Comer sen riscos nas vacacións / 60 miligramos de vitamina C / Fibra e estrinximento / Produtos adelgazantes / Triglicéridos / Menú tipo para unha pel sa e bronceada

1 Xullo de 2006
Img alimentacion 2 listado

Comer sen riscos nas vacacións / 60 miligramos de vitamina C / Fibra e estrinximento / Produtos adelgazantes / Triglicéridos / Menú tipo para unha pel sa e bronceada

5 claves para comer sen riscos nas vacacións

  • 1. A hixiene evita desgustos. E aínda que pareza un tópico, unha das mellores medidas de hixiene consiste en lavar as mans antes de comer ou cociñar.
  • /imgs/20060701/img.alimentacion-manos.jpg
  • 2. No verán, mellor gardar os ovos no frigorífico, do mesmo xeito que os pratos que os conteñan.
  • 3. Se se come carne, peixe ou marisco cru ou pouco cociñado hai máis posibilidades de sufrir unha gastroenterite. Co ovo ocorre o mesmo.
  • 4. Os vexetais hai que limpalos a fondo antes de comelos, especialmente se son para unha ensalada. Tamén a froita hai que lavala con esmero, aínda que sexa para comela pelada.
  • 5. É máis ca recomendable cociñar e requentar os alimentos o suficiente, non abonda con que estean temperados. A calor é a única forma de matar os microbios que puidesen ter.

O dato

/imgs/20060701/img.alimentacion-kiwi.jpg

60…

Son os miligramos diarios de vitamina C que necesitamos. Obtéñense con 2 kiwis, 200 gramos de melón ou 50 gramos de pemento cru.

A debate:

Fibra e estrinximento

O compoñente dos alimentos que máis axuda en aliviar e corrixir o estrinximento é a fibra, pero haina de distintos tipos.

/imgs/20060701/img.alimentacion-fibra.jpg

A fibra soluble, que abunda no salvado de avea, froitas, legumes e froitos secos, absorbe auga e forma un xel. Isto fai que aumente o volume das feces e o seu peso, e, en consecuencia, o movemento intestinal. O efecto desta fibra, aínda que non é inmediato, nótano máis os que padecen estrinximento crónico. Para que sexa máis eficaz, pódese acompañar a dieta con abundante auga.

Tamén hai preparados de fibra insoluble, como o salvado de trigo. Esta fibra ten un efecto laxante maior e os seus resultados nótanse moito máis decontado. Funciona aumentando a velocidade do tránsito intestinal, polo que está moi indicada para o estrinximento ocasional, que a miúdo coincide cun cambio nos hábitos de vida, de alimentación, da auga que se bebe…

Fálase de…

Produtos adelgazantes

/imgs/20060701/img.alimentacion-adelgazar.jpg

No mercado hai centos de produtos -cápsulas, pastillas, ampolas, infusións, barriñas, parches-, que se anuncian como “adelgazantes”.

Diuréticos: aumentan a diurese ou a cantidade de líquido que ouriñamos, polo que se perde peso e volume, pero non graxa. Polo visto a graxa é insoluble en auga e non se elimina pola ouriña. Os diuréticos máis coñecidos son o ortosifón, a pilosela, o mexacán e a xestela.

Laxantes: estimulan o movemento do intestino, aumentan o volume e a fluidez das feces. Noutras palabras, facilítannos a evacuación e podemos notar que pesamos menos, pero a cantidade de graxa do noso organismo é a mesma. O sen, a casca sagrada e a frángula son os máis habituais.

Redutores da absorción de graxa, ou “queima graxas”: a maioría carecen de fundamentos científicos serios que avalen os seus resultados. Son populares a carnitina, o chitosan, a camilina, o fucus, o vinagre de mazá ou o té verde. En España só hai un fármaco aprobado e eficaz que reduce ata un 30% a absorción da graxa dos alimentos consumidos, facendo que esta se elimine coas feces. O principio activo é o orlistat. Véndese en farmacias con receita médica, pois non está exento de contraindicacións e efectos secundarios: incontinencia fecal, flatulencias, gastrite, etc.

Saciantes: son produtos que conteñen fibra e axudan a reducir o apetito. Para notar o seu efecto saciante hanse de tomar antes das comidas e acompañados de abundante auga. Abusar deles non produce máis efecto que o saciante e, en cambio, si pode causar problemas dixestivos, mala absorción de nutrientes ou interacción con fármacos.

O abc da nutrición

/imgs/20060701/img.alimentacion-nutri.jpgTriglicéridos: son un tipo de lípidos ou graxas formados no intestino e no fígado a partir da graxa, do excedente de azucre e do alcohol dos alimentos. O seu exceso no organismo produce trastornos cardiovasculares e aféctalle ao páncreas.

Menú tipo para unha pel sa e bronceada

  • Almorzo
    Licuado de cenoria, mazá e zume de laranxa. Pan integral cunhas pingas de aceite, tomate e xamón do país. Iogur.
  • Xantar
    Pexego e galletas integrais. Té frío ao limón.
  • Comida
    Ensalada de pataca, tomate, cogombro e anchoas.
    Polo ao forno con espinacas e puré de pataca.
    Pan integral. Iogur.
  • Merenda
    Pan integral con queixo. Sandía.
  • Cea
    Gaspacho.
    Tortilla con pisto (cebola, tomate, pemento verde e cabaciña).
    Pan integral. Callada con mel e noces.

O truco: hidratarse axeitadamente é un dos mellores favores que se lle poden facer á nosa pel. Beber abundante auga é un dos mellores xeitos de logralo.