A seguridade segue sendo mellorable: un de cada tres suspende
Case 32 millóns de persoas visitaron o pasado 2005 algún dos 114 parques de lecer (temáticos, acuáticos, de atraccións, zoolóxicos e acuarios) do noso país, un 6% máis ca o ano anterior. Os parques temáticos, protagonistas da consolidación e do crecemento deste sector, fixeron furor nos Estados Unidos nos anos 50 pero non chegaron ao noso país ata mediados dos 90 coa inauguración de Port Aventura. Máis veteranos son os acuáticos e os de atraccións, operativos desde hai máis de trinta anos, aos que lles salpicou o éxito dos parques temáticos. En conxunto, os parques de lecer españois medraron en 2005 un 6% en facturación, o que supuxo unha leve recuperación tras o retroceso de anos anteriores.
Pero desde a perspectiva do consumidor as preguntas máis pertinentes sobre estes parques son ben distintas aos pormenores da súa actividade económica, e fan referencia a cal é o seu estado de conservación, a se a súa oferta de atraccións e espectáculos xustifica os máis de 35 euros que chega a custar a entrada dun día nalgún deles e, o máis importante, se ofrecen suficiente seguridade como para garantir que un día de diversión e lecer non se converta, de súpeto, no escenario dun accidente evitable.
Técnicos de CONSUMER EROSKI visitaron durante varias fins de semana do pasado mes de maio, e como calquera usuario, catro parques temáticos (Port Aventura en Salou, Terra Mítica en Benidorm, Isla Mágica en Sevilla e Warner Bros Park en Madrid), catro de atraccións (os de Madrid e Zaragoza, Tibidabo en Barcelona, Tívoli en Benalmádena) e catro acuáticos: Mijas, Benidorm, La Pineda e Torremolinos. En cada un analizáronse máis de cen variables, axeitadas a cada tipo de recinto e fixadas en colaboración con expertos na seguridade de instalacións destas características. Así mesmo, envióuselles aos xestores dos doce parques un cuestionario no que se solicitaban numerosos datos sobre cada parque.
Moitas diferenzas entre uns e outros
Os doce destacan en servizos e mantemento (limpeza e conservación do parque e das atraccións, hixiene de aseos e vestiarios, adaptación a usuarios discapacitados, asistencia sanitaria, hostalaría, servizos bancarios…), ofrecen unha satisfactoria e variada oferta de lecer, e están ben organizados (atraccións e espectáculos, despacho de billetes, planos guía, folletos con información). Pero hai grandes diferenzas en seguridade, ata o punto de que catro parques suspenden (Isla Mágica e os de atraccións de Zaragoza, Tívoli-Benalmádena e Tibidabo), mentres que cinco obteñen como valoración global un “moi ben”: Warner Bros Park, Port Aventura, Terra Mítica e os acuáticos de Torremolinos e Mijas.
Tres dos catro que suspenden en seguridade son moito máis antigos (Tibidado foi inaugurado en 1899, o de atraccións de Zaragoza en 1974 e o de Tívoli-Benalmádena en 1972) ca os que logran boas cualificacións, que teñen menos de 20 anos e algúns ata menos de dez. E, ademais, tres dos catro que suspenden en seguridade son parques de atraccións clásicos, que poderían presumirse máis seguros ca os parques temáticos ou aquaparks, que albergan atraccións tecnicamente máis complexas e aparentemente máis perigosas.
Como son de seguros?
CONSUMER EROSKI examinou a seguridade destes parques partindo de asesoría e dos parámetros fixados por expertos en seguridade. En cada parque analizáronse máis de 30 variables relacionadas coa seguridade. Non se estudou, debido á complexidade e diversidade da enxeñaría das atraccións e ás dificultades de acceso ao complexo, a seguridade intrínseca das atraccións, o grao de probabilidade de que ocorra un accidente por defectos de estrutura ou de mantemento da atracción que non resulten evidentes cunha primeira ollada. O estudo foi esixente e minucioso. Carencias ou defectos (por exemplo, que nunha atracción o monitor non controle o acceso do público e non comprobe as pechaduras de seguridade que fixan os usuarios á instalación) foron suficientes para que algúns parques obtivesen resultados negativos e ata suspendesen o exame de seguridade.
As diferenzas entre uns parques e mais os outros son evidentes: oito obteñen cualificacións positivas mentres que os outros catro suspenden en seguridade.
WARNER BROS PARK
Moi ben en seguridade.
As pechaduras da atracción Superman deron problemas, pero solucionárono rapidamente.
PORT AVENTURA
Moi ben en seguridade.
Leve anomalía que se resolveu correctamente: antes de subir á Serpiente Emplumada produciuse un fallo técnico, non arrancaba a atracción e estivo parada 10 minutos. Non se detectou perigo para os usuarios.
TERRA MÍTICA
Moi ben en seguridade.
Só un perigo leve nunha zona mal delimitada e cun poste partido: risco de que un usuario se ferise.
ISLA MÁGICA
Mal en seguridade.
O primeiro día non se viu ningún vixiante de seguridade uniformado, e noutro só se viu un. En Información recoñeceron que había só tres vixiantes, distribuídos por todo o parque. Aglomeracións para comer e no espectáculo final, e falta de persoal de vixilancia ou organización para liquidar estas situacións.
Lugares con risco:
- Nenos xogando nunha fonte sen persoal que o evitase. Bañábanse descalzos, coa posibilidade de contaxio e de caída ao escorregaren.
- En Zona Guarida de los Piratas, uns nenos estaban subidos a unha considerable altura sen que ninguén lles chamase a atención.
- Zona sen valar nun regato con peixes: lugar moi escorregadizo; unha eventual caída dun neno, desde máis dun metro de altura, produciríase sobre pedras con arestas.
Atraccións con risco:
- Mal estado de conservación e asentos rotos no Tren de Potosí.
- Deficiente estado de conservación de El Fuerte: bancos e mesas en mal estado, con posibilidade de ceder polo peso e romper.
- Parada de La Furia de los Dioses por unha avaría: seis persoas pasaron 20 minutos dando voltas ata que chegaron os empregados.
- En El Abordaje non había monitores, os pais debían estar pendentes dos seus fillos.
PARQUE DE ATRACCIÓNS DE MADRID
Ben – moi ben en seguridade.
Poucos extintores, tomas de auga non á vista e carteis indicadores de saída non luminosos.
PARQUE ATRACCIÓNS TIBIDABO
Regular en seguridade.
Atraccións con risco:
- Tren Chu Chu sen normas de uso.
- Castell Misterios: cartel de normas de uso oculto.
- Crash Cars: desorganización na cola, o que desconcertaba os usuarios, que non sabían se podían entrar de dous en dous nin se había un aforo máximo, empurróns e posibilidade de tropezo dos nenos.
- Os monitores só controlaban as pechaduras en Talaia e Diábolo
- .
PARQUE DE ATRACCIÓNS DE ZARAGOZA
Mal en seguridade
Atraccións con risco:
- Casa Magnética: o chan escorregaba. O día anterior chovera, e ao non dispoñer de antiescorregante, existía a posibilidade de esvarar e caer.
- Espejos: o coidador apareceu tarde e só unha persoa controlaba a Casa Magnética, Espejos e Laberinto.
- En Escalextric malia estar pechada, uns nenos accederon á instalación e montaron. Un controlador doutra atracción chamou a un técnico, quen, logo de comprobar que estaban ben situados, púxoa en marcha.
Lugares con risco:
- En Bota Bota Castillo (camas elásticas), as camas carecían de redes para evitar saídas da zona elástica, e o chan de lousa, por duro, non é axeitado.
- En Cueva del Terror había luces de urxencia, pero non indicaban a saída.
- En Embarcaderonon había vixilancia e un usuario saltou da barca a unha zona con céspede situada no lago e volveu saltar á barca, vulnerando as normas de seguridade.
PARQUE DE ATRACCIÓNS TÍVOLI
Mal en seguridade.
Madeira deteriorada (posibilidade de cravar achas) en varias atraccións: Swan Chairoplane, Coble Carrusel, Noria Adultos, Lafayette, Swing Boats, Saxonia Tren, Ballon Carrusel (nenos).
Atraccións con risco:
- Dúas, pechadas por obras: Piratas e Tívoli Jungla. Á beira da caída libre de 60 metros víronse restos de obras.
- Tívoli Auga: unha das varandas da cola de espera era de ferro e tiña arestas que podían producir cortes, pouca organización e ausencia de persoal do parque; os nenos coábanse, con empurróns e posibilidade de caídas para os máis pequenos.
- Autos de Choque: faltaban cintos de seguridade, e as almofadas protectoras estaban rachadas e vellas.
- Montaña Rusa: almofadas rotas, óxido, e oíanse chíos na maquinaria.
- Jurásico: pozas de auga en zonas de paso.
ACUÁTICO DE MIJAS
Moi ben en seguridade.
As zonas de acceso a varias atraccións tiñan o chan mollado e moi escorregadizo. Atraccións con risco: había unha varanda con pouca altura no primeiro tramo das escaleiras de subida á atracción “Kamikaze”.
PARQUE ACUÁTICO MIJAS
Moi ben en seguridade.
Detectouse un risco leve nunhas mesas con madeira levantada, posibilidade de cravar achas.
PARQUE ACUÁTICO TORREMOLINOS
Moi ben en seguridade.
Non se detectou ningún elemento perigoso nin risco en ningunha atracción.
PARQUE ACUÁTICO BENIDORM
Ben en seguridade.
O acceso á piscina era algo perigoso; risco de meter o pé e caer.
PARQUE ACUÁTICO LA PINEDA
Ben en seguridade.
Zona asolagada nun camiño, posibilidade de escorregar. Toma de auga en moi mal estado.
Son caros os parques de lecer?
A visita a un parque temático non resulta económica. Ao elevado prezo da entrada xúntaselle por veces o case inevitable custo dos servizos de hostalaría: moitos parques non permiten o acceso con comida e bebida do exterior.
Canto custa a entrada? Entre 15 e 37 euros por persoa, segundo o parque e a idade do usuario (neno ou adulto). Os catro temáticos son máis caros (de media, 32 euros) ca os de atraccións e acuáticos (19,50 euros de media). Hai descontos? Si, para nenos, discapacitados, persoas maiores, familias, etc. Algúns, preferentemente os temáticos, se se adquiren entradas para dous días consecutivos, reducen a tarifa do segundo día.
Canto custa un refresco? Uns 2,20 euros de media, aínda que hai diferenzas importantes. No de atraccións de Zaragoza custou 1,50 euros, mentres que en Port Aventura supuxo case o dobre: 2,80 euros.
E un bocadillo de tortilla? A media foi de 3,50 euros, pero, de novo, víronse diferenzas importantes. Nos parques de Torremolinos, Mijas e Warner Bros custou 4 euros pero no de atraccións de Zaragoza chegou con 2,60 euros. Ademais, a relación calidade-prezo na maioría dos restaurantes deixou moito que desexar.
Outro gasto: cinco dos doce parques teñen aparcadoiro privado: 6 euros diarios en Port Aventura, 5 euros en Warner Bros, Tibidabo e Terra Mítica, e 4 euros Isla Mágica.
As medidas de seguridade son para respectalas
- Respecte as restricións (idade, estatura e condicións físicas) e normas de uso. Nalgunhas atraccións limítase o acceso a nenos ou maiores por baixo dunha estatura, a mulleres embarazadas e persoas con problemas de corazón. Son atraccións que van a gran velocidade, con curvas e movementos bruscos. Se coñece algunha razón pola que vostede ou os seus fillos non deben montar, non o faga.
- Comprobe os cintos e as barras de seguridade dos asentos das atraccións.
- Manteña as mans e os pés dentro dos coches das atraccións en todo momento, non intente suxeitarse á estrutura da instalación ou a calquera outro elemento mentres a atracción siga en marcha. Non se poña de pé nas atraccións non deseñadas para iso.
- Non leve obxectos que poidan caer (lentes de sol, gorras, xoias&). Se perde ou se se lle desprende algún obxecto nunha atracción, non intente recuperalo pola súa conta e menos coa instalación en marcha. Pídalle axuda a algún empregado do parque.
- Comuníquelles aos responsables do parque calquera anomalía que observe.
- Respecte as indicacións e advertencias do persoal do parque. Cando a atracción pare, permaneza sentado ata que se deteña completamente. Utilice os elementos de seguridade que lle proporcionen: arneses, flotadores, etc. Préstelles especial atención aos dos nenos.
Unha visita redonda a un parque de lecer
- Organice a visita con antelación: nos grandes parques é doado perderse o primeiro día. Consiga planos e folletos con información sobre horarios, instalacións, espectáculos e servizos. Mesmo é mellor navegar pola páxina web do parque antes da excursión e planificar perfectamente a visita.
- Observe os horarios dos espectáculos e das atraccións que lle interesan e planifique o seu día no parque. Se non lle interesa ver espectáculos, acuda durante a súa celebración ás atraccións máis solicitadas: haberá menos colas.
- Non se obsesione con velo todo nun día, en moitos precísanse dous días para gozalos por completo. Seleccione os espectáculos e as atraccións que máis lle interesen e goce deles.
- Adquira a súa entrada de forma anticipada (consulte ofertas) a través da internet, mediante axencias de viaxe ou en hoteis da zona: evitará esperas á entrada. Conserve, durante toda a visita, o ticket de entrada ou pase. Adquira as entradas en puntos de venda oficiais.
- Se come nalgún dos establecementos hostaleiros do parque, evite as horas de máxima afluencia. E lembre que moitos parques non permiten a entrada de comida ou bebida do exterior.
- Se detesta as colas, non acuda aos parques durante períodos festivos prolongados (pontes e semellantes). É preferible visitalos de luns a venres ca durante as fins de semana. As atraccións e os espectáculos con colas durante todo o día é mellor deixalos para primeira ou última hora.
- Elixa roupa cómoda e calzado axeitado para camiñadas e longas colas. Opte por pezas que sequen rapidamente e leve roupa de reposto (pode deixala no coche ou na consigna do parque). Leve gorra, protector solar resistente á auga, lentes de sol, cámara de fotos ou vídeo, etc.
- Beba moito líquido para evitar deshidratacións e non permaneza moito tempo ao sol, evitará insolacións.
Doce parques de lecer, un a un
PARQUE DE ATRACCIÓNS ZARAGOZA
Inaugurado en 1974.
Coñecido por atoparse no pulmón verde da cidade, entre Los Pinares de Venecia e os Parques Grandes.
Recomendable para o público infantil en especial (a maioría das atraccións son para eles).
Tarifas: entrada todo o día, adultos 15,50 euros e nenos 9,95 euros.
O mellor: servizo gratuíto de aparcadoiro. Zonas para descansar e comer en contacto coa natureza. Boa ambientación.
O peor: a oferta de lecer (só 37 atraccións e ningún espectáculo). Non hai servizos suficientes para unha estadía agradable e cómoda, como visitas guiadas, revelado fotográfico, alugueiro de coches de nenos, recollida de compras, gardaría de animais, etc.
PARQUE DE ATRACCIÓNS MADRID
Inaugurado en 1969.
Coñecido por ser un dos parques de atraccións máis antigos, que combina atraccións de sempre con recentes adquisicións como a montaña rusa Abismo ou Lanzadera.
Recomendable para os máis pequenos, xa que conta cunha zona exclusiva para o público infantil, con atraccións como o Mini Tren, Mini Flume Ride, etc.
Tarifas: entrada todo o día, adultos 24,40 euros e nenos 13,90 euros.
O mellor: servizo de aparcadoiro gratuíto, boa dotación de servizos que facilitan a estadía (alugueiro de cadeiras de nenos, caixeiros automáticos, zonas para descansar e merendeiros, sala de lactación). Espectáculos para todos os públicos.
O peor: pouca información sobre os tempos de espera. Non se poden reservar entradas ou pases especiais para evitar colas nin visitas guiadas, e non conta con gardaría para animais.
PARQUE DE ATRACCIÓNS TIBIDABO (BARCELONA)
Inaugurado en 1899.
Coñecido polo seu avión, desde o que se goza dunha panorámica espectacular da cidade condal.
Recomendable para toda a familia e para os máis pequenos (varias atraccións exclusivas para eles).
Tarifas: entrada todo o día, adultos 22 euros e nenos 9 euros.
O mellor: posibilidade de apreciar unhas vistas exclusivas de toda a cidade. Moi boa dotación de despacho de venda de entradas. Espectáculos de gran calidade, tanto para maiores coma para pequenos.
O peor: servizo de aparcadoiro (5 euros ao día), escaseza na oferta de lecer (27 atraccións e só 5 espectáculos), pouca información sobre tempos de espera, escaseza de persoal de seguridade.
PARQUE DE ATRACCIÓNS TÍVOLI (BENALMÁDENA, MÁLAGA)
Inaugurado en 1972.
Coñecido pola súa atracción estrela Tívoli Dragón e a súa localización na Costa del Sol.
Recomendable para todas as idades.
Tarifas: entrada todo o día, adultos 16 euros e nenos 6 euros.
O mellor: aparcadoiro gratuíto. Moitos despachos de billetes. Bo servizo en caso de perda de menores ou de obxectos persoais.
O peor: deficiencias en accesibilidade de discapacitados, evidentes signos de paso do tempo e do mal estado de conservación dalgunhas atraccións.
PARQUE TEMÁTICO TERRA MÍTICA (BENIDORM, ALACANTE)
Inaugurado en 2000.
Coñecido polas súas atraccións estrela Tizona e Syncope.
Recomendable para quen busque situacións límite e descargar adrenalina.
Tarifas: entrada todo o día, adultos 33 euros e nenos 25 euros.
O mellor: servizos e mantemento (limpeza en áreas de hostalaría, aseos), boa dotación de fontes e zonas de descanso, boa sinalización.
O peor: poucos despachos de billetes, aparcadoiro (5 euros ao día), poucos caixeiros automáticos. Non hai cambio de divisas nin posibilidade de reserva de entradas ou pases especiais para evitar colas.
PARQUE TEMÁTICO PORT AVENTURA (SALOU, TARRAGONA)
Inaugurado en 1995.
Coñecido pola montaña rusa Dragon Khan e pola súa variedade gastronómica.
Recomendable para todo tipo de idades, pero en especial para os que buscan un pouco de tensión e excitación.
Tarifas: entrada todo o día, adultos 37 euros e nenos 30 euros.
O mellor: oferta de lecer, dotación de servizos que facilitan a estadía (recollida de compras, visita guiada, gardaría para animais, etc.), bos servizos bancarios (cambio de divisas), sinalización do parque, carteis traducidos a varios idiomas.
O peor: aparcadoiro (6 euros), poucos despachos de billetes, escaseza de persoal de vixilancia.
PARQUE TEMÁTICO WARNER BROS PARK (SAN MARTÍN DE LA VEGA, MADRID)
Inaugurado en 2002.
Coñecido pola súa ambientación e polos decorados.
Recomendable para o público infantil polos numerosos personaxes de debuxos animados e para os máis intrépidos (atraccións como Superman, Batman ou Stun Fall).
Tarifas: entrada todo o día, adultos 33 euros e nenos 25 euros.
O mellor: excelente dotación de servizos que facilitan a estadía (recollida de compras, reserva de entradas, alugueiro de coches de nenos, visita guiada, gardaría para animais, etc.).
O peor: aparcadoiro (5 euros por día), excesivas colas e pouca información sobre os tempos de espera (sinalización en pantalla ou “encerados”) no momento de acceder ás atraccións.
PARQUE TEMÁTICO ILLA MÁXICA (SEVILLA)
Inaugurado en 1997.
Coñecido por espectáculos como La Puerta del Tiempo e a caída libre de 68 metros denominada Desafío.
Recomendable para quen busca sensacións fortes e mais para os que desexan gozar dun día agradable e diferente percorrendo as súas oito áreas temáticas.
Tarifas: entrada todo o día, adultos 23,5 euros e nenos 16,5 euros.
O mellor: servizo de despacho de venda de entradas, sinalización e organización, dotación de fontes e zonas para refrescarse, adaptación para persoas cegas (guías e mapas traducidos ao braille).
O peor: escasa oferta de atraccións e espectáculos, aparcadoiro (4 euros por día), falta de información sobre tempos de espera nas atraccións, sensación de inseguridade debido á falta de persoal de vixilancia. Non se poden reservar entradas ou pases especiais para evitar colas.
PARQUE ACUÁTICO BENIDORM (ALACANTE)
Inaugurado en 1985.
Coñecido polo tobogán máis alto de Europa, Big Bang.
Recomendable para nenos de 6-12 anos.
Tarifas: entrada todo o día, adultos 23 euros e nenos 16 euros.
O mellor: aparcadoiro gratuíto, oferta de atraccións e espectáculos), información xeral do parque, a sinalización das normas de uso nas entradas das atraccións. Amplo despregue de persoal de seguridade. Bo servizo de hostalaría. Boa dotación de servizos bancarios, con cambio de divisas.
O peor: non se pode comprar entradas a través da internet nin hai visitas guiadas, nin tampouco punto de encontro. Poucas fontes de auga potable. Non hai espectáculos.
PARQUE ACUÁTICO TORREMOLINOS (MÁLAGA)
Inaugurado en 1984.
Coñecido por ser o acuático máis grande da Costa del Sol e posuír unha atracción única: Boomerang.
Recomendable para toda a familia.
Tarifas: entrada todo o día, adultos 18,90 euros e nenos 13,30 euros.
O mellor: aparcadoiro gratuíto, oferta de atraccións e espectáculos, sinalización das normas de uso nas atraccións. Bo servizo de vixilancia.
O peor: pouca información sobre tempos de espera nas atraccións; mala sinalización. Non ofrece espectáculos.
PARQUE ACUÁTICO LA PINEDA (TARRAGONA)
Inaugurado en 1987.
Coñecido por ser o único acuático con delfinario, ademais ofrece interacción con leóns mariños.
Recomendable para toda a familia e especialmente para nenos.
Tarifas: entrada todo o día, adultos 21,5 euros e nenos 16 euros.
O mellor: aparcadoiro gratuíto, oferta de atraccións e espectáculos, información xeral do parque e sinalización das normas de uso nas entradas das atraccións.
O peor: deficiente oferta de servizos. Non hai caixeiros automáticos nin cambio de divisas. Escaseza de fontes de auga potable.
PARQUE ACUÁTICO MIJAS (MÁLAGA)
Inaugurado en 1986.
Coñecido pola variedade dos seus espectáculos.
Recomendable para toda a familia e en especial para nenos de 6-12 anos, con zonas especiais para eles.
Tarifas: entrada todo o día, adultos 14,50 euros e nenos 9,50 euros.
O mellor: aparcadoiro gratuíto, oferta de lecer, información xeral do parque e a sinalización das normas de uso nas atraccións. Bo servizo de vixilancia.
O peor: organización nos momentos de espera. Só un caixeiro automático. Non se pode comprar entradas a través da internet, non hai visitas guiadas, e tampouco conta con punto de encontro.