"Lei do canon" / Copia privada / Blog: La Petite Claudine / Vídeo: "Vive lo bastante: protégete" / Hosts

1 Xullo de 2006

"Lei do canon" / Copia privada / Blog: La Petite Claudine / Vídeo: "Vive lo bastante: protégete" / Hosts

A NOVA DO MES

Aprobada a nova “lei do canon”

As asociacións de internautas consideran que non ten sentido que se “xustifique o canon para a copia privada e se legalicen os sistemas anticopia”

Logo de meses de polémicas, o Congreso dos Deputados deulle o visto e prace definitivo á Lei de propiedade intelectual (LPI), que regula o chamado canon dixital, unha cantidade que a Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE) cobra polas copias que os usuarios poidan facer de obras suxeitas a dereitos de autor

O artigo 25 desta lei considera que o canon é un dereito “irrenunciable” dos autores. Aplicarase a calquera soporte susceptible de gravar e reproducir arquivos, o que significa non só CD e DVD virxes, senón tamén reprodutores de MP3, teléfonos móbiles, escáners, impresoras ou lápises de memoria. Deste xeito, todos estes artigos experimentarán incrementos de prezo cando se lles engada o canon.

O texto indica que a contía do canon deberá ser proporcional ao custe final do aparello sobre o que recaia. Así preténdese evitar que a contía do canon sexa maior ca o prezo do propio produto, como ocorre na actualidade.

Copia privada

A nova LPI aclara que a copia privada dunha obra debe ser realizada por unha persoa física para uso privado e a partir do orixinal. Ademais, o texto marca uns límites e excepcións á copia privada no marco das bibliotecas, museos e centros de ensino. O presidente da Asociación de Usuarios de Internet (AUI), Miguel Pérez Subías, rexeitou o texto e afirmou que está cheo de “contradicións”, como o feito de que se “xustifique o canon para a copia privada e se legalicen os sistemas anticopia dos orixinais”.

CADA MES UN BLOG:

La Petite Claudine

A xornalista madrileña especializada en tecnoloxía Marta Peirano comezou hai tres anos a publicar o seu blog “por razóns de coherencia”. “Non era lóxico escribir sobre blogs sen ter un”, explicou en máis dunha entrevista. En “La Petite Claudine” combínanse con harmonía os temas máis variados, aínda que sempre cun alto nivel estético e cultural. La Petite Claudine é un blog onde se poden atopar textos líricos a carón doutros irónicos ou de denuncia, sempre aderezados con imaxes selectas e recomendacións das páxinas máis suxestivas. O blog ideal para tomarlle o pulso á vangarda dixital.

O VÍDEO DO MES

“Vive lo bastante: protégete”

Trátase dunha campaña publicitaria en favor do preservativo como método para previr a sida. A campaña consiste en dous “videoclips” de debuxos animados, e inspiración manga. O primeiro vai dirixido a mozas heterosexuais e gañou o León de Ouro de Cannes en 2005, mentres que o segundo se centra no público homosexual. Ambos os dous están tan cargados de tópicos e de afectación coma de acertos argumentais e comicidade. Dúas receitas de vídeo tenras e, ao mesmo tempo, divertidas, cunha mensaxe esclarecedora: “Se usas o preservativo, por moi desastrosa que sexa a túa vida sexual, vivirás dabondo como para coñecer a quen te amará polo teu espírito e non polo teu corpo”. Un dardo publicitario directo ao corazón dos adolescentes.

O TRUCO DO MES

Hosts: unha solución radical contra os programas maliciosos

Trátase dun truco escondido nas tripas de todos os sistemas operativos e todos os navegadores; unha reliquia dos tempos en que a internet era só para especialistas. Nas profundidades de calquera ordenador conectado á internet existe un ficheiro chamado Hosts, tal cal, sen ningunha extensión.

Hosts foi o primeiro DNS (Domain Name System) que se empregou: un sistema de tradución que converte os nomes de dominio que comprendemos os humanos, como “www.consumer.es”, en enderezos IP (os “números de teléfono” da internet) que as máquinas poidan recoñecer, como 127.123.47.12. Hosts funcionaba ben nun principio, cando os dominios se contaban por centos, e non por millóns. Na actualidade, dada a súa limitada capacidade de traballo, foi substituído polo DNS automático.

Todos os programas que traballan na internet seguen mirando antes este ficheiro ca o DNS automático. Isto significa que aínda pode ser útil para varias tarefas, entre elas localizar aquelas páxinas indesexables que poden supoñer a entrada de virus, programas espía ou programas con publicidade adherida, e prohibirlles a entrada no ordenador.

Na rede atópase un ficheiro gratuíto, preparado para simplificarlle esta tarefa de filtro ao usuario. Contén un ampla listaxe dos dominios nocivos que pululan pola internet e actualízao decote. Cada vez que un programa cun dominio nesta listaxe trate de acceder a Hosts para entrar no sistema, será reenviado á nada.