Alimentos prebióticos e probióticos

Realmente son necesarios?

A etiqueta de "saudable" acompaña uns alimentos que, aínda que con beneficios comprobados, son moito máis caros e non sempre necesarios
1 Xullo de 2006
Img alimentacion

Realmente son necesarios?

/imgs/20060701/img.alimentacion.01.jpg

Iogures, galletas, zumes e pans efecto bífidus entraron na nosa dieta con moita publicidade e escasa información. Estes superalimentos, englobados dentro dos produtos prebióticos e probióticos, coáronse xa na bolsa da compra de moitas familias que os consomen só porque, ademais dun prezo maior, contan co reclamo de “saudable”. Pero, como discernir entre o que non pasa dunha moda e o que se converte nunha compra atinada e saudable que compensa o maior desembolso?

Que son os prebióticos e probióticos?

Os prebióticos e probióticos inclúense no concepto de alimentos funcionais. Con este termo desígnanse os alimentos que, ademais de destacaren polas súas calidades nutricionais, achegan beneficios adicionais para a saúde. Segundo datos publicados en 2003 por Datamonitor -compañía líder na provisión de información empresarial-, a compra de alimentos funcionais aumenta nun 16% cada ano.

Prebióticos e fruto-oligosacáridos

/imgs/20060701/img.alimentacion.02.jpg

Os prebióticos son ingredientes non-dixeribles que teñen a propiedade potencial de mellorar a saúde debido a que favorecen o crecemento selectivo de bacterias intestinais beneficiosas. Os dous prebióticos máis estudados son os fruto-oligosacáridos, ou FOS, coñecidos como oligofrutosa e inulina. Son carbohidratos presentes en vexetais como allo, cebola, allo porro, espárrago, alcachofa, raíz de chicoria, tomates, bananas, etc. Se se analizan os hábitos de alimentación da poboación xeral, estímase que a cantidade que se consome de FOS é duns 800 miligramos ao día, cando os expertos recomendan inxerir entre 2 e 6 gramos. Esta é a razón que xustifica que, ademais de consumir os citados alimentos, se tomen produtos que incorporan FOS, iso si, en casos concretos. Os produtos máis representativos que se comercializan deste tipo son algúns preparados lácteos, bebidas, alimentos infantís, galletas e pans.

Probióticos e bacterias lácticas

Os probióticos son alimentos que conteñen microorganismos vivos cuxo consumo ten efectos positivos para a saúde pola súa acción sobre a flora intestinal, pois promoven o desenvolvemento de bacterias beneficiosas –Lactobacillus acidofilus e Bifidus-. Na actualidade, os únicos alimentos probióticos que hai no mercado son:

  • o iogur: chámaselle así ao leite fermentado coas bacterias lácticas Streptococcus thermophilus e Lactobacillus bulgaricus ou acidofilus.
  • outros leites fermentados: produtos semellantes en aspecto ao iogur, só que fermentados con outro tipo de bacterias como Bifidobacterias, Lactobacillus casei imunitass, etc.
  • bebidas que conteñen, ademais de zume, leite fermentado e cultivos de bacterias.

Son importantes?

No intestino prodúcese a maior parte da dixestión dos alimentos e a absorción dos nutrientes. Pero tamén é o lugar no que se realiza a primeira selección dos compoñentes que “serven ou non” daquilo que consumimos. Se a dixestión non é completa, se a facilidade de paso de substancias desde o intestino ao sangue é excesiva ou a súa poboación microbiana está alterada, hai risco de que substancias non desexables se incorporen ao noso organismo. As consecuencias son moi diversas: inflamación, gases, diarreas, infeccións, e mesmo alerxias e intolerancias. Neste contexto xorden os prebióticos e probióticos, que se basean no coidado da saúde intestinal.

Cales son os beneficios de prebióticos e probióticos?

Preveñen e axudan a tratar enfermidades

  • Diarrea. As bacterias lácticas inhiben o crecemento de diversos microorganismos patóxenos ou daniños, polo que son beneficiosas no caso de diarrea de distinta orixe; a que cursa tras a toma de antibióticos, por virus ou bacterias, etc. Do mesmo xeito, os FOS aféctanlle ao hábitat intestinal e á actividade das encimas, conducindo a produción de certas substancias -ácidos graxos de cadea curta- que tamén inhiben o crecemento de patóxenos.
  • Estrinximento e exceso de gases. Tanto as bacterias lácticas coma os FOS favorecen o equilibrio da flora intestinal, polo que melloran o tránsito e a inchazón asociada ao exceso de gases.
  • Risco cardiovascular e diabete. Os FOS comparten as propiedades clásicas da fibra, polo que, ademais de regular o tránsito, contribúen a reducir os niveis de colesterol e triglicéridos, así como a un mellor control da glucemia.
  • Estabilizan e melloran enfermidades que lle afectan ao intestino, como Crohn e colite ulcerosa -en particular polo consumo de probióticos-.

Melloran a dixestión

  • As bacterias lácticas favorecen a síntese de vitaminas -K e grupo B- e a absorción de nutrientes. Os FOS estimulan a absorción de minerais -calcio, magnesio, cinc e ferro- e melloran a mineralización ósea.

Estimulan as defensas

  • Ambos os compoñentes equilibran a flora intestinal incrementando a resistencia ás infeccións.

Son realmente indispensables?

/imgs/20060701/img.alimentacion.03.jpg

Aínda que o potente marketing empregado para vender estes produtos pode facernos crer que resultan indispensables, o certo é que na maioría dos casos unha dieta equilibrada e variada abonda para lograr os beneficios que prometen. Daquela, por que gastar máis neste tipo de produtos, cando algúns duplican o seu prezo respecto dos seus equivalentes “normais”? Máis aínda, cando non curan nin preveñen por si sós alteracións ou enfermidades. De feito, non son fármacos e, ademais, os seus efectos varían dunha persoa a outra.

Na súa defensa pódese afirmar que son produtos que, en doses axeitadas, poden resultar beneficiosos para algunhas situacións. Por exemplo, cando a dieta por si soa non abonda para mellorar problemas de saúde que axudan a combater, como dixestións lentas que acaban xerando inchazón do ventre e gases, ou para a recuperación da flora bacteriana logo dunha diarrea. Pero serven tamén para compensar a ausencia na dieta de alimentos que de xeito natural inclúen prebióticos e que non se poden consumir por intolerancia a eles ou porque, sinxelamente, non nos gustan eses alimentos. Con todo, en todos estes casos cómpre ter en conta que para conseguir un beneficio hai que ser constantes. É dicir, habería que tomar os prebióticos e probióticos considerando tanto a súa dose efectiva coma a frecuencia de consumo axeitada a cada caso. E polo de agora non hai suficientes estudos sobre estas dúas cuestións…