adoitan permitir) e non esqueza o bañador se aínda non practica o nudismo na praia, que ademais nalgúns países está prohibido. Nas viaxes mochileiras fuxa da “síndrome polo si ou polo non” e leve só o estritamente necesario. As súas costas agradeceranllo. Para os pés, aínda que seguramente gardaría tiritas na caixa de urxencias, lembre que é unha trampa estrear sandalias en días de calor e grandes camiñadas. Non sinta vergoña por rescatar do esquecemento calzado moi usado: evitará as dolorosas ampolas e os seus pés non se converterán nos protagonistas da viaxe e mais de todas as conversas.

DIÑEIRO

Se non quere vivir nas súas propias carnes “a costa de setembro”, elixa un destino que se axuste á súa economía e estude o seu nivel de vida. Tomar un café nunha terraza de París pode resultar unha desfeita para o seu peto, e se decide pagalo con tarxeta de crédito, outra para a súa conta corrente: no estranxeiro as entidades bancarias cobran comisións por sacar diñeiro dun caixeiro e utilizar as tarxetas nas súas compras. Se decide pagar en moeda e dispón de euros, pero non é a moeda oficial do país, pregunte polo cambio que lle aplicarán pois non adoita ser beneficioso para o turista (e aínda menos nos hoteis, aínda que neles sexa máis cómodo efectuar a transacción). Se opta por cambiar divisas -polo que tamén pagará comisión- calcule se lle compensa cambiar moito diñeiro dunha vez ou menos en dúas veces. Non será doado cambiar as moedas ou billetes pequenos que lle sobren. E lembre que á saída dalgúns países abóanse taxas. Informarano da súa contía na axencia de viaxes ou á chegada ao país. Anote a cantidade e resérvea cara ao final da estancia, as présas e os atafegos non son os mellores conselleiros para dar cunha boa comisión de cambio.

AEROPORTOS

Teña coidado coas datas máis problemáticas: os días 1, 15 e 31 dos meses de tempada alta as instalacións masifícanse. Por certo, os prezos dos billetes de avión son daquela máis caros, comprobe as tarifas de só uns días antes ou despois e sorprenderase. Aclare a data concreta do voo cando o avión despegue ás doce da noite: refírese ao día anterior ou ao seguinte? Pero hai máis: chegue con tempo ao aeroporto para evitar o overbooking, comprobe que o seu nome e apelidos son os que figuran na reserva e, se viaxa con animais de compañía, vixíe a súa dieta porque tanto á ida coma á volta deben manter peso e talle dentro duns límites (afortunadamente esta regra non lles afecta aos seus propietarios?). Ao preparar a equipaxe, lembre que as compañías de baixo custo adoitan permitir menos quilos ca as tradicionais e prepare unha bolsa de man con roupa limpa e obxectos persoais, por se a súa maleta se extraviase. Tamén lle será útil se debe facer escalas e perde o seguinte avión. Para conexións de voos de longo percorrido, tan habituais nestas datas, recoméndanse polo menos tres horas: mellor aburrirse un pouco tranquilamente que desesperarse contrarreloxo. Sería unha mágoa que o último recordo da vacacións fose unha carreira de obstáculos para atravesar o aeroporto dunha punta á outra.