EN IMAXES

Como se pon a punto unha praia?

Equipos especializados invisten moitas horas de traballo -matutino, vespertino e nocturno- para facer das praias un lugar seguro e agradable e, nos últimos anos, tamén sostible
1 Xullo de 2006
Img informep

Como se pon a punto unha praia?

23:00 A cribadora

Rematada a xornada e aproveitando a retirada de bañistas, un equipo disponse a recoller o lixo máis voluminoso e a filtrar a area cunha máquina cribadora. A limpeza da area é clave para ofrecer unha praia hixiénica e segura. A area debe ser osixenada diariamente mediante volteo, con isto evítase o risco de incubación de bacterias patóxenas.

6:00 Limpeza da liña de marea

Grupos de operarios dispóñense a “limparlle” a cara ao espazo que máis persoas congregará ao longo do día. Trátase de recoller os refugallos que o mar depositou durante a noite e que marcan cunha liña ata onde subiu a auga. Malia o que puidese parecer, a gran maioría do lixo dun areal non o deixan os bañistas, senón que o trae o mar. Con todo, tamén é lixo humano, só que provén dos barcos ou dos desaugadoiros.

7:00 Acondicionamento dos accesos e servizos

Chega o momento de limpar, con vasoira e auga, as ramplas de acceso e as pasarelas que transitan as diferentes partes da praia. Tamén hai que quitar a sucidade acumulada nas plataformas mariñas, hixienizar os lavapés, repasar as duchas e desinfectar os urinarios. Baleirar papeleiras e repoñer elementos como os conos de plástico individuais para depositar materiais non-biodegradables (cabichas, pipas…) son outros dos labores.

9:00 Apertura de cabinas, puntos de información e de socorro

Persoal sanitario, socorristas e asistentes de lecer danse cita ás 9 da mañá para distribuír o traballo, repasar o material da caixa de urxencias, comprobar o estado da sinalización, ordenar as balizas de seguridade, colocar a bandeira verde, amarela ou vermella en función do estado do mar e ensaiar a megafonía. A partir dese momento trabállase sen descanso en quendas de 6 horas.

10:00 Comezan a funcionar os servizos

O chiringo arrinca a pinchar a súa música, as hamacas ocupan o seu espazo e os toldos fan sombra. A praia está lista para 12 horas de sol e de ruído que, grazas á porosidade da area, queda silenciado, porque se se escoitase nun espazo liso sería enxordecedor.

12:00 Inspección visual da zona de baño e recollida das mostras de calidade de auga

Profesionais cualificados diríxense periodicamente aos puntos sinalados de control para realizar a análise microbiolóxica da auga. Cada punto da mostraxe é representativo dunha zona de baño e é elixido ao considerarse susceptible de estar contaminados pola súa proximidade aos desaugadoiros, ás fábricas ou a lugares críticos. As augas poden valorarse como óptimas e aptas, que non precisarán de intervención, ou non-aptas, nese caso deberá facerse público e adoptaranse medidas para prohibir o seu uso.

16:00 Reforzo vespertino: retirada de restos das mareas e cambio de papeleiras

Cada vez son máis numerosas as praias que incorporan puntos limpos, é dicir, espazos onde se recolle o lixo baixo criterios de reciclaxe, pero o que non falta en ningunha praia son papeleiras.

As praias españolas, en cifras

Datos xerais:

  • 8.125 km de costa
  • 3.586 km de praias
  • 3.106 praias catalogadas (en 2001, anterior censo, estaban rexistradas 2.842)
  • 480 praias con bandeira azul (1 de cada 7 praias)
  • 390 municipios con praia

Datos de limpeza:

  • Cada tempada recóllense unha media de 115 toneladas de lixo en cada praia durante o tempo estival (de mediados de xullo a mediados de setembro).
  • O 30% do lixo xérao o bañista; o resto provén do mar.
  • O equipo de limpeza dunha praia multiplícase por 10 no verán.
  • A maioría da lixo que se atopa nas praias e nos océanos son envoltorios de comida ou bebidas (tapas de plástico, anacos de papel e plástico, latas, botellas de vidro, etc.).
  • O uso masivo de conos de plástico para depositar materiais non-biodegradables: cabichas, gomas de mascar, cascas de pipas, etc. reducirían nun 43% a sucidade máis difícil de recoller na area.

Datos da auga e da zona de baño:

  • A mostraxe de augas e zonas de baño alcanza a 1.826 puntos.
  • O 98% das augas, segundo datos da Comisión Europea, considéranse aptas para o baño. Con todo, só o 43% ofrece unha calidade óptima.
  • Algunhas praias, coma a de Bennicasim en Castellón, chegan a recibir 50.000 persoas nun só día.

Curiosidades

Nas praias urbanas é cada vez máis usual atopar servizos de alugueiro de toallas. Parece un costume antigo, pero estase a impoñer coma un servizo ao visitante que quere darse unha chapuzadura e non quere cargar coas mochilas. O alugueiro dun toldo ten un prezo medio de 10 euros ao día. Un parasol chega aos 12 euros. Na maioría das praias está prohibido acudir con mascotas; con todo, Lepe ofrece unha praia exclusiva para cans. A tendencia é que a auga potable das praias se recicle.