Previla é cousa de todos
España vive unha das secas máis intensas dos últimos 125 anos, aínda que non se trata dun feito puntual: o Libro Branco da Auga recorda que máis da metade dos anos do período 1880-2000 foron secos ou moi secos. Con todo, os seus cidadáns non son os únicos que a padecen, posto que é un fenómeno natural que tarde ou cedo lles afecta a todos os países.
A chegada dunha seca provoca que chova menos do normal, e cando non se pode facer fronte á escaseza de auga que supón, convértese nun dos desastres naturais con maior impacto ambiental, económico e social. Trátase dun fenómeno impredicible, aínda que os datos de secas anteriores axudan a calcular a posibilidade de que se repita de novo, o que pode servir para establecer políticas de previsión.
Con todo, unha situación de seca non debe supoñer necesariamente escaseza de auga se se desenvolven plans axeitados de explotación e subministración a medio e longo prazo, e se os cidadáns asumen un consumo responsable acorde coas características climáticas da rexión.
Por outra banda, o concepto de seca adóitase confundir co de aridez, un trazo climático permanente polo que a pluviosidade é escasa como norma xeral. Por exemplo, o sueste peninsular español é un territorio con trazos de aridez, aínda que non de xeito especialmente intenso.
Un impacto en aumento
O incremento da desertización, dos incendios forestais, ou da degradación xeral do chan e da paisaxe son algúns dos maiores impactos ambientais dunha seca extensa. Así mesmo, as especies de plantas e animais, o hábitat silvestre e a calidade do aire, a auga e o chan diminúen, mentres que diversas enfermidades e pragas de insectos aumentan.
Os fenómenos meteorolóxicos tamén se resenten, en forma de altas ou baixas temperaturas ou ventos afuracanados. Ademais, adoita ser normal que un periodo de tempo seco dea paso a outro con chuvias torrenciais, que causarán maiores catástrofes nun medio degradado pola seca.
O ser humano está agudizando o impacto da seca por mor de determinadas prácticas agrícolas ou industriais, coma a erosión do chan, a deforestación ou a emisión de gases contaminantes.
Á súa vez, as actividades humanas tamén se ven perturbadas por este fenómeno. Os prezos dos alimentos, a enerxía e outros produtos increméntanse, conforme as subministracións se reducen. A navegabilidade dos ríos queda limitada, o que afecta aos custos do transporte. A produción de enerxía hidroeléctrica diminúe, o que acentúa o efecto invernadoiro, posto que as centrais térmicas teñen que elevar a súa produción para paliar o devandito descenso.
A seca tamén provoca diversos desastres de tipo social a nivel mundial, como inseguridade alimenticia, fame, desnutrición ou pandemias. A dispoñibilidade de auga por habitante é cada vez menor, de xeito que se considera que nos próximos vinte anos se converterá nun elemento estratéxico de supervivencia. Os cidadáns afectados acaban emigrando na procura de alimentos e auga, tanto duns países a outros, coma desde as zonas rurais ás urbanas do propio país. A ONU denuncia que a seca é unha das principais causas de pobreza no mundo e que está empuxando a 135.000.000 de persoas a emigrar dos seus países.
Con todo, a seca non ten por que asociarse inevitablemente á fame e proba diso é que secas de características ssemellantes en Europa teñen consecuencias menores. Na maioría dos países europeos as secas teñen lugar periodicamente, sendo máis frecuentes nos do sur, centro e leste.
A información e a concienciación ambiental forman parte das medidas para combater as súas consecuencias. Neste sentido, os cidadáns deben asimilar valores e actitudes que promuevan o coidado da auga como forma de mellorar a calidade de vida, participando de forma individual e colectiva en iniciativas que melloren o medio en xeral e superen situacións como as da seca. Pola súa banda, as autoridades son as responsables de desenvolver plans nacionais que afronten axeitadamente os problemas máis críticos da seca.
En calquera caso, os métodos preventivos constitúen o mellor xeito de minimizar os seus efectos. A análise das secas pasadas ou a modernización das infraestruturas e as reservas hídricas, reducindo no posible a perda de auga e creando novas fontes de subministración, son algunhas destas medidas básicas.
No caso da agricultura, un dos sectores máis castigados pola seca, o uso apropiado da terra e das técnicas agrícolas, ou a selección de variedades de plantas resistentes ás secas, son fundamentais.
O desenvolvemento de novas tecnoloxías que axuden a mellorar a obtención e utilización de auga tamén xoga un papel importante. Por exemplo, o Ministerio de Medio Ambiente anunciou a construción de varias plantas desalinizadoras e desalobradoras para tratar, respectivamente, auga do mar e auga salobre do subsolo, e solucionar así os problemas causados no litoral mediterráneo.
Así mesmo, investigadores de varias universidades españolas e da Universidade Ben Gurion de Israel presentaban o ano pasado un sistema, en fase de probas, capaz de producir chuvia en rexións áridas e próximas ao mar, que podería converterse nunha boa opción a medio prazo para loitar contra a desertización.