Seis bebidas "enerxéticas", ó laboratorio

Máis ca enerxéticas, son estimulantes

1 Xuño de 2002

Máis ca enerxéticas, son estimulantes

Analizáronse cinco productos denominados “bebida enerxética” ou “Energy drink”, e un (Guaraná Lamanita) que se define como “bebida refrescante de extractos”. En realidade, a súa achega enerxética é moderada, unhas 45 calorías por cada cen mililitros. A OMS suxire que, pola súa composición e efectos, se denominen “bebidas estimulantes”.

Aseméllanse a calquera refresco con burbullas, xa que comparten como ingredientes básicos a auga carbonatada e o azucre. A súa principal peculiaridade é que as cinco bebidas que se din “enerxéticas” incorporan cafeína e vitaminas e que, nalgúns casos, engaden tamén taurina, inositol, minerais, extracto de guaraná e outros compoñentes. O que máis os caracteriza é a achega de compostos con efectos a nivel metabólico.

A enerxía que proporcionan procede de azucres sinxelos (sacarosa, glicosa ou fructosa), que supoñen entre o 11% e o 12% do seu contido, mentres que o seu contido en graxa e proteína é nulo. Estas porcentaxes sitúanse no intervalo no que a absorción destes azucres é rápida, o que pode resultar beneficioso como fonte enerxética e de líquidos se a súa inxestión se produce durante a práctica de deportes de longa duración. Estas bebidas achegan tamén vitaminas e minerais (electrólitos) en cantidade abonda para que 100 mililitros cubran e nalgúns casos superen a cantidade cotiá recomendada (CDR) dalgunha vitamina, como a B6. Noutras vitaminas (C, B2, niacina…), aínda que menor, a cantidade é moi apreciable.

De tódolos xeitos, o que máis distingue estas bebidas é o seu contido en cafeína, que alcanza ata os 340 mg/litro, e que duplica o de bebidas refrescantes de cola, aínda que resulta equiparable ó dunha cunca de café.

A cafeína estimula o sistema nervioso central e pode aumenta-lo rendemento muscular e incrementa-la utilización dos ácidos graxos como fonte de enerxía aforrando glicóxeno, principal fonte de enerxía durante a práctica do deporte. Isto explica que o Comité Olímpico Internacional defina a cafeína como substancia dopante. A cafeína, ademais, induce sensacións de benestar e alerta.

O guaraná é unha planta que medra en Venezuela e Brasil, e sobre os seus efectos circulan lendas sen aval científico ningún. O seu compoñente esencial é a guaranina, substancia quimicamente idéntica á cafeína. A semente de guaraná contén un 5,8% de cafeína (en termo medio, o café da variedade arábica ten un 1,2% de cafeína). Tamén contén teofilina e teobromina, substancias de efecto excitante semellante ó da cafeína. Estas sementes conteñen tamén fibra vexetal, amidón, auga, resina, pectinas, ácido tánico e saponinas. O carácter graxo da semente do guaraná e substancias coma o ácido tánico ou as saponinas fan que a liberación da guaranina se faga máis a modo cá da cafeína.

Outra substancia dalgunhas destas bebidas é a taurina, un aminoácido esencial condicionado (o noso organismo é capaz de sintetizalo, pero pode atoparse en cantidade insuficiente) que participa no metabolismo das graxas facilitando a absorción, transporte e utilización dos ácidos graxos co fin de obter enerxía. Outras funcións están relacionadas co tecido muscular, polo que a taurina pode ser interesante na práctica dalgúns deportes.

En resumo, estas bebidas poden provocar cambios metabólicos ocasionais que alteran a utilización das reservas de enerxía do noso organismo, aumentando o emprego das graxas e aforrando glicóxeno (forma de almacena-los hidratos de carbono), amais do efecto estimulante da cafeína. Non achegan moita enerxía, pero algúns traballos científicos indican que melloran o rendemento deportivo e aumentan o nivel de alerta dos seus consumidores.

Qué teñen e en qué proporción

As seis conteñen azucres sinxelos arredor do 12%. Red Bull distínguese pola súa elevada achega de sacarosa (8%), mentres que no resto é baixa (entre o 1% e o 2% en Guaraná Lamanita e en Speed Unlimited) ou case nula. Red Bull case non incorpora fructosa mentres que as demais teñen entre un 5% e un 6%. Tamén contén menos glicosa (2,6%) có resto, que teñen arredor do 6%. A absorción de sacarosa no noso organismo é máis rápida cá de glicosa e moito máis cá de fructosa.

No tocante á cafeína, varía desde os 6 mg/l en Guaraná Lamanita ata os 341 mg/l en Red Bull. A segunda proporción máis baixa de cafeína é a B52 (263 mg/l) e séguea Guaraná Natural (300 meg7l). O contido en cafeína por envase destas cinco bebidas é semellante ó dunha cunca de café. O consumidor non debe inxerir despreocupadamente estes productos, especialmente se se trata de persoas con sensibilidade á cafeína ou que sufran problemas de hipertensión ou problemas cardíacos.

Por outra banda, nin Guaraná Lamanita nin Guaraná Natural indican o seu contido en extracto de guaraná, aínda que ámbalas dúas o salientan na súa etiqueta. Pódese pensar que Guaraná Lamanita ten pouco guaraná, polo moi baixo contido en cafeína detectado na análise. Pero en Guaraná -que amais de extracto de guaraná engade cafeína-, ó se-la guaranina e a cafeína quimicamente idénticas, non se pode discrimina-lo extracto de guaraná do contido total de cafeína. A taurina atópase en cantidades importantes en Dynamite (4,6 g/l) e Red Bull (4,0 g/l), e en doses modestas en Speed Unlimited (0,7 g/l) e B52 (0,5 g/l). Guaraná Lamanita e Guaraná Natural non engaden este aminoácido.

Para rematar analizouse o contido en vitaminas. Todas agás Guaraná Lamanita (neste producto non se atopou ningunha vitamina) teñen vitamina B6, desde os 4 mg/l de Speed Unlimited e Guaraná Natural ata os 24-25 mg/l de Dynamite e Red Bull. E ácido pantoténico, desde os 23-24 mg/l de B52 e Red Bull ata os 5-6 mg/l de Dynamite e Guaraná Natural. Pola súa banda, Speed Unlimited e Guaraná Natural presentaron similar proporción de vitamina C (138-139 mg/l), por baixo dos 231 mg/l de B52. A niacina, ou vitamina B3, foi detectada en Red Bull (81 mg/l), B52 (62 mg/l) e Guaraná Natural (34 mg/l). No tocante á riboflavina ou B2 atopouse en Red Bull (6 mg/l), Guaraná Natural (3,2 mg/l) e Dynamite (0,9 mg/l). Apareceron tres vitaminas máis: o ácido fólico (só en B52, con 0,64 mg/l), biotina (só en Speed Unlimited, con 0,32 mg/l) e vitamina B12, só en Red Bull, con 23,9 microgramos/l. Chama a atención a elevada proporción dalgunhas delas: unha lata de Red Bull achega o 100% da cantidade diaria recomendada (CDR) de ácido pantoténico, o 310% de vitamina B6, o 113% de B3, o 94% de B2, e, o máis sorprendente, o 598% de B12. Estas cantidades non resultan prexudiciais, pero non se deben inxerir estas bebidas a xeito de suplementos vitamínicos. Só Guaraná Lamanita inclúe conservantes: sórbico e benzoico, conxuntamente 326 mg/l. Aínda que conxuntamente non supera o contido permitido destes conservantes (400 mg/l), si o supera no de benzoico: ten 289 mg/l e a norma permite ata 150 mg/l.

Etiquetaxe, moitas irregularidades

A inclusión de mencións como “O máis prohibido” (Speed Unlimited) na denominación é de legalidade moi dubidosa. Un producto alimenticio non se debe atribuír na súa etiqueta efectos ou propiedades dos que carece. Pois ben, o que se di en dúas mostras é dificilmente demostrable. Guaraná Natural di “O Guaraná natural procedente do Amazonas é utilizado polos oriúndos da zona polos seus potentes efectos revitalizantes, proporcionándolle enerxía e vigor a quen o toma”, mentres que Red Bull asegura “Con Taurina. Revitaliza corpo e mente”.

Se un ingrediente figura na denominación ou se salienta na etiquetaxe, cómpre sinalalo de xeito cuantitativo. Guaraná Natural e Guaraná Lamanita, polo tanto, deben indica-la súa porcentaxe de extracto de guaraná, pero non o fan. En Guaraná Natural menciónanse os efectos “revitalizantes” do guaraná, o que en calquera caso semella ben difícil se este aparece en doses baixas, como simple aromatizante. E na lista de ingredientes de B52 detectouse un erro, xa que aparece “Acidulante: Taurina”, cando seguramente se refire ó ácido cítrico. En Guaraná Lamanita, por outra banda, o lote e a data de caducidade, polo lugar no que aparecen, non poden comprobarse no momento da compra.

Xa no positivo, todas agás Guaraná Lamanita inclúen información nutricional sobre a cantidade de enerxía, proteína, graxa e hidratos de carbono e vitaminas. E só en Dynamite, de minerais. Red Bull e Dynamite informan “Non recomendada para diabéticos ou persoas sensibles á cafeína” e B52 e Speed Unlimited estenden esta recomendación ós nenos. Guaraná Natural indica que “polo seu alto contido en cafeína, debe tomarse en cantidades limitadas”. E recoméndalles non consumilo ós diabéticos, ós nenos e ás persoas sensibles á cafeína.

As conclusións

O laboratorio comprobou que a cafeína aparece nunha proporción de só 6 mg/l en Guaraná Lamanita, pero a súa achega vai desde 263 mg/l ata 341 mg/l nas outras cinco bebidas. Por outra banda, Dynamite e Red Bull conteñen bastante taurina (4 e 4,6 g/l), mentres que Speed Unlimited e B52 a teñen en cantidade moi inferior (0,7 e 0,5 g/l). Guaraná Lamanita (que non indica cafeína na súa etiqueta) e Guaraná Natural conteñen extracto de guaraná (guaranina, substancia idéntica á cafeína), aínda que non indican a porcentaxe. No tocante ás vitaminas, Guaraná Lamanita é a única que non as engade. As outras cinco bebidas engaden ácido pantoténico e vitamina B6, entre outras vitaminas. Red Bull é a máis rica en vitaminas.

Os resultados da cata foron moi discretos, pois -malia a que moitos dos catadores estaban familiarizados con estas bebidas- ningunha mostra alcanzou os 6,5 puntos e tres (B52, Guaraná Natural e Speed Unlimited) nin sequera chegaron ós 5 puntos. Guaraná Lamanita foi a mellor cualificada globalmente, con 6,1 puntos.

Na etiquetaxe detectáronse irregularidades: Speed Unlimited loce unha denominación (“O máis prohibido”) non conforme á norma, Guaraná Natural atribúese propiedades dificilmente demostrables e ningunha das dúas bebidas a base de guaraná indica a súa porcentaxe, incumprindo a norma.

A máis barata é Guaraná Lamanita, a 0,54 euros (200 ml) cada botella, e a máis cara Guaraná Natural, que sae a 1,21 euros a lata de 250 ml. Dada a peculiaridade destes productos e a súa dispar composición, estimouse improcedente elixir unha mellor relación calidade-prezo.

En síntese e táboa comparativa

En síntese

Analizáronse cinco productos denominados “Bebida enerxética” ou “Energy drink” e un (Guaraná Lamanita) que se declara “bebida refrescante de extractos”.

  • Todas teñen como base auga carbonatada e azucre. As cinco “enerxéticas” engaden cafeína e vitaminas e, nalgúns casos, taurina, inositol, minerais, extracto de guaraná e outros.
  • Achegan pouca enerxía (45 calorías/100 ml), procedente de azucres sinxelos (sacarosa, glicosa ou fructosa). En graxa e proteína o seu contido é nulo. Deberíanse chamar “bebidas estimulantes”.
  • Cafeína: só 6 mg/l en Guaraná Lamanita, pero desde 263 mg/l ata 341 mg/l nas cinco “bebidas enerxéticas”.
  • Dynamite e Red Bull teñen taurina (un aminoácido). Speed Unlimited e B52 tamén, pero moito menos.
  • Guaraná Natural e Guaraná Lamanita presentan extracto de guaraná (contén guaranina, substancia idéntica á cafeína).
  • Vitaminas: Guaraná Lamanita é a única que non as engade. As outras cinco engaden ácido pantoténico e vitamina B6, entre outras. Red Bull é a máis rica en vitaminas.
  • Na cata, tres non alcanzan os 5 puntos. A mellor, Guaraná Lamanita, con 6,1 puntos, é a máis barata: sae a 0,54 euros a botella de 200 mililitros.
  • Irregularidades na etiquetaxe: “Speed Unlimited: o máis prohibido” é unha denominación non conforme á norma. Guaraná Natural e Red Bull atribúense efectos dificilmente demostrables. E ningunha das dúas con guaraná indica a súa porcentaxe.
Guaraná Lamanita Dynamite Red Bull Speed Unlimited GuaranáNatural B52
Prezo (¬ /unidade) 0,54 euros 1,11 euros 1,11 euros 0,97 euros 1,21 euros 0,72 euros
Fructosa (%) 5,4 5,7 0,6 5,0 5,8 5,9
Glicosa (%) 6,1 6,4 2,6 5,5 5,9 6,1
Sacarosa (%) 1,1 0,0 8,0 1,8 0,1 0,2
Azucres totais (%) 12,6 12,1 11,2 12,3 11,8 12,2
Sórbico (mg/L) 37 0 0 0 0 0
Benzoico (mg/L) 289 0 0 0 0 0
Taurina (g/L) 0 4,6 4,0 0,7 0 0,5
Cafeína (mg/L) 6 336 341 322 300 263
Vitamina C (mg/L) 0 0 0 138 139 231
Ácido pantoténico (mg/L) 0 5 24 13 6 23
Vitamina B6 (mg/L) 0 23,6 24,8 4,1 4,0 7,4
Niacina B3 (mg/L) 0 0 81 0 34 62
Riboflavina B2 (mg/L) 0 0,9 6 0 3,2 0
Ácido fólico (mg/L) 0 0 0 0 0 0,64
Biotina (mg/L) 0 0 0 0,32 0 0
Vitamina B12 (m g/L) 0 0 23,9 0 0 0
Cata (1 a 9) 6,1 5,5 5,6 4,2 4,8 4,8

Unha a unha

Unha a unha, as bebidas "enerxéticas"

GUARANÁ LAMANITA

  • Sae a 0,54 euros/unidade (200 ml), en paquete de 6 unidades.
  • Denominación: “Bebida refrescante de extractos. Sen alcohol”. A única con conservantes, sórbico e benzoico, superando o límite permitido para este último. A de menos cafeína (6 mg/l), pero a de máis azucre (12,6%). Con extracto de guaraná. Incumpre a norma de etiquetaxe, pois non indica a proporción deste extracto. O cartón impide ve-lo número de lote e a data de caducidade.
  • Na cata, a mellor, 6,1 puntos: “Suave, sabor a cola, ou doce. Sabor pouco intenso e demasiado gas”.

DYNAMITE

  • Sae a 1,11 euros/unidade (250 ml).
  • Denominación: “Bebida enerxética con taurina, cafeína, vitaminas e sales minerais”. A de máis taurina (4,6 g/l), e a segunda con máis cafeína (336 mg/l). Engade (pouco: 5 mg/l) ácido pantoténico e vitamina B6 (a segunda que máis: 23,6 mg/l).
  • Na cata, 5,5 puntos: “Refrescante, doce e sabor intenso. Bo arrecendo e efervescencia. Sabor forte e a xarope”.

RED BULL

  • Sae a 1,11 euros/unidade (250 ml).
  • Denominación: “Bebida enerxética con taurina”. Contido en azucres diferente do resto: máis sacarosa e menos glicosa e fructosa. A de máis cafeína (341 mg/l). Vitaminas: a de máis diversidade e cantidade total. Única con vitamina B12.
  • Na cata, 5,6 puntos: “Bo sabor residual. Mal en cor e cheiro, e demasiado gas”.

B52

  • Sae a 0,72 euros/unidade (250 ml). Barata.
  • Denominación: “Energy Drink”. A de menos taurina (0,5 g/l) entre as que o engaden. E a de menos cafeína entre as bebidas “enerxéticas” (263 mg/l). Engade vitamina C (a que máis: 231 mg/l), ácido pantoténico, B6, B3 e ácido fólico (é a única que o engade). Lista de ingredientes cun erro (“Acidulante: taurina”).
  • Na cata, 4,8 puntos, unha das peores. “Sabor a medicina e amargo-ácido. Cheira mal”.

GUARANÁ NATURAL

  • 1,21 euros/unidade (250 ml). A máis cara.
  • Denominación: “Bebida enerxética”. Sen taurina, pero con cafeína e extracto de guaraná. Etiquetaxe esaxerada: di posuír propiedades revitalizantes. Non indica cantidade de extracto de guaraná, incumprindo a norma. Engade vitamina C, ácido pantoténico, vitamina B6 (a que menos), B3 e B2.
  • Na cata, unha das peores, con 4,8 puntos: “Refrescante, pero excesivamente ácida. Demasiado gas”.

SPEED UNLIMITED

  • Sae a 0,97 euros/unidade (250 ml).
  • Denominación: “Bebida enerxética”. Denominación (“o máis prohibido”) incorrecta. Engade vitamina C (a que menos das que o fan), ácido pantoténico, vitamina B6 e biotina.
  • Na cata, a peor: 4,2 sobre 9 puntos: “Ácido, agre, amargo. Pouco sabor”.